Ruan Lingyu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ruan Lingyu (阮玲玉)
Nacemento26 de abril de 1910
LugarShanghai
Falecemento8 de marzo de 1935
LugarShanghai
Causasobredose
SoterradoZhabei District
NacionalidadeRepública da China
Profesiónactriz e actriz de cinema
Na rede
IMDB: nm0747716 WikiTree: 阮-1 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Ruan Lingyu (chinés tradicional e simplificado: 阮玲玉; pinyin: Ruǎn Língyù; Wade-Giles: Juan3 Ling2-yü4), nada en Shanghai o 26 de abril de 1910 e finada na mesma cidade o 8 de marzo de 1935, foi unha actriz chinesa, famosa polos seus roles no cinema mudo. Recoñecida como unha das máis prominentes estrelas do cinema chinés durante a década de 1930, converteuse nunha icona atemporal do cinema chinés tralo seu suicidio á idade de 24 anos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Nada baixo o nome de Ruan Fenggen nunha familia de clase obreira en Shanghai, Ruan veu ao mundo nun período tumultuoso da historia chinesa. O seu pai, que traballaba para a compañía británica Asiatic Petroleum Company, faleceu cando ela só tiña seis anos e a súa nai tivo que sostela pola súa conta traballando como criada. A nai de Ruan logrou que a súa filla puidese contar cunha educación formal, pero non lle permitiu que dese detalles persoais aos seus compañeiros de clase, por temor á vergoña que lle podería traer ser a filla dunha serventa.[1]

Carreira[editar | editar a fonte]

Ruan Lingyu de 20 anos, no filme Liàn'ài yǔ yìwù.

En 1926, para axudar a soster o fogar, Ruan asinou un contrato coa prominente Mingxing Film Company, realizando o seu debut en pantalla con só 16 anos. O filme, Unha parella casada só en nome (掛名的夫妻/挂名的夫妻), estivo dirixida por Bu Wancang. Dous anos máis tarde, uniuse á Da Zhonghua Baihe Company (大中華百合公司/大中华百合公司), coa que filmou seis películas. O seu primeiro papel importante foi 故都春夢 (1930), o cal tivo un éxito enorme na China, e que foi o primeiro traballo importante de Ruan coa recentemente fundada Lianhua Film Company; nela interpretaba unha prostituta de nome Yanyan.[2]

Ruan converteuse na estrela máis importante da Lianhua. Os seus traballos máis memorables viñeron despois de 1931, comezando co melodrama Liàn'ài yǔ yìwù, dirixido por Bu Wancang. Ruan gañou gran popularidade grazas a unha serie de papeis protagonistas, e en 1933 foi elixida en segundo lugar detrás de Hu Die nunha enquisa organizada pola revista Star Daily (明星日報) como a "raíña dos filmes" na China.[3] Despois de Sāngè Módēng Nǚxìng (1932), Ruan comezou a colaborar cun grupo de directores esquerdistas chineses.

En Xiáo wǎnyì (1933), filme de Sun Yu, Ruan interpretou unha fabricante de xoguetes cunha ardua vida. O seu seguinte filme, Shénnǚ (1934), de Wu Yonggang, adoita ser sinalado como o cumio do cinema mudo chinés; Ruan retrata de forma empática unha prostituta e nai solteira que debe superar grandes dificultades. Máis tarde ese mesmo ano, Ruan filmou o seu penúltimo filme, Xīn nǚxìng (dirixido por Cai Chusheng), en que interpreta unha muller educada forzada a morrer por unha sociedade desapiadada. O filme estivo baseado na vida da actriz Ai Xia, quen se suicidou en 1934.[4] O seu último filme, Guó fēng, foi estreado pouco despois da súa morte.

Unha copia dunha das súas primeiras películas, Liàn'ài yǔ yìwù (1931), dirixida por Bu Wancang, foi descuberta no Uruguai en 1994.[5]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Á idade de 16 anos, Ruan coñeceu o que foi o seu esposo, Zhang Damin (张达民/張達民), familiar dos empleadores da súa nai. Zhang foi logo repudiado pola súa adiñeirada familia debido á súa actitude desbaldidora e converteuse nun adicto ao xogo, sendo sostido polo soldo de Ruan. Incapaz de tolerar a adicción de Zhang, Ruan separouse del en 1933.[6] Foi entón que comezou a convivir con Tang Jishan, un magnate do té. En 1935, Zhang interpuxo unha demanda contra Ruan buscando reparacións pola infidelidade. Os tabloides aproveitaron esta oportunidade para airear a vida privada de Ruan, colocándoa baixo unha intensa presión pública.[7]

Logo de terminar Novas mulleres, a vida persoal de Ruan comezou a colapsar. O filme estreouse en Shanghai en 1935. Cai Chusheng atopábase baixo unha enorme presión por parte dos reporteiros de tabloides, quen foron extremadamente hostís contra a produción debido á representación negativa da industria da prensa sensacionalista no filme. Cai foi forzado a realizar cortes extensos na película. Mesmo despois daquilo, a vida persoal de Ruan seguía a ser atacada de xeito inmisericorde polos reporteiros e o seu preito co seu primeiro marido, Zhang Damin, converteuse en fonte de cobertura vingativa.

Morte[editar | editar a fonte]

Cortexo fúnebre de Ruan Lingyu.

