Ricina
| Ricina | |
|---|---|
| Estrutura da ricina (PDB 2AAI). A cadea A móstrase en azul e a cadea B en alaranxado. | |
| Identificadores | |
| Organismo | |
| Símbolo | RCOM_2159910 |
| Entrez | 8287993 |
| RefSeq (mRNA) | XM_002534603.1 |
| RefSeq (Prot) | XP_002534649.1 |
| UniProt | P02879 |
| Outros datos | |
| Número EC | 3.2.2.22 |
| Cromosoma | todo o xenoma: 0 - 0.01 Mb |
| Ricina | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Identificadores | |||||||||
| Símbolo | RIP | ||||||||
| Pfam | PF00161 | ||||||||
| InterPro | IPR001574 | ||||||||
| PROSITE | PDOC00248 | ||||||||
| SCOPe | 1paf / SUPFAM | ||||||||
| |||||||||
| Dominio de lectina beta-trevo de tipo ricina (cadea B da ricina) | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Identificadores | |||||||||
| Símbolo | N/A | ||||||||
| Pfam | PF00652 | ||||||||
| Pfam clan | CL0066 | ||||||||
| PROSITE | IPR000772 | ||||||||
| SCOPe | 1abr / SUPFAM | ||||||||
| CAZy | CBM13 | ||||||||
| CDD | cd00161 | ||||||||
| |||||||||
A ricina é unha lectina (unha proteína unida a carbohidratos) e unha potente toxina producida polas sementes da planta do rícino, Ricinus communis. A dose letal media (LD50) da ricina en ratos é de arredor de 22 microgramos por quilo de masa corporal en inxección por vía intraperitoneal. A exposición oral á ricina é menos tóxica. Unha dose oral letal estimada en humanos é de aproximadamente 1 miligramo por quilo de masa corporal.[1]
A ricina é unha toxoalbumina e foi descrita por primeira vez por Peter Hermann Stillmark, o fundador da lectinoloxía. A ricina é quimicamente similar á robina.
Bioquímica
[editar | editar a fonte]A ricina clasifícase como unha proteína inactivadora do ribosoma (RIP) de tipo 2. Mentres que as RIPs de tipo 1 están compostas por unha soa cadea proteica que posúe actividade catalítica, as RIPs de tipo 2, tamén coñecidas como holotoxinas, están compostas por dúas cadeas proteicas diferentes que forman un complexo heterodímero. As RIPs de tipo 2 constan dunha cadea A que é funcionalmente equivalente a unha RIP de tipo 1, ligada covalentemente por unha soa ponte disulfuro a unha cadea B que é cataliticamente inactiva pero serve como mediadora do transporte do complexo das proteínas A-B desde a superficie celular, por medio de carrexadores de vesículas, ao lume do retículo endoplasmático (RE). Tanto as RIPs de tipo 1 coma as de tipo 2 son funcionalmente activas contra os ribosomas in vitro; porén, só as de tipo 2 mostran citotoxicidade debido ás propiedades similares á lectina da cadea B. Para que mostre a súa función inactivadora do ribosoma, a ponte disulfuro da ricina debe ser cortada redutoramente.[2]
Biosíntese
[editar | editar a fonte]A ricina sintetízase no endosperma das sementes do rícino.[3] A proteína precursora da ricina ten unha lonxitude de 576 residuos de aminoácidos e contén un péptido sinal (residuos 1–35), a cadea A da ricina (36–302), un péptido enlazador (303–314), e a cadea B da ricina B (315–576).[4] A secuencia sinal N-terminal serve para entregar o prepropolipéptido ao retículo endoplasmático e unha vez feito, o péptido sinal é cortado. Dentro do lume do retículo endoplasmático o propolipéptido glicosílase e unha proteína disulfuro isomerase cataliza a formación da ponte disulfuro entre as cisteínas 294 e 318. O propolipéptido glicosílase aínda máis no aparato de Golgi e transpórtase aos corpos de almacenamento de proteínas. O propolipéptido é cortado dentro dos corpos proteicos por unha endopeptidase para producir a proteína ricina madura, que está composta por unha cadea A de 267 residuos e unha cadea B de 262 residuos que están unidas covalentemente por unha soa ponte disulfuro.[3]
Estrutura
[editar | editar a fonte]En canto á estrutura, a ricina lembra moito á abrina-a, un isómero da abrina. A estrutura cuaternaria da ricina é un heterodímero glicosilado globular de aproximadamente 60–65 kDa.[5] As cadeas A e B da toxina ricina teñen pesos moleculares similares, de aproximadamente 32 kDa e 34 kDa, respectivamente.

- A cadea A da toxina ricina (RTA) é unha N-glicósido hidrolase composta de 267 aminoácidos.[5] Ten tres dominios estruturais con aproximadamente o 50 % do polipéptido disposto formando hélices alfa e follas beta.[6] Os tres dominios forman unha fenda pronunciada que é o sitio activo da RTA.
- A cadea B da toxina ricina (RTB) é unha lectina composta por 262 aminoácidos que pode unirse aos residuos de galactosa terminais na superficie celular.[7] A RTB forma unha estrutura bilobada similar a unhas pesas que carece de hélices alfa ou follas beta, na cal cada lobo contén tres subdominios. Polo menos un destes tres subdominios en cada lobo homólogo posúe un peto de unión a azucres que dá á RTB o seu carácter funcional.
