Reino visigodo de Tolosa
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Tolosa Tolosa | ||||
Escindido de | Imperio Romano de Occidente (418) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 418 | ||||
Disolución | 507 | ||||
Sucedido por | Imperio de Teodorico o Grande | ||||
Evento clave | |||||
O Reino de Tolosa foi un territorio do suroeste de Europa da antigüidade tardía nado dos restos do Imperio Romano de Occidente e dirixido polos visigodos. Na súa extensión máxima incluíu unha gran parte da Península Ibérica e a metade sur da Galia e existiu desde 475 (formalmente 476) até que os visigodos son derrotados polos francos na batalla de Vouillé en 507[1] polo que perderon boa parte dos territorios do que sería a futura Francia e trasladáronse definitivamente alén dos Pireneos creando o que será o Reino visigodo de Toledo coa capital en Toledo.
Antecedentes: de Ataúlfo a Valia
[editar | editar a fonte]Os antecedentes do asentamento visigodo na Galia teñen lugar despois da morte de Alarico I, que saqueara a cidade de Roma e intentara mudarse á provincia de África. Daquela, os visigodos aínda estaban establecidos na península italiana, concretamente na rexión de Calabria, e dedicáronse a devastar esas terras.[2] O novo rei dos visigodos, Ataúlfo, seguindo a idea do seu predecesor, continuou cara a Sicilia e intentou moverse por mar ao norte de África, que fracasou. Isto obrigouno a continuar en Italia e, necesariamente, a negociar cos romanos co fin de manter e alimentar o seu pobo.[3]
Neste contexto, os visigodos participaron nas loitas de poder a favor e contra do emperador Honorio como era habitual neses momentos; do mesmo xeito que tamén se daba a presenza de usurpadores e forzas centrífugas en varias cidades e rexións da Galia, Hispania e Britania.[3] No entanto, os visigodos movéronse cara ao norte da península italiana, cruzaron os Alpes e, no 412, establecéronse na Galia, tomando as cidades de Narbona, Tolosa e Bordeos no 413.[4] Alí, puxéronse ao servizo do usurpador e senador Xovino, aínda que o que, en última instancia, buscaba Ataúlfo era botín e un lugar estable para establecerse coa súa xente.[3]
No 414 estableceuse en Narbona e alí casou coa princesa romana Gala Placidia, que fora capturada polos visigodos e obrigada a seguilos durante tódalas expedicións.[4] Ataulfo pretendía gobernar este novo territorio colaborando cos galorromanos do país, pero a resposta dos romanos foi bloquea-los portos da Galia Narbonense dirixidos polo xeneral Constancio, que tiña a súa base en Arles.[4] Acurralado, Ataúlfo cruzou os Pireneos, no 415, en procura de comida: conquistou a Tarraconense e estableceuse en Barcino. Nesta cidade, naceu o fillo que tivo con Gala Placidia, ao que chamou Teodosio en lembranza do seu avó, como testemuño do interese dos dos visigodos por conectar coa tradición romana; mais aos poucos meses o bebé morreu.[4] Porén, a situación dos visigodos en Hispania non mellorou. Pola contra, seguiron acurralados pois os portos da Tarraconense tamén foron bloqueados pola frota romana que impedía o abastecemento dos visigodos, incluso co que se requisaba aos romanos da zona. Por mor desta situación, varios membros da nobreza visigoda aconsellaron ao rei cruza-lo estreito de Xibraltar para marchar a África, mais Ataúlfo rexeitou a idea pois quería chegar a un pacto do emperador Honorio. Isto, empeorou o malestar crecente entre a nobreza goda contrario a negociar ou cooperar cos romanos.[5]
Como resultado desta política, Ataulfo foi asasinado o 14 de agosto do 415 nas cuadras do palacio de Barcino, vítima dunha conspiración cuxo xefe, probablemente, foi Sixerico,[6][7] o xefe do bando antirromano que era contrario ao monarca, así como un opositor á monarquía da dinastía baltinga, á que tanto Alarico como Ataúlfo pertencían.[6][8] Sixerico sucedeuno no trono. Non obstante, o seu reinado durará só unha semana debido á mala imaxe das súas accións inmediatas nas que buscou humilla-la corte imperial romana, o que provocou o seu asasinato.[6][9] Segundo M. Rosario Valverde, sería unha resposta rápida do grupo nobiliario arredor do clan dos baltos, pero non hai fontes que o confirmen.[6]
