Robert Fulton

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Robert Fulton
Robert Fulton - Circle of Thomas Sully.jpg
Nacemento 14 de novembro de 1765
  Little Britain Township
Falecemento 24 de febreiro de 1815
  Nova York
Causa tuberculose
Soterrado Trinity Church Cemetery
Nacionalidade Estados Unidos de América
Ocupación Enxeñeiro e inventor
Premios National Inventors Hall of Fame
editar datos en Wikidata ]

Robert Fulton, nado no Condado de Lancaster, Pensilvania o 14 de novembro de 1765 e finado en Nova York o 24 de febreiro de 1815 foi un enxeñeiro e inventor estadounidense, coñecido por desenvolver o primeiro barco de vapor que se converteu nun éxito comercial.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fulton presenta a primeira máquina de vapor a Napoleón Bonaparte en 1803.

Robert Fulton naceu en Pensilvania. Puido interesarse por primeira vez nas máquinas de vapor en 1777 cando, á idade de 12 anos, visitou o delegado de Lancaster William Henry, que estudara a máquina de vapor de James Watt nunha visita a Inglaterra. Á súa volta, Henry construíu a súa propia máquina e en 1763 (dous anos antes do nacemento de Fulton) tentou colocala como motor dun barco, que terminou afundíndose. Cando Fulton alcanzou a maioría de idade, en 1786, partiu a Inglaterra para estudar pintura. Neste país fixo o seu primeiro invento, que consistía nun sistema de elevadores aplicado á navegación interna.

Xa en 1793 propuxera plans para a construción de barcos de vapor aos gobernos británico e estadounidense, e en Inglaterra coñeceu o duque de Bridgewater, cuxo canle usou pouco tempo despois para facer as probas dunha barcaza a vapor, e quen máis tarde comprou barcos de vapor a William Symington. Symington lograra con éxito facer navegar barcos de vapor en 1788, e é moi probable que Fulton estivese ao tanto destes desenvolvementos.

En 1797 Fulton foise a Francia, onde o marqués Claude de Jouffroy construíra un barco de vapor propulsado mediante rodas de paletas en 1783. Aí comezou a experimentar con torpedos submarinos e torpedos navais. Deseñou o seu primeiro submarino de hélice, denominado o Nautilus, por encargo de Napoleón Bonaparte. O Nautilus foi probado por primeira vez en 1800.

En xuño de 1802 o ministro británico creou unha comisión para avaliar o proxecto do submarino de Fulton. A comisión integrábana Sir Joseph Banks, Mr. Canvesdih, Sir Home Riggs Popham, o Maior Congreve e Mr. John Rennie. Tras varias semanas de traballo a comisión determinou que o proxecto era inviable.[1]

Robert Fulton (1803) por Jean Antoine Houdon.

En 1800 coñeceu a Robert Livingston, embaixador dos Estados Unidos (pai da que logo foi a súa esposa), e decidiron construír un barco de vapor para probalo no río Sena. Fulton experimentou coa resistencia á auga de diferentes quillas de barcos, facendo deseños e modelos e mesmo fixo construír un barco de vapor completo.[2] O seu primeiro prototipo afundiuse, pero reconstruíuno e fortaleceu o armazón. O 9 de agosto de 1803, o barco navegou río arriba baixo a atenta mirada dunha multitude de persoas. O barco tiña 20 metros de eslora, 2,4 m de manga e alcanzaba unha velocidade de 5 a 6 km/h contra corrente e a corrente normal de 7 a 9 km/h.

O primeiro barco de vapor comercial[editar | editar a fonte]

O monstro de Fulton, o Clermont ou o Barco de Vapor do Río Norte.