Aínda que outras plantas conteñen as cadeas proteicas que se encontran na ricina, ambas as proteínas deben estar presentes para produciren efectos tóxicos. Por exemplo, as plantas que conteñen só a cadea A da proteína, como o orxo, non son tóxicas porque a cadea A, sen estar unida á cadea B, non pode entrar na célula e causar dano aos ribosomas.[8]
Entrada no citoplasma
[editar | editar a fonte]A cadea B da ricina únese a carbohidratos complexos da superficie de células eucariotas que conteñen ou ben residuos terminais de N-acetilgalactosamina ou ben de galactosa con enlace beta-1,4. Ademais, os glicanos tipo manosa da ricina son capaces de unirse a células que expresan receptores da manosa.[9] A RTB únese á superficie celular na orde de 106–108 moléculas de ricina por superficie celular.[10]
A profusa unión da ricina ás membranas da superficie celular permite a internalización con todos os tipos de invaxinacións da membrana. A holotoxina pode ser captada por pozos cubertos de clatrina, así como polas vías independentes da clatrina como as caveolas e a macropinocitose.[11][12] As vesículas intracelulares transbordan a ricina aos endosomas que son enviados ao aparato de Golgi. A acidificación activa dos endosomas pénsase que ten pouco efecto sobre as propiedades funcionais da ricina. Como a ricina é estable nun amplo intervalo de pH, a degradación en endosomas ou lisosomas ofrece pouca ou ningunha protección contra a ricina.[13] Pénsase que as moléculas de ricina seguen un transporte retrógrado por medio dos endosomas temperáns, a rede trans-Golgi e o Golgi para entrar no lume do retículo endoplasmático (RE).[14]
Para que a ricina funcione citotoxicamente, a RTA debe ser separada redutoramente da RTB para que se libere un bloque estérico do sitio activo da RTA. Este proceso é catalizado pola proteína PDI (proteína disulfuro isomerase) que reside no lume do retículo endoplasmático.[15][16] Despois, a RTA libre no lume do RE desprégase parcialmente e entérrase en parte na membrana do RE, onde se pensa que imita unha proteína asociada á membrana incorrectamente pregada.[17] Propúxose que as chaperonas do RE GRP94,[18] EDEM[19] e BiP[20] actúan antes da "dislocación" da RTA do lume do RE ao citosol dun xeito no que usan compoñentes da vía de degradación de proteínas asociadas ao RE (ERAD). A ERAD normalmente retira as proteínas do RE que teñen un mal pregamento levándoas ao citosol para que sexan destruídas alí polos proteosomas citosólicos. A dislocación da RTA require complexos da ubiquitina ligase E3 integrais da membrana do RE,[21] pero a RTA evita a ubiquitinación que adoita ocorrer con substratos da ERAD porque ten un baixo contido en residuos de lisina, os cales son os sitios de unión usuais da ubiquitina.[22] Deste xeito, a RTA evita o destino habitual das proteínas dislocadas (destrución que se realiza unindo as proteínas ubiquitiniladas aos proteosomas citosólicos). No citosol da célula de mamíferos, a RTA sofre despois unha triaxe polas chaperonas moleculares citosólicas Hsc70 e Hsp90 e as súas co-chaperonas, así como por unha subunidade (RPT5) do propio proteosoma, o que ten como resultado o seu pregamento a unha conformación catalítica,[18][23] o cal despurina os ribosomas, parando así a síntese de proteínas.
Inactivación do ribosoma
[editar | editar a fonte]A RTA ten unha actividade de ARNr N-glicosilase que é responsable do corte dun enlace glicosídico dentro do ARNr grande da subunidade de 60S do ribosoma eucariota.[24] A RTA hidroliza de forma específica e irreversible o enlace N-glicosídico do residuo de adenina na posición 4324 (A4324) dentro do ARNr de 28S, pero deixa os enlaces fosfodiéster do ARN intactos.[25] A ricina ataca a A4324 que está contida nunha secuencia altamente conservada de 12 nucleótidos que se encontra universalmente nos ribosoma eucariotas. A secuencia, que é 5'-AGUACGAGAGGA-3', denominada bucle sarcina-ricina, é importante para a unión dos factores de elongación durante a síntese proteica.[26] O evento de despurinación inactiva completamente con rapidez o ribosoma, o que ten como resultado a toxicidade pola inhibición da síntese de proteínas. Unha soa molécula de RTA no citosol pode despurinizar aproximadamente 1500 ribosomas por minuto.
Reacción de despurinación
[editar | editar a fonte]Dentro do sitio activo da RTA, existen varios residuos de aminoácidos invariantes implicados na despurinación do ARN ribosómico.[13] Aínda que o mecanismo exacto do evento é descoñecido, os residuos de aminoácidos clave identificados inclúen as tirosinas nas posicións 80 e 123, o ácido glutámico na posición 177, e a arxinina na posición 180. En particular, a Arg180 e a Glu177 están implicadas no mecanismo catalítico, e non na unión ao substrato, con estudos de cinética encimática que implican mutantes para a RTA. O modelo proposto por Mozingo e Robertus,[6] baseado en estruturas de raios X, é a seguinte:
- O substrato do bucle sarcina-ricina únese ao sitio activo da RTA coa adenina que vai ser atacada empillada coa Tyr80 e Tyr123.
- A Arg180 está situada de modo que poida protonar o N-3 da adenina e romper o enlace entre o N-9 do anel de adenina e o C-1' da ribosa.
- A rotura do enlace orixina un ión oxicarbonio na ribosa, estabilizado pola Glu177.
- A protonación do N-3 da adenina pola Arg180 permite a desprotonación dunha molécula de auga próxima.
- O hidroxilo resultante ataca o ión carbonio da ribosa.
- A despurinación da adenina resulta nunha ribosa neutra no esqueleto fosfodiéster intacto do ARN.
Toxicidade
[editar | editar a fonte]

A ricina é moi tóxica se se inhala, inxecta ou inxire. Pode ser tamén tóxica se o seu po toma contacto cos ollos ou se absorbe pola pel lesionada. Actúa como unha toxina ao inhibir a síntese de proteínas.[27][28] A ricina é resistente, pero non inmune á dixestión por peptidases. Ao inxerila, a patoloxía da ricina está fundamentalmente restrinxida ao tracto gastrointestinal, onde pode causar lesións na mucosa. Co tratamento axeitado, a maioría dos pacientes experimentan unha satisfactoria recuperación.[29][30]
Síntomas
[editar | editar a fonte]Como os síntomas son causados pola incapacidade de producir proteínas, poden tardar en aparecer de horas a días, dependendo da ruta de exposición e da dose. Cando se inxire, os síntomas gastrointestinais poden manifestarse en seis horas; estes síntomas non sempre son aparentes. En dous a cinco días de exposición á ricina, aparecen os seus efectos sobre o sistema nervioso central, glándulas adrenais, riles e fígado.[28]
A inxestión da ricina causa dor, inflamación e hemorraxia nas membranas mucosas do sistema gastrointestinal. Os síntomas gastrointestinais progresan rapidamente a náuseas graves, vómitos, diarrea e dificultade ao tragar (disfaxia). A hemorraxia causa a aparición de sangue nas feces (melena) e vómito con sangue (hematémese). A diminución do volume sanguíneo (hipovolemia) causado pola perda de fluído gastrointestinal pode levar á insuficiencia de órganos como o páncreas, riles, fígado, e tracto gastrointestinal e progresa a un choque. O choque e a insuficiencia orgánica maniféstanse con desorientación, estupor, debilidade, somnolencia, sede excesiva (polidipsia), baixa produción de urina (oliguria), e sangue na urina (hematuria). As vítimas poden morrer de choque circulatorio ou insuficiencia de órganos; a morte adoita producirse entre 3 e 5 días despois da inxestión oral.[28]
Os síntomas da inhalación da ricina son diferentes dos causados pola súa inxestión. Os síntomas iniciais inclúen a tose e a febre.[28] Pode causar un edema pulmonar mortal ou insuficiencia respiratoria.[28]
Cando ocorre unha exposición por inhalación ou na pel, a ricina pode causar unha reacción alérxica. Isto está indicado polo inchazo (edema) dos ollos e beizos; asma; irritación bronquial; gorxa seca e dolorosa; conxestión; arroibamento da pel (eritema); vinchas na pel (vesicación); respirar con dificultade; ollos chorosos e con proído; opresión no peito; e irritación da pel.[28]
