Saltar ao contido

Rebelión wayuu de 1769

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rebelión wayuu de 1769

Mapa da península da Guajira en 1769
Data 1769-1776
Lugar Península da Guajira
Resultado Fundación de varios fortes fronteirizos polos españois, moitos deles abandonados nunha revolta de 1779.
Belixerantes
Pobo wayuu
Pobo tairona
Pobo caribe
Imperio Español

A rebelión wayuu de 1769 (en wayuu: Tü aashiajawaa su'utpünaajatkaa 69) foi un levantamento do pobo indíxena wayuu ocorrido na península de La Guajira contra as autoridades do Imperio Español.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Os wayuu (chamados polos españois guajiros), chegaron á península de La Guajira contra a ano 150 a.C., como parte das migracións dos arauacos, iniciadas na Amazonia e que chegaron até as Antillas.[1] Aos poucos desprazaron aos pobos que aí vivían, coñecidos como caquetíos, guabecunaes (wiwas e kogui), paraujanos e cosinas ou cocinas (serranía de Macuira), os que serían dominados a mediados do século XVIII grazas á influencia de británicos e en menor medida holandeses e franceses.[2]

A península dividíase en cinco sectores con diversos graos de autonomía respecto das autoridades españolas: Guajira Arriba dende o istmo ao extremo norte (os seus habitantes eran chamados arriberos), Guajira Abaixo desde o istmo á beira norte de Ranchería (abajeros), Montaña ou as sabanas contiguas aos montes de Oca (serranos), a Praia ou a costa occidental (pescadores) e ao suroeste da península a lagoa Sinamaica.[3] Os abajeros presentaban unha maior mestizaxe e eran parte de alianzas cos crioulos, en troques, os arriberos vivían baixo escasa influencia de Maracaibo e Riohacha e dedicábanse a comerciar cos contrabandistas estranxeiros.[4] Cada clan tiña o seu propio cacique que detentaba o poder económico e político, «non existe un cacique principal ou xeneral da "nación wayuu"».[5]

Segundo afirmaba o vicerrei Pedro Mesía de la Cerda mobilizaron en 1769 até vinte mil guerreiros.[6][7] Porén, estimacións modernas indican que a poboación indíxena era de 30.000[8] a 40.000[9] persoas, das que un máximo de 10.000 serían homes adultos.[10][11] Na obra Recuerdos de mis viajes a la Guajira y noticias recogidas de Paso (1874)[12] agrúpase aos wayuu nos seguintes grupos: zapuanas, cocinas e cocinetas, tribos moi pobres dos arredores de Sinamaica que servían como mercenarios nas constantes guerras intertribais, agrupaban 3.000 guerreiros; hosayúes da serra de la Teta e o interior, moi ricos en animais e dispuñan de 1.500 lanzas; alpushianas da costa sur, controlaban o tráfico marítimo da zona e tiñan 500 homes; jarariyúes do interior en Macuire, pobres mais con 800 guerreiros; urianas das fértiles costas e serras de Macuire, os máis ricos en gandos e populosos pois contaban con 5.000 combatentes; puciarines das costas setentrionais, comerciaban constantemente con Aruba e Xamaica, 1.200 homes; hipuanas da costa occidental, tamén ricos en animais, 1.500 lanzas; e hipuayúes, habitan o interior dende a costa norte até preto de Riohacha, con cuxos habitantes sempre negocian, posuían moitos animais e 1.500 combatentes.[13] En troques, en 1822 un informe do comandante militar de Zulia, o xeneral Lino de Clemente, dicía que as tribos veciñas do sueste da península a Sinamaica sumaban catro mil guerreiros. Dous anos despois as autoridades grancolombianas estimaban que todas as parcialidades sumaban dezaoito a vinte mil guerreiros.[4]

Presenza española

[editar | editar a fonte]

A presenza do estado español era esencialmente débil na costa caribeña da Nova Granada.[14] Nese punto salientaba a vila de Riohacha como punto fronteirizo sempre sometido ás incursións de corsarios, cimarróns e wayuu da península.[15] Até avanzado o século XVII os españois controlaban só os arredores da vila.[16]

