Saltar ao contido

Rihards Zariņš

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaRihards Zariņš

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento15 de xuño de 1869 (Xuliano) Editar o valor em Wikidata
Ķieģeļi, Letonia (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte21 de abril de 1939 Editar o valor em Wikidata (69 anos)
Riga, Letonia Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaForest Cemetery (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeLetonia Editar o valor em Wikidata
EducaciónSaint Petersburg Stieglitz State Academy of Art and Design (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióndeseñador de selos , pintor , deseñador gráfico , artista gráfico Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoGráficos Editar o valor em Wikidata
MovementoNacionalismo romántico Editar o valor em Wikidata
Premios

Discogs: 3803504 Editar o valor em Wikidata

Rihards Zariņš (coas variantes Richards Zarriņš e Richard Sarrinsch), nado o 27 de xuño de 1869 no municipio de Kocēni e finado o 21 de abril de 1939 en Riga, foi un artista gráfico letón coñecido por ser autor do escudo de Letonia e polos seus deseños de moedas, billetes e selos.[1][2]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Rihards Zariņš naceu en Kocēni, na daquela Gubernia de Livonia, pertencente ao Imperio Ruso, e máis tarde trasladouse coa súa familia a Līgatne e a Daugavpils. Realizou os seus estudos artísticos superiores en San Petersburgo, onde en 1895 se graduou na Academia de Arte e Industria Stieglitz, nas especialidades de litografía e gravado, co profesor Vasily Matthew. Logo continuou a súa formación artística durante catro anos en Berlín, en Múnic e en Viena, onde afondou na litografía, e en París, onde perfeccionou as súas habelencias na acuarela e no pastel.[2]

Logo do seu regreso a Rusia foi contratado na Imprenta Imperial Rusa en San Petersburgo, na que permaneceu durante vinte anos e da que chegou a ser o seu director técnico. A partir de 1905 encomendóuselle o deseño de toda a documentación estatal.[2]

Pouco despois de que Letonia declarase a súa independencia do Imperio ruso, en 1919 Zariņš desprazouse a Riga para se encargar da imprenta gobernamental. Ocupou este cargo durante 14 anos, ata a súa xubilación en 1934.[2]

Como consecuencia dun derramo cerebral, perdeu a capacidade de falar, aínda que continuou coa súa actividade artística ata o final da súa vida, o 21 de abril de 1939, na capital do país.[2]

En 2019, con motivo do 150 aniversario do seu nacemento, o Goberno letón emitiu un selo postal conmemorativo cun retrato de Rihards Zariņš, co valor facial de 0,57 euros.[3]

Zariņš foi un dos artistas plásticos letóns máis recoñecidos. As súas primeiras obras datan dos primeiros anos da década de 1890 e apareceron publicadas nas páxinas da revista en lingua letoa Austrums ("O Leste"), cando aínda era un estudante da Academia Stieglitz, en San Petersburgo. Dedicou unha gran parte do seu tempo ao estudo da ornamentación popular e, baixo a súa coordinación, as editoras estatais elaboraron unha obra monumental sobre as artes decorativas en Letonia.[2][4]

Ao longo da súa carreira, o artista foi autor de numerosos selos postais do Imperio Ruso, da Unión Soviética, da República Popular de Belarús e de Letonia. Entre eles, cómpre salientar o primeiro selo soviético, emitido en 1918.[1]

Zariņš foi tamén un autor prolífico de ilustracións bibliográficas, ex libris, gravados diversos e litografías. A súa obra tamén abrangue os debuxos, acuarelas e caricaturas.[2]

Entre os seus traballos máis destacables de artes aplicadas figuran o escudo de armas de Letonia[5] e os deseños de diversos billetes e moedas do sistema do lats letón.[6]

Galería de obras

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]