Saltar ao contido

Richard Lalor Sheil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRichard Lalor Sheil
Biografía
Nacemento17 de agosto de 1791.
Slieverue, Kilkenny, Irlanda.
Morte23 de maio de 1851 (59 anos)
Long Orchard, Tipperary, Irlanda.
Lugar de sepulturaLong Orchard, Tipperary
Cargos

Membro do Parlamento do Reino Unido
Período1831-1851
Vicepresidente da Xunta de Comercio
Período1839-1841
AntecesorHenry Labouchere
SucesorFox Maule
Director da Real Casa da Moeda do Reino Unido
Período1846-1850
AntecesorGeorge Clerk
SucesorJohn Herschel
Ministro para a Toscana
Período1850-1851
AntecesorGeorge Hamilton
SucesorJames Hudson
Datos persoais
País de nacionalidade Irlandés-Británico.
EducaciónStonyhurst College.
Trinity College Dublin.
Actividade
Lugar de traballo Londres Editar o valor en Wikidata
OcupaciónPolítico, escritor, orador.
EmpregadorParlamento do Reino Unido.
Royal Mint.
Partido políticoAsociación pola Derogación Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeO'Halloran (1816).
Anastasia Lalor Power (1830). Editar o valor en Wikidata
Fillos1 Editar o valor en Wikidata
PaisEdward Sheil Editar o valor en Wikidata  e Catherine McCarthy Editar o valor en Wikidata
IrmánsJustin Sheil Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDictionary of National Biography
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Encyclopædia Britannica Editar o valor en Wikidata
WikiTree: Sheil-60

Richard Lalor Sheil, nado en Drumdowney, Kikenny, Irlanda, o 17 de agosto de 1791 e finado en Florencia, Italia, o 23 de maio de 1851, foi un político, dramaturgo e orador irlandés, deputado no Parlamento e Master of the Mint.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Richard Sheil naceu no condado irlandés de Kikenny en agosto de 1791, o primoxénito dos catro fillos de Catherine McCarthy, membro dunha familia aristocrática, e de Edward Sheil,[1] un terratenente que investira en terras en Irlanda a súa fortuna lograda como comerciante en Andalucía,[2][3] aínda que ao final acabou nunha situación de creba en 1808.[4]

Sheil recibiu inicialmente educación privada, cun relixioso francés, e logo foi enviado a unha escola católica dos xesuítas en Kensington, Londres (1802-1804), e ao Stonyhurst College de Lancashire (1804-1807). En 1807 os seus pais puideron custearlle a súa educación superior malia a delicada situación económica e ingresou no Trinity College de Dublín,[1][3] xa posuidor dunha notable formación clásica e nos idiomas francés e español.[2][4]

Logo da súa graduación en 1811, foi admitido como estudante en Lincoln's Inn e ingresou no colexio de avogados irlandés en 1814.[1][2][3][4]

Durante a súa época de estudante comezou a participar en reunións católicas e en diversos clubs de debate, tanto en Dublín como en Londres, onde amosou sos seus bos dotes como orador.[4]

Carreira política e profesional

[editar | editar a fonte]

En 1814 publicou Adelaide, o primeiro dunha serie de dramas tráxicos que gozaron de éxito nas súas representacións teatrais, o que lle reportou uns ingresos notables durante os anos seguintes, e a súa situación económica mellorou en 1816, logo do seu casamento cunha rica herdeira.[4]

A participación de Sheil en debates sobre cuestións sociais e, sinaladamente, relixiosas foi constante, tanto oralmente como a través dos seus textos de opinión. Paralelamente, Sheil desenvolvía a súa carreira como avogado e publicaba artigos de contido xurídico, entre eles a serie titulada "Sketches of the Irish Bar", no xornal New Monthly Magazine,[2] posteriormente recollidos nunha edición póstuma como Sketches, Legal and Political (1855).[4]

Sheil foi un dos fundadores da Asociación Católica en 1823, e redactou a petición de investigación sobre o xeito de administrar as leis en Irlanda, que se presentou ese ano en ambas as cámaras do Parlamento. En 1825, acompañou a Daniel O'Connell a Londres para protestar contra a supresión da Asociación Católica.[1][2] A protesta foi infrutuosa, mais, malia ficar nominalmente disolta, a asociación continuou coa súa propaganda logo da derrota da Lei de Axuda Católica en 1825.[3][4]

Caricatura de Daniel O'Connell e Richard Lalol Sheil (1883).[5]

En 1826 publicou na revista francesa L'Etloile unha serie de artigos sobre a situación de Irlanda. Escritos en francés e sen asinar, foron traducidos e publicados nas principais publicacións periódicas de Inglaterra e do continente.[2]

Nas eleccións xerais de 1826, Sheil colaborou na elección do católico Alexander Dawson para o condado de Louth e a partir de entón adoptou unha liña procatólica moito máis militante no debate relixioso irlandés, tanto nos seus discursos como nos seus artigos, que gozaban dunha ampla difusión. En 1829 foi elixido deputado por Milborne Port e en 1831 por Louth, e ocupou o seu escano ata 1832. Posteriormente volveu ao Parlamento por Dungarvan, co que pechou a súa dedicación parlamentaria de 18 anos.[2] Na súa etapa na Cámara dos Comúns participou destacadamente en todos os debates relacionados con Irlanda.[1][3]

