Roy Hodgson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Roy Hodgson
RoyH.JPG
Información persoal
Nome Roy Hodgson
Nacemento 9 de agosto de 1947
Lugar de nacemento Croydon
Posición Defensa
Carreira xuvenil
1963–1965 Crystal Palace
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1965–1966 Crystal Palace 0 (0)
1966–1969 Tonbridge Angels
1969–1971 Ebbsfleet United 59 (1)
1971–1972 Maidstone United
1972–1973 Ashford United
1973–1974 Berea Park
1974–1976 Carshalton Athletic
Adestrador
1976–1980 Halmstads
1982 Bristol City
1982 Oddevold
1983–1984 Örebro
1985–1989 Malmö
1990–1992 Neuchâtel Xamax
1992–1995 Suíza
1995–1997 Inter de Milán
1997–1998 Blackburn Rovers
1999 Inter de Milán
1999–2000 Grasshoppers
2000–2001 København
2001 Udinese
2002–2004 Emiratos Árabes Unidos
2004–2005 Viking
2006–2007 Finlandia
2007–2010 Fulham
2010–2011 Liverpool
2011–2012 West Bromwich
2012–2016 Inglaterra
2013 Inglaterra sub-21
2017–2021 Crystal Palace
2022 Watford
Na rede
IMDB: nm1763523 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Roy Hodgson, nado en Croydon o 9 de agosto de 1947, é un exfutbolista e exadestrador inglés. Adestrou 22 equipos diferentes en oito países durante os seus 46 anos como adestrador. Comezou a súa carreira como técnico en 1976 en Suecia, co Halmstads BK, facendo historia ao gañar dúas ligas suecas, as primeiras da historia do club. Tras adestrar varios equipos máis e de gañar outras cinco ligas suecas co Malmö, en 1992 converteuse no técnico da selección de Suíza, que levaba sen disputar un gran torneo dende a década de 1960, e logrou clasificala para o Mundial de 1994 (no que chegou a oitavos de final) e para a Eurocopa de 1996. De 2006 a 2007 adestrou a selección de Finlandia, levándoa ata o 33º posto da clasificación mundial da FIFA, o máis alto da súa historia, e dirixiu a selección de Inglaterra entre 2012 e 2016. Tamén adestrou entre outros o Inter de Milán, o Blackburn Rovers, o Grasshoppers, o FC Copenhague, o Udinese, o Fulham, o Liverpool, o West Bromwich Albion, o Crystal Palace e o Watford. É o adestrador de máis idade en ter dirixido na Premier League, con 74 anos e 286 días, despois de ter superado a anterior marca de Bobby Robson.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe e infancia[editar | editar a fonte]

Nado en Croydon,[1] súa nai era panadeira e seu pai, Bill, condutor de autobús ao sur do Río Támese e fan do Newcastle United.[2] A familia de Hodgson vivía no mesmo edificio que o futuro futbolista Steve Kember, compañeiro de clase de Roy.[3] Os dous xogaron no equipo de fútbol da escola, un equipo do que tamén formaba parte Lennie Lawrence.[3] Mentres cursaba o sixth form, uniuse á súa clase Bob Houghton, que ía desempeñar un papel destacado na súa carreira.[3]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

Xogou no equipo xuvenil do Crystal Palace, pero non conseguiu chegar ao primeiro equipo. Pasou por equipos máis modestos como o Tonbridge e o Gravesend & Northfleet,[4] e aos 23 anos obtivo o título de adestrador.[5] En 1971 ingresou no Maidstone United, onde actuou como xogador e como axudante do xogador-adestrador, o seu antigo compañeiro Bob Houghton.[3]

En 1972, despois dun ano en Maidstone, fichou polo Ashford Town de Kent,[4] ao tempo que traballaba tamén como profesor de Educación Física na Alleyn's School ao sur de Londres. Ao ano seguinte, trasladouse á cidade surafricana de Pretoria para xogar no Berea Park, a pesar do boicot deportivo que nese momento existía sobre o país africano debido ao apartheid.[6] En 1974 regresou a Inglaterra para xogar dúas últimas tempadas no Carshalton Athletic.[4] De novo gañou a vida dando clases, esta vez no Monks Hill Comprehensive.[3]

Como adestrador[editar | editar a fonte]

Halmstad[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira como adestrador en 1976 no Halmstads BK da Allsvenskan de Suecia, a onde chegou recomendado polo seu amigo Bob Houghton, adestrador do Malmö FF.[3] A pesar de levar dous anos loitando por non descender e de que a prensa o daba como favorito para perder a categoría ese ano, a chegada de Hodgson supuxo unha revolución no equipo, que deu a sorpresa proclamándose campión de liga por primeira vez na súa historia.[7] Ao ano seguinte debutou na Copa de Europa, caendo na primeira rolda ante o Dynamo Dresden.

Pasou cinco anos en Halmstad, gañando un segundo campionato de liga en 1979.

Bristol City[editar | editar a fonte]

En 1980 pasou ao corpo técnico do Bristol City, na súa Inglaterra natal, onde foi asistente de Bob Houghton de 1980 a 1982 e adestrador principal de xaneiro a abril de 1982. Debido aos problemas económicos do club non tivo éxito e foi destituído despois de catro meses no cargo.[8][9]

Oddevold e Örebro[editar | editar a fonte]

En 1982 volveu a Suecia para facerse cargo do IK Oddevold da segunda división, a metade da tempada 1982. Non conseguiu salvar ao club do descenso, ao rematar 11º, a un punto da salvación. En 1983 fichou polo Örebro SK, tamén de segunda.[8] Na súa primeira tempada no club de Örebro acabou terceiro, mentres que na segunda proclamouse campión. Con todo, non puido ascender á Allsvenskan, ao perder na promoción de ascenso contra o Mjällby AIF.[10]

Malmö FF[editar | editar a fonte]

Hodgson en 1987

En 1985 converteuse no adestrador do Malmö FF, club que dirixiu ata 1989, conquistando cinco campionatos de liga consecutivos, e proclamándose en 1986 e 1988 campión sueco, ao gañar tamén os play-offs polo título. Ademais sumou ao palmarés do club dúas Copas de Suecia, nas tempadas 1985/86 e 1988/89.