Tratamento
[editar | editar a fonte]Desenvolveuse un antídoto para o exército do Reino Unido, aínda que en 2006 aínda non fora probado en humanos.[31][32] En 2005 o exército dos Estados Unidos desenvolveu outro antídoto que era seguro e efectivo en ratos de laboratorio que foran inxectados con sangue rico en anticorpos mesturado con ricina, e realizáronse algúns tests en humanos.[33] Están investigándose anticorpos monoclonais como posible tratamento para o envelenamento con ricina.[34]
Disponse de tratamentos sintomáticos e de apoio para o envelenamento con ricina. Os tratamentos existentes céntranse en minimizar os efectos do veleno. Posibles tratamentos son fluídos intravenosos ou electrólitos, xestión das vías aéreas, ventilación asistida ou administración de medicamentos que remedien as convulsións e a baixa presión arterial. Se a ricina se inxeriu recentemente, pode baleirarse o estómago inxerindo carbón activado ou por un lavado gástrico. A miúdo, os superviventes desenvolven danos de longo prazo en órganos.[28]
Prevención
[editar | editar a fonte]É posible a vacinación inxectando unha forma activa da cadea A da proteína.[8] Esta vacina é efectiva durante varios meses debido á produción polo corpo de anticorpos contra a proteína allea. En 1978 o desertor búlgaro Vladimir Kostov sobreviviu a un ataque con ricina similar ao do disidente búlgaro Georgi Markov, probablemente debido a que o seu corpo produciu anticorpos por exposición a unha dose baixa.[8]
Fontes
[editar | editar a fonte]As sementes de Ricinus communis adoitan esmagarse para extraer o aceite de rícino. Como a ricina non é soluble en aceites, atópase moi pouco deste produto no aceite de rícino extraído.[8] O aceite extraído tamén se quenta a máis de 80 °C para desnaturalizar calquera resto de ricina que puidese haber.[8] O resto que queda das sementes esmagadas, que se pode chamar o "torta", "turtó", "torta de aceite" ou "torta de prensa", pode conter ata un 5 % de ricina.[35] Aínda que poden utilizarse tortas de aceite de coco, cacahuete e ás veces sementes de algodón como alimento para o gando ou fertilizante, a natureza tóxica das sementes de rícino impide que a súa torta de aceite se use como alimento, a non ser que a ricina se desactive primeiro nunha autoclave.[36] A dixestión accidental de torta de Ricinus communis para uso como fertilizante causou envelenamentos mortais por ricina en animais.[27][37]
As mortes por inxerir sementes de rícino son raras, en parte debido á indixestibilidade da cuberta da semente, e porque parte da ricina é desactivada no estómago.[38] A polpa de oito sementes é considerada perigosa para un adulto.[39] Rauber e Heard escribiron que un exame minucioso dos casos informados no século XX indica que as percepcións públicas e profesionais da toxicidade da ricina "non reflicten con precisión as capacidades dos tratamentos médicos modernos".[40]
Os episodios de envelenamento máis agudos en humanos son o resultado da inxestión oral de sementes ("fabas") de rícino, 5–20 das cales poden ser mortais para un adulto. Porén, tragar as sementes de rícino raramente é mortal a non ser que sexan moi mastigadas. A taxa de supervivencia pola súa inxestión é do 98 %.[8] En 2013, unha muller de 37 anos nos Estados Unidos sobreviviu á inxestión de 30 sementes.[41] Noutro caso, un home inxeriu 200 mesturadas cun zume nunha licuadora e sobreviviu.[42] As vítimas normalmente manifestan náuseas, diarrea, taquicardia, hipotensión, e convulsións que persisten ata unha semana.[27] Para confirmar a diagnose, poden medirse as concentracións de ricina no sangue, plasma ou urina ou de ricinina. As probas de laboratorio xeralmente son inmunoensaios ou cromatografía líquida-espectrometría de masas.[43]
Aplicacións terapéuticas
[editar | editar a fonte]Aínda que non hai terapéuticas aprobadas para a ricina, ten o potencial de ser usada no futuro no tratamento quimioterápico de tumores, como "bala máxica" que destrúa as células diana.[13] Como a ricina é unha proteína, pode ser ligada a un anticorpo monoclonal[44] para atacar células cancerosas recoñecidas polo anticorpo. O principal problema coa ricina é que as súas secuencias para a internalización nativas están distribuídas por toda a proteína. Se calquera desas secuencias está presente no axente terapéutico, o fármaco será internalizado, e matará células non tumorais ademais das tumorais.[Cómpre referencia]
Modificar a ricina pode diminuír o suficiente a probabilidade de que o compoñente ricina destas inmunotoxinas cause que a internalicen células non pretendidas, pero mantendo aínda a actividade de matar células cando é internalizada polas células diana. Porén, as toxinas bacterianas, como a toxina da difteria, que se usa no tratamento denileukin diftitox aprobado pola FDA norteamericana para a leucemia e linfoma, demostraron ser máis prácticas.[45] Unha estratexia prometedora para a ricina é usar a subunidade B non tóxica (unha lectina) como vehículo para entregar un antíxeno nas células, incrementando así moito a súa inmunoxenicidade. O uso da ricina como adxuvante ten potenciais implicacións no desenvolvemento de vacinas de mucosas.[Cómpre referencia]
Regulación
[editar | editar a fonte]Nos Estados Unidos, a ricina aparece na lista dos axentes seleccionados do Departamento de Saúde e Servizos Humanos dos Estados Unidos (HHS),[46] e os científicos deben rexistrar no HHS o uso da ricina nas súas investigacións. Porén, os investigadores que teñen baixo o seu control menos de 1000 mg están exentos da regulación.[47]
A ricina clasifícase como substancia extremadamente perigosa nos Estados Unidos tal como define a Sección 302 da Lei de Planificación de Emerxencia de Dereito a Saber da Comunidade dos Estados Unidos (42 U.S.C. 11002), e está sometida a estritas obrigacións que afectan as instalacións que a producen, almacenan ou usan en cantidades significativas.[48]
Axente da guerra química ou biolóxica
[editar | editar a fonte]Historia
[editar | editar a fonte]
Os Estados Unidos investigaron a ricina para un posible uso militar potencial durante a primeira guerra mundial.[49] Nesa época estaba considerándose o seu uso como po tóxico ou como cuberta para balas e metralla. O concepto de nube de po non puido ser debidamente desenvolvido, e o concepto de bala/metralla cuberta violaría a Convención da Haia de 1899 (adoptada na lei dos Estados Unidos no estatuto 32 1903), concretamente no Anexo§2, Ch.1, Artigo 23, que di "... está especialmente prohibido ... empregar veleno ou armas envelenadas".[50]
Na obra Ricin and Abrin (Ricina e abrina), Manashi Bagchi, Shirley Zafra-Stone, Francis C. Lau, e Debasis Bagchi escribiron que durante a segunda guerra mundial os Estados Unidos e o Canadá estudaron a ricina en bombas de acio.[51] Aínda que houbo plans para a produción masiva e varios ensaios de campo con diferentes conceptos de minibombas, a conclusión final foi que era máis caro que usar fósxeno. Esta conclusión estivo baseada na comparación das armas finais, máis que na toxicidade da ricina (LCt50 ~10 mg/min·m3).[Cómpre referencia] Á ricina déuselle o símbolo militar W ou posteriormente WA.[Cómpre referencia] O interese por ela continuou durante un curto período de tempo despois da segunda guerra mundial, pero axiña diminuíu cando o Corpo Químico do Exército dos EUA empezou un programa para converter en arma o sarín.[52]
A Unión Soviética posuía ricina para uso militar. O KGB desenvolveu armas usando ricina que se utilizaron fóra do bloque soviético, como no soado caso do asasinato do disidente búlgaro Georgi Markov en Londres, ao que lle dispararon un perdigón con ricina cun paraugas modificado.[53][54]
Control
[editar | editar a fonte]Malia a extrema toxicidade e utilidade da ricina como axente da guerra química/biolóxica, a produción da toxina é difícil de limitar. A planta do rícino, da cal deriva a ricina, é unha planta ornamental común e pode crecer en casa sen prestarlle especiais coidados.