Os wayuu nunca puideron ser conquistados pola falta de recursos dos crioulos riohacheros e a despreocupación do réxime colonial pola zona.[15] Ademais, os wayuu aprenderon axiña a usar o cabalo, as armas de fogo e a falta de alimentos e auga fresca para rexeitar calquera exército invasor.[6][17] O terreo montañoso do sur da península permitíalles detectar, eludir e atacar os españois.[16] Moita da súa resistencia era motivada polo seu rexeitamento a seren escravizados nos bancos de perlas de Cubagua e o cabo de la Vela.[18] Por outra banda, os wayuu xamais puideron expulsar aos colonos de Riohacha porque estaban divididos en tribos e nunca apareceu un líder quen de unilos.[19] Tamén foron incapaces de impedir aos arijuna, «estranxeiros», apoderásense das terras baixas máis fértiles, forzándoos a retirarse a zonas máis vulnerables ás secas.[6] A visión de inimigos continuou. O gobernador Luis Soto de Herrera, no seu informe de 1718, «eran bárbaros, ladróns, dignos da morte, sen Deus, sen lei e sen Rei».

Crioulos e wayuu seguiron vivindo apartados agás cando se reunían para comerciar ou para celebracións relixiosas.[20] A rexión era famosa pola súa cría de gando[15] mais os crioulos sufrían constantemente o roubo dos seus animais, especialmente vacas, porque era un símbolo de status social entre as tribos.[20] Debe mencionarse que os españois ao fundar as cidades de Santa Marta (1525), Valledupar (1530), Riohacha (1539) e Maracaibo (1569) arrebatáronlles aos wayuu as zonas máis aptas para a agricultura ou a caza na Baixa Guajira, mais isto compensouse coa introdución do gando europeo. Porén, os wayuu tamén foron forzados a usar a Alta Guajira, coas súas escasas fontes de auga, todo o ano para pastar e non de forma estacional como nun principio.[18]

Durante o século XVIII o abigeato adquiriu un valor funcional: intercambiábano con contrabandistas ingleses, holandeses e franceses vindos das Antillas por armas e alcol (os crioulos facían o mesmo, vendéndolles pau de tinta).[21] O contrabando comezara no século XVI e sempre involucrou ás autoridades españolas, quen recibían unha comisión. Os holandeses buscaban obter gando, coiros, escravos, pau brasil, etc., mentres que os ingleses preferían de vender armas aos wayuu e adestralos no seu uso.[17] Isto significou que durante esa centuria os wayuu adoptasen masivamente o uso do cabalo e as armas de fogo para facer a guerra e o comercio.[2]

Cando o goberno español se deu conta da magnitude daquel negocio ilegal, decidiu facer sentir o seu poderío[22] antes de que a penetración económica de potencias rivais levase, por exemplo, á creación «dun "protectorado inglés" sobre a Guajira como en efecto o fixeron na Costa de Mosquitos».[23] Decidiuse levar a cabo unha política de fundación de novas vilas para «asentar á dispersa e incontrolada poboación» de toda a costa atlántica, tratando de introducila á legalidade e o sistema económico españois. Só algúns colonos se sentían o bastante seguros para vivir moi preto dos wayuu.[24] Isto coincidiu coa modernización do aparello administrativo español.[2]

Ante esa maior interferencia, os wayuu subleváronse constantemente durante a primeira metade desa centuria: 1701, 1727, 1741, 1757, 1761 e 1768. A primeira consistiu na destrución dunha misión e na segunda reuniron máis de 2.000 lanzas para combater aos españois.[6][18][25] Porén, durante a maior parte dese século as relacións wayuu-españolas foron pacíficas, formándose relacións de compadrazgo, mestizaxe, sincretismo cultural e contrabando de perlas. Respecto dos mestizos, moitos deles «guajirizábanse», é dicir, terminaban asumindo a cultura indíxena.[5]

Capuchinos

[editar | editar a fonte]

