Moeda insulana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Real madeirense»)

Moeda insulana †
Ámbito:
Rexión Autónoma dos Azores
Rexión Autónoma de Madeira
Fracción:
Moedas:Azores: 3, 5, 10, 20, 40, 75, 120, 150, 300, 600 e 1.200 reais.
Madeira: 5, 10 e 20 reais.
Billetes:Azores: 2.500, 5.000, 10.000, 20.000 e 50.000 reais.
Madeira: 50, 100, 500, 1.000, 2.500, 5.000, 10.000, 20.000 e 50.000 reais.
Emisor:Banco de Portugal.

A moeda insulana era a moeda utilizada nos arquipélagos portugueses dos Azores e de Madeira, a finais do século XIX e a principios do século XX.[1]

A moeda insulana abranguía o real madeirense, que só estivo en circulación na segunda metade do século XIX, e o real azoriano, vixente ata 1911, cando foi substituído polo escudo portugués, aínda que se mantivo en circulación ata 1931.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

O real era a moeda das denominadas Ilhas Adjacentes de Portugal, termo que abranguía os arquipélagos de Madeira e dos Azores. Tratábase de billetes e moedas emitidos e distribuídos especificamente para esas illas, cunha recarga con respecto á moeda do Portugal peninsular. No caso de Madeira, o seu real deixou de utilizarse xa a finais do século XIX.[2]

As moedas en reais (réis)dos Azores deixaron de emitirse en 1901, en tanto que os billetes se emitiron entre 1895 e 1910. Aínda que o escudo portugués substituíu o real portugués (1.000 reais = 1 escudo) en 1911, os billetes en reais dos Azores continuaron en circulación ata 1931.[3] Naquela data, o real azoriano tiña un desconto no seu valor dun 25 % con respecto á moeda portuguesa.[1][2]

Desde finais do século XIX impulsouse a idea de unificar o valor da moeda insular co da peninsular, para facilitar o intercambio comercial e eliminar as barreiras á libre circulación do diñeiro, que illaban economicamente ambos os arquipélagos. Mais estas tentativas batían de fronte coa resistencia da poboación local, que aboaba os seus impostos un 25 % menos coa súa propia moeda e que temía unha crise monetaria como a que xa se vivira na primeira metade do século XIX, que acabaran co comercio local e afectaran moi gravemente os aforros dos particulares. Malia esta resistencia popular, moitos sectores vían esa diferenza de valor como un impedimento comercial que cumpría arranxar. Estas posturas estaban na liña que sostiña a ditadura portuguesa, nacionalista e centralista por natureza.[2]

Neste contexto, Salazar impuxo o Decreto lei 19.869, do 2 de xuño de 1931, para unificar a moeda. Esta primeira disposición foi apoiada por outras medidas auxiliares adoptadas en virtude do Decreto lei 21/189, do 2 de maio de 1932, que estableceu unha dedución para os contribuíntes e créditos para os residentes nas illas.[1][2]

A cuestión dunha hipotética moeda azoriana só se volveu suscitar en 1975, no contexto dos movementos autonomistas e independentistas xurdidos coa Revolución dos Caraveis do 25 de abril de 1974.[4] Mais estas propostas deixaron de ter relevancia logo da adhesión de Portugal á Unión Europea e a posterior adopción do euro como moeda oficial.[5]

Real azoriano[editar | editar a fonte]

Moedas[editar | editar a fonte]

As primeiras moedas destinadas á circulación no territorio insular dos Azores cuñáronse en 1750. Tratábase de pezas de cobre de 3, 5 e 10 reais (réis) que amosaban a inscrición latina PECUNIA INSULANA. Mais a cuñaxe desta serie limitouse aos anos 1750 e 1751.[6][7][8]

Xa a finais do século XVIII, en 1790 entrou en circulación unha segunda serie moedas de cobre de 5, 10 e 20 reais, en moedas de prata de 75, 150 e 300 reais. A produción de moedas de prata cesou en 1798.[6][9]

En 1829, durante a Rexencia de Angra, producíronse emisións de emerxencia na illa Terceira a nome de María II. Tratábase de moedas de 80 reais que se fundiron (non cuñadas) con metal extraído de campás e de armamento.[10][11]

