Reixa excluidora de mestras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Reixa excluidora de raíñas»)
reixa excluidora de mestras

A reixa excluidora de mestras é un elemento empregado en apicultura que permite separar a cámara de cría onde a mestra realiza a posta e se crían as larvas, das alzas superiores (melarias) onde as abellas constrúen os panais de cera onde se deposita o mel. Deste xeito non se mesturan cadros de cría con cadros de mel, xa que a reixa confina á mestra á alza inferior, non permite o paso ás alzas superiores debido ao tamaño do seu abdome, pero si permite o paso das obreiras que soben para depositar mel nas alzas superiores.

O manexo deste elemento debe ser preciso porque a cámara de cría pode bloquearse con mel e a mestra non terá lugar onde pór os seus ovos. Os materiais para a construción das reixas excluidoras son variados: metálicas, de arame, ou plásticas.

Historia[editar | editar a fonte]

O principio da reixa excluidoras de mestras descubriuno en Francia o abade Collin no ano 1865 (non podendo determinarse se foron construídas con arames paralelos como na actualidade ou ben mediante buracos). Consiste nun enreixado plano, con aberturas paralelas que permite o paso das abellas obreiras pero non da mestra ou os abellóns. A medida adecuada da abertura entre os arames debe ser de 4.14 milímetros.

O emprego de reixa excluidora é moi discutido ata a actualidade por diferentes motivos, ventilación, dano ás obreiras, lentitude no traballo. Hoxe existen estudos que demostran que a lonxevidade das abellas obreiras vese diminuída nun 45 % cando se utilizan reixas excluidoras.

Os materiais para a construción de reixas son actualmente variables, as de arame son denominadas Waldron e confecciónanse con arames moi duros. Na foto vemos as de plástico incorporadas recentemente.