A medida máis importante foi o enviou de misioneiros capuchinos á zona[26] desde 1694.[27] A idea era reducilos e acabar co desperdicio de tanta man de obra, recuperando o comercio de perlas para as autoridades.[5] En 1701, os capuchinos valencianos son expulsados polos wayuu, regresando en 1719 pero deben retirarse á Serra en 1726 para volver de forma definitiva unha década máis tarde.[5] Até 1735, fundáronse as reducións de Boronata, La Cruz, Orino, El Rincón, Parauje, Cercadillo, Calabazo, Chimare, Macuira, Ypapa (Bahía Honda) e San Pedro Nolasco del Salado.[28] Un ano despois agregábase Menores.[17]

Durante a primeira metade do século XVIII as tropas da Coroa apenas fixeron presenza na zona, quedando a tarefa de sometemento en mans dos misioneiros, quen lograron crear un territorio baseado nas súas vilas.[29] Foi un fracaso[16] porque moitas veces os wayuu negáronse a recibilos, chegando algúns relixiosos a considerar que para ser reducidos primeiro debían ser conquistados militarmente.[30] Os consellos dos capuchinos levaron aos militares da segunda metade da centuria a considerar tentar quitarlles as súas armas e gando (posesións valiosas na súa cultura) pola forza, con todo, nunca o fixeron porque isto significaría que atacasen por fame as facendas dos colonos.[31]

Campaña de Ruiz de Noriega

[editar | editar a fonte]

As primeiras tentativas de ataque aos wayuu comezaron 1719 co gobernador de Santa Marta, Juan Beltrán de Caicedo,[17] mais en 1741 as responsabilidades foron transferidas aos gobernadores de Cartaxena. En 1757, o comandante de Riohacha e xuíz de comicios, tenente coronel Manuel Martínez de Escobar, presentou unha proposta para someter os wayuu e tres anos despois seguiulle outra do seu sucesor, Bernardo Ruiz de Noriega.[32]

Para conter o contrabando[33] e someter a revolta do cacique Masajure,[32] en 1761 o comandante de Riohacha emprendeu unha serie de campañas de sometemento contra os wayuu, fundando vilas até a fronteira do río Socuy e asinando acordos de paz que forzaban aos caciques a recoñecer o catolicismo como relixión oficial, recibir aos misioneiros, rexeitar aos seus piaches (curandeiros), abandonar a poligamia, acatar as leis españolas, estabelecerse nas vilas que se fundasen, expulsar aos brancos fuxitivos que vivían entre eles, informar as autoridades de todo o que pasaba nas súas terras, ir desarmados ás vilas españolas, facer unha paz entre as distintas tribos wayuu, non usar máis frechas envelenadas, achegar guerreiros para toda futura campaña contra wayuu rebeldes e recoñecer ao rei como soberano.[34]

A campaña de Ruiz valeuse de tres columnas que sumaban 1.000 soldados e que saíron de Maracaibo con rumbo ás saias dos montes de Oca, de Valledupar e Pueblo Nuevo aos arredores da Serra Nevada, e de Riohacha a Bahía Honda.[35] Acompañáronlle facendados da zona, pois o gobernador tiña a facultade de repartir terras e wayuu capturados.[36] Isto provocou preitos entre a elite local, con algúns dos seus membros (involucrados no contrabando) boicotearon o desembarco de municións, demorarando ou negando o enviou de reforzos ou animando á rebelión a algunhas vilas wayuu.[37]

Finalmente, en xullo de 1762 o vicerrei ordenou cesar a campaña contra os wayuu.[38] Porén, Ruiz de Noriega seguiu as súas campañas contra os cocinas (1764 e 1765) e os chimilas (1765).[32]

Rebelión

[editar | editar a fonte]

Os wayuu só se alzaban en armas cando sentían vítimas de abusos polas autoridades españolas.[20] En 1769, deuse unha desas ocasións. O novo gobernador de Riohacha, Gerónimo de Mendoza, decidiu mandar a Juan de Amades contra os wayuu cocina, que frecuentemente atacaban aos crioulos. Mais os soldados non se internaron en territorio hostil, senón que foron contra os daquela pacíficos wayuu.[39] Ademais, quixo fundar baluartes dentro da península.[16] Por último, requiridas de man de obra para as fortificaciones de Cartaxena de Indias, as autoridades españolas en Riohacha secuestraron 22 wayuu. O xefe da partida de secuestradores foi o cabo José Antonio de Sierra. O 2 de maio prodúcese a reacción indíxena. Os wayuu de Orino, Boronata e Lagoa de Fontes asaltan a vila de El Rincón, preto da capital provincial, onde matan a dous españois queimados na igrexa.[6][18][40] O altar e os vasos sacros son profanados.[41]

