Ribeiro (viño)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Ribeiro.
Mapa da distribución da DOP Ribeiro
Viñedos de ribeiro á beira do Miño, A Arnoia

Co nome xenérico de ribeiro coñécese a distintos tipos de viños, cultivados historicamente na comarca do Ribeiro. Na actualidade, o viño ten a súa propia denominación de orixe, que delimita zonas, tipos de uva e que promove a produción e a exportación da bebida.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira fonte documental que menciona o viño do Ribeiro é o grego Estrabón (século II a.n.e.). Tamén está documentada a exportación do viño a Roma logo da conquista imperial. No século XI os monxes beneditinos (logo cistercienses) do mosteiro de San Clodio centralizaban a produción vitivinícola da comarca, e asentaron e definiron as variedades específicas[1]. O abade Paio González cita no século XII os labores de reimplantación do viñedo. Tamén impulsaron a produción de viño os monxes do mosteiro de Oseira (séculos XII e XIII), que aínda que afastados xeograficamente, mantiñan baixo o seu dominio distintas terras de cultivo e prioratos para a produción desta bebida.

Nos séculos XIV e XV, exportábase amplamente a Europa, aos reinos de Francia, Portugal, Inglaterra e italianos. O viño transportábase polo río Miño ata podelo embarcar. Hai constancia de que en 1592 se embarcaron no porto de Ferrol 127 pipas de ribeiro que custaron 190 reás.

A principios do século XIX e como consecuencia das guerras napoleónicas, os ingleses tiñan dificultade para mercar o viño de Bordeos, e decidiron investir na comarca. Pero o bispo de Tui prohibiu o comercio con Inglaterra por motivos relixiosos[2]. A esta prohibición da exportación ao Reino Unido sumóuselle en 1850 a infección de oídio, un fungo que en pouco tempo decimou os viñedos. En 1892 chegaron novas pragas, o mildio e a filoxera, co que se produciu unha substitución das variedades autóctonas (treixadura, torrontés, godello, loureira, albariño) por variedades máis resistentes e de peor calidade, fundamentalmente a palomino.

En 1932 é recoñecido como denominación de orixe. O Consello Regulador creouse en 1956 por unha orde ministerial que foi modificada xa varias veces, a última en 2004. Nos últimos anos do século XX a produción e a exportación de viño do ribeiro viviu unha revitalización.

Viños[editar | editar a fonte]

O viño ribeiro pode ser tanto viño branco, viño tinto ou viño tostado.

As uvas que na actualidade admite a denominación de orixe son treixadura, torrontés, palomino, godello, macabeo, loureira, albariño, lado e albilla, para o viño branco; e caíño, sousón, ferrón, mencía, tempranillo, brancellao e garnacha, para o tinto.

Importancia cultural[editar | editar a fonte]

O escritor Miguel de Cervantes, nas súas Novelas ejemplares, menciona[3] o viño do Ribeiro:

se le olvidase de Rivadavia y de Descargamaría. Finalmente, más vinos nombró el huésped, y más les dio, que pudo tener en sus bodegas el mismo Baco

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • O viño do Ribeiro fai andar ó mozo lixeiro.
  • O viño do Ribeiro ten sona de paroleiro.
  • Viño do Ribeiro, falangueiro e trouleiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Historia do Ribeiro Web do Consello regulador da Denominación de orixe
  2. Ribeiro de cine (¿Pedro Almodóvar viticultor?), Soitu, 2/12/2008
  3. Miguel de Cervantes, El licenciado Vidriera, Wikisource:es

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]