Saltar ao contido

Richard Sainthill

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRichard Sainthill
Biografía
Nacemento28 de xaneiro de 1787.
Inglaterra Topsham, Devon, Inglaterra.
Morte13 de novembro de 1869 (82 anos)
Emmet Place, Cork.
Lugar de sepulturaCemiterio de Rathcooney. 
Actividade
Campo de traballoNumismática.
Ocupaciónnumismático Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeCatherine Eliza Atkins. Editar o valor en Wikidata
PaisRichard Sainthill Editar o valor en Wikidata  e Charlotte Green. Editar o valor en Wikidata

Richard Sainthill, nado en Topsham, Devon, o 28 de xaneiro de 1787 e finado en Emmet Place, Cork, o 13 de novembro de 1869,[1] foi un numismático anglo-irlandés.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Richard Sainthill naceu o 28 de xaneiro de 1787 en Topsham, Devon no seo dunha familia de orixe normanda asentada en Devon séculos atrás, fillo de Charlotte Green e do capitán Richard Sainthhill (1739-1829).[2]

Estudou na escola de South Mimms, en Herts, e xa na súa adolescencia iniciou a súa afección pola numismática, en parte herdada do interese da súa nai polas antigüidades.[2]

Traxectoria profesional e como erudito

[editar | editar a fonte]

Logo dos seus estudos, Sainthill comezou a traballar nun despacho de comercio en Cork, a onde se desprazara para se encontrar co seu pai, que exercía alí como axente de transportes, e logo pasou ao despacho do seu tío materno en Londres, onde este era un destacado comerciante. Foi nesta capital onde empezou a se relacionar con figuras das letras e da cultura, como o arquitecto John Soane, o xeólogo Roderick Murchison ou o pintor Thomas Lawrence, e tamén con personalidades relacionadas co Museo Británico.[3]

Richard Sainthill, The Old Countess of Desmond part 2 (Dublín, 1863)

A doenza do seu pai levouno a regresar a Cork, onde se asociou nun próspero negocio cun importante comerciante de viños da cidade. Esta independencia económica permitiulle dedicarse de cheo aos seus estudos e ao coleccionismo de antigüidades e, sinaladamente, de moedas, así como a publicar os seus primeiros artigos. Nesa época converteuse en colaborador habitual da revista Gentlemanaris, sobre todo con artigos sobre a topografía local, en tanto que as súas colaboracións sobre numismática as realizaba na revista Talisman, no Numismatic Journal e en Morning Post, entre outros. En anos posteriores publicou en forma de libro varias compilacións dos seus artigos, unha delas co curioso título de An Olla Podrida (1844-1853), en alusión ao prato típico español que mestura ingredientes moi diversos.[3]

Sainthill prestoulle unha gran axuda a Crofton Croker na súa compilación de lendas irlandesas de fadas, e foi un gran amigo e mecenas do pintor Daniel Maclise,[4] a quen coñecera cara a 1821, cando Maclise regresara a Cork desde Londres. Sainthill chegou mesmo a cederlle un cuarto na súa casa para que instalase alí o seu estudio, e inculcoulle o interese polas antigüidades, a historia e o folclore irlandeses.[5] Tamén colaborou estreitamente co seu amigo o numismático irlandés Aquilla Smith, autor de arredor de 500 ilustracións de An Olla Podrida, cuxo segundo volume, editado en 1853, está dedicado a el.[6]

En 1855, o daquela gravador xefe da Royal Mint, Leonard Charles Wyon, creou unha medalla na súa honra, en cuxo anverso, rodeando a súa efixie, se le: RICHARD SAINTHILL OF TOPSHAM DEVONSHIRE NUMISMATIST BRON JAN. 28 1787. A lenda do reverso é IRRADIATINT THE PRESENT / RESTORING THE PAST / NUMISMATA.[7][8][9]

En abril 1870, uns meses despois do seu falecemento, a súa colección de moedas e a súa biblioteca numismática foron vendidas en poxa en Londres pola compañía Sotheby, Wilkinson & Hodge.[10]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Richard Sainthill estivo casado con Catherine Eliza Atkins (finada en 1859). El finou na súa residencia de Emmet Place —daquela chamado Nelson Place—, en Cork, o 13 de novembro de 1869, aos 82 anos, e foi soterrado no panteón familiar do cemiterio de Rathcooney.[11]

Na súa memoria, dedicóuselle a vidreira número 39 da catedral protestante de Cork.[11]

Publicacións

[editar | editar a fonte]
Lámina de ilustracións de Olla Podrida (1853).
  1. Anónimo (1898). Páxinas 198, 201.
  2. 1 2 Anónimo (1898). Páxina 198.
  3. 1 2 Anónimo (1898). Páxina 199.
  4. Anónimo (1898). Páxina 200.
  5. "Portrait of Richard Sainthill". Leicestergalleries.com
  6. "Proceedings of the Numismatic Society" (1890). En Numismatic Chronicle. 3ª serie. Nº 10. 1890. Páxina 24.
  7. "Medal - Richard Sainthill". Numista.com
  8. "Richard Sainthill: CM.15-1972". The Fiztwilliam Museum (fitzmuseum.cam.ac.uk).
  9. "Richard Sainthill Copper Tribute Medal". Jerseycoins.com
  10. Catalogue of the valuable collection of coins and medals of the late Richard Sainthill. Sotheby, Wilkinson & Hodge, Londres. 1870.
  11. 1 2 Anónimo (1898). Páxina 201.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]