Por entón Fulton escribiu a James Watt, da compañía Boulton and Watt, solicitando a construción dunha máquina de vapor a partir dos seus planos, e en 1804 volveu a Inglaterra. En 1802, o Charlotte Dundas de Symington remolcara dúas barcazas de 70 toneladas pola canle Forth e Clyde, en Escocia, demostrando a utilidade da potencia desenvolvida pola máquina de vapor. Aínda que Fulton probablemente nunca chegou a ver este barco, ao parecer mantiña correspondencia con Henry Bell, que si estaba a tomar un certo interese niso. Fulton traballaba agora nos experimentos con torpedos, axudando tamén a William Murdoch no deseño e detalles técnicos da súa máquina de vapor. Cando estivo terminada, fíxoa enviar a Nova York, onde regresou en 1806. Aí construíuse o barco que se convertería no primeiro barco de vapor a paletas comercialmente viable.

A este barco chámaselle a miúdo Clermont, aínda que de feito nunca chegou a chamalo así, e adoitábase referir a el como o barco de vapor do río Norte. Clermont era o nome do lugar ao que o barco de vapor se dirixiu na súa primeira viaxe, a 177 km de distancia polo río Hudson. A viaxe a Albany continuou despois dunha parada de 20 horas en Clermont.

A viaxe inicial do monstro de Fulton describiuse nunha publicación de 1807:[3]

A sorpresa e o medo manifestáronse entre os tripulantes destes barcos, dado que a aparencia do navío era extrema. Estas persoas simples, a maioría das cales non ouviran falar dos experimentos de Fulton, vían o que lles parecía un monstro inmenso, vomitando lume e fume pola súa gorxa, golpeando a agua coas súas aletas e facendo tremer o río co seu ruxido. Algúns arroxáronse ao chan da cuberta dos seus navíos, mentres que outros tomaron os seus botes e fuxiron á costa, deixando os seus barcos aboiando á deriva da corrente. O terror non o sentiron só os navegantes. As persoas que paseaban pola beira agolpábanse para observar o barco de vapor cando pasaba.
O primeiro barco de guerra de vapor do mundo, o Fulton the First, tamén chamado Demologos, no porto de Nova York.
East River Ferry, Brooklyn

Fulton patentou o seu deseño do barco de vapor o 11 de febreiro de 1809, construíu máis barcos e deseñou o primeiro barco de guerra impulsado a vapor, que se chamou Demologos, mais non chegou a velo completado. Foi bautizado finalmente Fulton the First, na súa honra.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

A patente garantiu a Fulton o privilexio de ser durante trinta anos o único provedor para o tráfico de buques de vapor de Nova York. A competencia estaba prohibida por lei. Thomas Gibbons, un empresario que se dedicaba aos barcos de vapor, contratou a Cornelius Vanderbilt para levar pasaxeiros entre Nova York e Nova Jersey por un prezo máis barato durante un seis meses. En 1824, no caso Gibbons vs. Ogden, a Corte Suprema suprimiu o monopolio de Fulton, entendendo que os estados non poden regular legalmente o comercio interestatal. Os prezos das pasaxes caeron de forma inmediata de sete a tres dólares e o tráfico incrementouse dramaticamente. Fulton foi incapaz de competir cos prezos tan baixos ofrecidos por Gibbons e Vanderblit, polo que terminou en bancarrota.

Burton W. Folsom, Jr. acusou a Fulton na súa obra The Myth of the Robber Barons de ser o que denomina un empresario político: un home de negocios que busca gañar beneficio a través de subsidios, proteccionismo, contratos gobernamentais ou outros acordos favorables con gobernos a través da influencia política en lugar da competencia xusta no mercado.

Morreu de pleurite á idade de 49 anos. Está enterrado no cemiterio da Igrexa da Trindade, en Manhattan, Nova York.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cadwallader, David Colden (1817). The Life of Robert Fulton. Nova York. 
  2. Burgess, Robert Forrest (1975). Ships Beneath the Sea. McGraw-Hill. ISBN 978-0-07-008958-7. 
  3. Great Fortunes, and How They Were Made by James Dabney McCabe

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]