Richard Mulcahy
![]() | Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2018.) |
Richard Mulcahy | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | Richard James Mulcahy |
Nacemento | 10 de maio de 1886 |
Lugar de nacemento | Waterford - Port Láirge |
Falecemento | 16 de decembro de 1971 |
Lugar de falecemento | Dublín |
Soterrado | Littleton |
Nacionalidade | Illa de Irlanda, República Irlandesa, Estado Libre Irlandés e Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda |
Relixión | Igrexa católica |
Alma máter | University College Dublin |
Ocupación | político |
Cónxuxe | Josephine Ryan |
Na rede | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Richard James Mulcahy ou Risteárd Séamus Ó Maolchatha en irlandés, nado o 10 de maio de 1886 en Waterford e finado o 16 de decembro de 1971 en Dublín, foi un político irlandés, xeneral do exército e Comandante en Xefe, líder do Fine Gael e ministro. Participou no Alzamento de Pascua de 1916 e foi Xefe do Estado Maior do IRA durante a Guerra da Independencia Irlandesa e comandante das forzas pro-tratado durante a Guerra Civil Irlandesa.
Primeiros anos e Alzamento de Pascua de 1916[editar | editar a fonte]
Richard Mulcahy naceu en Manor Street, Waterford, o 10 de maio de 1886. Foi educado na Escola dos Irmáns Cristianos Monte Sion e posteriormente en Thurles (condado de Tipperary), onde seu pai dirixía a oficina de correos. Unha das súas avoas era unha cuáquera que foi desherdada por casar cun católico. En 1902 entrou a traballar na Oficina de Correos e traballou en Thurles, Bantry, Wexford e Dublín. Foi membro dos Voluntarios Irlandeses dende 1913, e se uniu tamén á Irmandade Republicana Irlandesa e á Liga Gaélica.
Durante o Alzamento de Pascua participou xunto a Thomas Ashe (que morrería durante unha folga de fame) nunha acción contra a Royal Irish Constabulary en Waterford. Detido polas forzas británicas, foi internado en Knutsford e no Campo de Internamento de Frongoch, en Gales, ata a súa liberación o 24 de decembro de 1916.
Guerra de Independencia e Guerra Civil[editar | editar a fonte]
Tras ser posto en liberdade, uniuse inmediatamente ao movemento republicano e se converteu en comandante da Brigada de Dublín dos Voluntarios Irlandeses. Elixido deputado nas eleccións de 1918, foi nomeado Ministro da Guerra no goberno republicano. En marzo de 1919 foi nomeado Xefe do Estado Maior do IRA, posto que mantivo ata xaneiro de 1922.
El e Michael Collins foron os artífices da campaña militar contra o goberno británico durante a Guerra da Independencia Irlandesa. En 1919 contraeu matrimonio con Mary Josephine Ryan, irmá de James Ryan e de Kate e Phyllis Ryan, esposas sucesivas de Seán O'Kelly. Ambos homes acabaron formando parte dos gobernos do Fianna Fáil.
Trala sinatura do Tratado Anglo-Irlandés de 1921, Mulcahy uniuse aos pro-tratadistas e foi nomeado Comandante en Xefe do exército do Goberno Provisional durante a Guerra Civil Irlandesa. Súa foi a orde de executar a aqueles activistas anti-tratado aos que se encontrara portando armas, sendo un total de 77 prisioneiros executados polo Goberno Provisional. Mulcahy ocupou despois o cargo de Ministro da Guerra do Estado Libre Irlandés entre xaneiro e marzo de 1924, mais dimitiu tralas críticas recibidas polo goberno sobre a súa xestión do coñecido como "motín do exército", protagonizado polos militares veteranos que foron desmovilizados ao concluír a guerra civil. Porén volveu entrar no goberno en 1927 á fronte do Ministerio de Goberno Local e Saúde Pública.
Vida política posterior[editar | editar a fonte]
Durante a súa vida política, os seus resultados electorais no Dáil Éireann flutuaron. Foi elixido TD (Teachta Dála, Membro do Parlamento) pola circunscrición de Dublín Noroeste nas eleccións xerais de 1921 e 1922. Ao ano seguinte, nas eleccións de 1923, presentouse por Dublín Nordeste, onde volveu gañar en 1927 (xuño e setembro), 1932 e 1933.
En 1937 foi derrotado, mais conseguiu ser elixido senador no Seanad Éireann (o senado irlandés) trala votación do Panel Administrativo. O Segundo Senado non chegou aos dous meses de vida, e foi elixido novamente deputado do Dáil por Dublín Nordeste nas eleccións de 1938. Derrotado novamente en 1943, formou parte do Cuarto Senado tras ser votado polo Panel de Traballo.
Líder do Fine Gael[editar | editar a fonte]
Trala dimisión de William Cosgrave en 1944, Mulcahy converteuse no novo líder do Fine Gael dende o seu posto de senador, mentres que Thomas O'Higgins era o líder do partido no Dáil. Nas eleccións dese mesmo ano, Mulcahy se presentou por Tipperary, regresando novamente ao Parlamento.
Mulcahy tivo que enfrontarse daquela á tarefa de revivir un partido que non gañara unhas eleccións dende 1932. Nas súas primeiras eleccións como líder do partido, preparou unha lista rexuvenecida. Conseguiu apartar a imaxe de antipatía de Cosgrave viaxando polo país e conseguindo levar novos aires ao Fine Gael. Aínda que isto serviu para deter o declive do partido, as súas expectativas de futuro aínda non estaban claras.
Tralas eleccións de 1948 subiu ao poder o primeiro goberno de coalición da historia de Irlanda. O Fine Gael, o Partido Laborista, o Partido Nacional do Traballo, Clann na Poblachta e Clann na Talmhan se uniron para desprazar ao Fianna Fáil do poder. A posibilidade dun pacto fora suxerida durante a campaña por algúns deputados independentes e outros do Fine Gael. Porén, foi Mulcahy quen decidiu poñer en práctica ese plan para tratar de lograr un goberno viable. Dado que o Fine Gael era o partido maioritario neste novo goberno, correspondeulle a elección do Taoiseach, que parecía probable que recaera en Mulcahy. Mais os republicanos de Clann na Poblachta, liderados por Seán MacBride, consideraban este nomeamento inaceptable debido ás execucións ordenadas por el durante a guerra civil. Sen o apoio dos republicanos, a coalición reducíase a 17 escanos da maioría absoluta, polo que Mulcahy decidiu retirarse e apoiar a candidatura do seu compañeiro de partido John Costello, que se convertería no líder parlamentario do Fine Gael mentres que Mulcahy exercería funcións so nominais no partido.
Entre 1948 e 1951, Mulcahy ocupou o cargo de Ministro de Educación e Ciencia. Tralas eleccións de 1954, un novo goberno de coalición ocupou o poder e Mulcahy repetiu na carteira de Educación ata 1959. En outubro de 1960 anunciou aos seus compañeiros de Tipperary que non pensaba presentarse á reelección en 1961.
Mulcahy finou en 1971 en Dublín a causa da súa avanzada idade. Tiña 85 anos.