Rita Fernández Queimadelos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rita Fernández Queimadelos
Nome completoRita Fernández Queimadelos
Nacemento12 de abril de 1911
Lugar de nacementoA Torre
Falecemento26 de setembro de 2008
Lugar de falecementoBarcelona
NacionalidadeEspaña
Alma máterEscola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid
Ocupaciónarquitecta
editar datos en Wikidata ]

Rita Eugenia Benedicta Fernández Queimadelos, nada na Torre (Valeixe, A Cañiza) o 12 de abril de 1911[1][2] e finada en Barcelona o 26 de setembro de 2008, foi unha arquitecta galega, das primeiras en obter o título en España[3].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era filla de Domingo Fernández Fernández e de Modesta Queimadelos Vázquez, comerciantes e propietarios da mercería La Modernista, na vila de Ourense. Rita Fernández pasou a infancia na cidade das Burgas, e nos veráns regresaba á aldea natal.

Interesouse na arquitectura posiblemente por influencia do seu avó materno, Eduardo Queimadelos Ribera, que exercía de agrimensor na Cañiza, así como polos traballos de carpintería que se levaban a cabo habitualmente na súa casa. O seu pai, non obstante, non vía ben esta inclinación ao considerar que non se trataba dunha ocupación propia dunha muller, e non lle gustaba que tivese que deixar a casa para estudar, pois por entón só había en España dúas escolas de arquitectura, en Barcelona e en Madrid. Co apoio das súas dúas avoas (especialmente a materna) conseguiu que o pai accedese. O status económico da familia, de certo desafogo grazas ao negocio familiar, permitiu que Rita puidese abordar os estudos de arquitectura.

En 1928 foi vivir coa avoa materna a Santiago de Compostela, onde realizou os cursos preparatorios de Ciencias Químicas durante dous anos para poder acceder aos estudos de arquitectura. Cursou tamén Debuxo na Escola Elemental de Artes e Oficios da vila (a actual Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo). En outubro de 1930 instalouse en Madrid, na Residencia de Señoritas, co fin de preparar o acceso á Escola de Arquitectura. En dous cursos académicos (1930-31 e 1931-32) pasou os exames das materias de debuxo que necesitaba superar para matricularse en arquitectura. Ingresou na Escola no curso 1932-33, e alí coincidiu coas integrantes da primeira xeración de arquitectas españolas: Matilde Ucelay (que en 1936 se converteu na primeira arquitecta titulada en España), María Cristina Gonzalo Pintor (que acadou o título na mesma época ca Rita), Lali Urcola e Chini Flórez (que non chegaron a rematar a carreira)[4][5].

Entre 1932 e 1936 superou catro cursos académicos, aprobando todas as materias.[1] Trala suspensión das clases por mor da Guerra Civil, retomou os estudos en 1939. Nese ano e no seguinte fixo dous cursos intensivos, con exames continuos (os denominados "cursos patrióticos"), e logrou licenciarse o 26 de agosto de 1940. Ao mesmo tempo, entre novembro de 1939 e maio de 1940, realizou o servizo de Auxilio Social, actividade necesaria para poder obter o título universitario).[6][4]

Tras rematar a carreira, Fernández Queimadelos recibiu a proposta de Modesto López Otero y Bravo, catedrático de Proxectos Arquitectónicos e director da Escola de Arquitectura, para se unir á Dirección Xeral de Rexións Devastadas. Entre 1941 (cando se colexiou)[6][7] e 1946 traballou na Área de Proxectos, Negociado de Arquitectura, da Sección de Reconstrución da DXRD.[4] [8] As súas actuacións máis significativas foron o proxecto para a reconstrución e rehabilitación do refuxio da Nosa Señora do Pilar do Padroado de Protección á Muller (anteriormente Padroado Real para a represión da trata de brancas)[9] de San Fernando de Henares (1944), que non chegou a levarse a cabo;[10] unha ampliación da colonia Tercio y Terol en Carabanchel Bajo (1946);[10] ou a reconstrución da antiga casa consistorial de Fuenlabrada (1946),[10], actual centro xuvenil. En paralelo, executou tamén algúns traballos en exercicio libre da profesión.[4][11]

