Saltar ao contido

Rozadoira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rozadoira
Imaxe
Códigos e identificadores
Freebase/m/02qwff Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons

A rozadoira[1] é unha máquina utilizada en xardinaría para cortar as malas herbas a niveis de chan e para repasar os lugares aos que un cortacéspede non pode chegar, como as esquinas e os bordos. O corte realízao cun fío de nailon ou coitelas presentadas en discos.

Tamén pode ser unha máquina que corta, prensa e machuca as herbas, plantas e ramas que crecen no campo, para conseguir un secado máis rápido e uniforme do terreo. Este tipo de rozadoiras poden ser accionadas e arrastradas por un tractor. As unidades do corte pódense montar por baixo do tractor entre as rodas dianteiras e posteriores, ou ben, montar na parte posterior cun enganche de tres puntos.[2]

Rozadoira a gasolina

[editar | editar a fonte]
Preparación inicial

Verificación do equipo: Iñantes de usar a rozadoira, o usuario debe asegurarse de que estea en bo estado. Debe revisar as coitelas, o cabezal de corte e calquera compoñente móbil para asegurarse de que non haxa danos ou desgaste excesivo. Combustíbel: Débese encher o tanque de combustíbel coa mestura axeitada de gasolina e aceite segundo as recomendacións do fabricante.

Arrinque do motor

O usuario debe asegurarse de que a rozadoira estea colocada sobre unha superficie plana e estábel. Débese acender o interruptor de aceso/apagado na posición correcta. Se a rozadoira ten un cebador, debe premerse varias veces para bombear combustíbel ao carburador. Debe suxeitarse firmemente a rozadoira e tirar do cordón de arrinque cun movemento rápido e firme ata que o motor arrinque.

Xeración de enerxía

O motor da rozadoira, que funciona con gasolina, xera enerxía para alimentar o mecanismo de corte. A gasolina entra ao carburador, onde se mestura con ar na proporción axeitada. A mestura de combustíbel e ar entra na cámara de combustión, e a buxía xera unha faísca que acende a mestura, provocando a combustión. A enerxía liberada durante a combustión impulsa o pistón, que á súa vez fai virar o cegoñal e o volante de inercia, xerando movemento e potencia.

Mecanismo de corte

A potencia xerada polo motor transmítese ao mecanismo de corte a través dun eixo ou unha transmisión. Dependendo do modelo da rozadoira, o mecanismo de corte pode ser unha cabeza de nailon con fío dese mesmo material para cortar herba lixeira ou coitelas metálicas para cortar maleza máis densa e arbustos.

Operación e mantemento

Unha vez que a rozadoira está en funcionamento, débese axustar a velocidade e a altura de corte segundo as necesidades. Débense realizar cortes suaves e evitar forzar a máquina para prolongar a súa vida útil. Débese realizar un mantemento regular, como a limpeza do filtro de ar, o cambio de aceite, e o afiado de coitelas, para garantir un rendemento óptimo.

Mantemento

[editar | editar a fonte]

O mantemento dunha rozadoira ten como finalidade conservar o rendemento de corte e reducir o desgaste dos compoñentes mecánicos, ademais de contribuír a un uso máis seguro. As operacións concretas e a súa periodicidade varían segundo o tipo de máquina (motor de combustión, eléctrica con cable ou a batería), as horas de traballo e as condicións do contorno (po, humidade ou vexetación densa); por iso, os fabricantes adoitan indicar intervalos de revisión no manual do equipo.

De maneira xeral, o mantemento preventivo inclúe a limpeza exterior para evitar a acumulación de restos vexetais en proteccións, reixas de ventilación e zonas próximas á transmisión, así como a comprobación do estado de elementos sometidos a desgaste (cabezal de fío, coitelas ou discos) e do correcto axuste da parafusaría e das proteccións. En modelos con transmisión mecánica, tamén pode contemplarse a inspección do redutor ou caixa de engrenaxes e a súa lubricación cando corresponda.

Sistema de corte

O mantemento do sistema de corte adoita consistir en substituír o fío de nailon cando se consome, revisar o desgaste ou deformacións do cabezal e, no caso de coitelas ou discos, comprobar o seu estado e equilibrado. Un útil de corte deteriorado ou desequilibrado pode incrementar as vibracións e acelerar o desgaste da transmisión.

Modelos con motor de combustión

Nas rozadoiras con motor de combustión, as tarefas habituais céntranse nos elementos relacionados coa admisión, o acendido e o combustible. Entre elas atópanse a revisión e limpeza ou substitución do filtro de aire, a inspección da buxía e a comprobación do estado dos condutos e do filtro de combustible, de acordo cos intervalos indicados polo fabricante.

Modelos eléctricos e a batería

Nos equipos eléctricos e a batería, o mantemento adoita orientarse á limpeza das tomas de aire e da carcasa, á revisión do cableado ou conectores e ao control do estado da batería (ciclos de carga e almacenamento), sempre de acordo coas recomendacións do fabricante.

Almacenamento

Para períodos de inactividade prolongados, normalmente realízase unha limpeza xeral e gárdase a máquina nun lugar seco, co útil de corte protexido. En modelos de combustión, algúns fabricantes contemplan medidas específicas para o circuíto de combustible durante o almacenamento prolongado, que dependen do deseño do equipo e das recomendacións do manual.

Medidas de seguridade

[editar | editar a fonte]

Cómpre ter en conta que a máquina se colga do pescozo cunha cinta grosa e lévase por debaixo da axila apoiada na cadeira, onde o brazo esquerdo aparece moito máis longo ca o dereito, de maneira que o corpo do xardineiro quede centrado respecto ao "pseudo-guiador" (nas máquinas modernas de baixo prezo isto non é así).

A máquina debe estar equipada cun protector, consistente nunha chapa que cobre a parte superior dos elementos de corte, que evita que saian pedras, restos vexetais ou outros obxectos proxectados cara ao usuario.

É obrigatorio que o operario leve casco de protección, con reixa ou pantalla para protexer a cara. Por outra parte, se no terreo hai moitos obxectos ou pedras soltas, tamén é conveniente que utilice roupa axustada, cómoda e resistente para protexer o corpo de posibles impactos por proxección.

O protector incorporado na máquina non garante a protección contra obxectos proxectados cara adiante e, por iso, cómpre ter moito coidado coas persoas que poidan estar nas proximidades do operario. Como norma xeral, a persoa que utilice a rozadoira debe asegurarse de que non hai ninguén a menos de 15 metros, especialmente diante súa.

Tamén é recomendable o uso de orelleiras de protección, así como luvas acolchadas e con superficie antiescorregadiza para mellorar o agarre e evitar rozaduras e golpes nas mans, e botas de seguridade con sola antiescorregadiza.

Accesorios

[editar | editar a fonte]
  • Disco metálico, moito máis potente ca o fío de nailon, e que serve para cortar matogueiras e malas herbas grandes. Teñen entre 3 e 22 dentes —estes últimos permiten cortar madeira.
  • Cortasebes
  • Serra ou podadora con dentes, para cortar arbustos e pólas.

Antes da invención e adopción da rozadoira mecánica, nos lugares onde resultaba pouco práctico ou pouco económico o uso dun cortacéspede, a herba cortábase a man empregando unha dalla ou unha fouce.

Marcas de rozadoiras

[editar | editar a fonte]

Expertos en Jardinería. (s. f.). Descubre las Mejores Herramientas para tu Jardín.