Asentamento na Galia: Valia
[editar | editar a fonte]Coa morte de Sixerico, foi elixido Valia como novo rei en setembro de 415.[10] Segundo Orosio, "foi elixido polo seu pobo para face-la guerra a Roma, pero Deus mandoulle que fixese a paz".[11] Algúns autores afirman que Valia buscaba a paz cos romanos, pero outros cren que tamén formaba parte do partido antiromano pero, finalmente, por mor da crise de subsistencia do pobo visigodo tivo que cambiar de opinión e colaborou cos romanos. Isto foi debido a que Valia intentou de novo, como Alarico e Ataúlfo, invadir de novo África. O ataque, con todo, foi un intento marrado cando a frota visigoda foi vítimia dunha forte tormenta e ficou completamente destruída ao intentar cruzar o estreito de Xibraltar.[10][11][12] Incapaz de cruzar a África e cunha Hispania devastada polas incursións militares de romanos e xermanos, o rei mudou de opinión pola necesidade de se asegurar subministracións de alimentos para o seu pobo polo que pactou coa persoa que, daquela, dominaba o goberno imperial, o patricio e xeneral, Constancio, que despois reinaría con Honorio como co-emperador a partir do 421.[10][11][13][14]
A partir dese momento, os visigodos pactaron cos romanos. No 416 acordaron un foedus co imperio, que non foi favorable para os visigodos;[12] de feito, tiveron que aceptar aquilo que Alarico acordara anos atrás.[15] Non obstante, nin Orosio nin Olimpiodoro de Tebas mencionan este pacto como foedus: para Olimpiodoro foi, tan só, un pacto de paz entre os romanos e os visigodos, no que non aparece a obriga Valia de servir militarmente ao Imperio; para Orosio, ben informado e consciente dos estragos de Hispania, era unha "paz óptima", e Valia en realidade intentaba consegui-la paz.[16] Neste pacto, o xeneral Constancio solicitou aos visigodos restaurar a princesa Gala Placidia en Ravena, coa que Constancio casaría despois, devolvéndolle os honores que lle foan arrebatadosl. Neste contexto, aproveitando a paz cos visigodos e a súa crítica situación de subsistencia, foilles encargado que acabasen cos grupos xermánicos radicados en Hispania, que estaban asentados nas rexións máis ricas da península evitando, deste xeito, ter que mover o exército romano para loitar. Os visigodos, aínda que era unha misión perigosa, invadiron Hispania, expulsando aos vándalos silingos e reducindo moito a forza dos alanos.[11][16][17]
Considerando o pacto coma un foedus, os visigodos quedaron, como federados ou foederati; é dicir, como tropas auxiliares do Imperio Romano de Occidente, que poderían ser chamados para realizar ataques militares ou axudar ao exército romano. Igualmente, os visigodos estaban suxeitos á vontade militar da corte romana e o seu rei someteuse teoricamente ao emperador romano. Non obstante, a condición de federados, así como a aceptación deste pacto ou axuda militar ao exército romano, foi cuestionada ou incluso violada polos sucesores de Valia, enfrontándose directamente aos romanos.[18]
Forma de asentamento e distribución de terras
