Royal Delft

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 52°0′4.9″N 4°21′59.2″O / 52.001361, -4.366444

Royal Delft
(De Koninklijke Porceleyne Fles)
Merk.PNG
Marca de Royal Delft
Overzicht voorgevel - Delft - 20389883 - RCE.jpg
Edificio sede da compañía Royal Delft
TipoSociedade de responsabilidade limitada
Fundación1653
LocalizaciónRotterdamseweg 196. 2628AR
Coat of arms of Delft.svg Delft
Flag Zuid-Holland.svg Holanda Meridional
Flag of the Netherlands.svg Países Baixos
FundadorDavid Anthonisz van der Pieth
Persoas claveDirector actual: Henk Schouten.
IndustriaProdución de obxectos de Cerámica e museo.
ProdutosArtigos de "louza de Delft".
Páxina webroyaldelft.com

Royal Delft (marca internacionalmente recoñecida da compañía De Koninklijke Porceleyne Fles, anteriormente De Porceleyne Fles), é, xunto con De Delftse Pauw, a única fábrica de louza que mantén a súa actividade das 32 que no século XVII se estableceron na cidade surholandesa de Delft, nos Países Baixos. É coñecida pola súa produción da sonada "louza de Delft", á que se dedica desde hai máis de 350 anos sen interrupción.[1][2]

Á parte da produción, a súa sede alberga tamén un museo onde se expoñen artigos fabricados ao longo da súa historia e unha tenda onde se poden adquirir os seus produtos. En 2015 contou con 128.000 visitantes.[3][4]

Historia[editar | editar a fonte]

A "louza de Delft", coñecida tamén como "azul de delft" comezou a producirse nos Países Baixos no século XVII cando a Compañía Holandesa das Indias Orientais empezou a importar a característica louza azul da China, que serviu de inspiración aos artesáns oleiros que tiñan a súa actividade en Delft.[5][6]

Século XVII[editar | editar a fonte]

A historia de Royal Delft comeza cando en 1653 David Anthonisz van der Pieth decidiu transformar a súa casa nunha fábrica de louza, da que o seu fillo se desfixo axiña ao non querer continuar co proxecto, malia ser unha época de auxe desta actividade en todo o país. Os novos propietarios foron Wouter van Eenhoorn e Quirinus van Kleijnoven, dous homes de negocios que tamén tiñan intereses noutras fábricas do sector. En 1653, Van Eenhoorn vendeulle a súa parte ao seu socio, que quedou como único propietario. Tras a súa morte, a súa viúva vendeulle a compañía a Johannes Knotter.

No ambiente propicio desta época, motivado en parte pola escasa produción dos talleres chineses por mor da guerra civil que vivía aquel país, Royal Delft chegou a abrir varias fábricas esparexidas por toda a cidade de Delft.

Marca dun prato de 1764: GPS (Gekroonde Porseleine Schotel - "Prato coroado de porcelana")

Século XVIII[editar | editar a fonte]

Tras poucos anos a cargo da empresa, Knotter vendeulla a Marcelis de Vlught, que contratou como mestre artista a Jan Sixtus van der Hoeck. A partir de 1750, a propiedade pasou polas mans de Christoffel van Doorne, Pieter van Doorne, Jacobus Harleen, Dirck Harlees.

Á medida que avanzaba o século, a industria da louza en Delft empezou a pasar cada vez por máis dificultades, debidas en parte a que diversas zonas de Europa comezaban a producir produtos similares e aos descubrimentos científicos do inglés William Cookworthy, que en 1746 obtivo unha arxila branca de calidade superior á utilizada en Delft.[7]

Século XIX[editar | editar a fonte]

Conxunto de azulexos de Porceleyne Fles, de 1888. Haarlem Historisch Museum

A situación de crise do sector herdada das décadas anteriores acentúase cara a mediados do século XIX, cando a crise sufrida por este sector fixeron de Royal Delft unha das escasas factorías que se mantiña, das 32 que chegaran a fundarse, aínda que nunha situación pouco prometedora. As razóns para este declive foron, fundamentalmente, a competencia que supuña a puxante marca inglesa Wedgwood e o feito de que a louza feita na China resultaba máis barata.

A propiedade da factoría neste século comeza con Henricus Arnoldus Piccardt, sucedido pola súa filla Geertruida Piccardt en 1849. Esta última foi a encargada de substituír as vellas formas de produción á man por outras que permitisen a fabricación de produtos en serie.

En 1876, o empresario e enxeñeiro de Delft Joost Thooft propúxose revitalizar a produción de azul de Delft e para iso comprou a fábrica Royal Delft, coa intención de retomar o clásico pintado á man que caracterizaba a marca. Thooft descubriu unha nova mestura de arxila moi próxima en fortaleza e brancura á que se producía en Inglaterra. Coa colaboración de Leo Senf, un dos deseñadores de máis sona da época, conseguiu levar novamente a empresa ás cotas que alcanzara nas súas orixes, no século XVII, e alcanzou o recoñecemento internacional.

Tras o seu falecemento, o seu socio Abel Labouchere converteuse en propietario total da compañía.

Século XX[editar | editar a fonte]

Obradoiro de pintura sobre louza nunha visita ao museo de Royal Delft

En 1904, a empresa, que nese momento se chamaba De Porceleyne Fles, converteuse nunha sociedade de responsabilidade limitada. En 1916 acabouse coa descentralización da empresa que se producira xa no século XVII e unificáronse todas as actividades en Rotterdamseweg, na cidade de Delft, no edificio en que se manteñen aínda hoxe, que en 2002 recibiu o recoñecemento como monumento nacional dos Países Baixos (rijksmonument).[8] Tres anos máis tarde, en 1919, a Casa Real dos Países Baixos recoñeceu a compañía co título de "real" (en neerlandés: koninklijk).

Entre 1950 e 1965, a empresa contou entre os seus deseñadores coa figura do ilustrador e escultor holandés Cornelis Dam.[9]

En 2003 a empresa celebrou o seu 350 aniversario cunha nova liña de produtos denominada Jubilee.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "The craftmanship of Royal Delft. Handmade since 1653". Royal Delft (en inglés)
  2. "Royal Delft (De Porceleyne Fles)". En Bluedelft.com (en inglés)
  3. "Visit the experience". Royal Delft (en inglés)
  4. Kerncijfers 2015[Ligazón morta] (pdf). Páxina 8. Gemeente Delft (en neerlandés)
  5. "Delft Blue". En Holland.com (en inglés)
  6. "Timeline". Royal Delft (en inglés)
  7. Selleck, "William Cookworthy, an 18th century polymath". En Pharmaceutical historian. Decembro de 1979. Páxinas 8-12 (en inglés)
  8. Ficha de inscrición do edificio no Rijksmonumentenregister (en neerlandés)
  9. "Cor Dam: docent beeldend". En Vak-delft.nl (en neerlandés)
  10. "Royal Delft. History of Blue Delftware". Royal Delft (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dobbelmann, Theo. Beeldend aardewerk, experimentele afdeling van De Porceleyne Fles te Delft. Catálogo da exposición no Museo Boymans. Museum Boymans. Roterdam, 1957 (en neerlandés)
  • Erickson, Rick. Royal Delft. A guide to De Porceleyne Fles. Schiffer Publishing, Atglen PA u. a. 2003. [ISBN 0-7643-1804-7] (en inglés).

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]