Segundo a Convención de Armas biolóxicas de 1972 e a Convención de Armas Químicas de 1997, a ricina está incluída entre as substancias controladas na cláusula 1. A pesar disto, procésanse máis dun millón de toneladas métricas de sementes de rícino cada ano, e aproximadamente o 5 % do total é convertido en lixo que contén cantidades insignificantes de toxina ricina non desnaturalizada.[55]
A ricina é menos tóxica que a toxina botúlica ou a toxina tetánica en varias ordes de magnitude, pero estas últimas son máis difíciles de obter. Comparada coa botúlica ou a do ántrax como armas biolóxicas ou químicas, a cantidade de ricina requirida para ter unha LD50 sobre unha área xeográfica grande (100 km2) é significativamente máis que a dun axente como o ántrax (8 toneladas de ricina fronte a só cantidades de quilos de ántrax).[56] A ricina é fácil de producir, pero non é práctico ou probable que cause tantas baixas coma outros axentes.[29] A ricina desnaturalízase doadamente a temperaturas de máis de 80 °C, o que significa que moitos métodos de despregar no campo de combate a ricina xerarían suficiente calor para desnaturalizada.[35] Unha vez utilizada, unha área contaminada con ricina segue sendo perigosa ata que rompe o enlace entre as cadeas A e B, un proceso que tarda dous ou tres días.[8] En contraste, as endósporas do ántrax poden seguir sendo letais durante décadas. Jan van Aken, un experto alemán en armas biolóxicas, explica nun informe para The Sunshine Project que os experimentos de Al Qaeda coa ricina suxiren a súa incapacidade para producir toxina botúlica ou de ántrax.[57]
Vacina
[editar | editar a fonte]
As vacinas para a toxina ricina convertéronse nun campo importante da investigación en biodefensa. Dúas vacinas de subunidades A recombinantes baseadas na RTA, RiVax e RVEc (tamén coñecida como RTA1-33/44-198),[60][61] completaron ensaios clínicos en fase I, e resultaron ser seguras.[62] Estas vacinas están baseadas en versións modificadas de cadea A da toxina ricina, deseñada para reducir a toxicidade mentres que mantén a inmunoxenicidade.
Desenvolvementos
[editar | editar a fonte]Unha compañía biofarmacéutica chamada Soligenix, Inc. ten a licenza dunha vacina antirricina chamada RiVax[63] de Vitetta et al. do Centro Médico da Universidade de Texas Suroeste. A vacina demostrou ser segura e inmunoxénica en ratos, coellos e humanos. Realizáronse con éxito dous ensaios clínicos.[64] A Soligenix concedéuselle a patente nos Estados Unidos de Rivax. O candidato a vacina contra a ricina ten o status de fármaco orfo na Unión Europea e os Estados Unidos e, en 2019, estaba en ensaios clínico nos Estados Unidos. O desenvolvemento deste candidato a vacina ten subvencións do Instituto Nacional da Alerxia e Doenzas Infecciosas e a FAD norteamericana.[65]
Síntese
[editar | editar a fonte]O primeiro illamento da ricina atribúese ao microbiólogo baltoalemán nacido en Estonia[66] Peter Hermann Stillmark (1860–1923) en 1888.[67][68][69]
Uso terrorista
[editar | editar a fonte]A ricina foi utilizada en varios ataques reais ou planeados a individuos de tipo terrorista ou de servizos secretos. Ata 2025, o único asasinato que tivera éxito usando a ricina ocorreu en 1978.[70] O disidente búlgaro Georgi Markov foi asasinado pola policía secreta búlgara da era soviética que discretamente lle disparou nunha perna nunha rúa de Londres cun paraugas modificado que usaba aire comprimido para disparar un perdigón que contiña ricina.[29][71] Morreu no hospital poucos días despois; o seu corpo foi trasladado a un departamento especializado en velenos do Ministerio de Defensa británico que descubriu o perdigón durante a autopsia. Os principais sospeitosos eran os policías secretos búlgaros: Georgi Markov desertara de Bulgaria uns anos antes e posteriormente escribira libros e feito programas de radio criticando o réxime comunista búlgaro. Porén, pensábase que daquela Bulgaria non tiña capacidade para producir un perdigón desas características, e críase que lle fora proporcionado polo KGB ruso. O KGB negou calquera implicación, aínda que desertores de alto nivel do KGB como Oleg Kalugin e Oleg Gordievsky confirmaron posteriormente a implicación do KGB. O disidente soviético Aleksandr Solzhenitsyn desenvolveu síntomas similares ao envelenamento por ricina (pero sobreviviu) despois dun encontro con axentes do KGB en 1971.[72]
Dez anos antes do ataque a Georgi Markov, outro desertor búlgaro, Vladimir Kostov, sobreviviu a un ataque similar. Kostov estaba de pé nunhas escaleiras mecánicas do metro de París cando sentiu unha picada na zona lumbar por riba do cinto dos pantalóns. Desenvolveu febre, pero recuperouse. Despois da morte de Markov, examinouse a ferida nas costas de Kostov e atopouse un perdigón envelenado con ricina idéntico ao usado contra Markov. A dose non fora dabondo para matalo.[8]
Varios individuos e grupos terroristas experimentaron coa ricina ou planearon o seu uso.[73] Houbo incidentes en que o veleno foi enviado a políticos estadounidenses. Por exemplo, o 29 de maio de 2013 dúas cartas anónimas enviadas ao alcalde de Nova York Michael Bloomberg contiñan trazas de ricina.[74] Outra enviouse ás oficinas de Alcaldes Contra as Armas Ilegais en Washington, D.C. Tamén se informou dunha carta que contiña ricina que foi enviada ao presidente dos Estados Unidos Barack Obama ao mesmo tempo. A actriz Shannon Richardson foi despois acusada do crime e declarada culpable ese decembro,[75] sendo sentenciada a 18 anos de prisión e mais unha multa de indemnización de 367.000 dólares.[76] O 2 de outubro de 2018, dúas cartas sospeitosas de conter ricina foron enviadas ao Pentágono, unha dirixida ao Secretario de Defensa James Mattis, e outra ao Xefe de Operacións Navais, almirante John Richardson.[77] Recibiuse outra carta sospeitosa o 23 de xullo de 2019 na Prisión Estatal de Pelican Bay de California, que despois se confirmou que contiña ricina, pero ninguén resultou prexudicado.[78]