O cabo Sierra é enviado con 25 soldados a rescatar ao cura do pobo, mais os wayuu recoñécenlle e asédianlle na casa do relixioso. Os wayuu préndenlle lume á vivenda e morren o cabo con 8 dos seus homes. En Mancornado unha familia morreu queimada no seu rancho e os rebeldes secuestraron tres nenos, unha muller e dous homes.[41] O 7 de maio é avistada unha goleta inglesa vendéndolle armas aos wayuu en Aullamas.[42]

Axiña todas as poboacións da rexión caeron en mans dos sublevados, resultando na morte dun centenar de españois. Os wayuu capturaron numerosas cabezas de gando e prisioneiros que levaron á Alta Guajira.[6] Os misioneiros foron expulsados.[26] Os wayuu só atacaban así cando tiñan superioridade numérica[20] e a maioría das fontes indican que non houbo reunións previas entre os caciques para coordinar os seus movementos.[42]

Son arrasadas as vilas de Maravilla, El Paso, Cavis, Melones, Arenal, Menores, El Rincón, Moreno, El Loco, La Soledad, San Antonio, San Bernardo e máis até un total de 70 poboados destruídos.[42] Só Riohacha resistiu, convertida no último refuxio dos colonos. O gobernador enviou peticións de auxilio a Cartaxena, Santa Marta, Maracaibo e Valledupar. Os marabeños enviaron algúns reforzos e a comezos de xuño os cartaxeneiros despacharon 100 soldados do seu batallón fixo.[6][42]

Mentres tanto, os wayuu empezaron a dividirse. O cabo Sierra era mestizo e os seus parentes wayuu decidiron vingalo seguindo as leis do seu pobo liderados por un tal Blancote.[43] Así se deu un gran combate entre wayuu nun lugar chamado La Soledad, lugar abandonado polos españois. Moitos wayuu morreron no encontro.[42] Estas disensións e a chegada de reforzos fixeron que a revolta se fose apagando pouco a pouco, permitindo aos españois recuperar portos e camiños.[6] As tácticas tradicionais dos wayuu incluían retirarse cando o inimigo os atacaba con forzas considerables.[20]

O historiador Eduardo Barreira Monroy organiza desta maneira aos actores do conflito. Primeiro están os wayuu, divididos nunha maioría de insurrectos e un pequeno sector favorable ás autoridades españois. Séguenlle os españois, que tamén estaban segmentados por grupos de intereses: os colonos civís que deberon refuxiarse en Riohacha, os militares e os misioneiros capuchinos. Por último, están os contrabandistas, principalmente ingleses e holandeses.[44]

Campaña de Arévalo

[editar | editar a fonte]

En 1771, o goberno colonial ordena organizar unha expedición de castigo. Concéntranse en Riohacha 700 soldados e 340 milicianos mandados polo coronel José Benito Encio.[26] As tropas de liña viñan de Cartaxena, Maracaibo e Riohacha. En troques, as milicias viñan de Riohacha e Valledupar.[45] Encio estaba a se preparar para saír de campaña cando se decatou que máis de 6.000 wayuu armados con fusís o agardaban nas proximidades da vila. O coronel deuse conta de que non tiña forza para vencelos e pediu ao vicerrei un reforzo mínimo de dous mil soldados para saír de campaña. Os riohacheros non eran favorables á campaña, defenderíanse dos ataques wayuu mais sabían que a súa conquista significaría o final do lucrativo contrabando.[26]