Durante eses anos participou en varias competicións europeas. Na Recopa de Europa 1986/87 gañou ao Apollon Limassol na primeira rolda e ao Tirana na segunda, caendo ante o Ajax nos cuartos de final. Na tempada 1987/88 disputou a Copa de Europa, sendo eliminado na primeira rolda polo Anderlecht. Na Copa da UEFA 1988/89 gañou na primeira rolda ao Torpedo Moscova despois dunha prórroga, pero perdeu na segunda diante do Inter de Milán.

O maior éxito europeo de Hodgson en Malmö produciuse na seguinte edición da Copa de Europa (1989/90), cando o equipo sueco eliminou ao Inter na primeira rolda, gañando 1-0 na casa e empatando 1-1 en San Siro. Na segunda rolda, o Malmö perdeu ante Mechelen.[11] O Malmö ofreceulle un contrato vitalicio, pero el rexeitouno.[7]

Neuchâtel Xamax[editar | editar a fonte]

En xullo de 1990 deixou Suecia e fichou polo Neuchâtel Xamax. Na súa primeira tempada en Suíza, rematou terceiro tanto na primeira fase da liga como na segunda, clasificándose para a Copa da UEFA. Na seguinte tempada, o Xamax quedou quinto na primeira fase e despois rematou segundo na segunda fase, perdendo o título ante o Sion por só dous puntos. En Europa, o equipo de Hodgson eliminou na primeira rolda ao Floriana de Malta e na segunda gañou por un resultado global de 5-2 ao Celtic de Glasgow. Na terceira rolda quedou emparellado co Real Madrid ao que derrotou pola mínima no partido de ida no estadio da Maladière, pero quedou eliminado tras perder no Bernabéu por 4-0.[9]

Selección suíza[editar | editar a fonte]

O 26 de xaneiro de 1992 tomou o lugar de Uli Stielike como adestrador da selección de Suíza,[12] mentres que Stielike asumiu o posto de Hodgson no Neuchâtel Xamax. Stielike tiña a maior porcentaxe de vitorias de tódolos seleccionadores suízos ata entón, pero os seus números acabaron sendo superados polos de Hodgson.[12]

A selección suíza non se clasificaba para un gran torneo internacional desde o Mundial de 1966, pero con Hodgson no banco conseguiu regresar é elite, logrando meterse no Mundial de 1994, despois de perder só un partido durante a fase de clasificación nun grupo no que estaban Italia, Portugal e Escocia.[13] O gran rendemento da selección helvética, que quedou a un só punto de Italia, fixo que ascendese ata a terceira posición da Clasificación mundial da FIFA.[14]

Xa no Mundial, nos Estados Unidos, Suíza quedou encadrada no Grupo A con Romanía, Colombia e o equipo anfitrión. Cunha calor extrema, no primeiro partido o equipo de Hodgson, pouco preparado para esas temperaturas,[14] empatou 1-1 cos estadounidenses no Pontiac Silverdome. Na segunda xornada derrotou por 4-1 ao forte equipo de Romanía, clasificándose para a seguinte fase, a pesar de perder o terceiro encontro diante dos colombianos. Nos oitavos de final enfrontouse á España de Javier Clemente, perdendo por tres goles a cero.[14]

A selección suíza clasificouse tamén para a Eurocopa de 1996, perdendo de novo só un partido durante a clasificación para rematar primeiro do Grupo 3. Coa praza asegurada na Eurocopa, Hodgson deixou o combinado helvético o 15 de novembro de 1995, para centrarse no seu traballo como adestrador do Inter de Milán, club polo que fichara un mes antes.[15]

Parte do éxito de Hodgson co equipo nacional suízo foi negociar coa Super Liga para que os xogadores internacionais adestrasen con el os luns e os martes despois de xogar cos seus clubs na fin de semana, creando así un ambiente de club na selección.[14]

Inter de Milán[editar | editar a fonte]

Antes da Eurocopa, Hodgson fichou polo Inter de Milán, da Serie A italiana, club ao que adestrou de 1995 a 1997. Cun importante investimento, dirixu unha fase de reconstrución no club, que viña de rematar as dúas últimas ligas na 13ª e na 6ª posicións respectivamente. Substituíu no banco ao galego Luis Suárez, que se ocupou interinamente do equipo durante varias xornadas trala destitución de Ottavio Bianchi. Hodgson levou o equipo á sétima praza ao remate da tempada 1995/96, clasificándose para a Copa da UEFA.

En 1997, o equipo lombardo, no que destacaban futbolistas como Paul Ince, Javier Zanetti ou Youri Djorkaeff, acadou a final da Copa da UEFA, a última que se disputou en formato de ida e volta. O rival do Inter foi o Schalke 04, e o partido de ida acabou con vitoria pola mínima do equipo alemán no Parkstadion. No encontro de volta Iván Zamorano empatou a final nos últimos minutos, forzando unha prórroga que rematou sen goles. Na quenda de penaltis posterior, os xogadores do Inter non estiveron acertados e caeron por 4-1, e os afeccionados do Inter comezaron a lanzarlle obxectos a Hodgson, que acabou deixando o equipo tras ese encontro.[16] Foi substituído por Luigi Simoni para a derradeira xornada de liga, na que o Inter acabou terceiro.

Blackburn Rovers[editar | editar a fonte]

A continuación regresou ao fútbol inglés despois de 15 anos de ausencia e fichou polo Blackburn Rovers. Comezou a súa primeira tempada no club (1997/98) con excelentes resultados, ocupando varias xornadas o liderado da Premier League e chegando a metade da liga na segunda posición, só por detrás do Manchester United de Alex Ferguson. Hodgson recibiu o premio ao Adestrador do Mes da Premier League en dúas ocasións, en agosto e decembro de 1997.

