Saltar ao contido

Robert Crumb

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRobert Crumb

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Robert Dennis Crumb Editar o valor en Wikidata
30 de agosto de 1943 Editar o valor en Wikidata (81 anos)
Filadelfia, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoCaricatura Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo San Francisco (1967–1991)
Cleveland (1962–1966) Editar o valor en Wikidata
Ocupacióndebuxante de banda deseñada, músico, escritor, debuxante, novelista, intérprete de banxo, xornalista, artista de banda deseñada, artista discográfico Editar o valor en Wikidata
EmpregadorAmerican Greetings (en) Traducir (1962–1966) Editar o valor en Wikidata
Pseudónimo literarioCrumb, Robert Editar o valor en Wikidata
RepresentanteDavid Zwirner Gallery (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Arquivos en
Familia
CónxuxeAline Kominsky-Crumb (1978–) Editar o valor en Wikidata
FillosSophie Crumb Editar o valor en Wikidata
IrmánsMaxon Crumb
Charles Crumb Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fonteArquivos biográficos da biblioteca e museo Billy Ireland Cartoon
Obálky knih, Editar o valor en Wikidata
Sitio webrcrumb.com Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0190054 BNE: XX860616 Musicbrainz: aff8052f-be9e-4aca-b106-eb07783b650e Discogs: 651569 Editar o valor en Wikidata

Robert Crumb, nado en Filadelfia, Pensilvania o 30 de agosto de 1943, é un historietista e ilustrador estadounidense. Foi un dos fundadores do cómic underground e é quizais a figura máis destacada deste movemento, e, aínda que é un dos máis coñecidos autores de cómic, a súa carreira desenvolveuse sempre á marxe da industria.

Biografía

[editar | editar a fonte]

Infancia e xuventude

[editar | editar a fonte]

Robert Crumb foi un dos cinco fillos do militar de carreira Charles V. Creceu nun ambiente católico e conservador. O seu interese polo cómic espertou moi pronto grazas ao seu irmán máis vello, Charles, quen, ademais de prestarlle comic-books de E.C.Segar, Carl Barks e Walt Kelly, entre outros, impúxolle a obriga de debuxar constantemente. Robert e os seus irmáns produciron pronto os seus propios cómics (Foo, Crumb Brothers Almanac), que vendían pola veciñanza. En 1956, Robert descubriu a revista Mad, e ficou fascinado por debuxantes como Harvey Kurtzman, Basil Wolverton e Will Elder.

En outubro de 1962, trasladouse a Cleveland, Ohio, onde atopou traballo debuxando tarxetas de felicitación para a empresa American Greetings Card Company. Alí coñeceu, en 1964, a que se convertería na súa primeira esposa, Dana Morgan. En 1965 realizou algúns traballos para unha revista, Help, dirixida por Harvey Kurtzman. Alentado pola reacción favorable que encontraron algúns debuxos seus publicados en fanzines underground, decidiu en 1967 trasladarse a San Francisco, en pleno auxe da psicodelia e o flower power. Alí editou o primeiro número do seu fanzine Zap Comix, a comezos de 1968. Dita publicación considérase a acta de nacemento do cómic underground norteamericano.

A popularidade a través do underground

[editar | editar a fonte]

Utilizando o estilo das tiras de prensa de comezos do século XX, Crumb abordaba abertamente en Zap Comix o sexo e a crítica política, o cal resultou enormemente transgresivo naqueles anos, sobre todo tendo en conta que o cómic nos Estados Unidos estivera tradicionalmente orientado cara ao público xuvenil. O éxito da súa publicación atraiu outros artistas interesados na contracultura, e Crumb abriu as páxinas de Zap Comix a autores como Spain Rodriguez, Rick Griffin, S. Clay Wilson, Victor Moscoso, Robert Williams e Gilbert Shelton.

Nas páxinas de Zap Comix, de East Village Other, de Oz e de moitas outras publicacións underground, Crumb creou personaxes que se converteron en iconas da contracultura, como Mr. Natural, Fritz the Cat, Flakey Foont, Shuman the Human ou Angelfood McSpade, os cales "senten o noxo da gran cidade, son os suxeitos a reprimir ou exterminar porque non participan do modo de vida norteamericano" e exhiben "a perturbadora idea de que hai que gozar da vida e rexeitar todas as imposicións".[1]

Crumb conseguiu con eles unha gran popularidade, e recibiu encargos para deseñar portadas de discos de rock; obra súa é a cuberta do álbum Cheap Thrills (1968), do grupo Big Brother and the Holding Company, que tiña por cantante a Janis Joplin.