En 2020, algúns medios da República Checa informaron, baseándose en información da intelixencia, que unha persoa con pasaporte diplomático ruso e con ricina chegara a Praga coa intención de asasinar a tres políticos. O presidente ruso Vladimir Putin negou a información. As vítimas ían ser Zdeněk Hřib, alcalde de Praga, que renomeara unha praza de Praga, a "Pod Kaštany", onde estaba situada a embaixada rusa, como praza Boris Nemtsov, un político ruso da oposición asasinado no Kremlin en 2015; Ondřej Kolář, o alcalde do distrito municipal Praga 6, que estivera implicado na retirada dunha estatua do mariscal Konev da era soviética; e Pavel Novotný, alcalde do distrito de Řeporyje do suroeste de Praga. A todos se lle deu protección policial.[79][80] O presidente checo Miloš Zeman describiu posteriormente a protección policial de Zdeněk Hřib como un intento dun político insignificante de atraer a atención. Zeman tamén confundiu a ricina co laxante non velenoso aceite de rícino.[81]
En 2018[82] e 2023 a policía alemá frustrou ataques con ricina, despois de recibir un aviso de alerta que se cre procedía do FBI norteamericano.[83]
En 2025, as axencias de seguridade do estado indio de Gujarat arrestaron tres musulmáns alegando que preparaban un atentado terrorista usando ricina.[84]
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]A ricina foi usada como parte do argumento de obras como a serie de televisión Breaking Bad.[85]
A popularidade de Breaking Bad inspirou varios casos criminais na vida real nos que se usaron a ricina ou substancias similares. Kuntal Patel en Londres intentou envelenar a súa nai con abrina ao interferir esta cos seus plans de casamento.[86] Daniel Milzman, un antigo estudante da Universidade de Georgetown de 19 anos, foi acusado de fabricar ricina na súa habitación da residencia universitaria, así como de intentar "[usar] a ricina noutro estudante de pregrao co cal tiña unha relación".[87] Mohammed Ali en Liverpool, Inglaterra, foi condenado polo intento de compra de 500 mg de ricina na dark web a un axente do FBI encuberto, e foi sentenciado en 2015 a oito anos de prisión.[88]
Na historia curta de Agatha Christie de 1929 The House of Lurking Death (A casa da morte axexante), a ricina utilízase como parte do argumento.[89]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ricin (from Ricinus communis) as undesirable substances in animal feed-Scientific Opinion of the Panel on Contaminants in the Food Chain.". EFSA Journal (European Food Safety Authority) 6 (9): 726. setembro de 2008. doi:10.2903/j.efsa.2008.726.
- ↑ Wright HT, Robertus JD (xullo de 1987). "The intersubunit disulfide bridge of ricin is essential for cytotoxicity". Archives of Biochemistry and Biophysics 256 (1): 280–284. PMID 3606124. doi:10.1016/0003-9861(87)90447-4.
- 1 2 Lord MJ, Roberts LM (2005). "Ricin: structure, synthesis, and mode of action". En Raffael S, Schmitt M. Microbial Protein Toxins. Topics in Current Genetics 11. Berlin: Springer. pp. 215–233. ISBN 978-3-540-23562-0. doi:10.1007/b100198.
- ↑ "P02879 Ricin precursor – Ricinus communis (Castor bean)". UniProtKB. UniProt Consortium.
- 1 2 Olsnes S, Pihl A (xullo de 1973). "Different biological properties of the two constituent peptide chains of ricin, a toxic protein inhibiting protein synthesis". Biochemistry 12 (16): 3121–3126. PMID 4730499. doi:10.1021/bi00740a028.
- 1 2 Weston SA, Tucker AD, Thatcher DR, Derbyshire DJ, Pauptit RA (decembro de 1994). "X-ray structure of recombinant ricin A-chain at 1.8 A resolution". Journal of Molecular Biology 244 (4): 410–422. PMID 7990130. doi:10.1006/jmbi.1994.1739.
- ↑ Wales R, Richardson PT, Roberts LM, Woodland HR, Lord JM (outubro de 1991). "Mutational analysis of the galactose binding ability of recombinant ricin B chain". The Journal of Biological Chemistry 266 (29): 19172–19179. PMID 1717462. doi:10.1016/S0021-9258(18)54978-4.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 Kathryn Harkup (2015). A is For Arsenic: The poisons of Agatha Christie. Londres: Bloomsbury Sigma. pp. 222–236. ISBN 978-1-4729-1130-8.
- ↑ Magnusson S, Kjeken R, Berg T (marzo de 1993). "Characterization of two distinct pathways of endocytosis of ricin by rat liver endothelial cells". Experimental Cell Research 205 (1): 118–125. PMID 8453986. doi:10.1006/excr.1993.1065.
- ↑ Sphyris N, Lord JM, Wales R, Roberts LM (setembro de 1995). "Mutational analysis of the Ricinus lectin B-chains. Galactose-binding ability of the 2 gamma subdomain of Ricinus communis agglutinin B-chain". The Journal of Biological Chemistry 270 (35): 20292–20297. PMID 7657599. doi:10.1074/jbc.270.35.20292.
- ↑ Moya M, Dautry-Varsat A, Goud B, Louvard D, Boquet P (agosto de 1985). "Inhibition of coated pit formation in Hep2 cells blocks the cytotoxicity of diphtheria toxin but not that of ricin toxin". The Journal of Cell Biology 101 (2): 548–559. PMC 2113662. PMID 2862151. doi:10.1083/jcb.101.2.548.
- ↑ Nichols BJ, Lippincott-Schwartz J (outubro de 2001). "Endocytosis without clathrin coats". Trends in Cell Biology 11 (10): 406–412. PMID 11567873. doi:10.1016/S0962-8924(01)02107-9.
- 1 2 3 Lord MJ, Jolliffe NA, Marsden CJ, Pateman CS, Smith DC, Spooner RA, Watson PD, Roberts LM (2003). "Ricin. Mechanisms of cytotoxicity". Toxicological Reviews 22 (1): 53–64. PMID 14579547. doi:10.2165/00139709-200322010-00006.