Con todo, o rendemento do Blackburn baixou drasticamente na segunda metade da tempada e o equipo acabou a liga na sexta posición, asegurando na derradeira xornada a clasificación para a Copa da UEFA.[17]

Na súa segunda tempada no Blackburn non puido repetir o éxito relativo da primeira, debido ás numerosas lesións que sufriu o equipo,[18] aos problemas no vestiario e ao fracaso do club nos seus esforzos por encontrar un substituto para o defensa central Colin Hendry, que marchou para o Rangers.[19] Como resultado de todo isto, o Blackburn tivo un pésimo inicio de tempada. En setembro de 1998 Hodgson recibiu unha chamada da Federación Alemá, que lle propuxo suceder a Berti Vogts á fronte da selección alemá, pero rexeitou a oferta.[18][17] Continuou no club inglés ata o 21 de novembro, cando, despois de caer ata o derradeiro posto da liga, foi destituído.[17]

Volta ao Inter[editar | editar a fonte]

A finais de abril de 1999 volveu ao Inter de Milán para dirixir o equipo nas últimas xornadas da tempada 1998/99, sendo o cuarto adestrador da tempada despois de que pasasen polo banco Luigi Simoni, Mircea Lucescu e Luciano Castellini. Co equipo na novena praza da liga, comezou cunha vitoria por 4-5 sobre a Roma, con goles de Ronaldo (2), Zamorano (2) e Simeone, e rematou a tempada no oitavo posto.

Grasshoppers[editar | editar a fonte]

A continuación iniciou unha nova etapa en Suíza, como adestrador do Grasshoppers. Dirixiu ao equipo durante unha tempada, acadando o cuarto posto tanto na liga como nos play-off polo título.

Copenhague e Udinese[editar | editar a fonte]

En xullo de 2000 trasladouse a Dinamarca para adestrar o FC København, que levaba dous anos sen pasar do sétimo posto na Superliga de Dinamarca. Con Hodgson no banco, o club da capital norueguesa proclamouse campión de liga despois de case unha década, con cinco puntos sobre o segundo clasificado, o Brøndby. Ademais gañou a Supercopa de Dinamarca de 2001 tras derrotar por 2-0 ao Silkeborg.

No verán de 2001 deixou Copenhague e fichou polo Udinese, equipo italiano da Serie A. En decembro do mesmo ano, co club no noveno posto e clasificado para os cuartos de final da Copa Italia, Hodgson foi despedido despois despois de afirmar, supostamente, que se arrepentía de ter asumido o cargo, podendo ter elixido un club mellor.[20] Máis tarde negou ter feito eses comentarios,[21][22] pero recoñeceu que quería marchar, polo que se alegrou de ter sido despedido.[23]

Selección dos Emiratos Árabes Unidos[editar | editar a fonte]

En abril de 2002 converteuse no novo seleccionador dos Emiratos Árabes Unidos,[24] dirixindo tanto a selección absoluta como a olímpica.[25] Conseguiu a clasificación para a Copa Asiática como segundo do seu grupo, e antes da disputa do torneo continental disputou a Copa do Golfo Arábigo, rematando quinto entre sete equipos, o que provocou a súa destitución.[8]

Viking[editar | editar a fonte]

En xullo de 2004 mudouse a Noruega, o único dos países escandinavos no que aínda non tiña traballado. Alí dirixiu o Viking, que estreaba novo estadio, o Viking Stadion, e onde substituíu a Bjarne Berntsen, que deixou o equipo para adestrar a selección feminina de Noruega.[26] Aínda que rematou noveno en liga, gañou un posto na Copa da UEFA 2005/06 grazas á clasificación de xogo limpo da UEFA. Na seguinte campaña eliminou no torneo europeo ao Rhyl e ao Austria Viena, clasificándose para a fase de grupos. Gañou por 1-0 ao Monaco, pero só puido ser cuarto entre cinco equipos, empatado a puntos co terceiro, e quedando eliminado pola diferenza de goles.

Completou a Tippeligaen de 2005 na quinta praza, a cinco puntos do primeiro posto. Deixou o cargo en decembro de 2005 para converterse no adestrador da selección de Finlandia.

Selección finesa[editar | editar a fonte]

Estaba previsto que comezase a súa etapa como seleccionador finés en xuño de 2006,[27] pero a súa dimisión como adestrador do Viking en decembro de 2005, adiantou a súa chegada á selección a xaneiro de 2006.[28] Os seus primeiros partidos ao cargo de Finlandia enfrontárono a Arabia Saudita e Corea do Sur nun torneo amigable a finais de xaneiro.[29] Disputou cinco partidos amigables máis (tres empates e dúas derrotas) antes de iniciar a fase de clasificación para a Eurocopa de 2008. Sumou seis vitorias e acabou na cuarta posición do Grupo A, quedando a só 3 puntos de clasificar a Finlandia para un gran torneo por primeira vez na súa historia.[30][9]

Fulham[editar | editar a fonte]

O 28 de decembro de 2007 anunciou que asumía o cargo de adestrador do Fulham, da Premier League.[31] O club ocupaba o 18º posto da liga, a dous puntos da salvación e só levaba dúas vitorias. Hodgson debutou nun derbi do Oeste de Londres contra o Chelsea no Craven Cottage, perdendo por 1-2. O Fulham realizou media ducia de fichaxes no mercado invernal, sendo a máis importante a do defensa central noruegués Brede Hangeland, ao que Hodgson adestrara no Viking e que se convertería nun xogador clave para o club londiniense. Hodgson sufriu inicialmente unha serie de moi malos resultados e caeu eliminado da FA Cup na quenda de penaltis ante o Bristol Rovers, da League One. Con 16 xornadas consecutivas ocupando a penúltima posición da táboa, o Fulham parecía condenado ao descenso ao Championship, pero os doce puntos que conseguiu nos últimos cinco partidos, incluída unha remontada por 3-2 sobre o Manchester City despois de ir perdendo 2-0 a falta de vinte minutos para o final, asegurou a permanencia do club na máxima categoría do fútbol inglés, feito que se confirmou na última xornada cunha vitoria por 1-0 sobre o Portsmouth.[32]

Hodgson en 2009

Para a tempada 2008/09, o Fulham realizou varias fichaxes importantes, como as do porteiro Mark Schwarzer, os defensas Chris Smalling (de 18 anos) e John Paintsil, o centrocampista Zoltán Gera ou os dianteiros Bobby Zamora e Andy Johnson.[33] Hodgson levou o Fulham a un éxito sen precedentes, acadando o sétimo posto na Premier League, o mellor resultado da historia do club, e garantiu a clasificación para a renovada Europa League.[34] Ademais alcanzou os cuartos de final da FA Cup.

