Artrose

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Síndrome artrósica»)
Imaxe radiográfica dunha artrose de xeonllo. Pódese observar o desgaste articular.

A artrose ou osteoartrose (na literatura anglosaxoa, osteoartrite), é a doenza articular e reumática máis prevalente, sobre todo en persoas de idade avanzada. É unha enfermidade de causa descoñecida e que se dá pola alteración mecánica das propiedades da cartilaxe e do óso subcondral, provocando o deterioramento e desgaste das articulacións. Preséntase de xeito prematuro en persoas con enfermidades xenéticas que afectan ao tecido conectivo, como a síndrome de Ehlers-Danlos e a síndrome de hiperlaxitude articular.[1]

Epidemioloxía[editar | editar a fonte]

Distribución mundial da artrose.
Os nódulos de Bouchard e nódulos de Heberden son un dos síntomas da artrose de man.

Factores de risco[editar | editar a fonte]

Factores de risco sistémicos[editar | editar a fonte]

  • Idade: A incidencia da artrose aumenta considerabelmente coa senectude. Así, en tanto que a artrose de xeonllo é infrecuente antes dos 30 anos, aumenta até o 30% en persoas de máis de 75 anos.
  • Sexo: As mulleres teñen máis probabilidades de padecer artrose que os homes.
  • Etnia: A artrose é menos habitual en raza negra e asiática que na caucásica.
  • Densidade ósea e status hormonal: Existe unha relación inversa entre a artrose e a osteoporose.
  • Xenética: A síndrome de Ehlers-Danlos ou a síndrome de hiperlaxitude articular son factores de risco importantes de artrose. Na artrose de mans, os chamados nódulos de Heberden e Bouchard teñen unha herdanza autosómica dominante en mulleres e autosómica recesiva en homes. Deficiencias noutros xenes coma o COL2A1 comportan doenzas coma a poliartrose primaria ou certas condrodisplasias. Outros xenes que interveñen no desenvolvemento da artrose son o xene CTRL (cartilag link protein) e o IGF-1.

Factores biomecánicos locais[editar | editar a fonte]

  • Obesidade: A obesidade tense asociada á artrose de xeonllo.
  • Debilidade muscular: A debilidade do músculo cuadríceps é un importante factor de risco para o desenvolvemento da artrose de xeonllo.
  • Traumatismos e estrés reiterativo.
  • Doenza inflamatoria articular previa.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Idiopática[editar | editar a fonte]

A artrose idiopática é aquela da que non se coñece a súa causa. Son a maioría das artroses. Á súa vez, podemos clasificalas en localizadas ou xerais:

  • Localizada

Pode afectar ás mans, aos pés, ao xeonllo, ao cadril, á columna vertebral, e tamén a outras articulacións atípicas.

  • Xeneralizada

Son as artroses que afectan a tres ou máis articulacións.

Secundarias a outras doenzas[editar | editar a fonte]

Neste caso, existe unha doenza subxacente que, como consecuencia, provoca no organismo desgaste articular, dando lugar a unha artrose secundaria. Poden dar lugar a artrose as lesións postraumáticas, as alteracións conxénitas e do desenvolvemento, o depósito de cristais de calcio, a enfermidade de Paget ou a acromegalia.

Síntomas[editar | editar a fonte]

O principal síntoma da artrose é a dor articular, localizada na parte do corpo onde se atope a articulación afectada. Trátase dunha dor de tipo mecánica que cede ao repouso e empeora ao facer exercicio físico. En artroses evolucionadas pode dar lugar a dor nocturna e dor en repouso. Cursa tamén cunha sensación de crepitación, coma se se escoitase estalar a articulación. Outro dos síntomas é a limitación do movemento, que pode chegar ao punto de non permitir realizar accións cotiás como subir os chanzos dunha escaleira ou agacharse ao chan. Nos dedos das mans poden aparecer pequenos nódulos, chamados nódulos de Heberden e Bouchard.

Anatomía Patolóxica[editar | editar a fonte]

Imaxe anatomopatolóxica dunha artrite de xeonllo.

Na fase inicial[editar | editar a fonte]

  • Hiperhidratación da matriz cartilaxinosa.
  • Fibrilación superficial articular.
  • Perda da pseudoaletoriedade da disposición do coláxeno.
  • Proliferación de condrocitos fugaces.

Na artrose xa establecida[editar | editar a fonte]

Nas fases finais[editar | editar a fonte]

Tratamento[editar | editar a fonte]

O tratamento da artrose é individualizado e depende da zona corporal afectada. Medidas hixiénicas e dietéticas poden ser útiles para mellorar o prognóstico. Así, o control do peso, a utilización de bastóns de descarga ou o exercicio físico e a fisioterapia poden axudar a reducir o desgaste articular. É importante tamén adoptar posturas adecuadas. Para tratar a dor adóitanse empregar analxésicos non esteroideos (AINES), paracetamol ou opiáceos menores, normalmente tramadol. Tamén é útil a aplicación de calor local e a parafina.

O tratamento con fármacos condroprotectores evitan a degradación do condroitín sulfato articular. Os máis empregados son o propio condroitín sulfato, o sulfato de glicosamina e a dicareína (un inhibidor da interleucina 1).

Outra estratexia terapéutica son as infiltracións de fármacos corticoides ou de ácido hialurónico. Nos casos máis graves, o tratamento de elección é a cirurxía. Os tratamentos cirúrxicos máis empregados son as osteotomías, as artroplastias e as artrodeses.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://www.nlm.nih.gov/medlineplus/spanish/osteoarthritis.html Medline Plus, artrose
  2. Cirugía Ortopédica y Traumatología, A.D. Delgado Martínez. Ed Panamericana, 2007