Ricardo Güiraldes
(1906) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de febreiro de 1886 Buenos Aires, Arxentina |
Morte | 8 de outubro de 1927 (41 anos) París, Francia |
Causa da morte | Linfoma |
Educación | National School of Buenos Aires (en) Instituto Libre de Segunda Enseñanza (en) |
Actividade | |
Ocupación | poeta, escritor |
Período de actividade | 1913 - |
Xénero artístico | Poesía |
Familia | |
Irmáns | Dolores Güiraldes |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Grande Enciclopedia Soviética (1926—1947) |
Ricardo Güiraldes, nado en Buenos Aires o 13 de febreiro de 1886 e finado en París o 8 de outubro de 1927, foi un escritor arxentino.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Güiraldes naceu nunha familia de alto rango social e de grandes propiedades. O seu pai, Manuel Güiraldes, era un home de gran cultura e educación interesado pola arte, que chegou a ser intendente de Buenos Aires. A súa nai, Dolores Goñi procedía da familia Ruiz de Arellano, fundadora de San Antonio de Areco.
Un ano despois de nacer Ricardo, a familia trasladouse a Europa, onde permaneceu durante algún tempo. Alí aprendeu alemán e francés, influíndo esta lingua no seu estilo e as súas preferencias literarias.
A súa infancia e mocidade viviuna entre Buenos Aires e San Antonio de Areco, onde se puxo en contacto coa vida campestre e o ambiente dos gauchos, reunindo experiencias narradas posteriormente en Raucho e Don Segundo Sombra, inspirada esta obra na figura de Segundo Ramírez.
Tivo unha serie de institutrices e un profesor mexicano, que recoñeceu as súas aspiracións literarias e o animou a continuar con elas. Estudou en varios institutos até os dezaseis anos, cando rematou o Bacharelato, aínda que sen sacar unha notas brillantes. Comezou Arquitectura e Dereito, e emprendeu varios oficios. Aprendeu a pintar ao óleo, debuxando figuras campestres.
En compañía dun amigo viaxou en 1910 a Europa e Asia, visitando Xapón, Rusia, a India, Oriente Próximo e España, instalándose finalmente en París co escultor Alberto Lagos. Nesa cidade decidiu seriamente converterse en escritor. Porén, Güiraldes viuse seducido pola vida fácil e divertida da capital francesa e emprendeu unha frenética vida social, intentando esquecer os seus proxectos literarios. Mais un día ocorréuselle sacar dun caixón uns borradores que había escrito duns contos campestres, que despois incorporaría aos Cuentos de muerte y de sangre, onde xa se percibía un estilo moi particular.Ensinoullos a uns amigos, que o animaron a publicalos.
En 1912, despois de decidir definitivamente converterse en escritor, foi a México. O 20 de outubro de 1913 casou con Adelina del Carril, filla dunha destacada familia bonaerense. A cerimonia tivo lugar na estancia Las Polvaredas. Nese mesmo ano apareceron varios dos seus contos na revista Caras y Caretas, relatos que xunto con outros de 1914 foron formar parte de Cuentos de muerte y de sangre, obra que publicou en 1915 animado pola súa muller e por Leopoldo Lugones. Dese mesmo ano é El cencerro de cristal. Mais non tivo éxito, polo que retirou os exemplares da circulación e botounos a un pozo, algúns dos cales foron recuperados pola súa muller, tendo hoxe un gran valor bibliográfico.
A finais de 1916 a parella foi xunto cun grupo de amigos de viaxe polas Antillas, visitando Cuba e rematando en Xamaica. Alí tomou apuntamentos para a novela Xaimaca, publicada en 1923. En 1917 aparece Raucho, a súa primeira novela, e en 1918 publica na revista El cuento ilustrado, de Horacio Quiroga, a novela curta Un idilio de estación. Esta obra curta foi publicada en 1922 co título de Rosaura.
En 1919 regresou a Europa coa súa muller, establecendo contactos en París con numerosos escritores franceses e frecuentando tertulias literarias e librerías. Quen maior pegada lle deixou foi Valery Larbaud. Volve a Europa en 1922, e amais de establecerse en París pasa unha tempada en Pollença (Mallorca), onde alugara unha casa. A partir dese ano ten lugar un cambio intelectual e espiritual no escritor, que se interesa cada vez máis pola teosofía e a filosofía oriental, buscando a paz do espírito. Froito desa crise, son as súas obras poéticas.
Nesa época as súas ideas literarias comezaron a ter aceptación en Buenos Aires, cidade que vivía a aparición dos movementos vangardistas. Güiraldes ofreceu o seu apoio aos novos escritores. En 1924 fundou a revista Proa xunto con Alfredo Brandán Caraffa, Jorge Luis Borges e Pablo Rojas Paz; con todo, a revista non tivo éxito na Arxentina, mais si noutros países hispanoamericanos. Tralo peche da revista, Güiraldes dedicouse a terminar Don Segundo Sombra, novela que rematou en marzo de 1926.
En 1927 fixo a súa última viaxe a Francia, a Arcachon. Doente, foi trasladado a París en ambulancia, falecendo na casa do seu amigo Alfredo González Garaño por mor dun cancro dos ganglios. O cadáver foi trasladado a Buenos Aires, sendo soterrado en San Antonio de Areco.
Obras
[editar | editar a fonte]- El cencerro de cristal (1915).
- Cuentos de muerte y de sangre (1915).
- Aventuras grotescas.
- Trilogía cristiana.
- Raucho (1917).
- Rosaura (1922).
- Un idilio de estación.
- Rosaura y siete cuentos.
- Xaimaca (1923).
- Don Segundo Sombra (1926).
- Poemas místicos (1928).
- Poemas solitarios (1928).
- Seis relatos
- El sendero (1932).
- El libro bravo.
- Pampa (1934).
- El pájaro blanco.