Sabendo que a península seguía sendo un punto vulnerable na defensa do litoral, o vicerrei Manuel Guirior insistiu nos plans de someter a zona.[16] Encio foi substituído co brigadier Antonio de Arévalo[45] e para o ano 1774 as hostilidades diminuíron. Arévalo estabeleceu vilas de españois en zonas estratéxicas da Guajira. O primeiro foi San José de Bahía Honda, na costa norte da península, en 1772.[46] Nun principio, os wayuu non se opuxeron moito á fundación mais si o fixeron cando os europeos trataron de estabelecerse en Chimare e Macuira, ao leste da nova vila e zonas fértiles densamente poboadas por wayuu.[47]

O gobernador procedeu a negociar con Antonio Paredes, cacique de Apiesi, Chimare e Macuira, logrando nomear capitáns e tenentes entre os locais e fundar unha vila para eles, San Juan Bautista de Bahía Honda, preto de San José. Logo fundou a redución de San Pablo de Tucuraca, preto da lagoa homónima, ao sur do Carrizal, onde vivía unha tribo de wayuu insubmisos ao mando de Pacho Gámez, forzándoos a estabelecerse aí.[48] O problema é que as vilas que ía fundado Arévalo incluían varios clans á vez (moitos enfrontados entre si), os seus mortos non estaban enterrados aí e había pouca auga o que levou a que o mesmo Gámez fundase ao sur San Lorenzo de Toco.[49]

O plan de sometemento completábase fundando outras tres colonias.[50] Contra o ano 1775, fundáronse ou planeáronse catro vilas[16] de colonos con pequenas gornicións: a xa mencionado San José de Bahía Honda, San Bartolomé de Sinamaica, Villa de San Carlos de Pedraza e Santa Ana de Sabana del Valle para facer avanzar a fronteira e aumentar a influencia sobre os wayuu.[26][50] Con esta política o eixo de preocupación dos españois desprazouse ao noroeste do lago de Maracaibo, o que levou á cidade homónima a axuntar forzas con Riohacha para reducir aos wayuu e traer colonos hispanos, e mesmo a comprometerse con socorrer coas súas milicias veciñais Sinamaica en caso de necesidade.[51] Aquela nova vila era fundamental, pois controlaba un territorio fértil perfecto para estabelecer unha agricultura permanente e as comunicacións entre a costa do lago de Maracaibo e o interior, prometendo un rico comercio.[52]

Esta colonización provocou a obvia resistencia indíxena, mais neste sector as etnias non eran soamente wayuu senón que tamén cocinas, paraujanos, garabuyas, antañocos, yercuas e caracas que vivían en rancheríos ao redor das moitas pequenas lagoas da zona.[53] Como efecto positivo para os marabeños, a súa influencia comercial estendeuse ao oeste, penetrando na Nova Granada, servindo de punto de intercambio entre neogranadinos e o centro de Venezuela.[54]

Os cosinas, parentes dos wayuu pero que non adoptaran as armas de fogo, o cabalo, a gandaría nin a agricultura,[55] dedicábanse a roubar aos españois[56] e estaban en conflito tanto cos europeos como cos wayuu por non querer que os seus gandos pastasen nas súas terras, ademais das loitas internas entre os seus clans.[57] Os facendados querían eliminalos como obstáculo e comezaron a desprazalos pola forza, mentres os wayuu se defendían matando aos seus animais[58] con frechas untadas de veleno de raia en emboscadas nocturnas, o cal levou a Arévalo a centrar as súas forzas en exterminalos.[59] Un por un, foi cazando os seus pequenos clans ocultos en regatos no medio dos montes até acurralalos na costa do golfo de Venezuela contra o ano 1775.[60]

Ese mesmo ano as autoridades hispanas fundaron unha vila en Apiesi, no extremo norte da península e o leste de Bahía Honda, o que permitiría cortar definitivamente o contrabando de armas de fogo angloholandesas aos wayuu. A isto opuxéronse arduamente os wayuu da zona, liderados polo xefe Arguasi e animados polas promesas de axuda británicas.[61] Por iso, o cacique e un exército formado polos seus guerreiros e as achegas de Macuira, Cruz, Rincón, Calabozo e Boronata atacaron a nova vila o 30 de xaneiro de 1776. A gornición de 65 milicianos logrou rexeitalos e retirarse a Bahía Honda, mais no traxecto caeron 43 e outros 3 na súa meta produto de feridas. Os wayuu aproveitaron de matar o frade capuchino Buenaventura de Benifairo e destruír a vila.[62]

