Reporteiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha reporteira filmada por un camarógrafo durante unha reportaxe.

Un reporteiro é un xornalista cuxa principal actividade consiste en colleitar e presentar informacións sobre un determinado evento ou acontecemento de certa actualidade, o que frecuentemente debe facer desde o lugar mesmo onde se producen ou se produciron os feitos significantes.[1]

Tipos[editar | editar a fonte]

Entre os que se dedican a esta actividade, é posible distinguir os seguintes casos:

  • O «reporteiro de base», xornalista que está sobre o terreo para desenvolver unha investigación, xerando unha información de resumo, ou facendo unha reportaxe. Na prensa escrita, eventualmente varios reporteiros poden colaborar nunha mesma investigación, e o artigo ser finalmente escrito por outro xornalista.
  • O «gran reporteiro» ou «reporteiro-estrela», título honorífico e status administrativo utilizado nalgúns medios de comunicación, para sinalar a un reporteiro con experiencia e certa notoriedade ben gañada. Con frecuencia, este xornalista produce investigacións ou reportaxes cun sinal persoal, sobre eventos ou temáticas que xeralmente exceden o interese da actualidade inmediata.[2] Moitas veces, esta designación non implica necesariamente traballo sobre o terreo en todos os casos, nin implica o desenvolvemento de tarefas especializadas.
  • O «reporteiro de guerra» especializado en cubrir conflitos armados.[3]
  • O «xornalista reporteiro de imaxes» ou «xornalista-camarógrafo» quen acumula as funcións de reporteiro e de camarógrafo.

Misión[editar | editar a fonte]

Un reporteiro-camarógrafo nunha misión da MINUSTAH no ano 2006.

O reporteiro é un xornalista de campo, que recolle e verifica informacións sobre o terreo mesmo dos acontecementos, e segundo os casos, ou ben el mesmo traballa o material obtido para darlle formato de difusión, ou ben transmite ese material aos seus colegas, ás veces chamados «xornalistas de escritorio»[4], que serán quen se encarguen dos detalles finais, xerando reportaxe cinematográfica, e/ou vídeo, e/ou artigo escrito, e/ou rexistro de audio, ou o que sexa.

Unha reportaxe é, na orixe, un documento ou esbozo sobre un determinado tópico, xeralmente, con fotografías ou tomas de vídeo obtidas sobre o terreo. Segundo sexa o medio de comunicación que se utilice, tamén son de uso as entrevistas radiofónicas ou televisadas.

A reportaxe non sempre ten por obxectivo expor unha situación global, pois en moitos casos limítase a ilustrar un evento ou aspecto puntual, respectando a unidade de tempo, espazo, e problemática.

Durante unha reportaxe, o reporteiro describe os feitos, insere as observacións e comentarios das testemuñas, informa as fontes, e expón a problemática ou asunto. Unha das cousas máis importantes nunha reportaxe, é a claridade, a axilidade, o sinal transmitido polo xornalista, e o ambiente e entusiasmo que logra recrear. As descricións e as sensacións subxectivas do reporteiro ou dos seus entrevistados, poden chegar a complementar moi ben a análise crúa dos feitos.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

Desde 1923, o reporteiro ten un patrón: San Francisco de Sales, que se celebra o 24 de xaneiro.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]