Síndrome da muller branca desaparecida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A síndrome da muller branca desaparecida (Missing White Woman Syndrome, MWWS, en inglés) é unha teoría sociolóxico-xornalística orixinada nos Estados Unidos de América que se refire á atención desproporcionada que se lles dá nos medios de comunicación (principalmente televisión, radio e xornais) aos casos de persoas desaparecidas cando estas son mulleres novas ou cativos, de clase media ou media-alta, e de raza branca, en comparación con casos de desaparicións de homes, así coma mulleres doutras clases sociais ou razas.[1]

Segundo o Ministerio do Interior de España, entre 2007 e 2011 foron recibidas 72.018 denuncias na Policía Nacional por desaparición[2]. Porén, só unha mínima porcentaxe destas recibe cobertura por parte dos medios. Segundo varios expertos, coma o xornalista Francisco Canals Carreras, á audiencia interésanlle máis os sucesos relacionados con mulleres de menos de 40 anos, atractivas, e de clase media-alta, e iso fai que os medios lle presten máis atención a estes casos, nun fenómeno que se coñece coma Teoría da Agenda Setting.[3]

En Galicia, diversas desaparicións foron sometidas a unha gran cobertura dos medios de comunicación. Entre elas, destaca a desaparición e asasinato de Asunta Basterra, cuxo corpo sen vida foi encontrado nunha pista forestal no concello de Teo ao día seguinte de desaparecer, o 22 de setembro de 2013. Outro exemplo significativo deste fenómeno xornalístico é o caso da desaparición de Iván Durán Valverde, de 30 anos, ao que se lle perdeu a pista en Baiona o 25 de agosto de 2016. A dita desaparición pasou practicamente inadvertida nos medios, mentres que a desaparición de Diana Quer, que se producira só 5 días antes, recibira unha sobreatención por parte dos mesmos medios[4].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Por qué tanta atención al caso de Diana Quer: el Síndrome de la mujer blanca desaparecida.". El Confidencial Digital. Consultado o 24 de setembro de 2016. 
  2. Ortega, Rodrigo (21 de novembro de 2012). "34 personas desaparecen cada día en España". La Razón. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2016. Consultado o 24 de setembro de 2016. 
  3. Canals Carreras, Francisco. "Síndrome de la Mujer Blanca Desaparecida.". Consultado o 24 de setembro de 2016. 
  4. EFE. "La familia del desaparecido de Baiona pide los mismos medios para su búsqueda que Diana Quer". La Vanguardia. Consultado o 24 de setembro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]