Con isto, Bahía Honda quedaba illada pois non había ningunha outra colonia até Riohacha agás Pedraza, mais esa estaba moito máis preto da capital provincial. A única achegada era a vila wayuu de San Juan Bautista.[63] Empezaron a producirse continuamente ataques á vila que proseguiron nos meses seguintes.[64] A situación era tan mala que debeu solicitar axuda ao batallón fixo de Cartaxena ou ás gornicións de Maracaibo, Valledupar e Santa Marta de forma continua. O problema é que pasada a ameaza inmediata estas tropas volvían ás súas bases.[65]

Os capuchinos, aterrados, abandonaron as súas misións para refuxiarse en Santa Marta, Maracaibo e Valledupar, provocando desencontros co brigadier.[62] Pouco despois, ordenoue aos frades que non abandonasen as súas reducións pola súa seguridade, acabando as misións na zona.[66]

O gobernador interino de Riohacha, José Galluzo y Páez, era máis partidario de loitar cos wayuu que o brigadier, mais Arévalo foi posto ao mando da pacificación por orde vicerreinal o 17 de marzo. O seu plan era defender Riohacha, Bahía Honda, Pedraza e Sinamaica para logo pasar á ofensiva. Organizou 500 soldados que viaxaron por terra e mar a Bahía Honda e seguiron a Apiesi e Macuira, matando todo wayuu ao seu paso.[67] En substitución da colonia destruída e cortar o contrabando fundaron no extremo setentrional da Guajira Santa Ana de Sabana do Val, deixando unha gornición de 60 xinetes e 200 infantes.[68]

Posteriormente, Galluzo fixo arrestar 89 wayuu que vivían en Riohacha e tiñan familiares entre as tribos, ademais de impedir a entrada e saída dos seus conxéneres da cidade. As autoridades alertaban aos brancos nas vilas de Menores e Camarones, onde a pólvora esgotábase, e ordenaban aos colonos en Boronata trasladarse a Pedraza.[69]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

Os wayuu seguiron sen ser sometidos.[45] En 1779, as hostilidades reiniciáronse e debeuse abandonar Bahía Honda e Sabana e a idea de conquistar o norte da península.[26][70] O sistema de defensa queda estabelecido na ruta entre Riohacha, Sinamaica e Pedraza, en boa medida pola participación española na guerra de Independencia dos Estados Unidos, que cortou os recursos que podía achegar a Coroa.[71] Ironicamente, isto forzou ás autoridades hispanas a obter armas e subministracións dos contrabandistas de Curazao e Xamaica.[72] Porén, en 1790 este último tivo que ser abandonado e Sinamaica pasou a depender das autoridades de Caracas.[73] Isto implicaba que «a península foi abandonaba aos wayuu e aos seus aliados británicos».[74][75] Por iso, o contrabando crecera tanto que cara a 1800 os facendados de Valledupar levaban os seus gandos para vendelos.[76] Isto produciuse debido ao bloqueo naval británico durante a guerra de 1796-1802, que só deixou ao contrabando como forma de conseguir produtos europeos.[77]

Respecto de Riohacha, a súa condición de vila fronteiriza levaría aos residentes a ter un espírito moi independente que os facía remisos a seguir as ordes do goberno central desde o século XVIII e especialmente durante a independencia.[15] En 1789, deixou de depender de Santa Marta e pasouse de comandancia a gobernación.[17]

Décadas despois, as novas repúblicas seguiron políticas contraditorias respecto dos wayúu. Un decreto de Simón Bolívar en 1821 ordenaba a devolución de terras aos nativos, ordenaba dividila en resgardos,[78] abolía o tributo persoal e o servizo persoal obrigatorio. Pero esas políticas proteccionistas ían acompañadas doutras liberais que chamaban a practicamente acabar con eses resguardos. Debe entenderse que os resguardos eran terras que eran propiedade colectiva das comunidades wayuu e que se rexían mediante un cabido propio, o que se quería era dividilos entre as familias e introducir aos wayuu nunha sociedade basea na propiedade privada. Tamén, en 1815, pensouse en fundar un pobo en Bahía Honda chamado Las Casas (por Bartolomé de las Casas) como base para sedentarizar aos wayuu, cristianizarlos e "civilizalos".[79]

