San Galo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
San Galo
St. Gallen
Saint-Gall
San Gallo
Son Gagl
Coa stgallen.svg
Sankt Gallen.jpg
Localización
Karte Gemeinde St. Gallen 2007.png
País Suíza Suíza 
Cantón Wappen St. Gallen matt.svg San Galo
Distrito San Galo
Xeografía
Altitude 675 msnm
Superficie 39,41 km²
Demografía
Poboación 72 642
Densidade 1 843
Outros datos
Código postal 9000
Alcalde Thomas Scheitlin (FDP)

San Galo ou San Gall (De-StGallen.ogg Sankt Gallen en alemán, Saint-Gall en francés, San Gallo en italiano e Sogn Gagl en romanche) é unha cidade suíza, capital do distrito e do cantón de San Galo. Segundo datos do 2010 conta con 72.642 habitantes, o que a converte na sétima cidade do país.

A cidade é o centro económico e cultural da rexión leste de Suíza. A abadía de San Galo é a maior atracción turística da cidade e está inscrita na lista do Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Xeografía[editar | editar a fonte]

San Galo está situada na rexión nordeste de Suíza, nun val a aproximadamente 700 metros sobre o nivel do mar, o que fai que sexa unha das cidades de maior altura do país e que reciba unha grande cantidade de neve no inverno. O lugar está situado entre o lago de Constanza e os Alpes appenzellenses.

Os límites da cidade son: ao norte coas comunas de Gaiserwald, Wittenbach e Mörschwil, ao leste con Untereggen, Eggersriet e Speicher (AR), ao sur con Teufen (AR), Stein (AR) e Herisau (AR), e ao oeste con Gossau. Ademais, a cidade atópase dividida administrativamente en barrios e localidades: Bruggen, Hafnersberg, Heiligkreuz, Kräzern, Krontal, Lachen, Notkersegg, Riet, Rotmonten, Sankt Fiden, Sankt Georgen, Sittertal e Winkeln.

O centro da cidade está construído sobre un terreo inestable, os edificios do fondo do val atópanse construídos sobre pilotes. Un claro exemplo é a estación de trens e a praza adxacente.

Historia[editar | editar a fonte]

O comezo da urbanización da cidade débese ao monxe irlandés Gallus (ou Galo: *550; ?640), quen chegou como estudante do misioneiro Columbano de Lexehuil á zona do que hoxe é Suíza, para converter os alamáns ao cristianismo. Sobre o 720 o sacerdote alamán Othmar construíu unha abadía e deulle o nome de Abadía de St. Gallen. No 926, xinetes húngaros atacaron a vila e maila abadía e en 954 foi rodeada dunha muralla para protexela dos sarracenos.

Durante a Idade Media formou parte do Sacro Imperio Romano Xermánico, chegando a ser unha Cidade Imperial Libre (título que o emperador concedía a algunhas vilas polo cal el gobernaba directamente sobre elas sen a mediación de ningún príncipe) en 1311. Máis tarde os gremios gañaron o control do goberno civil, ata que lle mercaron a liberdade ao emperador xermánico Sexismundo de Luxemburgo, entrando a formar parte da Antiga Confederación Suíza en 1412.

En 1526 o humanista Joachim Vadian introduciu as ideas da Reforma protestante en St. Gallen. Deste xeito, a cidade converteuse á nova relixión, mentres que a abadía permaneceu fiel á fe católica ata 1803, no marco da desaparición da República Helvética creada cinco anos antes por Napoleón ao invadir a Antiga Confedración Suíza e sancionar a fin do Antigo Réxime. O feito supuxo a creación do cantón protestante de San Galo, do que a vila foi nomeada capital, e a deportación dos monxes católicos da abadía.

San Galo foi dende o século XV un importante centro da industria téxtil, acadando o seu clímax a principios do século XVIII. A partir de mediados do mesmo século iniciouse unha depresión na produción como consecuencia da competencia estranxeira, recuperándose novamente no XIX e principios do XX. Hoxe en día, só sobrevive unha pequena industria debido á alta especialización e á produción maioritariamente mecánica, mais de recoñecida calidade.

Transporte[editar | editar a fonte]

A cidade conta cun denso sistema de transporte urbano, operado pola VBSG (Verkehrs Betriebe-Sankt Gallen). Ademais existe unha ampla rede de autobuses postais (Postauto) que conectan á cidade coa área de Appenzell. A cidade conta tamén cun sistema de trens rexionais (S-Bahn).

A estación de trens de San Galo ten unha excelente conexión coa rede de Ferrocarrís Federales Suizos. Os trens InterCity que conectan a cidade con Zúric saen cada media hora. A cidade é tamén sé dalgunhas empresas ferroviarias privadas como a Südostbahn (SOB) que conecta San Galo con Lucerna, as ferrovías de Appenzell (Appenzeller Bahnen) que a unen con Appenzell e a Trogenerbahn que a unen con Trogen.

San Galo conta co seu propio aeroporto, o aeroporto de St. Gallen-Altenrhein, que non é de gran talla e non recibe grandes voos comerciais. Atópase preto do lago de Constanza e recibe voos desde Viena e algúns outros destinos.

A cidade está conectada á Autoestrada A1 que a conectan con Sankt Margrethen, Zúric, Berna e Xenebra.

Cultura[editar | editar a fonte]

O interior da abadía de San Galo constitúe un dos máis importantes monumentos barrocos de Suíza.

A Universidade de San Galo (en alemán, Universität St. Gallen (Hochschule für Wirtschafts-, Rechts- und Sozialwissenschaften HSG)), creada en 1898, ofrece formacións en ciencias económicas e sociais e en dereito. Considerada como unha das mellores universidades de lingua alemá, ademais de ser recoñecida a nivel mundial pola súa formación en ciencias económicas.

De acordo con datos do ano 2000 o 44% dos habitantes de San Galo son católicos e un 27% son protestantes, mentres que un 10% non practica ningunha relixión.

A abadía de San Galo é o emblema da cidade. Declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1983, ao considerala un perfecto exemplo dos mosteiros carolinxios, data do século VIII. A súa biblioteca, unha das máis ricas do mundo en libros medievais, contén obras do século IX.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]