Para a tempada 2009/10 o club londiniense reforzouse con futbolistas como o lateral dereito Stephen Kelly e os centrocampistas Bjørn Helge Riise, Damien Duff e Jonathan Greening. O equipo de Hodgson realizou excelentes actuacións na Europa League, que iniciou na terceira rolda previa. Gañou tres dos seis partidos na fase de grupos, logrando a clasificación para a seguinte fase no derradeiro partido, derrotando por 2-3 ao Basel no St. Jakob-Park. Nas seguintes roldas, o Fulham eliminou ao Shakhtar Donetsk por un resultado global de 3–2, á Juventus por 5–4 e ao Wolfsburg, campión alemán, por 3–1.

A vitoria ante a Juventus, subcampioa da Serie A, foi especialmente memorable. O Fulham perdeu por 3-1 en Turín e no segundo minuto do partido de volta no Craven Cottage xa perdía por 0-1, tralo tanto de Trézéguet. Con todo, un gol de Bobby Zamora, dous de Zoltán Gera e outro de Clint Dempsey nos minutos finais déronlle a volta á eliminatoria, deixando o resultado total en 5–4 para o equipo inglés. Nas semifinais enfrontouse ao Hamburgo, co que empatou sen goles na ida, e ao que derrotou no partido de volta por 2-1.[35]

O 29 de abril de 2010, Hodgson dirixiu o Fulham na primeira gran final europea dos seus 130 anos de historia. Esta disputouse no HSH Nordbank Arena de Hamburgo e o rival do club inglés foi o Atlético de Madrid de Quique Sánchez Flores. Diego Forlán e Simon Davies conseguiron cadanseu gol, rematando o tempo regulamentario con empate a un. Preto do final da prórroga Forlán volveu marcar e deulle o título ao Atlético. Na Premier o Fulham acabou 12º.

En maio de 2010, Hodgson foi elixido Adestrador do Ano da LMA.[36] O 30 de xuño de 2010, o Liverpool Echo adiantou que Hodgson ficharía polo Liverpool despois de que o club acordase un pago de dous millóns de libras como compensación ao Fulham.[37] O anuncio produciuse tras semanas de especulacións tras a marcha de Rafa Benítez.

Liverpool[editar | editar a fonte]

O 1 de xullo de 2010, Hodgson foi anunciado oficialmente como novo técnico do Liverpool, co que asinou un contrato de tres anos.[38]

Tras fichar a Milan Jovanović e Joe Cole, Hodgson debutou á fronte do equipo nun amigable contra un dos seus antigos clubs, o Grasshoppers, o 21 de xullo, que rematou cun empate sen goles.[39] O 29 de xullo dirixiu o seu primeiro partido oficial, nunha vitoria por 0-2 contra o FK Rabotnički macedonio na Europa League.[40] O seu primeiro partido en liga foi contra o Arsenal, e acabou en empate a un gol, despois de que o seu gardameta Pepe Reina marcase en propia meta no último minuto.[41] O club incorporou ao porteiro Brad Jones, os defensas Danny Wilson e Paul Konchesky, os centrocampistas Christian Poulsen e Raul Meireles, e reincorporou o lateral Fábio Aurélio, que deixara o club a principios do verán. Ademais traspasou a varios dos xogadores que se ficharan na era Benítez, como Albert Riera, Diego Cavalieri e Javier Mascherano, mentres que Alberto Aquilani foi cedido á Juventus e Emiliano Insúa ao Galatasaray.

O 29 de agosto chegou a primeira vitoria do novo Liverpool de Hodgson, derrotando ao West Bromwich Albion por 1-0 en Anfield.[42]

Despois diso, o Liverpool tivo unha serie de malos resultados, incluída a eliminación da Copa da Liga a mans do Northampton Town, da League Two (cuarta categoría do fútbol inglés), tras perder na quenda de penaltis no propio Anfield.[43] O Liverpool caeu ata a antepenúltima posición da liga tras sete xornadas, o que provocou un ruxerruxe sobre unha posible destitución do adestrador.[44][45][46][47]

Tres vitorias consecutivas na Premier, incluída unha vitoria por 2-0 sobre o líder, o Chelsea, levaron o equipo ata a metade superior da táboa e reduciron as especulacións. O novo propietario do club, John W. Henry, declarou o seu apoio a Hodgson.[48]

Con todo, o técnico acabou abandonando o club por mutuo acordo na mañá do 8 de xaneiro de 2011, sendo Kenny Dalglish o seu substituto.[49][50]

West Bromwich Albion[editar | editar a fonte]

O 11 de febreiro de 2011 asinou contrato co West Bromwich Albion ata xuño de 2012.[51] Substituíu no banco a Roberto Di Matteo, que fora destituído tras unha mala xeira de resultados, co equipo na 17ª praza da liga.[52]

Con Hodgson como técnico, o West Brom conseguiu cinco vitorias e cinco empates nos 12 partidos que restaban, incluída unha importante vitoria por 2-1 en The Hawthorns ante o Liverpool.[53] Deste xeito o equipo acabou a campaña na 11ª posición da táboa, o seu mellor resultado en tres décadas.[54]

Na seguinte campaña, a pesar das continuas lesións no equipo, entre elas a grave rotura de ligamentos de Zoltán Gera, o West Brom mantívose afastado dos postos de descenso durante toda a campaña. O 29 de abril de 2012, a prensa inglesa informou de que a Asociación Inglesa de Fútbol (FA) lle ofrecera a Hodgson o posto de seleccionador de Inglaterra.[55] Foi nomeado seleccionador dous días máis tarde, pero continuou dirixindo o West Brom ata o final da tempada 2011/12.[56] Preto do final da competición conseguiu unha histórica vitoria contra o Liverpool en Anfield, a primeira do West Brom alí dende 1967.[57] Finalmente, o equipo de Hodgson rematou 10º, sendo este o mellor resultado do club desde 1981.[58]

Selección inglesa[editar | editar a fonte]

O 14 de maio converteuse oficialmente no adestrador da selección inglesa, coa que asinou un contrato de catro anos.[59]

Eurocopa de 2012[editar | editar a fonte]
Hodgson á fronte de Inglaterra na Eurocopa de 2012.