[editar | editar a fonte]Grazas ás accións visigodas, o Imperio recuperou áreas que quedaran fóra do seu control. Neste contexto, a finais do 418 asinouse un pacto de hospitalitas, unha especie de alianza entre o emperador Honorio e Valia. De feito, esta alianza foi establecida por Constancio, que non quería que os visigodos obtivesen máis poder. Deste xeito, o Imperio teoricamente mantivo este pobo xermano baixo control e, a cambio, permitiulles aos visigodos ocupar as terras da Aquitania e outras terras que foron parcialmente ocupadas por outras provincias como a Novempopulonia ou a Narbona. A capital estaba situada en Tolosa, pero nesta etapa inicial controlaron outras grandes cidades como Bordeos, formando unha estreita franxa entre Tolosa e o océano Atlántico, de feito unha zona bastante conflitiva na época, ameazada polos ataques piratas saxóns e polos os disturbios dos Bagaudas da rexión de Armórica. A zona tamén estaba controlada por elites romanas seculares e eclesiásticas que actuaban de xeito autónomo ante o emperador, polo que a corte imperial esperaba controlar estes grupos coa presenza dos visigodos, aínda que o resultado foi unha alianza entre os visigodos. e as elites locais. Doutra banda, o Imperio non incluíu no tratado nin os portos nin as grandes cidades da área mediterránea como Arles ou Béziers, impedindo un posible ataque máis á provincia de África.[11][19]
Co pacto de hospitalitas, non só recibiron o control sobre algúns territorios senón que tamén recibiron certa propiedade. A maior parte do repartimento realizouse durante o reinado de Teodorico I que, seguramnte, non estivo exento de problemas[11] pois as terras foron expropiadas aos romanos.[20] Non obstante, tampouco hai unha idea clara de como foi distribuída a terra, e os autores propoñen teorías diverxentes. Os cronistas non especifican a información, Filostorxio afirma, a través de Olimpiodoro de Tebas, que os visigodos recibiron tanto os abastecementps que precisaban como terra para cultivar e ser autosuficientes. Paulino de Pela relata o seu caso persoal: durante o período 413-414, cando os visigodos estiveron temporalmente en Bordeos, tivo que lles dar "acollida", obviamente a cambio de non perder nada, mais semella que perdeu as súas terras, unha gran propiedade, cando a división de terras entre os romanos e os visigodos se levou a cabo despois de se asentárense.[20] Ademais, hoxe a versión máis difundida é a que emerxe do Liber Iudiciorum: crese que o acordo afectou a todo tipo de propiedades, tanto latifundios como pequenas propiedades, das que os visigodos recibiron un terzo mentres os romanos conservaron o resto. Este modelo de repartición denominouse sortes goticae. Tamén se afirmou que a redistribución afectou máis aos pequenos propietarios ca os grandes, que mantiveron a súa posición de terratenentes mentres que os pequenos propietarios, desposuídos nun clima político, social e económico incerto, buscarons protección nos grandes propietarios, creando o xermolo do feudalismo.[21] Porén, tamén se afirmou que a tendencia xeral foi que as pequenas leiras quedasen fóra desta distribución, do mesmo xeito que os bens comunitarios, que seguiron a ser públicos.[22]
Sucesores de Valia
[editar | editar a fonte]Teodorico I (418-451) sentou as bases do estado visigodo de Tolosa pois rompeu o pacto con Roma e asediou, sen éxito, Arles (425) e Narbona (436), ben defendidas polo romano Aecio, pero controlou Tolosa (439) e recuperou a situación anterior. Mantivo unha alianza con Xenserico, rei dos Vándalos, até o 445, e cos Suevos até o 449. Foi un dos poucos gobernantes que dominou efectivamente a totalidade do actual territorio occitano. Ao final do seu reinado aliouse, de novo, cos romanos e morreu loitando con Aecio contra os hunos de Atila na batalla dos Campos Cataláunicos.
Despois do reinado do seu fillo máis vello Turismundo (451-453), reinou o seu outro fillo Teodorico II (453-466), que renovou o foedus co romano Avito, e atacou os Bagaudas da Tarraconensis en 454 e loitou contra os suevos, no 456, derrotando a Requiario na batalla do río Órbigo.[23] Cando Avito morreu, rompeu definitivamente cos romanos e ocupou Narbona e toda a Narbonensis, pero non sería capaz de incorporar Arelate a pesar dun longo asedio. Foi asasinado polo seu irmán Eurico.