- ↑ Spooner RA, Smith DC, Easton AJ, Roberts LM, Lord JM (abril de 2006). "Retrograde transport pathways utilised by viruses and protein toxins". Virology Journal. 3 (número de artigo: 26). PMC 1524934. PMID 16603059. doi:10.1186/1743-422X-3-26.
- ↑ Spooner RA, Watson PD, Marsden CJ, Smith DC, Moore KA, Cook JP, Lord JM, Roberts LM (outubro de 2004). "Protein disulphide-isomerase reduces ricin to its A and B chains in the endoplasmic reticulum". The Biochemical Journal 383 (Pt 2): 285–293. PMC 1134069. PMID 15225124. doi:10.1042/BJ20040742.
- ↑ Bellisola G, Fracasso G, Ippoliti R, Menestrina G, Rosén A, Soldà S, Udali S, Tomazzolli R, Tridente G, Colombatti M (maio de 2004). "Reductive activation of ricin and ricin A-chain immunotoxins by protein disulfide isomerase and thioredoxin reductase". Biochemical Pharmacology 67 (9): 1721–1731. PMID 15081871. doi:10.1016/j.bcp.2004.01.013.
- ↑ Mayerhofer PU, Cook JP, Wahlman J, Pinheiro TT, Moore KA, Lord JM, Johnson AE, Roberts LM (abril de 2009). "Ricin A chain insertion into endoplasmic reticulum membranes is triggered by a temperature increase to 37 {degrees}C". The Journal of Biological Chemistry 284 (15): 10232–10242. PMC 2665077. PMID 19211561. doi:10.1074/jbc.M808387200.
- 1 2 Spooner RA, Hart PJ, Cook JP, Pietroni P, Rogon C, Höhfeld J, Roberts LM, Lord JM (novembro de 2008). "Cytosolic chaperones influence the fate of a toxin dislocated from the endoplasmic reticulum". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 105 (45): 17408–17413. Bibcode:2008PNAS..10517408S. JSTOR 25465291. PMC 2580750. PMID 18988734. doi:10.1073/pnas.0809013105.
- ↑ Slominska-Wojewodzka M, Gregers TF, Wälchli S, Sandvig K (abril de 2006). "EDEM is involved in retrotranslocation of ricin from the endoplasmic reticulum to the cytosol". Molecular Biology of the Cell 17 (4): 1664–1675. PMC 1415288. PMID 16452630. doi:10.1091/mbc.E05-10-0961.
- ↑ Gregers TF, Skånland SS, Wälchli S, Bakke O, Sandvig K (maio de 2013). "BiP negatively affects ricin transport". Toxins 5 (5): 969–982. PMC 3709273. PMID 23666197. doi:10.3390/toxins5050969.
- ↑ Li S, Spooner RA, Allen SC, Guise CP, Ladds G, Schnöder T, Schmitt MJ, Lord JM, Roberts LM (agosto de 2010). "Folding-competent and folding-defective forms of ricin A chain have different fates after retrotranslocation from the endoplasmic reticulum". Molecular Biology of the Cell 21 (15): 2543–2554. PMC 2912342. PMID 20519439. doi:10.1091/mbc.E09-08-0743.
- ↑ Deeks ED, Cook JP, Day PJ, Smith DC, Roberts LM, Lord JM (marzo de 2002). "The low lysine content of ricin A chain reduces the risk of proteolytic degradation after translocation from the endoplasmic reticulum to the cytosol". Biochemistry 41 (10): 3405–3413. PMID 11876649. doi:10.1021/bi011580v.
- ↑ Pietroni P, Vasisht N, Cook JP, Roberts DM, Lord JM, Hartmann-Petersen R, Roberts LM, Spooner RA (agosto de 2013). "The proteasome cap RPT5/Rpt5p subunit prevents aggregation of unfolded ricin A chain". The Biochemical Journal 453 (3): 435–445. PMC 3778710. PMID 23617410. doi:10.1042/BJ20130133.
- ↑ Endo Y, Tsurugi K (xuño de 1987). "RNA N-glycosidase activity of ricin A-chain. Mechanism of action of the toxic lectin ricin on eukaryotic ribosomes". The Journal of Biological Chemistry 262 (17): 8128–8130. PMID 3036799. doi:10.1016/S0021-9258(18)47538-2.
- ↑ Endo Y, Tsurugi K (xuño de 1988). "The RNA N-glycosidase activity of ricin A-chain. The characteristics of the enzymatic activity of ricin A-chain with ribosomes and with rRNA". The Journal of Biological Chemistry 263 (18): 8735–8739. PMID 3288622. doi:10.1016/S0021-9258(18)68367-X.
- ↑ Sperti S, Montanaro L, Mattioli A, Stirpe F (novembro de 1973). "Inhibition by ricin of protein synthesis in vitro: 60 S ribosomal subunit as the target of the toxin". The Biochemical Journal 136 (3): 813–815. PMC 1166019. PMID 4360718. doi:10.1042/bj1360813.
- 1 2 3 Ujváry I (2010). Krieger R, ed. Hayes´ Handbook of Pesticide Toxicology (Third ed.). Elsevier, Amsterdam. pp. 119–229. ISBN 978-0-12-374367-1.
- 1 2 3 4 5 6 7 "CDC – The Emergency Response Safety and Health Database: Biotoxin: RICIN – NIOSH". cdc.gov. Consultado o 31 de decembro de 2015.
- 1 2 3 Schep LJ, Temple WA, Butt GA, Beasley MD (novembro de 2009). "Ricin as a weapon of mass terror--separating fact from fiction". Environment International 35 (8): 1267–1271. Bibcode:2009EnInt..35.1267S. PMID 19767104. doi:10.1016/j.envint.2009.08.004. Arquivado dende o orixinal o 5 de novembro de 2020. Consultado o 12 de decembro de 2019.
- ↑ Kopferschmitt J, Flesch F, Lugnier A, Sauder P, Jaeger A, Mantz JM (abril de 1983). "Acute voluntary intoxication by ricin". Human Toxicology 2 (2): 239–242. Bibcode:1983HETox...2..239K. PMID 6862467. doi:10.1177/096032718300200211.
- ↑ Rincon P (11 de novembro de 2009). "Ricin 'antidote' to be produced". BBC News. Consultado o 1 de setembro de 2010.
- ↑ "Human trial proves ricin vaccine safe, induces neutralizing antibodies; further tests planned". University of Texas Southwestern Medical Center. 30 de xaneiro de 2006. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2011. Consultado o 7 de maio de 2012.
- ↑ Fleming-Michael K (1 de setembro de 2005). "Vaccine for ricin toxin developed at Detrick lab". Dcmilitary.com. Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2012. Consultado o 1 de setembro de 2010.
- ↑ Orsini Delgado ML, Avril A, Prigent J, Dano J, Rouaix A, Worbs S, Dorner BG, Rougeaux C, Becher F, Fenaille F, Livet S, Volland H, Tournier JN, Simon S (xaneiro de 2021). "Ricin Antibodies' Neutralizing Capacity against Different Ricin Isoforms and Cultivars". Toxins 13 (2): 100. PMC 7911099. PMID 33573016. doi:10.3390/toxins13020100.
