Saab 35 Draken

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saab 35 Draken
Un Saab 35 Draken da Forza Aérea Austríaca cun deseño de pintura especial visto dende abaixo.
FabricanteSaab
Primeiro voo25 de outubro de 1955
Introducido8 de marzo de 1960
Retirado2005 (Austria)
Estadoretirado
Principais usuariosForza Aérea de Suecia
Forza Aérea de Austria
Forza Aérea de Finlandia
Forza Aérea de Dinamarca
Produción1955-1974
Unidades construídas651[1]
VariantesSaab 210

O Saab 35 Draken ("the kite" ou "o dragón") foi un caza sueco desenvolvido e fabricado por Saab entre 1955 e 1974. Foi o primeiro avión completamente supersónico desenvolvido en Europa Occidental.

O Draken foi desenvolvido durante os anos 40 e 50 para substituír a primeira xeración de cazas a reacción suecos, o Saab J 29 Tunnan e, posteriormente, a versión de caza do Saab 32 Lansen, o J 32B. Contaba cunha innovadora á en dobre delta; co obxectivo de probar esta característica aerodinámica inexplorada anteriormente, produciuse e voouse nun avión de proba a escala reducida, o Saab 210. Desenvolvido en Suecia, o Draken foi introducido ao servizo coa Forza Aérea de Suecia o 8 de marzo de 1960. Os primeiros modelos crearonse coa única intención de desenvolver misións de defensa aérea e considerouse un caza moi capaz na súa época.

O Draken funcionou como un efectivo caza supersónico durante a guerra fría. No servizo sueco pasou por distintas actualizacións, sendo a última delas o modelo J 35J. Nos anos 80 os Draken de Suecia foron case todos substituídos polo caza máis avanzado Saab 37 Viggen, mentres se agardaba que o máis moderno Saab JAS 39 Gripen entrase en servizo na década seguinte, aínda que se atrasou. Como consecuencia de recortes e altos gastos de mantemento, Suecia optou por retirar o Draken en decembro de 1999. O modelo foi tamén exportado a Austria, Dinamarca, Finlandia e os Estados Unidos, que o operou como avión de adestramento para pilotos de proba.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Cando se iniciou a era dos reactores, Suecia previu que podería haber unha gran necesidade para un caza que puidese interceptar bombardeiros a grande altitude e tamén atacar a outros cazas. Durante o mes de setembro de 1939 a Forza Aérea Sueca, a través da Administración de Materiais da Defensa Sueca, publicou o requirimento para un interceptor vangardista que foi concibido para ser capaz de atacar bombardeiros hostís a velocidade transónica.[2][3] No momento de ser publicado o requirimento especificaba unha velocidade máxima de Mach 1,4 a 1,5; porén, durante 1956, a velocidade revisouse e ampliouse ata Mach 1,7-1,8.[2]

Outras necesidades especificadas eran que tiña que ser voado por un único piloto, debía ser capaz de realizar operacións de combate baixo todo tipo de condicións meteorolóxicas ou pola noite, e con capacidade para operar dende pistas relativamente austeras cargando todo o equipo preciso para interceptar bombardeiros modernos.[2] Aínda que outros interceptores, como o F-104 Starfighter da USAF, estaban sendo concibidos durante o mesmo período, o novo caza debería asumir un rol único para Suecia. Requeríase especificamente a habilidade para operar dende estradas públicas reforzadas, que eran usadas como parte de bases aéreas en tempo de guerra. O avión tamén necesitaría ser recargado e rearmado en non máis de dez minutos por soldados cun adestramento mínimo.[3]

En resposta ao requirimento, o fabricante sueco SAAB comezou a traballar na produción dun aparello que cumprise o rol asignado.[2] Estudos preliminares atoparan que a meirande parte dos problemas críticos que apareceron para cumprir os requisitos podían solucionarse a través da adopción dunha configuración de á delta. Porén, isto suscitou novas dificultades, de xeito que para obter unha posición aerodinámica desexable, a parte dianteira da fuselaxe debería extenderse e, como consecuencia, o avión volveríase demasiado pesado.[2] A solución óptima a este enigma descubríuse na forma dunha á en dobre delta. Porén, esta configuración de á non estaba o suficientemente explorada e polo tanto o equipo de deseño de SAAB no proxecto, un grupo de máis de 500 técnicos liderado polo enxeñeiro Erik Bratt, optaron por deseñar e construír un reactor máis pequeno coa intención de explorar o comportamento desta revolucionaria nova á.[2]

O resultado foi o único avión de probas a tamaño reducido fabricado en Suecia, o Saab 210, que foi alcumado de xeito non oficial "Lilldraken" (pequeno dragón). O Saab 210 realizou o seu primeiro voo o 21 de xaneiro de 1952.[4] Os exitosos resultados conseguidos nos voos de proba do Lilldraken deron lugar a un pedido de tres prototipos do Draken.[5] 25 de outubro de 1955 o primeiro deles, que non estaba equipado con postcombustión, realizou o seu voo de estrea.[2][6] Os prototipos realizaron un pouco común e intenso programa de probas para definir e probar o excepcional rango de velocidades e complicados sistemas do modelo.[2] O segundo prototipo, xa equipado con postcombustión, rompeu involuntariamente a barreira do son durante o seu primeiro voo mentres trepaba.[1]

Durante o ano 1956 foi pedida para ser producida en certo número a primeira versión operacional do Draken, designada como J 35A.[2] Durante o mes de febreiro de 1958 o primeiro aparello de produción realizou o seu primeiro voo.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Erichs et al. 1987
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "SAAB - Sweden's Advanced Combat Aircraft". Flight International: 1017. 30 de decembro de 1960. 
  3. 3,0 3,1 Andersson 1989, p. 125.
  4. Andersson 1989, p. 127
  5. Andersson 1989, p. 126
  6. Andersson 1989, p. 128
  7. "SAAB - Sweden's Advanced Combat Aircraft". Flight International: 1017–1018. 30 de decembro de 1960. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]