Reinado de Eurico
[editar | editar a fonte]No 476, Rómulo Augústulo foi deposto por Odoacro polo que desaparece como tal o Imperio Romano de Occidente; e Eurico, rei dos visigodos, que xa fora estendendo o seu poder (no 457, probablemente, xa controlaban as provincias de Novempopulania e Aquitania Secunda; no 462 toda a provincia Narbonense Prima; no 466 dominaron a provincia de Aquitania Prima (Auvernia e Berry); arredor de 470 dominaron a Viennense e a Narbonense Secunda), xa se pode considerar independente, pois no 475 todas estas posesións foron recoñecidas polo que se pode considerar esa data, o 476, como a data oficial do reino visigodo cuxa capital está en Tolosa.
Ao mesmo tempo, provincias como a Tarraconense, que tiña de feito independencia e débiles relacións co Imperio, comezaron a autogobernarse no 476. No 478 Eurico e os visigodos loitaron contra os burgundios en Ardèche, e máis tarde (entre 481 e 484) ocuparon o resto da Provenza, incluíndo Arles e Marsella.
Non se sabe exactamente en que ano Eurico realizou o resto das conquistas, pero sábese que ao redor de 480 (antes de 481). Na Chronica Gallica do 511. menciónanse dous corpos expedicionarios: o primeiro, baixo o mando do conde godo Gauterico, cruzou os Pireneos e ocupou Pamplona e Zaragoza. Ao mesmo tempo, Eurico enviou unha segunda expedición baixo o mando do conde godo Eldefredo (ou Heldefredo) que percorreu a zona costeira da Tarraconense. Hai certa polémica sobre cal das expedicións foi a primeira, aínda que xeralmente se cre que a encabezada por Eldefredo. A conquista da Cartaginensis, Lusitania e Bética non está documentada.
Nesta segunda expedición cara a Tarraconense, contou coa asistencia do xeneral romano Vicente, que non se sabe se era un xeneral que estaba ao servizo de Eurico, ou era o gobernador militar provincial da Tarraconense ou doutra provincia de Hispania (nas crónicas é denominado como "Dux Hispaniae"). Eurico tivo que confiar na colaboración dun xeneral romano (sexa como líder militar ou como aliado político) para se asegurar a submisión dos hispanoromanos na Tarraconense, onde aparentemente atopou resistencia, probablemente encabezados por grandes propietarios romanos ou por hispanoromanos opostos a ceder dous terzos da terra aos godos segundo a lei da hospitalitas modificada polos visigodos (pasábase de acaparar un terzo da terra aos dous terzos). Si se sabe que Tarraco, capital da provincia, tivo que ser asediada e tomada de forma violenta, iniciando así o seu declive final en beneficio de Barcino (Barcelona); unha decadencia completada anos máis tarde polos musulmáns.
Pola contra, Gauterico non atopou ningunha resistencia, temendo que un novo baleiro de poder poidera desencadear un novo período de axitación similar ás Bagaudas vividas algúns anos antes, ou as incursións de montañeses salvaxes desbordadas pola presión demográfica.
Non se sabe se toda a provincia tarraconense foi sometida con rapidez (coa mencionada resistencia de Tarraco e quizais doutras zonas), pero o certo é que o no 506 aínda se estaba a loitar para ocupar Tortosa. Non se sabe se Tortosa foi tomada inicialmente e, posteriormente, se rebelou por mor da redistribución das terras ou, pola contra, a resistencia dos hispanoromanos desprázarase ao sur, buscando o bastión defensivo do Ebro. A resistencia de Tortosa estaba dirixida por un hispanoromano, chamado Pedro, a quen se lle dá título de tiranus (tirano, é dicir, a denominación de que se autoproclama rei sen ter dereito) e esta cualificación suxire que Pedro tería sido proclamado soberano con motivo da extinción do Imperio e antes da entrada dos visigodos aínda que, tamén, se descoñece se foi proclamado só na rexión de Tortosa ou as súas pretensións abranguían a toda a provincia, sendo a citada cidade o seu último bastión. Pedro foi derrotado e morreu e a cidade de Tortosa foi ocupada no 506 polo que, nesa data, os visigodos dominaban a totalidade da Tarraconense e probablemente, tamén, a Cartaxinense.
