Saltar ao contido

Robert Friedberg

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRobert Friedberg
Biografía
NacementoRubin Friedberg
7 de novembro 1912
Atlantic City, Nova Jersey
Morte14 de xuño de 1963 (50 anos)
Hackensack, Nova Jersey.
Lugar de sepulturaCemiterio Menorah de Clifton, Nova Jersey. 
País de nacionalidade Estadounidense
EducaciónUniversidade da Cidade de Nova York
Actividade
Campo de traballoNumismática e empresa.
Ocupaciónnumismático Editar o valor en Wikidata
EmpregadorCapitol Coin Company.
Coin and Currency Institute.
Membro de
American Numismatic Association.
Society of Paper Money Collectors.
Obra
Obras destacables
Paper Money of the United States (1953)
Gold Coins of the World (1958).
Coins of the British World (1962).
Familia
CónxuxeGoldye Nessanbaum (1948). Editar o valor en Wikidata
FillosIra Seth Friedberg.
Arthur Louis Friedberg. Editar o valor en Wikidata
PaisHarry Friedberg Editar o valor en Wikidata  e Sarah Friedberg. Editar o valor en Wikidata
Premios
1986: Salón da Fama da ANA.
1993: Premio Literario da AINP.
2014: Salón da Fama da SPMC.

Robert Friedberg, nado en Atlantic City, Nova Jersey, o 7 de novembro de 1912, e finado en Hackensack, no mesmo estado, o 14 de xuño de 1963, foi un numismático e editor estadounidense especializado no papel moeda e nas moedas estadounidenses, destacado por idear un sistema de numeración estandarizado para as moedas de ouro do seu país.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Robert Friedberg naceu en 1912 en Atlantic City, no estado de Nova Jersey, fillo dunha parella de emigrantes rusos que nos Estados Unidos tomaron os nomes de Sara e Harry, xastre de profesión. Nos rexistros de nacemento, Robert aparece anotado co nome de Rubin, e igualmente o seu irmán mais novo, Jack, aparece como Jacob.[1]

Cursou o seu ensino secundario na Escola de Secundaria de Brooklyn e fixo os seus estudos superiores no College of the City of New York (1930-1932) e no Brooklyn College (1933-1935),[2] ambos parte da Universidade da Cidade de Nova York.[1]

Traxectoria como numismático profesional

[editar | editar a fonte]

A afección de Friedberg pola numismática xurdiu xa na súa infancia, cando iniciou unha incipiente colección coas moedas estranxeiras que conseguía dos mariñeiros que visitaban a xastraría do seu pai. Xa durante a súa etapa universitaria, en 1931, aos 18 anos, fundou co seu irmán a Capitol Coin Company,[2] unha compañía dedicada á venda por correo. O seu servizo militar destinado en Europa, durante a segunda guerra mundial,[2] serviulle para incrementar os fondos de moeda estranxeira, tanto para a súa colección como para os seus negocios.[1]

En 1947 ingresou como director do departamento numismático no centro comercial Gimbels en Nova York, contratado por Jacques Minkus, propietario dun negocio filatélico establecido neses grandes almacéns. A asociación entre ambos foi un éxito e de camiño comezaron a establecer unha rede de franquías en locais alugados en centros comerciais ao longo de todo o país, que en 1963 tiña 125 empregados.[2] O departamento de moedas de Gimbels foi un dos membros integrantes do Gremio de Numismáticos Profesionais cando este se estableceu en 1950.[1]

Paralelamente á súa actividade comercial, Robert Friedberg presidiu desde 1955 ata a súa morte o Coin and Currency Institute, unha entidade editorial dedicada á publicación de libros e catálogos orientados principalmente aos coleccionistas, e en 1959 introduciu entre os seus produtos uns álbums moi populares chamados Library of Coins, para a colección de moedas dos Estados Unidos.[1]

No ámbito editorial, Friedberg é lembrado particularmente pola súa publicación en 1953 de Paper Money of the United States, que conta con numerosas reimpresións e reedicións posteriores e segue a ser a obra de referencia na notafilia mundial. Outros dos seus traballos máis sinalados foron Gold Coins of the World, en 1958 —no que estableceu un novo sistema de numeración para as moedas de ouro dos EEUU, que segue vixente— e Coins of the British World, en 1962.[2]

En xaneiro de 2025, os dereitos de propiedade intelectual das principais publicacións de Robert Friedberg foron adquiridos aos seus herdeiros Art e Ira Friedberg pola compañía editora estadounidense Whitman Publishing.[3]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Friedberg casou o 25 de xaneiro de 1948 con Goldye Nessanbaum, a quen coñecera cando ambos traballaban en Gimbels, ela empregada na sección e filatelia. Tiveron dous fillos: Ira Seth e Arthur Louis Friedberg.[1][2]

Robert Friedberg finou o 14 de xuño de 1963 aos 50 anos,[2] logo de padecer unha doenza de oito meses, no hospital de Hackensack, Nova Jersey.[4] O seu corpo foi soterrado no cemiterio Menorah de Clifton, Nova Jersey.[1]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

Premio Robert Friedberg

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Premio Robert Friedberg.

En lembranza da súa figura, o Gremio de Numismáticos Profesionais dos Estados Unidos instituíu en 1963 o Premio Robert Friedberg, concedido anualmente ao autor dunha obra numismática sinalada. Entre os seus perceptores destacan figuras tan senlleiras da numismática estadounidense como Chester Krause, Walter Breen, Eric P. Newman, Kenneth Bressett, Richard S. Yeoman, Bill Fivaz, Anthony Swiateck, Q. David Bowers ou Roger Burdette.[8]

  1. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Smith, P. (2022).
  2. 1 2 3 4 5 6 7 Smith, P. (2012). Páxina 160.
  3. "Whitman Acquires Rights to Influential Friedberg Numismatic Books". En Coin Week. 6 de xaneiro de 2025.
  4. "Obituaries: Robert Friedberg". En The Numismatist. American Numismatic Association. Agosto de 1963. Páxina 1.084.
  5. "Numismatic Hall of Fame". American Numismatic Association (Money.org).
  6. "The IAPN Book Prize". International Association of Professional Numismatists (IAPN-coins.org).
  7. "Hall of Fame: 2014". Society of Paper Money Collectors (SPMC.org).
  8. "Robert Friedberg Award". Professional Numismatists Guild (PNGdealers.org).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas