Riff-Raff (filme)
Riff-Raff | |
---|---|
Ficha técnica | |
Director | Ken Loach |
Produtor | Sally Hibbin |
Guión | Bill Jesse |
Intérpretes | Robert Carlyle, Emer McCourt, Ricky Tomlinson, Jimmy Coleman, Peter Mullan |
Música | Stewart Copeland |
Fotografía | Barry Ackroyd |
Montaxe | Jonathan Morris |
Distribuidora | Parrallax Pictures |
Estrea | 21 de xuño de 1991 |
Duración | 95 minutos |
Orixe | Inglaterra |
Na rede | |
Riff-Raff é unha película británica de 1991 dirixida por Ken Loach, protagonizada por Robert Carlyle e Ricky Tomlinson (este último actúa como un obreiro da construción, profesión que tivo na súa vida real). Gañou o premio á Mellor Película Europea de 1991.
Como a maioría das obras de Loach, Riff-Raff é un retrato da Gran Bretaña moderna. Presenta o personaxe de Stevie, interpretado por Robert Carlyle, un home de Glasgow que ligo de saír de prisión mudouse a Londres e conseguiu un traballo na construción duns apartamentos de luxo no edificio que antes era un hospital.
Trama
[editar | editar a fonte]Patrick "Stevie" Logan vai a Londres sen ter aínda domicilio e procura emprego nun edificio en construción. Ao saber que non ten vivenda, os seus novos compañeiros de traballo Larry, Mo e Shem ofrécense voluntarios para atoparlle un piso baleiro nuns apartamentos próximos para ocupalo. Stevie coñece a Susan (Emer McCourt), que intenta ser actriz e cantante, cando atopa o seu bolso e llo devolve. Este encontro casual lévaos a unha relación turbulenta.
Stevie convence algúns dos compañeiros de traballo para apoiar a Susan nun dos seus concertos nun pub onde canta "Always On My Mind". O público é inicialmente hostil, pero Larry repróchalles os seus apupos e anímaos a chamar de novo por Susan para que cante outra peza, e ela decídese por "With A Little Help From My Friends", que é ben recibida. Susan múdase ao piso de Stevie, onde están felices por un tempo.
Na construción do edificio a vida segue cunha serie de pequenas aventuras e delitos menores. Larry adoita dar os seus puntos de vista de obreiro de esquerdas, en oposición a Margaret Thatcher e o gobernante Partido Conservador, mais ninguén comparte a súa visión de que a política é importante para a súa vida diaria, e apenas están algo interesados nas súas condicións de seguridade laboral. Mentres tanto, o encargado bota homes do traballo por mal comportamento.
A relación de Stevie e Susan vólvese tensa. Susan tende a ter emocións negativas por mor da falta de éxito na súa carreira. Stevie, por outra banda, pode chegar a ser cruel e insensible con ela. Despois de escoitar o seu nome na radio Stevie descobre que a súa nai morreu, así que vai ao seu funeral, en Escocia. Na súa ausencia, Susan comeza a inxectarse heroína, proporcionada por uns mozos que viven no bloque de apartamentos. Isto precipita o final da súa relación e a marcha repentina de Susan.
Larry é despedido do lugar despois de pedir condicións de traballo máis seguras. Logo de bromear facendo unha chamada de teléfono cara no teléfono móbil do xefe, Shem tamén é despedido, e posteriormente arrestado por agresión ao encargado. Desmonde, outro traballador da construción, esbara no tellado do edificio, e malia que Stevie e Mo loitan por salvalo, cae ao chan e queda gravemente ferido. A causa do accidente son as estadas precarias, sobre as cales os homes xa avisaran. Stevie e Mo regresan ao edificio de noite e préndenlle lume.
Actores
[editar | editar a fonte]- Robert Carlyle como Patrick 'Stevie' Logan
- Emer McCourt como Susan
- Ricky Tomlinson como Larry
- Jimmy Coleman como Shem
- George Moss como Mo
- Ade Sapara como Fiaman
- Derek Young como Desmonde