Rosa García Ascot

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rosa García Ascot
Nome completoRosa García Ascot
Nacemento8 de abril de 1902
Lugar de nacementoMadrid
Falecemento2 de maio de 2002
Lugar de falecementoTorrelaguna
NacionalidadeEspaña
Ocupacióncompositora e pianista
CónxuxeJesús Bal y Gay
Na rede
Musicbrainz: 0c2e14e4-0a4c-41ee-85de-9d59b2d45093 Allmusic: mn0002163900 Find a Grave: 33735824 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Rosa García Ascot, nada en Madrid o 8 de abril de 1902[1][2] e finada en Torrelaguna o 2 de maio de 2002, foi unha compositora e pianista española, única muller integrante do denominado Grupo dos Oito.[3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De familia acomodada, filla dun avogado de Toledo e dunha nai natural de Tortosa, pianista afeccionada e amiga do músico Felip Pedrell, que detectou as habilidades precoces da moza Rosita e que a recomendou a Enrique Granados. Á morte deste, Pedrell aconselloulle tomar clases con Manuel de Falla, que a admitiu como discípula.[4]

García Ascot tivo unha grande actividade como solista de concertos e recitais durante o primeiros dez anos da súa carreira. En 1921 acompañou o propio Manuel de Falla na estrea parisiense da versión para piano a catro mans da súa virtuosística Noches en los jardines de España.

Aquelas primeiras clases con Falla, dos meus temores, da miña vergoña e o meu pudor de pequena compositora ao descubrir as miñas obriñas ao mestre e do agarimo e a paciencia con que me escoitaba. Estou a velo e véxome tremendo, aínda que todo se converteu xa en serena placidez e calado sorriso. Así o vivo agora, Non hai medo nin tremor e si gozo e pracenteira calma por vivir aqueles días inesquecíbeis e tamén por poder lembralos nestes días de con total frescura e delectación, aínda que cun chisco de nostalxia. Non boto de menos os concertos porque tiña moito, moitísimo medo, e pasaba moi maos momentos e unhas angustias de morte, mais si boto de menos aquela vida encantadora e chea de sucesos gratos e conmovedores. Reunións musicais, reunións con poetas, reunións vivificantes. Era un vivir para encher a alma... (extracto de Nuestros trabajos y nuestros días, citado en El Correo Gallego)[4]

En 1933 casou co tamén compositor e musicólogo Jesús Bal y Gay, o que acompañou mentres exercía de lector de español en Cambridge (1935-1938). Ao estalar a Guerra Civil, Bal y Gay emigra a México mentres ela toma clases con Nadia Boulanger en París: a parella reunirase en México uns anos máis tarde.

Alí, xunto con Vera Strawinsky, a parella García Ascot-Bal y Gay funda a galería de arte privada Diana, onde expuxeron artistas como Leonora Carrington, a tamén exiliada española Remedios Varo, e artistas locais como Lucinda Urrusti, Ángela Gurría ou Pedro Friedeberg[5].

En 1965 regresaron a España, en cuxa vida pública o seu marido se reintegrou parcialmente, mentres que as súas aparicións públicas foron pouco frecuentes e sempre en circunstancias moi especiais. Elaborou xunto a Bal y Gay o libro de memorias Nuestros trabajos y nuestros días (Fundación Banco Exterior de España, 1990). Morreu nunha residencia de anciáns un mes despois de cumprir 100 anos.[6]

Obra[editar | editar a fonte]

Foi a única muller do coñecido Grupo dos Oito, ao que pertenceron Julián Bautista, Ernesto Halffter e o seu irmán Rodolfo, Juan José Mantecón, Fernando Remacha, Salvador Bacarisse e Gustavo Pittaluga. García Ascot estreou e divulgou a produción pianística dos seus compañeiros e a súa propia.

Unha parte considerábel da súa obra, de orientación neoclasicista, permanece inédita. Nos últimos tempos, con todo, está a reporse a música que se salvou da destrución, en parte grazas a tarefas de restauración, como a da súa Suite para orquestra, da que só restaban as particellas instrumentais e reestreouse en 1992.[6] Unha colección de pezas para piano foi editada en 2020 polo musicólogo canario Ignacio Clemente, xa que foran conservadas por María Teresa Heredia, herdeira e amiga da compositora e á vez parente do investigador.[4] Outros títulos notábeis son: Preludios, Petite Suite e Tango, para piano, e unha danza para guitarra, La Española.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Obras para piano del Grupo madrileño de los 8. Ainhoa Padrón, piano. Serie El patrimonio musical hispano, 24. Sociedad Española de Musicología, 2010. Inclúe: Petite Suite.
  • Spanish Guitar Music Around 1930. Yiannis Efstathopoulos, guitarra. Inclúe: Española.
  • Piano Tribute to Rosa García Ascot. Ignacio Clemente Estupiñán, piano. Orpheus Classical, 2020.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Rosita García Ascot" (en castelán). 12 de xuño de 2009. Consultado o 24 de maio de 2020. 
  2. "Rosa García Ascot (1902-2002): homenaje de Find a..." (en castelán). Consultado o 24 de maio de 2020. 
  3. EFE (8 de maio de 2002). "Rosa García Ascot, compositora, pianista y discípula de Manuel de Falla". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 24 de maio de 2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 García Balado, Ramón (2020-5-29). "Rosa García Ascot, en recuperación por Ignacio Clemente Estupiñán". El Correo Gallego. Consultado o 2021-1-17. 
  5. "Galería Diana. México 1955-1965.". Consultado o 2021-1-17. 
  6. 6,0 6,1 Capdepón Verdu, Paulino. "Rosa García Ascot" (en castelán). Consultado o 2021-1-17. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]