En definitiva, os resultados da rebelión a longo prazo foron que «os wayuu reforzaron a súa autonomía como pobo», a desaparición das vilas wayuu e misións capuchinas e a retirada dos españois ao sur dos ríos Calancala (Ranchería) e Sucuy (Limón), apoiándose en Riohacha e Sinamaica como puntos fortes.[80] A península converteuse «nunha especial zona de refuxio para os wayuu» que mantiveron a súa identidade étnica.[81]

  1. Villalba, 2008: 46
  2. 2,0 2,1 2,2 Villalba, 2008: 47
  3. Polo, 2011: 23-24
  4. 4,0 4,1 Polo, 2011: 26
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Barrera, 1988: 126
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 Barrera, 1990
  7. Basadre, 1988: 125
  8. Kuethe, 1970: 469-470, Pedreja, 1981: 334, nota 13.
  9. Kuethe, 1970: 469-470; Pedreja, 1981: 334, nota 13; Silvestre, 2006: 67
  10. Kuethe, 1970: 469-470
  11. Moreno, 1984: 171
  12. Polo xornalista, parlamentario e xeneral venezolano Rafael E. Benítez (1813-1880), antigo comandante de milicias de Sinamaica. Esta obra permaneceu inédita até 1952.
  13. Polo, 2011: 24-25
  14. Múrena, 1994: 117
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 Pedreja, 1981: 331
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 16,5 Purvis, 1987: 137
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 Barrera, 1988: 127
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 Villalba, 2008: 48
  19. Pedreja, 1981: 331-332
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 Pedreja, 1981: 332
  21. Pedreja, 1981: 332-333
  22. Pedreja, 1981: 333-334
  23. Pedreja, 1981: 339
  24. Kuethe, 1970: 468-470
  25. Barrera, 1988: 127-128
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 26,5 Pedreja, 1981: 334
  27. Polo, 2001: 36
  28. Polo, 2001: 39
  29. Polo, 2001: 43
  30. Polo, 2001: 41
  31. Polo, 2001: 42
  32. 32,0 32,1 32,2 Barrera, 1988: 128
  33. Polo, 2001: 43-44
  34. Londoño, 1990: 87; Polo, 2001: 43-44
  35. Polo, 2001: 44
  36. Polo, 2001: 46
  37. Polo, 2001: 46-47
  38. Polo, 2001: 47
  39. Martínez, 1986: 195
  40. Villaba, 2008: 52
  41. 41,0 41,1 Barrera, 1988: 123
  42. 42,0 42,1 42,2 42,3 42,4 Barrera, 1988: 124
  43. Barrera, 1988: 125-126
  44. Barrera, 1988: 125
  45. 45,0 45,1 45,2 Guerra, 2009
  46. Polo, 2001: 48-49
  47. Polo, 2001: 51
  48. Polo, 2001: 52
  49. Polo, 2001: 52-53
  50. 50,0 50,1 Polo, 2001: 53
  51. Polo, 2001: 48, 56
  52. Polo, 2001: 58-59
  53. Polo, 2001: 48, 57
  54. Polo, 2001: 56
  55. Polo, 2001: 59
  56. Polo, 2001: 59-60
  57. Polo, 2001: 60-61
  58. Polo, 2001: 60
  59. Polo, 2001: 61
  60. Polo, 2001: 62-63
  61. Polo, 2001: 63
  62. 62,0 62,1 Polo, 2001: 64
  63. Polo, 2001: 64, 67
  64. Polo, 2001: 67-68
  65. Polo, 2001: 70
  66. Polo, 2001: 65
  67. Polo, 2001: 66
  68. Polo, 2001: 66-67
  69. Polo, 2001: 69
  70. Polo, 2001: 72
  71. Pedraza, 1981: 334, 336; Polo, 2001: 72
  72. Polo, 2001: 73
  73. Pedraza, 1981: 334, 336
  74. Kuethe, 1970: 478-479
  75. Purdy, 1987: 138
  76. Pedraza, 1981: 336
  77. Pedraza, 1981: 338
  78. Villalba, 2008: 54
  79. Villalba, 2008: 55
  80. Polo, 2011: 23
  81. Villalba, 2008: 49