Gauterico conquistou a zona occidental da Tarraconense e probablemente chegou a Lusitania, aínda que se supón que a zona sería disputada tamén polos suevos, daquela, moi identificados coas poboacións locais, e que ameazaron a retagarda visigoda a través das vías romanas que conducían desde Braga até Cesaraugusta (continuando en dirección a Tarraco ) a través de Asturica, Virovesca, Tritium, Vareia e Calagurris, e a que conducía dende Ocelum Durii a Cesaraugusta a través de Abucella, Clunia, Uxama, Turiasso e Belsione ou Belsinum ou Balsio, seguindo, aproximadamente, a liña do Douro. Probablemente entre os anos 480 ou 481 e o 490, a parte central de Hispania foi disputada ferozmente por visigodos e suevos, xa que os primeiros conseguiran un dominio precario. Semella que os visigodos avanzaron sen ter moita resistencia e foron capaces de gobernar toda a Cartaxinense antes do 483, e tamén toda ou parte de Lusitania.
No 483, o visigodo Salla e o bispo de Mérida (Augusta Emerita), Zenón, reconstruíron unha ponte romana sobre o Guadiana na cidade de Mérida, capital provincial de Lusitania (que con Requiario fora a capital do reino dos suevos), probablemente despois un período de loita entre os visigodos e os suevos, de bandidismo e goberno ineficaz dos propietarios locais. Esta inauguración demostraría que o control visigodo estaba ben establecido e que quizais non foi mal acollido pola poboación. Sobre o dominio visigodo na Bética, na mesma época, aínda que algúns historiadores sosteñen que tivo que producirse antes da morte de Eurico en 484, non é seguro e tampouco está documentado.
Ao mesmo tempo, durante o período 476-510, aínda que a maior parte da emigración tivo que realizarse entre o 490 e 510, un número relativamente grande de godos colonizou as terras entre o Texo e o Douro, e entre a fronteira de Galicia (en poder dos suevos) e o val do Ebro. Nesta área, téñense escavadas numerosas necrópoles godas e, probablemente, a porcentaxe de poboación goda foi significativamente maior que noutras partes da Península Ibérica.
Reinado de Alarico II
[editar | editar a fonte]Eurico morreu en setembro do 484 e foi sucedido polo seu fillo Alarico II . No 486, os francos de Clodoveo I (fillo de Khilderic I e a raíña turinxia Bisina) apoderáronse dos dominios de Siagrio na parte norte da Galia (norte do río Loira). Siagri refuxiouse en Tolosa, pero Alarico II entregouno aos francos, e foi executado. Con isto, os visigodos e francos fixéronse veciños. O traballo de consolidación do dominio en Hispania (incluída unha posible dominación ademais da Lusitania e Cartaxinesa, na Bética, o que non é seguro) fíxose en tempos de Alarico II. Ocupado nesta tarefa, quizais, Alarico II considerou pouco prudente enfrontarse aos francos para defender a Siagrio.
Para defender as zonas conquistadas no oeste da Tarraconense e de Cartaxinense, preto das posicións dos suevos, trasladáronse colonos visigodos dende a Galia e creáronse numerosos asentamentos na rexión; asentamentos as necrópoloes escavadas deron a coñecer. A Chronica Caesaraugustana sitúa unha gran emigración de godos na derradeira década do século, e así o confirman plenamente as escavacións realizadas nunha grande área entre Pamplona (ao nordés), o nacemento do Texo (no sueste), Carpio de Tajo no oeste de Toledo (ao suroeste), e Terra de Campos (ao noroeste). Precisamente, a bisbarra da Terra dos Campos, ao oeste de Pisuerga, recibe a denominación do nome que antigamente tiña: Campi Gothorum (Campos dos godos). Case toda a emigración instalouse no outro lado do Ebro. Estes asentamentos xurdirían polo tanto entre 490 e 500, asegurando toda a zona fronte ao reino suevo, mentres que as forzas visigóticas dirixían a súa actividade cara a Lusitania e a Bética.