Antes da Eurocopa de 2012 Hodgson recibiu as súas primeiras críticas, cando deixou fóra da lista inicial de xogadores ao excapitán Rio Ferdinand. O seleccionador defendeu a súa decisión por "motivos futbolísticos", alegando a falta de participacións de Ferdinand na selección nacional nos últimos tempos, datando o seu último partido internacional de xuño de 2011, e tamén a súa forma física.[60] O adestrador de Ferdinand, Alex Ferguson, coincidiu con Hodgson, afirmando que na Eurocopa "xogas algo así como un partido cada catro días. Rio Ferdinand non podería facelo".[61] Trala lesión do central Gary Cahill, Hodgson elixiu para o seu posto ao lateral do Liverpool Martin Kelly, o que lle valeu as críticas do representante de Rio Ferdinand, Jamie Moralee, que o acusou de faltarlle o respecto a Ferdinand.[60][62]

Hodgson debutou á fronte de Inglaterra nun partido amigable disputado o 26 de maio en Oslo. Inglaterra gañou a Noruega por 0-1, sendo esta a primeira vitoria dos ingleses contra Noruega en 32 anos.[63] Na preparación para a Eurocopa, Hodgson engadiu a Ray Lewington, Gary Neville e o adestrador de porteiros Dave Watson ao seu equipo de adestradores.[59]

En xuño deu inicio a Eurocopa de 2012, á que, segundo a prensa inglesa, Inglaterra chegaba cunhas expectativas considerablemente máis baixas do habitual.[64][65][66][67] O primeiro partido oficial de Hodgson como seleccionador inglés acabou cun empate 1-1 con Francia, no primeiro partido do Grupo D.[68] Enfrontouse a Suecia no segundo partido e tras unha hora de xogo perdía por 2-1. Substituíu entón a James Milner por Theo Walcott, e este marcou case inmediatamente o gol do empate e minutos máis tarde deulle unha asistencia a Danny Welbeck, que culminou a remontada, conseguindo así a primeira vitoria inglesa sobre Suecia nun partido oficial en toda a historia.[69] No último partido da fase de grupos Wayne Rooney marcou un solitario gol contra Ucraína, co que Inglaterra se clasificou como primeira de grupo.[70]

Nos cuartos de final empatou sen goles con Italia e acabou caendo por 4-2 na quenda de penaltis. Con todo, o equipo de Hodgson recibiu eloxios pola súa boa organización defensiva e por ser un rival difícil de vencer.[71][72][73][74][75][76]

En agosto de 2012, Inglaterra alcanzou por primeira vez na súa historia a terceira posición na clasificación mundial da FIFA.[77]

Mundial de 2014[editar | editar a fonte]

Na fase de clasificación para o Mundial de 2014, Inglaterra quedou encadrada no Grupo H xunto a Moldavia, Montenegro, Polonia, San Marino e Ucraína. Iniciou a campaña o 7 de setembro de 2012, cunha contundente vitoria por 0-5 sobre Moldavia,[78] empatando a continuación 1-1 ante Ucraína.[79]

Nun amigable no estadio de Wembley o 6 de febreiro de 2013, Inglaterra venceu a Brasil por 2-1, na que foi a súa primeira vitoria contra o equipo suramericano en 23 anos. Os ingleses retomaron a fase de clasificación para o Mundial o 22 de marzo, cunha vitoria por 0-8 fronte a San Marino no Estadio Olímpico dese país. Os goles foron anotados por sete goleadores diferentes, sendo Jermain Defoe o único que repetiu. Foi a maior goleada de Inglaterra desde que vencera a Turquía por 8-0 en outubro de 1987.[80]

En xullo de 2013, a FA anunciou que Hodgson dirixiría un encontro amigable da selección inglesa sub-21, contra Escocia sub-21.[81] Inglaterra gañou o encontro por 6-0 en Bramall Lane.[82]

O 15 de outubro de 2013, Inglaterra gañou a Polonia por 2-0 en Wembley, con goles de Wayne Rooney e Steven Gerrard, clasificándose para o Mundial de xeito invicto.[83] O 12 de maio de 2014 anunciou a súa lista de 23 xogadores para o torneo,[84] na que se incluía a Ross Barkley do Everton e a Raheem Sterling do Liverpool, pero non a Ashley Cole, que anunciou a súa retirada do fútbol internacional tras quedar fóra.[85]

Xa no Mundial, Inglaterra perdeu ante Italia por 2-1 no primeiro partido,[86] mentres que no segundo foi derrotada polo Uruguai polo mesmo resultado.[87] Deste xeito, Inglaterra caeu eliminada da Copa do Mundo na fase de grupos por primeira vez desde 1958.[88] Pechou o torneo cun empate sen goles ante Costa Rica, rematando así no último posto do Grupo D.[89]

Eurocopa de 2016[editar | editar a fonte]

Tralo Mundial, Inglaterra caeu ata o 20º posto 20 da clasificación mundial da FIFA, a súa peor posición desde maio de 1996.[90] En agosto de 2014 Hodgson nomeou a Wayne Rooney como novo capitán de Inglaterra, tras a retirada de Steven Gerrard do fútbol internacional.[91]

O combinado inglés comezou a fase de clasificación para a Eurocopa 2016 cunha vitoria por 2-0 contra Suíza, con dous tantos de Danny Welbeck. Concluíu a fase de clasificación con dez vitorias en dez partidos, converténdose na quinta selección nacional en clasificarse para unha Eurocopa cun 100% de efectividade.[92] Hodgson recibiu eloxios nos medios de comunicación por darlle ao equipo un estilo de xogo máis ofensivo e por concederlle oportunidades a varios xogadores novos prometedores.[93][94][95]

Inglaterra empezou a Eurocopa de 2016 empatando 1-1 contra Rusia e a continuación derrotou a Gales por 2-1, con tantos anotados por Vardy e Sturridge. No terceiro encontro empatou sen goles ante Eslovaquia, polo que pasou á seguinte fase como segunda de grupo. Con todo, foi eliminada nos oitavos de final pola sorprendente Islandia, que remontou o gol inicial de Rooney con dúas dianas de Sigþórsson e Sigurðsson. A actuación inglesa na Eurocopa custoulle a Hodgson duras críticas na prensa inglesa.[96][97]

Crystal Palace[editar | editar a fonte]

O 12 de setembro de 2017 regresou ao Crystal Palace máis de 40 anos despois da súa marcha, substituíndo no banco a Frank de Boer.[98] O equipo viña de perder os catro primeiros partidos de liga da tempada sen marcar ni un só gol,[99] e, a pesar de que perdeu tamén os tres partidos seguintes á chegada de Hodgson, acabou por mellorar notablemente o seu xogo, escalando ata a 11ª praza final na liga, converténdose así no primeiro equipo na historia da Premier en lograr a permanencia despois de perder os primeiros sete partidos.

Na tempada 2018/19 o Crystal Palace rematou 12º con 49 puntos, igualando a súa mellor puntuación histórica na Premier League, que databa da campaña 1992/93, aínda que naquela ocasión a liga contaba con catro xornadas máis. O 23 de febreiro de 2019, na vitoria por 1-4 sobre o Leicester City, Hodgson bateu o récord de Bobby Robson como o adestrador de máis idade en dirixir un partido da Premier League, á idade de 71 anos e 198 días.[100] En marzo de 2020, renovou o seu contrato ata o final da tempada 2020/21.[101]

O 18 de maio de 2021, despois de lograr a permanencia, anunciou que deixaría o club ao final da tempada.[102]

Watford[editar | editar a fonte]

O 25 de xaneiro de 2022 regresou á Premier League como novo adestrador do Watford, substituíndo a Claudio Ranieri, que fora cesado o día anterior co club no 19º posto da liga.[103] Non conseguiu mellorar os resultados do equipo e acabou a tempada 2021/22 descendendo ao Championship.[104] Dirixiu o seu último encontro na Premier o 22 de maio de 2022, contra o Chelsea, aos 74 anos e 286 días.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Sheila, coa que tivo un fillo, Christopher. Amante da literatura, é un recoñecido admirador de autores como Sebastian Faulks, John Updike, Philip Roth e Saul Bellow.[105] É políglota e ademais do seu inglés nativo fala con fluidez sueco, alemán, italiano e francés.[106]

Aínda que durante a súa xuventude xogou no Berea Park da Liga Nacional de Fútbol de Suráfrica, unha liga só para brancos durante a época do apartheid, posteriormente manifestou a súa admiración por Nelson Mandela,[107] e afirmou que só xogara en Suráfrica por motivos futbolísticos e non por crenzas políticas.[108] En agosto de 1999 dirixiu unha selección mundial nun partido benéfico en homenaxe a Mandela.[109]

Foi nomeado Cabaleiro de Primeira Clase da Orde do León de Finlandia en setembro de 2012.[110] O 22 de xaneiro de 2014 recibiu un doutoramento honoris causa pola Universidade de York.[111]

En 2018 recibiu o título de Freeman do Distrito de Croydon.[112] En 2022 foi condecorado como Comandante da Orde do Imperio Británico (CBE), recibindo a súa medalla de mans do príncipe Guillerme, presidente da Asociación de Fútbol.[113]

Palmarés como adestrador[editar | editar a fonte]