En agosto de 1839, foi nomeado vicepresidente da Xunta de Comercio.[1][3][4]

Anverso do florín sen Deus, polo que Sheil recibiu críticas como director da Royal Mint.[6]

Coa chegada de John Russell ao poder en 1846, Sheil foi nomeado Master of the Mint, un posto equivalente ao de director da Real Casa da Moeda do Reino Unido.[3][4] Como responsable da ceca real, Sheil viuse envolto nunha polémica pola posta en circulación en 1849 dunha nova moeda dun florín de prata que carecía das iniciais do lema tradicional en latín "Defensatrix fidei: dei gratia" ("defensora da fe, pola graza de Deus").[6] Esta circunstancia deu lugar a que a moeda pasase a coñecerse como o florín sen Deus. A devandita omisión foi considerada por parte da poboación como unha conspiración de Sheil por mor do seu catolicismo. Aínda que a responsabilidade do deseño da moeda lle correspondía a Leonard Charles Wyon e este fora aprobado polo Consello Privado da raíña.[1] Sheil viuse obrigado a declarar na Cámara dos Comúns que a inscrición fora un erro, o que levou a que o florín se redeseñase para a súa seguinte emisión en 1851, aínda que sobre a base do mesmo modelo do anverso creado por Wyon.[7]

Sheil abandonou a Royal Mint en 1850, cando asumiu o posto diplomático de ministro na corte da Toscana.[3][4]

A obra dramática de Shiel Adelaide, or the Emigrants (1814) foi representada con éxito no Teatro de Crow Street de Dublin, o 19 de febreiro de 1814, e posteriormente no Covent Garden de Londres, o 23 de maio de 1816. A estrea nese mesmo teatro de The Apostate, representada o 3 de maio de 1817,[8] consolidou a súa reputación como dramaturgo. Outras das súas obras salientables foron Bellamira (1818),[9] Evadne (1819),[10] Montini (1820), Damon and Pythias (1821)[11] e Huguenot (producida en 1822).[1][3]

En 1822, Sheil comezou, xunto con William Henry Curran, a publicar na revista New Monthly Magazine unha serie de artigos de contido fundamentalmente xurídico baixo o título xenérico de "Sketches of the Irish Bar". Posteriormente, estes artigos foron recompilados e editados inicialmente en Nova York por R. S. Mackenzie en 1854, como Sketches of the Irish Bar,[12] e un ano máis tarde en Londres por Marmion Wilme Savage, en dous volumes, co título de Sketches Legal and Political.[1][3][4][13]

Pola súa banda, os discursos de Sheil foron publicados en 1845 por Thomas MacNevin,[14] cunha segunda edición en 1868.[15]

Vida familiar

[editar | editar a fonte]

En 1816, Sheil casou cunha muller apelidada O'Halloran (finada en 1822), unha rica herdeira sobriña de William MacMahon, un alto cargo do sistema xudicial irlandés. A parella tivo un fillo, finado antes que Sheil.[1][4]

O 20 de xullo de 1830 casou en segundas nupcias coa viúva Anastasia Lalor Power,[1] e foi entón cando decidiu engadir Lalor ao seu propio nome.[4]

Richard Lalor Sheil finou en Florencia o 23 de maio de 1851, vítima dun ataque de gota, meses despois de se instalar nesta cidade coa súa segunda muller, por mor do cargo diplomático que se lle encomendara. Os seus restos foron trasladados a Irlanda nun buque de guerra británico e inhumados en Long Orchard, preto de Templetuohy, no condado de Tipperary.[1][4]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 Sturgeon, S. (2009).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Herbermann, C. (ed.) (1913).
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 Chisholm, H. (ed.) (1911).
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 4,13 Fisher, D. R. (2009) Arquivado 07 de decembro de 2024 en Wayback Machine..
  5. Bates, W. (1883). The Maclise Portrait-Gallery of Illustrious Literary Characters. Chatto and Windus, Londres. Páxina 222 bis.
  6. 6,0 6,1 "1 Florin - Victoria 1st portrait; 'Godless' type". Numista.com
  7. Craig, J. (2010) [1953]. The Mint. Cambridge University Press. Páxina 313. ISBN 978-0-521-17077-2
  8. Sheil, R. L. (1817). The apostate, a tragedy, in five acts. Murray, Londres.
  9. Sheil, R. L. (1818). Bellamira; or, the Fall of Tunis. A tragedy, in five acts. Murray, Londres.
  10. Sheil, R. L. (1819). Evadne, or, The statue: a tragedy, in five acts. Murray, Londres.
  11. Sheil, R. L. (1829). Damon and Pythias; a play in five acts. J. Warren, Londres.
  12. Mackenzie, R. L. (ed.) (1854). Sketches of the Irish bar. Vol I.; Vol. II. Redfield, Nova York.
  13. Savage, M. W. (ed.) (1855). Sketches, legal and political by the late Right Honourable Richard Lalor Sheil. Vol. I.; Vol. II. H. Colburn. Londres.
  14. Macnevin, T. (1845). The Speeches of the Right Honourable Richard Lalor Sheil, M. P. J. Duffy, Dublín.
  15. Macnevin, T. (1868). The Speeches of the Right Honourable Richard Lalor Sheil (2ª ed.). J. Duffy, Dublín.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
George Clerk
Director da
Real Casa da Moeda do Reino Unido

1846-1850
Sucesor:
John Herschel