- 1 2 Levy J (2011). Poison: An Illustrated History. Guilford, Connecticut: Lyons Press. p. 133. ISBN 978-0-7627-7056-4.
- ↑ "Oil cake (chemistry)". Encyclopædia Britannica.
- ↑ Soto-Blanco B, Sinhorini IL, Gorniak SL, Schumaher-Henrique B (xuño de 2002). "Ricinus communis cake poisoning in a dog". Veterinary and Human Toxicology 44 (3): 155–156. PMID 12046967.
- ↑ Aplin PJ, Eliseo T (setembro de 1997). "Ingestion of castor oil plant seeds". The Medical Journal of Australia 167 (5): 260–261. PMID 9315014. doi:10.5694/j.1326-5377.1997.tb125050.x.
- ↑ Wedin GP, Neal JS, Everson GW, Krenzelok EP (maio de 1986). "Castor bean poisoning". The American Journal of Emergency Medicine 4 (3): 259–261. PMID 3964368. doi:10.1016/0735-6757(86)90080-X.
- ↑ Rauber A, Heard J (decembro de 1985). "Castor bean toxicity re-examined: a new perspective". Veterinary and Human Toxicology 27 (6): 498–502. PMID 4082461.
- ↑ "Survived after ingesting 30 castor beans". The Salt Lake Tribune. 3 de outubro de 2013. Consultado o 3 de agosto de 2014.
- ↑ Benamor M, Gharbi E, Bouzid S, Chakroun-Walha O, Rekik N (decembro de 2020). "Ricin poisoning after oral ingestion of castor beans: A case report and literature review". African Journal of Emergency Medicine 10 (4): 274–276. PMC 7700980. PMID 33299763. doi:10.1016/j.afjem.2020.06.002.
- ↑ Baselt RC (2011). Disposition of Toxic Drugs and Chemicals in Man (9ª ed.). Seal Beach, California: Biomedical Publications. pp. 1497–1499. ISBN 978-0-9626523-8-7.
- ↑ Raso V, Ritz J, Basala M, Schlossman SF (febreiro de 1982). "Monoclonal antibody-ricin A chain conjugate selectively cytotoxic for cells bearing the common acute lymphoblastic leukemia antigen". Cancer Research 42 (2): 457–464. PMID 6948605.
- ↑ Turturro F (xaneiro de 2007). "Denileukin diftitox: a biotherapeutic paradigm shift in the treatment of lymphoid-derived disorders". Expert Review of Anticancer Therapy 7 (1): 11–7. PMID 17187516. doi:10.1586/14737140.7.1.11.
- ↑ "HHS and USDA Select Agents and Toxins 7 CFR Part 331, 9 CFR Part 121, and 42 CFR Part 73" (PDF). cdc.gov. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de xaneiro de 2009.
- ↑ "Permissible Toxin Amounts". National Select Agent Registry. 10 de setembo de 2020.
- ↑ "40 C.F.R.: Appendix A to Part 355 – The List of Extremely Hazardous Substances and Their Threshold Planning Quantities" (PDF). Code of Federal Regulations (1 de xullo de 2008 ed.) (Government Printing Office). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de febreiro de 2012. Consultado o 29 de outubro de 2011.
- ↑ Augerson WS, Spektor DM (2000). A Review of the Scientific Literature as it Pertains to Gulf War Illnesses. Rand Corporation (Informe). Chemical and Biological Warfare Agents 5 (United States Dept. of Defense, Office of the Secretary of Defense, National Defense Research Institute (U.S.)). ISBN 978-0-8330-2680-4. doi:10.7249/MR1018.5.
- ↑ "The Avalon Project – Laws of War: Laws and Customs of War on Land (Hague II); July 29, 1899". Avalon.law.yale.edu. Consultado o 1 de setembro de 2010.
- ↑ Gupta R (2009). Handbook of Toxicology of Chemical Warfare Agents. Boston: Academic Press. p. 340. ISBN 978-0-12-374484-5.
- ↑ Romano Jr JA, Salem M, Lukey BJ (2007). Chemical Warfare Agents: Chemistry, Pharmacology, Toxicology, and Therapeutics, Second Edition. CRC Press. p. 437. ISBN 978-1-4200-4662-5.
- ↑ Cummings, Richard H. (22 de abril de 2009). Cold War Radio: The Dangerous History of American Broadcasting in Europe, 1950-1989 (en inglés). McFarland. pp. 67–70. ISBN 978-0-7864-5300-9.
- ↑ Edwards, Richard (19 de xuño de 2008). "Poison-tip umbrella assassination of Georgi Markov reinvestigated". The Telegraph. Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro 2022.
- ↑ "Cornell University Department of Animal Science". Ansci.cornell.edu. Consultado o 7 de maio de 2012.
- ↑ Kortepeter MG, Parker GW (1999). "Potential biological weapons threats". Emerging Infectious Diseases 5 (4): 523–527. PMC 2627749. PMID 10458957. doi:10.3201/eid0504.990411.
- ↑ van Aken J (2001). "Biological Weapons: Research Projects of the German Army". Backgrounder Series No. 7. The Sunshine Project. Arquivado dende o orixinal o 8 de xaneirode 2013.
- ↑ Legler PM, Compton JR, Hale ML, Anderson GP, Olson MA, Millard CB, Goldman ER (xaneiro de 2017). "Stability of isolated antibody-antigen complexes as a predictive tool for selecting toxin neutralizing antibodies". mAbs 9 (1): 43–57. PMC 5240650. PMID 27660893. doi:10.1080/19420862.2016.1236882.
- ↑ Legler PM, Brey RN, Smallshaw JE, Vitetta ES, Millard CB (setembro de 2011). "Structure of RiVax: a recombinant ricin vaccine". Acta Crystallographica. Section D, Biological Crystallography 67 (Pt 9): 826–830. Bibcode:2011AcCrD..67..826L. PMC 3169317. PMID 21904036. doi:10.1107/S0907444911026771.
- ↑ Olson MA, Carra JH, Roxas-Duncan V, Wannemacher RW, Smith LA, Millard CB (abril de 2004). "Finding a new vaccine in the ricin protein fold". Protein Engineering, Design & Selection 17 (4): 391–397. PMID 15187223. doi:10.1093/protein/gzh043.
- ↑ Janosi L, Compton JR, Legler PM, Steele KE, Davis JM, Matyas GR, Millard CB (xaneiro de 2013). "Disruption of the putative vascular leak peptide sequence in the stabilized ricin vaccine candidate RTA1-33/44-198". Toxins 5 (2): 224–248. PMC 3640533. PMID 23364220. doi:10.3390/toxins5020224.
