Robert Goddard

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Robert Goddard
Nome completoRobert Hutchings Goddard
Nacemento5 de outubro de 1882
Lugar de nacementoWorcester, Massachusetts
Falecemento10 de agosto de 1945
Lugar de falecementoBaltimore
Causacancro do esófago
SoterradoHope Cemetery
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterClark University, Worcester Polytechnic Institute e South High Community School
Ocupaciónenxeñeira aeroespacial, físico, inventor, matemático, enxeñeiro e astrónomo
PaiNahum Danford Goddard, Jr.
CónxuxeEsther Christine Kisk
PremiosMedalha Daniel Guggenheim, Medalla de Ouro do Congreso dos Estados Unidos de América, Nacional Aviación Hall of Fame, Salón da Fama dos Inventores Nacionais, Medalha de Ouro Langley e International Space Hall of Fame
Na rede
WikiTree: Goddard-1213 Find a Grave: 398 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Robert Hutchings Goddard, nado o 5 de outubro de 1882 en Worcester, Massachusetts e finado o 10 de agosto de 1945 en Baltimore, Maryland, foi un enxeñeiro, físico, profesor e inventor dos Estados Unidos pioneiro no campo da foguetería, chegando a construír o primeiro foguete de propelente líquido.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A Goddard, xunto co ruso Konstantin Tsiolkovskii e o alemá Hermann Oberth, se lle considera un dos pioneiros do voo espacial, facendo importantes contribucións teóricas e técnicas e lanzando o primeiro foguete de propelente líquido en 1926.[1][2]

Goddard doutorouse en física pola Universidade Clark en 1911, chegando a ser director dos seus laboratorios. Comezou os seus traballos sobre foguetes en 1909, rexistrando dúas patentes en 1914, unha delas relativa ao uso de propelentes líquidos en foguetes e a outra sobre o uso de dúas ou tres etapas en foguetes de propelente sólido, adiantándose ao seu tempo. En xaneiro de 1920 publicou no número 2540 da revista Smithsonian Miscellaneous Publication o seu artigo A Method of Reaching Extreme Altitudes. (Un método para chegar a altitudes extremas), onde detalla métodos para levar instrumentación científica a maiores alturas das que poden achegar os globos meteorolóxicos usando foguetes, para o cal desenvolve toda unha serie de teorías matemáticas da propulsión a reacción. Cara finais de 1920 Goddard indica a posibilidade de enviar un foguete á Lúa. Os periódicos recolleron a proposta, levantando gran controversia e en último termo ridiculizando a Goddard, que recelou da prensa o resto da súa vida.[1][2]

Os traballos posteriores de Goddard desenvolveron as ideas do control xiroscópico dos foguetes, o control de dirección mediante aletas no foguete, o movemento das tobeiras mediante cardáns e bombas de propelente accionadas mediante motores. O lanzamento dun foguete de probas en 1929 foi o primeiro no que se enviaron instrumentos científicos a bordo, un barómetro e unha cámara. As súas ideas acabaron chegando á Sociedade de Foguetes Alemá, sociedade civil creada en 1927, co exército dese país comezando o seu programa de foguetes en 1931, culminando no mísil V-2.[1][2]

As ideas de Goddard axudaron a dar inicio á era espacial, aínda que apenas foi recoñecido en vida. Goddard finou o 10 de agosto de 1945. Un dos principais laboratorios da NASA foi nomedado no seu honor, o Centro Goddard de Voos Espaciais.[1][2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Mark Wade (2023). "Goddard, Robert H" (en inglés). Consultado o 1 de maio de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Brian Dunbar (3 de outubro de 2022). "Dr. Robert H. Goddard, American Rocketry Pioneer" (en inglés). Consultado o 1 de maio de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]