No 489, o emperador bizantino Zenón, coa fin de desviar aos ostrogodos que ameazaban o Imperio de Oriente, cedeu ao seu rei, Teodorico o Grande, o Imperio occidental, incluído o título legal de Emperador, renunciando de feito á ficción de se-lo único emperador.
Teodorico dirixiu tódalas súas forzas contra Dalmacia, que foi ocupada (489) e entrou en Italia (490) derrotando a Odoacro e os seus Hérulos nas beiras do Isonzo, preto de Verona, e por segunda vez no río Adda. Teodorico entrou en Pavia, onde foi atacado inesperadamente polos hérulos de Odoacro (490) que puxo cerco á cidade. Seguramente, os asediadores puideron chegar a exterminar os ostrogodos de non ser pola intervención de Alarico II, que forzou a Odoacro a retirarse a Rávena (agosto de 490), onde foi asediado por Teodorico durante tres anos (490-493). A comezos do 493, Odoacro e Teodorico chegaron a un acordo, pactando unha repartición do poder. Teodorico entrou en Rávena (27 de febreiro) e comezou un breve período de goberno conxunto, que culminou aos poucos días co asasinato de Odoacro a mans de Teodorico (principios de marzo), que tamén asasinou a toda a familia do hérulo e ordenou un masacre xeral, por sorpresa, das tropas hérulas. Teodorico non asumiu o título de emperador. Probablemente, como pagamento desta axuda prestada polos visigodos, a filla de Teodorico, Teudegoda, casou con Alarico II (aproximadamente entre 490 e 495), e naceu do mencionado enlace un fillo chamado Amalarico (cara ao 500).
A tensión entre os visigodos e os francos foi crecendo a principios do século VI, e era xa evidente no 504. Teodorico o Grande, rei dos ostrogodos, actuou como mediador entre o franco Clodoveo e o visigodo Alarico II, para evita-la guerra e conseguiu que os dous reis se atopasen nunha illa do río Loira (que marcaba a fronteira) preto de Amboise. Isto evitou o comezo inmediato da guerra, pero a tensión non diminuíu.
Clodoveo (que era católico) aliouse co rei burgundio Gundebaldo (que era ariano como Alarico II). Finalmente, a guerra estalou e rematou coa batalla de Vouillé, preto de Poitiers (507), na que Alarico II foi derrotado e asasinado. Francos e borgoñóns ou burgundios avanzaron cara aos dominios visigodos, pero o ostrogodo Teodorico enviou forzas ao mando do xeneral Ibbas que ocuparon a Provenza, impedindo que a ocuparan os burgundios (que xa penetraran nela), ao derrotalos no río Durance. Dende a Provenza, o xeneral Ibbas entrou na Narbonense ou Septimania, pola que os francos e os visigodos loitaron ferozmente, especialmente nos arredores de Narbona (508).
É entón cando a Crónica Caesaraugustana exclama: "Regnum Tolosanum destructum est "; e santo Isidoro: "Regnum Tolosanum, occupantibus Francis, destruitur" (O reino de Tolosa, ocupado polos francos, foi destruído).
No 508 os ostrogodos descubriron que vivía entre os visigodos a un nobre chamado Eutarico, que se creu que era un descendente directo (probablemente neto ou bisneto) do antigo rei ostrogodo Viderico (un neno que pertencía á liña lexitima a dinastía real ostrogoda dos Amalos) e que marchora cos visigodos no 375 ). Eutarico viviu como calquera nobre visigodo e recibiu a man da princesa Amalasunta, filla de Teodorico.
