Rosario Pi
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 29 de xullo de 1899 Barcelona, España |
Morte | 22 de marzo de 1967 (67 anos) Madrid, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | directora de cinema , actriz , escritora , guionista , empresaria |
Pseudónimo literario | Rizpay |
Lingua | Lingua castelá e lingua catalá |
Rosario Pi Brujas, nada en Barcelona en 1899 e finada en Madrid o 22 de marzo de 1967, foi unha directora, produtora e guionista de cinema catalá.
Con Helena Cortesina, Ana Mariscal e Margarita Alexandre conforma o cuarteto de mulleres fundadoras do cinema de España.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Rosario Pi naceu en Barcelona no seo dunha familia adiñeirada que posuía unha fábrica téxtil en Sabadell. Durante toda a vida sufriu as secuelas dunha parálise infantil (posiblemente poliomielite[2]) que a obrigou a levar un bastón e zapatos ortopédicos. Aínda así foi unha muller activa e intelectualizada.[3]
Abriu unha tenda de moda, ou unha corsetaría, en Barcelona na década de 1920, que non prosperou e acabou pechando en 1929 na procura doutros horizontes. Marchou a Madrid e, a partir de entón, centrou a súa actividade no cinema. Creou a produtora Star Films co mexicano Emilio Gutiérrez Bringas e co español Pedro Ladrón de Guevara, na que figuraba como presidenta.[4] Entre 1931 e 1935 produciu o primeiro filme sonoro de Edgar Neville, así como dos directores Benito Perojo e Fernando Delgado.
En 1933 produciu curtas e longametraxes e comezou a súa carreira cinematográfica detrás da cámara. Dirixiu o seu primeiro filme, El gato montés (1935), que se considerou o primeiro filme sonoro dirixido por unha muller en España ata que en 2020 se descubriu nos arquivos da Filmoteca Española o filme Mallorca, de María Forteza, cunha data que non se puido establecer con precisión.[5] Cómpre salientar que xa en 1921, outra muller, a bailarina e actriz Helena Cortesina (1904-1984) dirixira o filme mudo Flor de España o leyenda de un torero.[3]
Foi amiga de Perico Chicote e Ricardo Urgoiti, que lle deixaron os locais para os seus filmes, xa que non tiña recursos económicos suficientes.[3]
Os filmes de Pi, a pesar de seren folletíns típicos dos anos 30, tiñan trazos surrealistas e vangardistas que Luis Buñuel repetiu en Abismos de pasión (1953).[6] En plena guerra civil, comezou a rodar Molinos de viento (1937) que rematou en París, onde fuxiu coa protagonista, Maria Mercader. O filme, producido por Internacional Films, de Barcelona, estreouse en 1938, mais a súa proxección foi censurada na zona republicana porque Pi foi acusada de filofascista.
Recibiu unha oferta da Fox, mais tras desbotar a posibilidade de traballar en Hollywood,[6] Pi e Mercader marcharon a Roma, aos estudos de Cinecittà, onde coñeceron a Vittorio de Sica, que casou con Maria Mercader. Algúns críticos cren que Pi continuou a traballar no cinema en Roma e que foi a directora se acreditar do filme Forza bruta (1940).[7]
Na posguerra regresou a Madrid, despois de buscar un traballo en Barcelona, onde o réxime franquista —co que simpatizara— non a acolleu por ser unha muller de cinema e vangardista. Resultoulle imposible traballar na súa profesión nun mundo de homes en que só lle daba importancia ás mulleres como actrices. Escribiu algúns artigos co pseudónimo de Rizpay[8] e nos últimos anos da súa vida abriu un restaurante en Madrid, onde morreu en 1967.[3][4]
Filmografía
[editar | editar a fonte]Título | Ano | Tarefa |
---|---|---|
¡Yo quiero que me lleven a Hollywood! | 1931 | Produción |
El hombre que se reía del amor | 1933 | Produción |
Odio | 1934 | Produción (filme dirixido por Richard Harlan) |
Doce hombres y una mujer | 1934 | Guión, escenografía, deseño de produción (filme dirixido por Fernando Delgado, sobre un libro de Wenceslao Fernández Flórez) |
El gato montés | 1935 | Dirección e guión (sobre a ópera de Manuel Penella) |
Molinos de viento | 1938 | Dirección (filme perdido[9]) |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Margarita Alexandre, la antifranquista que deslumbró a Franco, El País, 4 de xaneiro de 2016 (en castelán)
- ↑ Martin-Márquez, Susan (1999). Feminist Discourse and Spanish Cinema: Sight Unseen (en inglés). Oxford University Press. ISBN 9780198159797.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Marin Silvestre, Dolors. "Rosario Pi Brujas". Diccionari Biogràfic de Dones. Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2015. Consultado o 23 de marzo de 2015.
- ↑ 4,0 4,1 "Biografía de Rosario Pi". 23 de maio de 2010. Archived from the original on 23 de maio de 2010. Consultado o 12 de agosto de 2018.
- ↑ "‘Mallorca’, de María Forteza, ¿la primera película sonora dirigida por una mujer en España?". www.elsaltodiario.com (en castelán). Consultado o 11 de maio de 2020.
- ↑ 6,0 6,1 "Rosario Pi Brujas | Real Academia de la Historia". dbe.rah.es (en castelán). Consultado o 12 de agosto de 2018.
- ↑ Zecchi, Barbara (2014). Desenfocadas. Cineastas españolas y discursos de género. Barcelona: Icaria. pp. 49–56. ISBN 978-8498885682.
- ↑ Crusells, Magí and Sebastián, Jordi (2008). Diccionario de directores de cine en Cataluña. p. 194.
- ↑ Zecchi, Barbara. "Rosario Pi Brujas". Gynocine Project. Consultado o 3 de setembro de 2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Riambau, Esteve (2019) Laya Films i el cinema a Catalunya durant la Guerra Civil. Barcelona, L'Avenç ISBN 978-8416853250
- Romero Marin, Juan José (2000). «Rosario Pi». En: Martinez, Cándida; Pastor, Reyna; de la Pascua, M. José; Tavera, Susanna (coords.). Mujeres en la historia de España. Enciclopedia biográfica. Madrid: Ed. Planeta
- Torres, Augusto M. (2004). Directores españoles malditos. Madrid: Ed. Huerga y Fierro
- Alet Valero, Una española frente a la españolada. Rosario Pi, "El gato montés", 1936 Hispanística XX, 0765-5681, Nº. 14, 1996, páx. 31-54
- Zecchi, Barbara (2005). "Reinventando el placer cinematográfico femenino Rosario Pi, Josefina Molina y Judith Colell" en: Reescribir ficciones : imágenes de la literatura en el cine y la televisión. Mirabel Editorial. ISBN 8493427586. Consultado o 12 de agosto de 2018.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Cartel do filme El gato montés, dirixido por Rosario Pi