Rula

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Rola»)

A rula[3] (Streptopelia turtur) ou rula común, para diferenciala de especies próximas como a rula turca (Streptopelia decaocto), é unha ave migratoria da familia Columbidae. Tamén é aceptada a variedade dialectal rola.[4]

Descrición[editar | editar a fonte]

Son máis pequenas e delgadas que as pombas: miden entre 26 e 29 cm e pesan uns 300 gramos. Teñen un debuxo branco e negro nos lados do pescozo. A parte inferior do corpo é branca e o papo avermellado. A cola é escura cunha faixa terminal branca e as beiras tamén brancas. As aves adultas teñen a cabeza, o pescozo, os lados e o torso gris azulados e as ás de cor cinamomo manchadas de negro. O peito é de cor aviñado e o abdome e as plumas inferiores da cola son brancas. O bico é negro e as patas e os aneis oculares vermellos. As listas brancas e negras do pescozo non están presentes nas aves inmaturas, que son máis pardas e mates e teñen as patas castañas.

O seu berro, do que lle ven o nome vulgar, é unha sorte de rrur, rrur ou "turr turr".

Hábitat e distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Son aves dos bosques abertos máis que de mestos, que ocasionalmente poden face-los seus niños tamén en grandes xardíns, pero son en xeral aves moi tímidas. Crían no Paleártico occidental, a onde chegan a finais de abril, permanecendo ata setembro. En Europa faltan completamente só en Islandia, Irlanda e Escandinavia. Pasan o inverno en África, ó sur do Sáhara.

A especie está a sufrir unha forte redución das súas poboacións en Europa, causada polos cambios nos métodos agrícolas que provocan a escaseza das sementes das que se alimenta, pola presión cinexética (sobre todo cando cruzan o Mediterráneo durante as migracións), a destrución das sebes e o emprego de pesticidas.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Comen principalmente sementes, buscándoas a miúdo no chan, moitas veces en campos cultivados ou noutras superficies planas.

Reprodución[editar | editar a fonte]

A súa época reprodutora vai de maio a agosto. En chegando ós territorios de cría déixase oír o seu rular profundo e vibrante. O voo nupcial, alto e en círculos é acompañado polo son das ás batendo. O niño, feito con coteliños e follas e máis axiña chafalleiro, constrúeno nas árbores ou en sebes mestas a non moita altura. Poñen dous ovos brancos a finais de maio ou primeiros de xuño e a miúdo fan unha segunda posta en xullo ou agosto. Chocan uns 17 ou 18 días.

Nomes vulgares noutras linguas[editar | editar a fonte]

Canta rula na gaiola;
canta rula, canta rula,
canta que vou pra fóra.

—Popular[5]
  • Alemán: Turteltaube
  • Catalán: Tórtora
  • Español: Tórtola común
  • Euskara: Usapal
  • Francés: Tourterelle des bois
  • Inglés: Turtle dove
  • Italiano: Tortora
  • Polaco: Turkawka
  • Portugues: Rola-brava
  • Sueco: Turturduva

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2015). "Streptopelia turtur". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2015.4 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de xullo de 2016. 
  2. Brehm (1891 [with modern update]). Turteltaube. Die Vögel (en alemán) 2. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 04 de decembro de 2014. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rula.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rola.
  5. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha da rula. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 125. ISBN 84-7154-379-6. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]