Remziye Hisar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Remziye Hisar
Nacemento1902
Lugar de nacementoSkopje
Falecemento13 de xuño de 1992
Lugar de falecementoIstambul
NacionalidadeTurquía
Alma máterUniversidade de Istambul e Universidade de París
Ocupaciónquímica
CónxuxeReşit Süreyya Gürsey
FillosFeza Gürsey
editar datos en Wikidata ]

Remziye Hisar, nada en Üsküp en 1902 e finada o 13 de xuño de 1992, foi unha química e académica turca.[1] Sendo a primeira muller turca licenciada pola Universidade da Sorbona, ocupou cargos académicos en varias universidades turcas durante a súa carreira e publicou numerosos artigos, principalmente sobre metafosfatos e herbas turcas. Considérase unha das primeiras científicas modernas de Turquía.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Remziye formouse en ciencias naturais en "Darülfünun" (precursora da actual Universidade de Istambul), onde o seu principal interese era a química. Graduouse con honras o 15 de xullo de 1919.[2]

Xusto despois de graduarse, uniuse a un pequeno grupo das súas compañeiras de colexio para ir a Bakú, Acerbaixán, a servir alí nunha escola de maxisterio. O grupo navegou ata Batumi e realizou unha viaxe de tres días en tren ata Bakú. Durante unha cea en Bakú, ofrecida por un adiñeirado azerí, Remziye coñeceu a Reş it Süreyya (máis tarde apelidado Gürsey), un médico de Turquía. A parella comprometeuse o 18 de marzo de 1920 e casou un mes despois, o 20 de abril. Pouco despois, ela e o seu marido abandonaron Acerbaixán, que foi invadido polo exército soviético, e regresaron a Istambul.[2]

O 7 de abril de 1921 deu a luz ao seu fillo Feza ( Gürsey), que máis tarde se convertería nun notable matemático e físico. Recibiu unha chamada do seu antigo profesor, que namentres se converteu en director de educación no ministerio, para que fóra a Adana a servir alí como profesora. Remziye foi alí por mar vía Mersin despois de deixar ao seu fillo de ano e medio coa súa nai e a súa irmá maior en Istambul. Ensinou matemáticas nunha escola de dúas clases.[2]

Despois dun ano, seguiu ao seu marido a París para completar a súa educación superior. En 1924 naceu en París a súa filla Deha (Gürsey Owens), que posteriormente se converteu en membro turco da Asociación Internacional de Psicoloxía.[3] Alí formouse en química na Universidade da Sorbona, sendo tamén alumna de Marie Curie. Durante este tempo, recibiu unha bolsa do goberno turco, e o seu fillo estivo coa súa irmá en París. Remziye obtivo un certificado en bioquímica. Foi a primeira muller turca en obter un certificado na Sorbona.[4] Aínda que quería realizar estudos de doutoramento, tivo que regresar ao seu país por non ter unha bolsa para a finalización da súa educación.[2]

Carreira[editar | editar a fonte]

Ao chegar a Istambul, foi nomeada persoal administrativo no instituto feminino de Erenköy. A Remziye non lle gustou o posto porque quería ensinar química. A súa solicitude para estudar o doutoramento cunha bolsa en París foi rexeitada inicialmente. Así que solicitou unha praza vacante de profesora de química na Escola de Enxeñería de Minas de Zonguldak. Entón, o Ministro de Educación Cemal Hüsnü (Taray) ofreceulle unha bolsa para realizar estudos de doutoramento en Francia, e o ingreso do seu fillo Feza no afamado instituto Galatasaray como alumno interno gratuíto.[2]

En 1930, a parella divorciouse. Ela levou á súa filla Deha e á súa irmá menor Mihri a París, onde a irmá coidou da filla. Levou a cabo unha investigación sobre o metafosfato de Paul Pascal (1880-1968), recibindo o seu título de doutoramento tres anos despois con honras.[2]

En 1933, Remziye volveu a casa. Foi nomeada profesora asociada de química xeral e química física na Universidade de Istambul, que acababa de sufrir unha reforma organizativa. En 1936, trasladouse a Ancara para ocupar o posto de especialista en bioquímica no Departamento de Farmacodinámica do Instituto de Saúde Pública.[2]

En 1947, Remziye, que adoptara o apelido Hisar tras a entrada en vigor da Lei de Apelidos de 1934, foise á Universidade Técnica de Istambul para ocupar de novo o posto de profesora asociada de química na Facultade de Enxeñería Mecánica e Química. Foi ascendida a profesora titular en 1959. En 1973 xubilouse.[5][2]

Publicou máis que 20 artigos durante a súa carreira, moitos deles publicados no Bullletin de la Société Chimique de Francia.[2]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En 1991, foi premiada polo Consello de Investigación Científica e Tecnolóxica de Turquía (TÜBİTAK).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Remziye Hisar. Kimyager". biyografya.com. Consultado o 12 de febreiro de 2022. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "Remziye Hisar. Biografía en pdf" (PDF). bilimtarihi.org (en turco). 
  3. "Feza Gürsey" (en Turkish). Online Fizik. Arquivado dende o orixinal o 2009-08-07. Consultado o 2013-05-07. 
  4. "Remziye Hisar - Kimyasal Gelişmeler". www.kimyasalgelismeler.com. 
  5. "Copia arquivada" (PDF) (en Turkish). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de xuño de 2012. Consultado o 16 de decembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]