Rosa Mota

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Rosa Mota
Rosa Mota na Exponor.JPG
Nacemento29 de xuño de 1958
 Porto
NacionalidadePortugal
Ocupaciónmaratonista, fondista e política
editar datos en Wikidata ]
Rosa Mota

Rosa Maria Correia dos Santos Mota, nada en Porto o 29 de xuño de 1958, é unha atleta portuguesa especialista en maratón e que foi campioa olímpica desta distancia nos Xogos de Seúl 1988.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Empezou no atletismo por consello dos médicos para combater a asma. Ao principio participaba sobre todo en probas de cros-country. En 1980 coñeceu a Pedro Pedrosa, quen sería o seu adestrador durante toda a súa vida deportiva.

A súa primeira gran competición foron os Campionatos de Europa de Atletismo de 1982, celebrados en Atenas. Era a primeira vez que se celebraba o maratón feminino no marco dun grande evento atlético, e era tamén a primeira vez que Rosa Mota corría un maratón. A pesar de non contar entre as favoritas fíxose coa medalla de ouro en 2h36:03, vencendo a unha especialista consagrada como a norueguesa Ingrid Kristiansen, que só foi bronce.

En 1983 obtivo a vitoria no prestixioso maratón de Chicago, logro que repetiría en 1984. Con todo nos Campionatos do Mundo de Helsinqui de 1983 só puido finalizar en 4ª posición nunha proba gañada pola norueguesa e ex-plusmarquista mundial Grete Waitz.

No primeiro maratón olímpico feminina da historia, nos Xogos dos Ánxeles 1984, obtivo unha meritoria medalla de bronce, tras a estadounidense Joan Benoit (ouro) e a norueguesa Grete Waitz (prata)

A partir dese ano Rosa Mota sería a gran dominadora da proba de maratón ata finais da década dos oitenta. Revalidou o seu título de campioa europea en 1986 en Stuttgart (2h28:38), proclamouse campioa mundial en 1987 en Roma (2h25:17 e con máis de 7 minutos de vantaxe sobre a 2ª clasificada, a maior vantaxe da historia nuns Mundiais ou Xogos Olímpicos), e finamente obtivo a vitoria máis importante da súa carreira, gañando o ouro nos Xogos Olímpicos de Seúl 1988.

En Seúl Rosa Mota atacou a falta de 2 km para a meta e gañou con 2h25:40 e con 13 segundos de vantaxe sobre a australiana Lisa Martin, que foi prata con (2h25:53), mentres que o bronce levoullo a alemá oriental Katrin Dörre con 2h26:21

En 1990 logrou en Split o seu terceiro título consecutivo de campioa de Europa, nunha carreira épica na que chegou a liderar a proba cun minuto e medio de vantaxe, pero onde foi atrapada no quilómetro 35 pola soviética Valentina Yegorova. Ambas se enfrontaron nos últimos quilómetros e Rosa Mota logrou o triunfo por unha marxe de só 5 segundos, con 2h31:27. É a única maratoniana (muller ou home) que gañou en tres Campionatos de Europa.

Aparte dos seus triunfos en grandes eventos, Rosa Mota cimentou o seu prestixio no maratón de Boston, que gañou en tres ocasións (1987, 88 e 90), o maratón de Chicago en dous (1983 e 84), e o maratón de Londres, que gañou en 1991, na que foi a súa última vitoria importante. As súas outras vitorias logrounas en Rotterdam (1983), Toquio (1986) e Osaca (1990).

Retirada[editar | editar a fonte]

O final da súa carreira deportiva estaba próximo, en parte polos problemas de ciática que arrastraba desde había tempo. Nos Mundiais de Toquio 1991 non puido acabar a proba. Tras volverse a retirar no maratón de Londres de 1992 decidiu pór fin á súa carreira deportiva.

En total Rosa Mota correu 21 maratóns entre 1982 e 1992, gañando 14 deles. Curiosamente a súa mellor marca, de 2h23:29 logrouna no maratón de Chicago de 1985, onde só puido acabar 3ª, por detrás de Joan Benoit e de Ingrid Kristiansen.

Aparte do maratón, conseguiu triunfos noutras probas, como a prestixiosa San Silvestre de São Paulo que gañou en seis ocasións consecutivas entre 1981 e 1986, algo que ninguén máis conseguiu

Rosa Mota é unha das mellores corredoras de maratón da historia, quizá a mellor xunto á norueguesa Grete Waitz. No seu palmarés unicamente faltoulle bater a marca do mundo. É tamén unha das figuras máis importantes que deu o deporte portugués, xunto ao tamén maratoniano Carlos Lopes ou os futbolistas Eusébio e Luís Figo.

En 1998 concedéronlle en Nova York o Premio Abebe Bikila, pola súa contribución ao desenvolvemento do adestramento para carreiras de longa distancia.

Mellores marcas[editar | editar a fonte]

  • 5.000 metros - 15:22,97 (1985)
  • 10.000 metros - 32:33,51 (1985)
  • Maratón - 2h23:29 (1985)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]