O director de películas de animación Ralph Bakshi produciu en 1972 unha longametraxe de debuxos animados sobre o gato Fritz (que foi, por certo, a primeira película de debuxos animados clasificada "X"). A pesar do éxito do filme, Crumb estivo sempre en desacordo coa adaptación do seu personaxe ao cine, e amosou o desgusto "matando" a Fritz en The people's comics (1972),[1] cando unha muller-avestruz desfaille a cabeza co picaxeos.

O retiro do mundanal ruído

[editar | editar a fonte]

Nos anos seguintes, decidiu retirarse a unha granxa apartada, rexeitando incluso ofertas dos Rolling Stones para debuxarlles unha portada. Tras a crise do seu primeiro matrimonio, casou con Aline Kominsky, tamén debuxante de cómics, coa que colaborou en numerosas ocasións. Continuou colaborando en innumerables publicacións máis ou menos underground, desenvolvendo as súas historietas autobiográficas - para algúns, o máis interesante da súa obra -, nas que se espraia, entre outras cosas, sobre a súa difícil relación coas mulleres (notablemente mellorada cando alcanzou o éxito, como el cinicamente admite) ou a súa afección polo blues dos primeiros tempos. O seu interese pola música non se limitou ao coleccionismo (compulsivo) de discos de 78 r.p.m., senón que chegou a fundar o seu propio grupo de música tradicional, os Cheap Suit Serenaders, no que toca o banjo. Grazas ao seu interese polo coleccionismo de discos antigos, coñeceu ao guionista Harvey Pekar, con quen colaborou no cómic American Splendor (1976). Ese mesmo ano abandonaría tamén o consumo de marihuana, segundo confesión do propio autor a Harvey Kurtzman.[2]

En marzo de 1981 fundou a revista Weirdo, que dirixiu até o seu décimo número, cedendo logo o testemuño a Peter Bagge. Cando Bagge se retirou, no número 17, a dirección pasou para a esposa de Crumb, Aline Kominsky, até o seu feche no número 27.

Estancia en Francia

[editar | editar a fonte]

En 1991 instalouse con Aline no sur de Francia. Ao ano seguinte, a súa obra foi obxecto dunha importante exposición no Festival do Cómic de Angulema. En 1994, Terry Zwigoff, vello amigo de Crumb, dirixiu un documental sobre a súa vida (Crumb, 1994), no que tanto o artista como os seus familiares colaboraron con absoluta entrega, e que é un documento indispensable para coñecer as súas peculiares obsesións e o seu contorno familiar, marcado pola educación represiva dos seus pais e polas enfermidades mentais que foron desenvolvendo seus irmáns.

O estilo gráfico de Crumb mestura influencias de artistas dos primeiros anos do cómic, como Billy DeBeck, autor da tira de Barney Google, C.E. Brock, Rube Goldberg e E.C. Segar (creador de Popeye). O autor citou tamén entre as súas maiores influencias a Carl Barks (que debuxou para Disney historietas do Pato Donald), Harvey Kurtzman e John Stanley, o segundo autor de "Little Lulu", que adaptou para historieta longa.

No terreo ideolóxico, o divulgador Javier Coma observa nos primeiros cómics de Crumb, "por debaixo do seu enfrontamento co Sistema, unha postura crítica cara ás dexeneracións sociopolíticas da contestación", apuntándose "os retornos nostálxicos de Crumb a unha vida anti-urbana pretérita, poetizada polos vellos costumes e a xenuína música popular".[2]

Valoración

[editar | editar a fonte]

As opinións sobre a obra de Crumb están moi divididas. Para algúns críticos, é un dos grandes artistas do século XX, comparable a escritores satíricos como François Rabelais, Jonathan Swift e Mark Twain, ou a pintores como Brueghel e Goya. Outros, en cambio, desde posicións feministas, tacharon a súa obra de pornografía misóxina, degradante e inmatura. É certo que o autor, que non oculta nas súas historietas autobiográficas as súas obsesións sexuais, non se preocupou nunca de manterse dentro do politicamente correcto, polo que a súa lectura pode resultar incómoda e até ofensiva para algúns.

É indubidable, non obstante, que o traballo de Crumb tivo unha repercusión enorme na historia do cómic mundial, abrindo para a historieta temáticas anteriormente vedadas. É máis que notable a súa influencia en autores estadounidenses contemporáneos como Peter Bagge, Daniel Clowes e Joe Matt, entre moitos outros. No Estado Español, a divulgación dos seus cómics foi determinante na obra de autores como Gallardo, Max e Martí.

  1. 1,0 1,1 Samaniego, Fernando en Las aventuras del gato Fritz para El País, 23/11/1977.
  2. 2,0 2,1 Coma, Javier en "Esplendor en la yerba y gloria en las flores" na súa sección "Comics by Coma" para Totem nº 8, Editorial Nueva Frontera, S. A., Madrid, 1978, p. 27.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]