Halmstads BK
Örebro SK
Malmö FF
Neuchâtel Xamax
København

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Till, Joanna (30 de abril de 2012). "Roy Hodgson set to become England manager after starting career at Crystal Palace" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2013. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  2. Fifield, Dominic (19 de xaneiro de 2018). "Roy Hodgson: ‘Coaching is a sadistic pleasure – the suffering never stops’". The Guardian (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Roy Hodgson, Croydon and the “impossible job”" (en inglés). 2 de maio de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Henderson, Jamie (1 de xullo de 2012). "Former Carshalton player and Croydon-born Roy Hodgson named as new Liverpool manager" (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  5. Rudd, Alyson (6 de marzo de 2009). "Roy Hodgson hoping to play trump card on Sir Alex Ferguson" (en inglés). ISSN 0140-0460. Consultado o 2023-01-16. 
  6. "Roy Hodgson career timeline". The Guardian (en inglés). 1 de xullo de 2010. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  7. 7,0 7,1 "The man that is Roy Hodgson" (en inglés). 15 de novembro de 2009. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  8. 8,0 8,1 8,2 "Roy Hodgson's route to the England manager's job". BBC (en inglés). 1 de maio de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Ashton, Becky (29 de abril de 2012). "Roy Hodgson and England: He would 'be delighted' to be manager". BBC (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  10. Glenning, Clas. "Division 2 (2nd level) 1984" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2009. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  11. "How Hodgson taught English ways to Swedes" (en inglés). 14 de xuño de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  12. 12,0 12,1 "Switzerland - International Matches since 1905". rsssf.org (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  13. "World Cup 1994 qualifications". rsssf.org (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Massarella, Louis (5 de xuño de 2014). "What Roy Hodgson learned with Switzerland at USA '94" (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  15. "Waiting in the wings". BBC (en inglés). 3 de febreiro de 1999. Consultado o 25 de outubro de 2022. 
  16. Does Roy Hodgson Have The Credentials?
  17. 17,0 17,1 17,2 Taylor, Daniel (21 de novembro de 1998). "Hodgson out as Rovers hit bottom". The Guardian (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  18. 18,0 18,1 "Hodgson quits as Rovers hit bottom". BBC (en inglés). 21 de novembro de 1998. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  19. "Football: Blackest day for Hodgson". The Independent (en inglés). 22 de novembro de 1998. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  20. "Udinese sack Hodgson". BBC (en inglés). 10 de decembro de 2001. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  21. Tynan, Gordon (11 de decembro de 2001). "Hodgson leaves Udinese after criticising club". The Independent (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 4 de xaneiro de 2011. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  22. "Hodgson leaves Udinese". UEFA (en inglés). 10 de decembro de 2001. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  23. "'Art of being a good manager doesn't just disappear'" (en inglés). 24 de marzo de 2002. Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2013. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  24. "Hodgson's England claim". BBC (en inglés). 14 de abril de 2002. Consultado o 25 de outubro de 2022. 
  25. "Hodgson is new England boss" (en inglés). 29 de abril de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  26. "Hodgson ny Viking-trener" (en noruegués). 23 de maio de 2004. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  27. "Finland pin hopes on Hodgson". UEFA (en inglés). 16 de agosto de 2005. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  28. "Hodgson gets started with Finland". UEFA (en inglés). 16 de xaneiro de 2006. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  29. "Dates for Soccer Friendly Tournament Announced" (en inglés). 4 de xaneiro de 2006. Consultado o 25 de outubro de 2022. 
  30. "Hodgson calls time on Finland reign". UEFA (en inglés). 1 de decembro de 2007. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  31. Wilson, Jeremy (29 de decembro de 2007). "Al Fayed trusts Roy Hodgson to save Fulham" (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  32. "Hodgson feels for relegated duo". BBC (en inglés). 12 de maio de 2008. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  33. McGrath, Mike (28 de xaneiro de 2010). "Hodgson predicts big future for £12m 'diamond' Smalling". The Independent (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  34. "Hodgson keeps focus on top flight". BBC (en inglés). 25 de maio de 2009. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  35. McNulty, Phil (28 de abril de 2010). "Fulham 2 - 1 Hamburg (agg 2 - 1)". BBC (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  36. "Fulham boss Roy Hodgson voted manager of the year". BBC (en inglés). 10 de maio de 2010. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  37. "Roy Hodgson 'Confirmed As New Liverpool Boss'" (en inglés). 30 de xuño de 2010. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  38. "Roy Hodgson leaves Fulham to become Liverpool manager". BBC (en inglés). 1 de xullo de 2010. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  39. Eaton, Paul (21 July 2010). "G'hopper 0 Liverpool 0" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  40. "Rabotnicki Skopje 0 - 2 Liverpool". BBC (en inglés). 29 de xullo de 2010. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  41. "Liverpool 1 - 1 Arsenal". BBC (en inglés). 15 de agosto de 2010. Consultado o 25 de outubro de 2022. 
  42. Smith, Rory (30 de agosto de 2010). "Liverpool 1 West Bromwich Albion 0: match report" (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  43. "Liverpool 2 Northampton Town 2; 2-4 pens: match report". The Telegraph (en inglés). 23 de setembro de 2010. Consultado o 25 de outubro de 2022. 
  44. Markham, Carl (24 de outubro de 2010). "Hodgson still putting on a brave face" (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  45. "Hodgson hurt by sack talk" (en inglés). 18 de outubro de 2010. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  46. Christenson, Marcus (20 de outubro de 2010). "Frank Rijkaard leaves Galatasaray amid Liverpool speculation". The Guardian (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  47. Burt, Jason (22 de outubro de 2010). "Roy Hodgson's days as Liverpool manager could be numbered as suitors eye Anfield job". Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  48. "Liverpool 2 - 0 Chelsea". BBC (en inglés). 7 de novembro de 2010. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  49. "I was unlucky as Liverpool manager, says Roy Hodgson". BBC (en inglés). 6 de marzo de 2011. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  50. "Roy Hodgson exits Liverpool & Kenny Dalglish takes over". BBC (en inglés). 8 de xaneiro de 2011. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  51. "Roy Hodgson named new manager of West Brom". BBC (en inglés). 11 de febreiro de 2011. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  52. "West Brom part company with manager Roberto Di Matteo". BBC (en inglés). 6 de febreiro de 2011. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  53. "West Brom boss Roy Hodgson plays down Liverpool revenge". BBC (en inglés). 2 de abril de 2011. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  54. "West Brom 2 - 1 Liverpool". BBC (en inglés). 2 de abril de 2011. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  55. "Roy Hodgson and England: FA news conference at 1600 BST". BBC (en inglés). 30 de abril de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  56. "Roy Hodgson appointed England manager by FA". BBC (en inglés). 1 de maio de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  57. "Liverpool 0 – 1 West Brom". BBC (en inglés). 22 April 201222. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  58. McGovern, Ste (17 de maio de 2022). "West Brom favourite defends 'brilliant' Roy Hodgson following Watford relegation" (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  59. 