Angustiada polo escrutinio público e os seus intensos problemas privados, Ruan envelenouse cunha sobredose de barbitúricos, en Shanghai o 8 de marzo de 1935, con só 24 anos. A súa nota de suicidio aparentemente contiña a liña "o chisme é unha cousa medorenta" (人言可畏), aínda que algúns investigadores recentes dubidaron da autenticidade da nota (sospéitase que foi falsificada por Tang Jishan). O grande intelectual chinés Lu Xun estivo arrepiado polos detalles que arrodearon a morte de Ruan e escribiu un ensaio titulado "O chisme é unha cousa medorenta", denunciando os tabloides.[8]

Os investigadores recentes cren que a súa deteriorada relación con Tang Jishan puido contribuír ao suicidio de Ruan. Crese que el puido maltratala fisicamente na noite do seu suicidio. A súa procesión funeraria incluíu unha multitude ao longo de 5 quilómetros con tres mulleres suicidándose durante o acontecemento. The New York Times chamouno "o funeral máis espectacular do século".[9]

Legado[editar | editar a fonte]

De acordo co cineasta británico Mark Cousins na súa serie documental The Story of Filme: An Odyssey, Ruan Lingyu ofreceu o primeiro exemplo de actuación realista libre do estilo melodramático típico das interpretacións de principios do século XX. Especificamente cita unha escena en Shénnǚ, máis tarde reproducida en Centre Stage, en que Ruan mostra «a súa fatiga, os seus xestos pouco ampulosos, a súa linguaxe corporal» dun xeito natural.[10]

En 1992, o director de Hong Kong Stanley Kwan realizou un filme sobre a súa vida, Centre Stage, protagonizado por Maggie Cheung como Ruan. Cheung Gañou o premio á mellor actriz no Festival de Cinema de Berlín.[1]

En 2005, Jacklyn Wu Chien-lien interpretou a Ruan nunha serie de televisión chinesa sobre a súa vida.[11] Ese mesmo ano a biografía, Ruan Ling-Yu: The Goddess of Shanghai por Richard J. Meyer, foi publicada por University of Hong Kong Press.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Ruan Lingyu nos anos 1930.
Ano Título en inglés Título orixinal Personaxe Notas
1927 A Married Couple in Name Only 掛名的夫妻 Shi Miaowen Perdido
The Tablet of Blood and Tears 血淚碑 Liang Sibao Perdido
Yang Kwei Fee of Peking 北京楊貴妃 Yang Xiaoyue Perdido
The Heart of Women 婦人心 Perdido
1928 The Luoyang Bridge 蔡狀元建造洛陽橋 Wang Yongxu Perdido
The White Cloud Pagoda 白雲塔 Pu Lüji Perdido
1929 The Pearl Crown 珍珠冠 Perdido
Warnings for the Lovers 情欲寶鑑 Perdido
Lonely Swan After the Calamity 劫後孤鴻 Perdido
Attacking Nine-Dragon Mountain 大破九龍山 Perdido
Burning Nine-Dragon Mountain 火燒九龍山 Perdido
The Flower of the Silver Screen 銀幕之花 Perdido
1930 Dream of the Ancient Capital 故都春夢 Perdido
Suicide Contract 自殺合同 Perdido
Wild Flowers by the Road 野草閒花 Lilian Perdido?
1931 Love and Duty 戀愛與義務
  • Yang Naifan
  • Huang Guanying
A Spray of Plum Blossoms 一剪梅 Hu Zhilu (Julia)
The Peach Girl 桃花泣血記 Miss Lim
Yu Tang Chun 玉堂春 Perdido
1932 Another Dream of the Ancient Capital 續故都春夢 Perdido
1933 Three Modern Women 三个摩登女性 Zhou Shuzhen Perdido
Night in the City 城市之夜 Filla Perdido
Little Toys 小玩意 Irmá Ye
1934 Life 人生 Perdido
Coming Home 歸來 Rolos superviventes inéditos
Goodbye, Shanghai 再會吧,上海 Sobrevive parcialmente, perdéronse tres rolos
A Sea of Fragrant Snow 香雪海 Perdido
The Goddess 神女 Prostituta
New Women 新女性 Wei Ming
1935 National Customs 國風 Zhang Lan

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Ruan Lingyu: The Greta Garbo of China". BBC News. 30 de outubro de 2017. Consultado o 3 de novembro de 2017. 
  2. "阮玲玉纪念馆生平简介-名人纪念馆-网上名人纪念馆-网络名人纪念堂-网上名人馆-地球城纪念网". Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2011. Consultado o 30 de outubro de 2017. 
  3. "胡蝶阮玲玉谁才是真正的电影皇后(图)_文化读书频道_新浪网". 26 de xullo de 2011. Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2011. Consultado o 30 de outubro de 2017. 
  4. Chinese Women's Cinema: Transnational Contexts. Columbia University Press. ISBN 978-0-231-15675-2. 
  5. "APT5 - Shanghai Goddess: Ruan Lingyu". 27 de setembro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2013. Consultado o 30 de outubro de 2017. 
  6. "zh:老照片:旗袍丽质阮玲玉 与角色一样不幸(图集)". 15 de novembro de 2006. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2012. Consultado o 24 de xaneiro de 2013. 
  7. "zh:1935年:阮玲玉之死". 22 de xuño de 2004. Consultado o 24 de xaneiro de 2013. 
  8. Yu, Wentao (7 de abril de 2006). "Tragic Goddess". China Daily. Consultado o 14 de novembro de 2009. 
  9. Cousins, Mark (21 de novembro de 2004). "The Asian aesthetic". Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2012. Consultado o 31 de maio de 2014. 
  10. Mark Cousins (setembro de 2011). "The Golden Age of World Cinema". The Story of Film: An Odyssey. Episodio 3. More4. 
  11. "zh:电视剧版《阮玲玉》面世 吴倩莲表演荡气回肠". 29 de novembro de 2005. Consultado o 24 de xaneiro de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Meyer, Richard J. (2005). Ruan Ling-Yu: The Goddess of Shanghai. Hong Kong University Press. ISBN 962-209-395-7. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]