Salares de Makgadikgadi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 20°48′S 25°20′L / -20.800, -25.333

Imaxe satélite da rexión, cos salares á dereita do delta do Okavango.

Os salares de Makgadikgadi atópanse na sabana seca do nordés de Botswana, ó sur de África. Son un dos maiores do mundo, sendo os restos do outrora enorme lago Makgadikgadi. No pasado, este cubriu unha área maior que Suíza, mais secou hai miles de anos. Forman parte do deserto do Kalahari.

Localización e descrición[editar | editar a fonte]

Mapa

Lindando ó sueste co delta do Okavango e rodeado polo deserto de Kalahari, Makgadikgadi non é, tecnicamente, un único salar, senón moitas concas con area do deserto no medio, sendo os maiores Sua (Sowa), Ntwetwe e Nxai Pans.

O salar individual máis grande ten uns 4.900 km². En comparación, o salar de Uyuni, en Bolivia, é un salar dun só piso duns 10.600 km², de cando en cando ten moita auga, e xeralmente menciónase como o máis grande do mundo. Aínda que son unha costra de lama salgada seca a maior parte do ano, os leitos están estacionalmente cubertos con auga e pasto, e son entón un refuxio para as aves e os animais nesta zona tan árida do mundo. O clima é cálido e seco, pero con choivas anuais regulares.

A principal fonte de auga é o río Nata, chamado en Cimbabue Amanzanyama, onde nace en Sandown, a uns 60 km de Bulawayo. Dende o delta do Okavango, a través do río Boteti, tamén lles chega unha cantidade de auga menor.

Estes salares cobren 16.000 km² na conca do Kalahari e forman o leito do antigo lago Makgadikgadi, que se evaporou hai moitos milenios. As escavacións arqueolóxicas en Makgadikgadi revelaron a presenza do home prehistórico, manifestada con abondosos achados de ferramentas de pedra; algunhas destas ferramentas foron datadas en tempos moi antigos, antes da era do Homo sapiens.[1] Os pastores conducían os seus rabaños aquí cando antes a auga era moito máis abundante, no Holoceno.[2]

O lugar máis baixo da conca é o salar de Sua, cunha elevación de 890 m.[3]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. C. Michael Hogan (2008) Makgadikgadi, The Megalithic Portal, ed. A. Burnham [1]
  2. Chris McIntyre (2008) Botswana: Okavango Delta, Chobe, Northern Kalahari, Bradt publishers, 502 pages ISBN 1-84162-166-8
  3. Helgren, David M. (1984) "Historical Geomorphology and Geoarchaeology in the Southwestern Makgadikgadi Basin, Botswana" Annals of the Association of American Geographers 74(2): pp. 298-307, pag. 299.