Perdida Tolosa, a capital pasou a Barcelona e, posteriormente, a Toledo. A seguinte etapa do reino coñécese como Reino visigodo de Toledo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Herwig (1990), p. 243
- ↑ Wolfram (1990), p. 161
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Arce (2007), p. 73
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Mestre i Campi (1998), p. 73
- ↑ Fuentes Hinojo (2004), p. 141
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Valverde Castro (2000), p. 39
- ↑ González Ruiz (2010), p. 120
- ↑ González Ruiz (2010), p. 121
- ↑ Wolfram (1990), p. 166
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Tuñón de Lara (1988), p. 249
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 Bury (1911), p. 278
- ↑ 12,0 12,1 Valverde Castro (1994), p. 157
- ↑ Arce (2013), p. 30
- ↑ González Ruiz (2000), p. 119
- ↑ Valverde Castro (1994), p. 155
- ↑ 16,0 16,1 Livermore (1996), p. 496
- ↑ Sanz Serrano (2009), p. 185
- ↑ Bury (1911), p. 279
- ↑ Sanz Serrano (2009), pp. 143-144
- ↑ 20,0 20,1 Goffart (1980), pp. 104-105
- ↑ Camocho Cantudo & Ramos Vázquez (2013), p. 48
- ↑ Churruca & Mentxaca (2007), p. 201
- ↑ Thompson (1980), p. 163
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arce, Javier (2013). Esperando a los árabes: los visigodos en Hispania (507-711) (en castelán). Madrid: Ediciones Marcial Pons Historia. ISBN 978-84-92820-44-3.
- Barnish, S. J. B. (2007). The Ostrogoths from the Migration Period to the Sixth Century: An Ethnographic Perspective. Woodbridge, Boydell & Brewer Ltd.
- Bury, J. B. (Dir.) (1911). Cambridge Medieval History (en inglés). Nova York: Macmillan.
- Camocho Cantudo, Miguel Ángel; Ramos Vázquez, Isabel (2013). Introducción jurídica a la historia de las relaciones de trabajo (en castelán). Madrid: Editorial Dykinson. ISBN 978-84-9031-828-7.
- Churruca, Juan de; Mentxaca, Rosa (2007). Introducción histórica al Derecho Romano (en castelán). Bilbao: Universidad de Deusto. ISBN 978-84-9830-668-2.
- Fuentes Hinojo, Pablo (2004). Gala Placidia: una soberana del imperio cristiano (en castelán). San Sebastián: Editorial Nerea. ISBN 84-89569-98-3.
- Goffart, Walter A. (1980). Barbarians and Romans, A.D. 418-584: The Techniques of Accomodation (en inglés). Princeton (Nova Jersey): Princeton University Press. ISBN 0-691-05303-0.
- González Ruiz, David (2010). Breve historia de las leyendas medievales (en castelán). Madrid: Ediciones Nowtilus. ISBN 978-84-9763-936-1.
- Livermore, Harold (setembro-decembro 1996). "Honorio y la restauración de las Hispanias". Boletín de la Real Academia de la Historia 193 (3): 443–502. ISSN 0034-0626.
- Mestre i Campi, Jesús (dir.) (1998). "Ataülf". Diccionari d'Història de Catalunya (en catalán). Barcelona: Edicions 62. ISBN 84-297-3521-6.
- Sanz Serrano, Rosa (2009). Historia de los Godos (en castelán). Madrid: La Esfera de los Libros. ISBN 978-84-9734-807-2.
- Thompson, E. A. (1980). The Conversion of the Spanish Suevi to Catholicism (en inglés). Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-822543-1.
- Tuñón de Lara, Manuel (Dir.) (1988). Historia de España (en castelán) II. Barcelona: Labor. ISBN 84-335-9422-2.
- Valverde Castro, M. Rosario (1 Mar 2010). "De Atanarico a Valia: Aproximación a los orígenes de la monarquía visigoda". Studia Historica: Historia Antigua XII: 143–158. ISSN 2530-4100.
- Valverde Castro, M. Rosario (2000). Ideología, simbolismo y ejercicio del poder real en la monarquía visigoda: un proceso de cambio (en castelán). Salamanca: Ediciones Universidad de Salamanca. ISBN 84-7800-940-X.
- Wolfram, Herwig (1990). History of the Goths (en inglés). Cambridge / Nova York: University of California Press. ISBN 0520069838.