59,0 59,1 Fifield, Dominic (14 de maio de 2012). "Roy Hodgson adds 'invaluable' Gary Neville to England coaching staff". The Guardian (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  60. 60,0 60,1 "Euro 2012: Gary Cahill ruled out but Rio Ferdinand overlooked". BBC (en inglés). 4 de xuño de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  61. "Euro 2012: Sir Alex Ferguson doubts Ferdinand England fitness". BBC (en inglés). 12 de maio de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  62. Levy, Glen (5 de xuño de 2012). "“Footballing Reasons”: The Sordid Backstory to Rio Ferdinand’s Euro 2012 Omission" (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  63. "Norway 0–1 England – Euro 2012 warm-up friendly". BBC (en inglés). 26 de maio de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  64. "Low expectations as England arrive at Krakow base". BBC (en inglés). 6 de xuño de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  65. "Realistic Euro 2012 expectations for Roy Hodgson's England" (en inglés). 8 de xuño de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  66. Curtis, John (5 de xuño de 2012). "Less expectation at Euro 2012 could help England, says Steven Gerrard". The Independent (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  67. Scott, Steve (6 de xuño de 2012). "England's Euro 2012 expectations lower than ever as the French await". ITV (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  68. McNulty, Phil (11 de xuño de 2012). "Euro 2012: France 1–1 England". BBC (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  69. "Sweden 2 – 3 England". BBC (en inglés). 15 de xuño de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  70. "England 1 – 0 Ukraine". BBC (en inglés). 19 de xuño de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  71. McNulty, Phil (24 de xuño de 2012). "England 0–0 Italy (2–4 on pens)". BBC (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  72. Gaughan, Jack (25 de xuño de 2012). "England are out but manager Roy Hodgson has made a mark". The Independent. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  73. "Germans impressed by England under Hodgson". ESPN (en inglés). 23 de xuño de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  74. Bond, David (25 de xuño de 2012). "Priorities must change for England to succeed". BBC (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  75. White, Duncan (25 de xuño de 2012). "Euro 2012: England manager Roy Hodgson has slowly but surely restored a country’s faith in its national team" (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  76. Stone, Simon (28 de xuño de 2012). "Germany coach Joachim Low impressed with Roy Hodgson". The Independent (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  77. "England up to third in Fifa world rankings". BBC (en inglés). 8 de agosto de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  78. McNulty, Phil (7 de setembro de 2012). "Moldova 0–5 England". BBC (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  79. Gibbs, Thom (11 de setembro de 2012). "England v Ukraine: live". The Daily Telegraph (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  80. McNulty, Phil (22 de marzo de 2012). "San Marino 0 – 8 England". BBC (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  81. "Roy Hodgson to lead Under-21s". ESPN (en inglés). 31 de xullo de 2013. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  82. "England Under-21s thrash Scotland 6-0 in friendly". BBC (en inglés). 13 de agosto de 2013. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  83. Taylor, Daniel (15 de outubro de 2013). "Steven Gerrard goal against Poland ensures England will go to World Cup". The Guardian (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  84. "England World Cup squad 2014: Barkley and Sterling called up – as it happened!". The Guardian (en inglés). 12 de maio de 2014. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  85. Taylor, Daniel (12 de maio de 2014). "Leaving Ashley Cole out was one of my hardest calls, says Roy Hodgson". The Guardian (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  86. McNulty, Phil. "England 1 2 Italy". BBC (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  87. McNulty, Phil. "Uruguay 2 1 England". BBC (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  88. McNulty, Phil (20 de xuño de 2014). "World Cup 2014: England boss Roy Hodgson 'not resigning'". BBC (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  89. Winter, Henry (21 de xuño de 2014). "Costa Rica v England: Roy Hodgson's men bow out of World Cup with whimper after goalless draw in final game" (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  90. "England's FIFA World Rankings". englandfootballonline.com (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  91. "Wayne Rooney: England name Man Utd striker as new captain". BBC (en inglés). 28 de agosto de 2014. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  92. "England join EURO's perfect qualification club". UEFA (en inglés). 12 de outubro de 2015. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  93. White, Jim (1 de xuño de 2016). "Roy Hodgson's bold attacking selection gives England fighting chance". Eurosport (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  94. "England's young stars excite Rickie Lambert for Euro 2016" (en inglés). 6 de xuño de 2016. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  95. "UEFA EURO reporter's view: England". UEFA (en inglés). 1 de xuño de 2016. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  96. "Euro 2016: Roy Hodgson resigns after England lose to Iceland". BBC (en inglés). 27 de xuño de 2016. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  97. Burt, Jason (28 de xuño de 2016). "Roy Hodgson resigns after Euro 2016 failure - where and why it all went wrong for England's manager" (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  98. "Hodgson appointed Crystal Palace manager" (en inglés). 12 de setembro de 2017. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  99. Cross, John (11 de setembro de 2017). "Frank de Boer sacked as Crystal Palace after 77 days in charge as Eagles line up Roy Hodgson to replace Dutchman" (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  100. Stone, Simon (23 de febreiro de 2019). "Roy Hodgson: The Premier League's oldest manager - by those who know him best". BBC (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  101. "Roy Hodgson agrees Palace contract extension" (en inglés). 6 de marzo de 2020. Arquivado dende o orixinal o 6 de marzo de 2020. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  102. "Roy Hodgson to step down as Crystal Palace manager" (en inglés). 18 de maio de 2021. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  103. "Roy Hodgson: Watford appoint former England boss as new manager on deal until end of season" (en inglés). 26 de xaneiro de 2022. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  104. "Roy Hodgson felt Watford could have avoided relegation" (en inglés). 22 de maio de 2022. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  105. "Roy Hodgson named England manager: What makes Roy tick?". BBC (en inglés). 2 de maio de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  106. Pitts, Lauren (1 de maio de 2020). "Roy Hodgson on embracing language and culture through an international career (part 1)" (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  107. "Star-studded line-up for Mandela match". Independent Online (en inglés). 7 de xullo de 1999. 
  108. "Hodgson under scrutiny" (en inglés). 1 de maio de 2012. Consultado o 25 de outubro de 2022. 
  109. Hassan, Kariem (17 de agosto de 1999). "Thrilling match bids Madiba farewell". Independent Online (en inglés). 
  110. "Roy Hodgson receives Finnish 'knighthood' for services to football". The Guardian (en inglés). 29 de setembro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2012. Consultado o 25 de outubro de 2022. 
  111. "England football boss Roy Hodgson gets honorary degree". BBC (en inglés). 22 de xaneiro de 2016. Consultado o 25 de outubro de 2022. 
  112. "‘Sir Roy of Croydon’ handed the Freedom of the Borough" (en inglés). 16 de maio de 2018. Consultado o 25 de outubro de 2022. 
  113. Speare-Cole, Rebecca (4 de maio de 2022). "Roy Hodgson says CBE is ‘ultimate accolade’". The Independent (en inglés). Consultado o 25 de outubro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]