- ↑ Vance DJ, Mantis NJ (setembro de 2016). "Progress and challenges associated with the development of ricin toxin subunit vaccines". Expert Review of Vaccines 15 (9): 1213–1222. PMC 5193006. PMID 26998662. doi:10.1586/14760584.2016.1168701.
- ↑ Legler PM, Brey RN, Smallshaw JE, Vitetta ES, Millard CB (setembro de 2011). "Structure of RiVax: a recombinant ricin vaccine". Acta Crystallographica. Section D, Biological Crystallography 67 (Pt 9): 826–830. Bibcode:2011AcCrD..67..826L. PMC 3169317. PMID 21904036. doi:10.1107/S0907444911026771.
- ↑ "RiVax™ Ricin Toxin Vaccine". Soligenix, Inc. Consultado o 28 de xuño de 2017.
- ↑ Hackett DW (11 de febreiro de 2019). "Ricin Vaccine Candidate Rivax Awarded Patent Protection". Precision Vaccinations. Houston TX: Precision Vax Llc. Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2019. Consultado o 27 de febreiro de 2019.
- ↑ Era un dos membros da etnia alemá que vivía en Estonia (baltoalemáns), que cando el naceu pertencía ao Imperio Ruso.
- ↑ Stillmark, Hermann (1888). Über Ricin, ein giftiges Ferment aus den Samen von Ricinus comm. L. und einigen anderen Euphorbiaceen [About ricin, a poisonous ferment [i.e., enzyme] from the seeds of Ricinus communis L. and some other Euphorbiaceae] (Tese) (en alemán). Dorpat, Estonia: Universidade de Dorpat.
- ↑ Stillmark H (1889). "Ueber ricin" [About ricin]. Arbeiten des Pharmakologischen Institutes zu Dorpat (en alemán) 3: 59–151.
- ↑ O médico ruso N.A. Bubnow e o médico australiano Thomas Storie Dixson (1854–1932) probablemente illaron a ricina en 1887 na Universidade de Estrssburgo, Alemaña; porén, Dixson creu erradamente que a ricina era un glicósido, cando en realidade é unha proteína.
- Dixson, Thomas (marzo de 1887). "Ricinus communis". Australasian Medical Gazette 6: 137–138, 155–158.
- Vogl A (1892). Pharmakognosie (en alemán). Vienna, Austria: Carl Gerold's Sohn. p. 204. From p. 204: "Bubnow und Dixson (1887) erhielten aus den entfetteten Samen … vielleicht eine sogenannte Phytalalbumose darstellt." (Bubnow e Dixson (1887) obtiveron, das sementes desgraxadas por extracción con ácido clorhídrico diluído, un glicósido ([ao que chamaron] Ricinon) que pertence aos anhídridos ácidos [e que ten] efectos moi drásticos. Mr. Stillmark (1889) finalmente precipitou, a partir das sementes e da torta do aceite [de rícino], unh substancia moi velenosa, a Ricina, (aproximadamente o 3 % das sementes secadas ao aire) que é insoluble en alcohol e que probablemente é unha proteína, un encima amorfo, quiszais unha das denominadas fitoalbuminas.)
- Finnemore H (29 de xullo de 1905). "Castor oil – part 1". Pharmaceutical Journal 75: 137–138. Ver p. 137.
- Modelo:Cite Australian Dictionary of Biography
- ↑ Modelo:Cite podcast
- ↑ "Ricin and the umbrella murder". CNN. 7 de xaneiro de 2003. Consultado o 15 de marzo de 2008.
- ↑ Thomas DM (1998). Alexander Solzhenitsyn: A Century in His Life (1ª ed.). St. Martin's Press. pp. 368–378. ISBN 978-0-7567-6011-3.
- ↑ "Internet dating couple jailed for plotting IS attack in Britain". Guernsey Press. 22 de febreiro de 2018. Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2023. Consultado o 15 de novembro de 2025. Esta é unha das moitas novas periodísticas de plans para usar a ricina con fins terroristas.
- ↑ "Letters to NYC Mayor Bloomberg contained ricin". MSN News. Associated Press. 30 de maio de 2013. Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2013.
- ↑ Harris P (8 June 2013). "Bit-part actor charged over plot to frame husband for ricin letters". The Guardian.
- ↑ McLaughlin EC (16 de xullo de 2014). "Texas actress who sent Obama ricin sentenced to 18 years". CNN. Consultado o 16 de xullo 2014.
- ↑ "Ricin detected in mail sent to Pentagon". CNN. 10 de outubro de 2018.
- ↑ Maravelias P (27 de xullo de 2019). "Suspicious substance which caused Pelican Bay building evacuation identified as ricin". KRCR-TV.
- ↑ Roth A (27 de abril de 2020). "Prague mayor under police protection amid reports of Russian plot". The Guardian. Consultado o 29 de abril de 2020.
- ↑ "Police protecting Prague mayor after 'murder plot'". BBC News. 29 de abril de 2020. Consultado o 29 de abril de 2020.
- ↑ Mortkowitz S (6 de maio de 2020). "Czech president lashes out at Prague mayor under police protection". Politico. Consultado o 7 de maio de 2020.
- ↑ "German prosecutors arrest man over alleged ricin attack plot". The Guardian. Associated Press. 14 de xuño de 2018.
- ↑ Connolly, Kate (8 de xaneiro de 2023). "German police arrest Iranian man suspected of planning chemical attack". The Guardian.
- ↑ "Ricin poison terror plot busted, Telangana ‘doctor’, 2 from UP arrested: Gujarat ATS". The New Indian Express. Consultado o 10 de novembro de 2025.
- ↑ "Things You Should Know About Ricin Before Watching the 'Breaking Bad' Finale". National Geographic. National Geographic Society. 27 de setembro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 8 de marzo de 2021. Consultado o 2 de maio de 2015.
- ↑ "Woman tried to poison mother in plot inspired by Breaking Bad, court told". The Guardian (Londres). 22 de setembro de 2014. Consultado o 2 de maio de 2015.
- ↑ Noble A (15 de setembro de 2014). "Guilty plea in Georgetown University ricin case with tie to 'Breaking Bad'". The Washington Times. Consultado o 2 de maio de 2015.
- ↑ "Breaking Bad fan guilty of Dark Web ricin plot". BBC News. 29 de xullo de 2015. Consultado o 29 de xullo de 2015.
- ↑ "Andrew Wilson: Would Agatha Christie have solved the Salisbury poisoning?". Aitken Alexander Associates. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2025. Consultado o 2025-01-26.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ricina |
- Estudos que mostran a toxicidade do aceite de rícino do US Public Health Service
- Información sobre a semente de rícino na Universidade Purdue
- Plantas velenosas para o gando – Información sobre a ricina na Universidade Cornell
- Tests da terapia do cancro con ricina na BBC
- Ricina – Preparacións de emerxencia nos CDC
- <resposta de emerxencia– Ricina nos CDC
- Relación de toda a información estrutural dispoñible en PDB para UniProt: P02879 (Ricin) en PDBe-KB.