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Barrera Monroy, Eduardo. "Guerras hispano wayuu del siglo XVIII". Revista Universitas humanística. Vol 17, Núm. 29, xaneiro-xuño de 1988, Bogotá: Pontificia Universidade Javeriana, pp. 122-143.
  • Barrera Monroy, Eduardo. "La rebelión Guajira de 1769: algunas constantes de la Cultura Wayuu y razones de su pervivencia" Arquivado 19 de xaneiro de 2022 en Wayback Machine.. Revista Credencial Historia. Núm. 6, xuño de 1990, Rede Cultural do Banco da República en Colombia.
  • Gámez Casado, Manuel (2016). "La pacificación de La Guajira por el ingeniero Antonio de Arévalo. Sobre el proyecto de defensa de Sabana del Valle". Revista Laboratorio de arte, Sevilla, núm. 28, pp. 373-386.
  • Guerra Curvello, Wiedler. "Una revuelta olvidada". Semana. Publicado o 19 de marzo de 2009. Consultado o 28 de abril de 2018.
  • Kuethe, Allan J. "The Pacification Campaign on the Rio Hacha Frontier, 1772-1779". Revista Hispanic American Historial Review (HAHR). Vol. 50, Núm. 3, agosto de 1970, pp. 467-481.
  • Londoño, Julio (1990). La frontera terrestre colombo-venezolana: el proceso de la fijación de 1492-1941. Banco de la República. ISBN 9789589028643.
  • Martínez Delgado, Luis (1986). Historia extensa de Colombia: Historia eclesiástica de Colombia. La Iglesia bajo el Regalismo de los Borbones, siglo XVIII. Bajo la Ilustración. Ediciones Lerner & Academia Colombiana de Historia. ISBN 9789589501368.
  • Moreno, Josefina & Alberto Tarazona (1984). Materiales para el estudio de las relaciones interétnicas en la Guajira, siglo XVIII: documentos y mapas. Caracas: Academia Nacional de Historia.
  • Múnera, Alfonso (1994). "Ilegalidad y frontera, 1700-1800". En compilación de Adolfo Meisel Roca. Historia económica y social del Caribe colombiano. Bogotá: Ediciones Uninorte & Ecoe ediciones.
  • Pedreja, René de la. "La Guajira en el siglo XIX: Indígenas, contrabando y carbón". Revista Desarrollo y Sociedad, núm. 6, xullo 1981, CEDE.
  • Polo Acuña, José. "Los Wayúu y los cocina: dos caras diferentes de una misma moneda en la resistencia indígena en la Guajira, siglo XVIII". Anuario Colombiano de Historia Social y de la Cultura. N.º 26, novembro de 1999, Universidade Nacional de Colombia, pp. 7-29.
  • Polo Acuña, José. "Poblamiento y conflicto social en la frontera Guajira (1700-1800)". Revista El Taller de la Historia, N.º 1, Medellín: Editorial Lealon & Universidade de Cartaxena, abril de 2001, pp. 27-79.
  • Polo Acuña, José (2011). "Los indígenas de la Guajira en la independencia de las provincias caribeñas de la Nueva Granada: una aproximación". Revista Memoria y Sociedad. Vol. 15, Núm. 30, Bogotá: Pontificia Universidade Javeriana, pp. 21-37.
  • Purdy, Janet R. (1987). "Relaciones étnicas entre los Guajiros y el hombre blanco". Revista Montalbán. Núm. 19, Caracas: Institutos Humanísticos de Investigación de la Facultad de Humanidades y Educación de la Universidad Católica Andrés Bello, pp. 133-160.
  • Silvestre, Francisco (2006). Descripción del reino de Santafé de Bogotá. Bogotá: Epígrafe. ISBN 9789589733462.
  • Villalba Hérnandez, José A. (2008). "Wayúu resistencia histórica a la violencia". Historia Caribe, vol. V, núm. 13, pp. 45-64. Universidade do Atlántico, Barranquilla.