Roupa vella
A roupa vella é unha preparación a base de carnes e outros produtos sobrantes dun cocido (ou dunha lacoada), típico da gastronomía de Galicia, aínda que tamén, on algunhas variantes, doutros países de fala hispana, onde se coñece como ropa vieja.
Preparación
[editar | editar a fonte]Para a súa preparación, nunha tixola e cun pouco aceite de oliva dóurase un pouco (até que queden transparentes) cebola picada, que se pasará a unha gran tixola; dóuranse, un pouco máis, pementos (verdes, ou vermellos, ou ambos) cortados en tiras e estas divididas en dous ou tres partes, que se pasan tamén á tixola grande, que estará a un lume moi baixo. Noutra tixola pequena, frítense varios tomates cortados en cuarteiróns, e machucándoos cunha culler de pau, para que se desfagan ben, e incorpóranse á gran tixola.
A continuación, noutra tixola limpa, e en aceite limpo, dóuranse os restos cárnicos do cocido, cortados en pequenos anacos (a poder ser, non deben faltar o lacón, a costela de porco, o xarrete, o polo, o chourizo e o touciño; segundo Picadillo,[1] se houber tamén galiña, aínda sería mellor).
A medida que quedan dourados, vérquense tamén na tixola grande. Á parte, dóuranse os garavanzos, pouco, procurando que non salten, e tamén e incorporan á gran tixola. Sazónase con pementas branca e negra e un pouco de sal. Remóvese e mestúrase todo coa culler de pau.
Mentres se fai todo isto, cócense varios ovos que despois, costados en gallos, servirán para adornar a fonte onde se servir´a roupa vella.
Variantes
[editar | editar a fonte]Algúns engaden, xunto coas pementas, especies de callos e comiño moído.
Este prato é, como vimos, para aproveitar as sobras dun cocido. Se á súa ve houbera sobras desta preparación, o mestre Picadillo suxire unha forma para aproveitala, a roupa inservíbel.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Picadillo (2001): La cocina práctica. León (España): Editorial Everest Galicia, S. L. ISBN 84-403-0510-9. (A primeira edición é de 1905).
- Sueiro, J.-V. (1981): "Ropa vieja", en Comer en Galicia. Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-8533-732-8, páx. 237.