O 22 de maio de 1942 casou con Vicente Iranzo Rubio, licenciado pola Facultade de Ciencias da Universidade Central e fillo de Vicente Iranzo, político do Partido Republicano Radical e ministro durante o bienio radical-cedista. Tiveron seis fillos: Vicente (1943), Rita (1945, tamén arquitecta), Elena (1947), María de los Dolores (1948), unha filla que morreu pouco despois de nacer (1949) e Pilar (1952).[4] En 1945 convocáronse varias cátedras de Química Inorgánica, e o seu marido obtivo a da Universidade de Murcia.[12] A arquitecta permaneceu en Madrid, onde regresaba Vicente as fins de semana.[4] Tras o nacemento da terceira filla en decembro de 1947, Rita interrompeu a práctica profesional durante oito anos.[4]

En 1955 a familia estableceuse en Murcia e Rita Fernández retomou a práctica profesional. De novo un antigo profesor seu, Francisco Navarro Borrás (que fora profesor agregado das materias de Mecánica Racional, Cálculo Integral e Topografía e que desde 1941 era arquitecto xefe da Oficina Técnica para Construción de Escolas do Ministerio de Educación), propuxo o seu nomeamento como arquitecta do Distrito Escolar da Rexión de Murcia,[4] cargo que ocupou entre 1960 e 1967. Entre 1962 e 1967 foi tamén arquitecta municipal de Mula.[4] Realizou tamén traballos como profesional independente para a inmobiliaria Crisa en Murcia e Madrid.[6]

En 1973 a familia volveuse trasladar, desta volta a Barcelona, ao acadar o seu marido a praza de catedrático de Química Inorgánica Aplicada na Facultade de Farmacia da Universidade Central de Barcelona. Rita Fernández Queimadelos abandonou a práctica profesional, e quitando algúns proxectos esporádicos, non volveu exercer.[4]

En 2004 morreron a súa filla Elena[13] e o seu marido.[14] Rita Fernández Queimadelos finou en Barcelona o 26 de setembro de 2008.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Vílchez Luzón 2013, p. 788.
  2. CARREIRO OTERO, M. y LÓPEZ GONZÁLEZ, C. (eds.) (2016). Arquitectas pioneras de Galicia : ocho entrevistas. Servizo de Publicacións. Universidade da Coruña. ISBN 978-84-9749-649-0. 
  3. Rita Fernández Queimadelos e María Cristina Gonzalo Pintor obtiveron o título en agosto de 1940. Gonzalo Pintor titulouse quince días antes de que o fixese Fernández Queimadelos, de haís, que a arquitecta galega sea identificada como a terceira arquitecta titulada en España.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 4,9 Fernández-Gago Longueira & s. f.
  5. Novás-Ferradas, M; Carreiro-Otero, M y López-González, C. (2020). "Galician Female Architects—A Critical Approach to Inequality in the Architectural Profession (1931–1986)". ARTS 1 (9): 33. ISSN 2076-0752. doi:10.3390/arts9010033. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Vílchez Luzón 2013, p. 789.
  7. 7,0 7,1 COAM 2008.
  8. López-González, C.; Fernández-Gago-Longueira, P. y Carreiro-Otero, M. (2017). "Rita Fernández Queimadelos. Los proyectos de reconstrucción en los Carabancheles, 1943-1945". Arenal 24 (1): 169–202. ISSN 1134-6396. doi:10.30827/arenal.v24i1.3175. 
  9. Domínguez Santamaría 2008, p. 227.
  10. 10,0 10,1 10,2 Vílchez Luzón 2013, p. 790.
  11. Vílchez Luzón 2013, pp. 789,790-793.
  12. Otero Carvajal 2014, p. 232.
  13. "Necrológicas: Elena Iranzo Fernández". ABC. 19 de abril de 2004. 
  14. Reial Acadèmia de Farmàcia de Catalunya. "Historial de medallas". Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2016. Consultado o 13 de abril de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]