Romaría de San Fins do Castro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "San Fins do Castro")

Coordenadas: 43°12′21″N 8°55′22″O / 43.20583, -8.92278

Romaría de San Fins do Castro
Traseira capelaSF.JPG
Capela de San Fins, vista dende a fonte rodeada polos bidueiros en inverno.
Datos da festa
Nome oficial San Fins do Castro
Conmemoración 1 de agosto
Tipo Relixiosa e pagá
Celebrada por: Concello de Cabana
Lugar San Fins
Provincia A Coruña
Concello Cabana de Bergantiños
Parroquia Cesullas
Organizador Concello e parroco de Cesullas
Comisión da festa Organizada polo parroco de Cesullas
Costumes despois da misa procedese o chamado Berro seco e a queima do Santo da povora.
Siguiente Os Milagros
Recoñecementos Festas de interese turístico de Galicia (2008)
Páxina web San Fins do Castro na páxina do concello


A Romaría de San Fins do Castro celébrase na ermida de San Fins, todos os primeiros de agosto. Esta está situada no lugar de San Fins, parroquia de Cesullas, no concello de Cabana de Bergantiños preto da capital do concello (A Carballa). Esta romaría é a máis popular da bisbarra, ademais dunha das máis populares de Bergantiños e da Costa da Morte xunto coas da Barca de Muxía, Os milagres de Caión e Santo Hadrián de Malpica.

Ademais, San Fins é o patrón do concello de Cabana de Bergantiños.

Os milagres[editar | editar a fonte]

Este San Fins do Castro é un santo presuntamente moi milagreiro, especialmente avogoso para as espullas, e ten moito predicamento entre os veciños da comarca e dos arredores. Segundo a tradición devense mollar as espullas na auga da fonte, fonte que se encontra á esquerda da capela, secalas nun pano que se deixa secar as beiras da fonte; e tras escoitar unha das misas que se celebran durante toda a mañá, e unha vez enxoito o pano segundo as crenzas populares, as espullas desaparecen. Tamén ten outras propiedades como a cura da pulmoeira do ubre das vacas [1].

A festa[editar | editar a fonte]

Esta é unha festa de grande importancia en Cabana de Bergantiños pola gran mobilización popular, as manifestacións culturais e a mestura entre o relixioso e o profano. A imaxe do santo atópase na igresía de Cesullas durante todo o ano agás na semana da festa en que se leva en procesión até a capela de San Fins, que dista ao redor de medio quilómetro desta. A esta romaría acoden romeiros de toda a comarca coas súas merendas, que antigamente se celebraban ó redor da capela de San Fins, baixo da sombra dos bidueiros que os protexía do sol (a meirande parte da xente comía sentada no chan). Hoxe, tirantes unhas mesas que se colocan no campo da festa, a xente prefire comer nos campos e montes dos arredores pola súa comodidade e máis para fuxir do espazo ocupado polos mozos cando se dedican a tirarse viño os uns aos outros, rito que se puxo de moda contra finais da década de 1980. Hoxe en día póñense unhas cintas e máis unhas cancelas de metal para limitar o espazo dedicado ao viño para que non saian do espazo que teñen, para así non ter problemas por manchar as persoas alleas ao rito do viño.

Un pouco de historia[editar | editar a fonte]

Placa homenaxe na capela de San Fins ao cura Saturnino Cuiñas Lois.

A romaría foi promocionada polo antigo párroco da parroquia don Saturnino Cuíñas Lois, que estivo de crego ata a súa morte. Durante 47 anos este cura adicouse a recoller o folclore da zona e creou o chamado Berro Seco que, segundo el, procedía do berro que empregaban os canteiros para facer forza á unha cando levantaban as pedras. Este berro consiste en que a xente se agache, e mentres se levanta berrar: oooooooooooh!, feito que se realiza tres veces seguidas despois da procesión que se fai en honra aos santos da parroquia e antes de que as orquestras procedan a tocar os bailes da misa. Este berro, debido as controversias entre os mozos e o crego polo feito do viño, estase a facer, estes últimos anos, dúas veces: unha que fai o crego desde un lugar achado ao lado do palco da música e outro que fan os mozos desde enriba do palco unha vez que o fixo o crego. É este un dos feitos máis característicos da romaría, ademais da queima do Santo da Pólvora.

Desde o ano 2008 esta declarada como unha das Festas de interese turístico de Galicia .

Lenda verbo da denominación[editar | editar a fonte]

Conforme á lenda, San Fins do Castro denominábase O Castro de San Fins pero cambiou o nome porque, encontrándose un mozo da parroquia no lugar de San Fins, caeu unha grande choiva que o anegou todo e o mozo tivo que subirse ao tellado da capela para poder salvarse, prometendo neste intre que si se salvaba faría unha nova capela coa cara principal mirando cara o nacente,[2] xurdindo así o novo emprazamento da capela e o novo nome co que se coñece hoxe en día.

Santo da Pólvora[editar | editar a fonte]

A queima do Santo da pólvora é un dos momentos máis agardados polos romeiros que acoden a esta romaría. Consiste na queima dunha falla que ten por motivos unhas figuras animadas que representan diferentes oficios, nuns casos a un afiador e maila súa dona que, despois de xirar perante un cacho mentres afían unha machada entre estoupidos de foguetes, que son os que fan que xiren, acaban estoupando; outro ano a figura consiste nunha parella de ferreiros que tamén despois de face-los xiros acaban estoupando, e outro ano as figuras son duns canteiros que como nos casos anteriores tamén acaban estoupando.

Cancioneiro popular[editar | editar a fonte]

Meu Santo San Fíns do Castro,
¿que lle dás os teus romeiros?
auga da túa fontiña
sombra dos teus bidueiros.
Romaría de San Fins
dendes da Cruña a Fisterra
pasando por Bergantiños
non hai romaxe como ela.
Fragmento Himno de San Fíns do Castro

Notas[editar | editar a fonte]

  1. X. Manuel Varela Varela: Saturnino Cuiñas Lois.
  2. Gran Enciclopedia Galega, VI, px. 157 ISBN 84-7286-041-8.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]