Nomisma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sólido bizantino»)
Nomisma de Miguel V

O nomisma (en grego: νόμισμα) foi unha moeda de ouro, herdeira do sólido do Imperio Romano, que caracterizou o sistema monetario de ouro do Imperio Bizantino ata a reforma monetaria de Aleixo I Comneno en 1092.[1][2][3]

O seu nome é a orixe da palabra actual "numismática".[4]

Iconografía[editar | editar a fonte]

Detalle dun nomisma de Romano IV (1067-1071), con Miguel VII en pé de fronte, sostendo lábaro e akakia, flanqueado por Constancio e Andrónico, que sosteñen orbe e akakia.

As primeiras moedas bizantinas continuaban a tradición do final do Imperio Romano, coa efixie do emperador no anverso (aínda que agora de fronte, e xa non de perfil) e, no reverso, xeralmente un símbolo cristián (como a cruz ou un anxo) ou unha alegoría da Vitoria. No entanto, as moedas de ouro de Xustiniano II abandonaron este estándar ao amosar unha efixie de Xesús no anverso e un retrato do emperador no reverso. Estas innovacións acabaron por provocar que o califa Abd al-Malik, que xa viña copiando o sistema e o estilo bizantino nas súas moedas, cambiase os símbolos cristiáns por outros de orientación islámica, unicamente con lendas en ambas as faces. Ese estilo de Xustiniano II foi utilizado novamente logo da controversia iconoclasta e, con variacións, permaneceu sendo a norma ata a fin do imperio.[5]

Historia[editar | editar a fonte]

Orixe e desenvolvemento (séculos V a X)[editar | editar a fonte]

O inicio da numismática bizantina sitúase na reforma monetaria do emperador Anastasio I Dicoro en 498, que modificou o sistema monetario do final do imperio romano, baseado no sólido en ouro e o follis ou numus en bronce. Aquel sólido, chamado agora "nomisma", constituíuse no padrón para o comercio internacional ata o século XI, cando sucumbiu a unha progresiva desvalorización, que comezou en 1030, baixo o imperio de Romano III (1028-1034). Ata esa época, a lei e o peso da moeda permaneceran constantes.[6]

Desvalorización: tetarteron nomisma e histamenon nomisma (séculos X a XI)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Tetarteron.
Artigo principal: Histamenon.
Histamenon nomisma de Nicéforo II
Anverso dun tetarteron nomisma de Miguel VII, no que se pode apreciar a súa forma cóncava ("scyphate")

A primeira reforma monetaria que afectou o nomisma tivo lugar baixo Nicéforo II (963-969): o peso destas pezas pasou de 4,5 a 4,13 gramos de ouro, e o seu módulo baixou de 20 a 18,5 milímetros. Estes novos nomismas rebaixados recibían a denominación de tetarteron nomisma e, consecuentemente, os orixinais nomismas de 4,5 gramos deron en coñecerse como histamenon nomisma. Ademais da variación do nome, os novos nomismas desvalorizados batíanse en discos lixeiramente cóncavos ("scyphate"), para facilitar a súa diferenciación. Os motivos da reforma monetaria de Nicéforo II son moi debatidos: poida que se trate de potenciar un comercio máis áxil co mundo árabe, tendo en conta que o dinar tiña unha métrica máis próxima á do novo tetarteron nomisma. En calquera caso, o rebaixamento do seu valor facía do nomisma unha moeda máis doadamente cambiable.[7][8]

Nomisma de Isaac II de aspecto abrancazado, case sen presenza de ouro

O valor do nomisma vai ser constante desde ese momento ata o imperio de Constantino IX (1042-1055). Durante este reinado, a lei do histamenon pasou do 93 % ao 81 %, e a do tetarteron do 93 % ao 72 %, o que corresponde a unha desvalorización do 1 % por ano durante este reinado. A razón é aínda debatida. Segundo o cronista da época Miguel Pselo, a orixe da desvalorización sería a mala xestión da tesouraría imperial por parte de Constantino IX. No entanto, segundo historiadores contemporáneos, trataríase dunha desvalorización de expansión: aumentar a masa monetaria para atender as necesidades do Estado.

Un segundo episodio da forte depreciación tivo lugar no tempo de Romano IV Dióxenes (1067-1071) e Nicéforo III (1078-1081), cando estas pezas pasaron a conter tan pouco ouro que amosan unha cor branca.[9] Pero esta vez é unha desvalorización imposta por un contexto díficil: unha gran parte de Asia Menor estaba perdida, a pillaxe dos Turcos e dos Normandos levaron a que os Bizantinos soterrasen os seus tesouros, mentres que o Estado debía conseguir o suficiente para pagar mercenarios e tributos. Como testemuña o cronista Nicéforo Brienio, as arcas do Estado estaban baleiras e de aí a necesidade de reducir a porcentaxe de ouro nas moedas, para tirar vantaxe da cuñaxe.[10]

Reforma de Aleixo I: fin do nomisma[editar | editar a fonte]

Despois de 1092 redeseñouse por completo o sistema monetario bizantino e o nomisma foi substituído por unha nova moeda de ouro, o hyperpyron (4,48 gramos).[11][12][13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Nomisma Arquivado 22 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". En Digalego. Dicionario de galego.
  2. Alfaro Asins, C. et al. "Nomisma (2)". En Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7 (en castelán)
  3. "Nomisma". En Forum ancient coins (en inglés)
  4. "Numismatics". En Online Etymology Dictionary (en inglés)
  5. "Byzantine Coinage: Imagery". En Ancient History Encyclopedia (en inglés)
  6. Cartwright, M. "La reforma monetaria de Anastasio: el nacimiento de las monedas bizantina". En Monedas antiguas (en castelán)
  7. "Nomisma" e "Histamenon nomisma". En Tipos de monedas bizantinas (en castelán)
  8. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Nomisma histamenon" e "Nomisma tetarteron".
  9. Grierson (1999). Páxina 10.
  10. Faci, Javier. "A propósito del feudalismo bizantino en los siglos X y XI". En Hidalgo de la Vega, M. J. (ed.). La Historia en el contexto de las ciencias humanas y sociales. Universidad de Salamanca, 1989. ISBN 84-7481-542-8. Páxina 200
  11. Grierson (1999). Páxina 11.
  12. Kazhdan (1991). Páxina 964.
  13. Nobes, A. "The Economic and Monetary Policy of the Byzantine Empire under Alexios I Komnenos". En Rosetta 11:56-71. 2012 (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]