A partir de 1843, puxéronse en circulación moedas de cobre máis pequenas de 5, 10 e 20 reais (as de 20 reais cesaron en 1866, en tanto que as de 5 e as de 10 reais continuaron ata 1901).[12]

Xa cara á fin do século XIX, en 1871 e logo en 1887, reestampáronse diversas moedas portuguesas, das colonias e estranxeiras para a súa circulación nos Azores, o que deu lugar a moedas cos valores de 10, 20, 40, 120, 300, 600 e 1.200 reais, en 1871, e de 15, 120, 300, 600 e 1.200 reais, en 1887.[13][14]

Billetes[editar | editar a fonte]

O Banco de Portugal emitiu por primeira vez papel moeda para circular nos Azores en 1876, co valor de 20.000 reais (réis).[15] Esta serie completouse en 1878 e 1885 coa emisión, respectivamente, de billetes de 5.000 reais e de 10.000 reais.[16]

En 1895 as axencias do Banco de Portugal nos Azores (Agéncias dos Açôres) emitiron unha serie completa de billetes de 5.000, 10.000, 20.000 e 50.000 reais.[17]

A estas emisións seguíronas outras do Banco de Portugal co reselo AÇÔRES, entre 1905 e 1910, cos valores nominais de 2.500, 5.000, 10.000, 20.000 e 50.000 reais.[18][19]

Real madeirense[editar | editar a fonte]

Moedas[editar | editar a fonte]

Para o arquipélago madeirense emitiuse unha única serie de moedas de cobre con valores de 5, 10 e 20 reais (réis), datadas entre 1842 e 1852, a nome de María II. Estas moedas amosan nos seus reversos a inscrición PECUNIA MADEIRENSIS.[20]

Billetes[editar | editar a fonte]

O real madeirense viviu dúas series de billetes. A primeira serie componse de billetes de 10.000 e 20.000 reais, datados entre 1875 e 1878.[21] A segunda serie emitiuse entre 1891 e 1892 e componse dos valores de 50, 100, 500, 1.000, 2.500, 5.000, 10.000, 20.000 e 50.000 reais.[22]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Moeda (insulana)". Enciclopédia Açoriana.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Martins de Sousa, R. (2004 -a-).
  3. "Azorean Real". The Free Dictionay. Farlex.
  4. "Açores e Madeira na Revolução". Media.rtp.pt
  5. "Portugal and the euro". European Comission.
  6. 6,0 6,1 Cuhaj G., Michael T., Miller H. (2010). Páxinas 102-103.
  7. Serie de moedas de 1750-1751: "3 réis", "5 réis" e "10 réis". Numista.
  8. "PECVNIA INSVLANA". En Ormonde, H. coord. (2011). Páxina 18.
  9. Serie de moedas de 1790-1798: "5 réis", "10 réis", "20 réis", "75 réis", "150 réis" e "300 réis". Numista.
  10. "80 réis 1829". Numista.
  11. "80 réis fundida". En Ormonde, H. coord. (2011). Páxinas 22-26.
  12. Serie de moedas de 1843: "5 réis", "10 réis" e "20 réis". Numista.
  13. Algúns exemplos de moedas reestampadas: "40 réis", "120 réis", "300 reis", "1.200 réis". Numista.
  14. "Carimbada". En Ormonde, H. coord. (2011). Páxinas 28-35.
  15. "20.000 réis". Realbanknotes.com
  16. "5.000 réis (1885)" e "10.000 réis (1878)". Realbanknotes.com
  17. Serie de billetes de 1895: "5.000 réis", "10.000 réis", "20.000 réis" e "50.000 réis". Numista.
  18. Serie de billetes de 1905-1910: "2.500 réis", "5.000 réis", "10.000 réis", "20.000 réis" e "50.000 réis". Numista.
  19. Cuhaj, G. S. ed. (2010). Páxina 96.
  20. Serie de moedas de 1842-1852: "5 réis", "10 réis" e "20 réis". Numista.
  21. Serie de billetes 1875-1878: "10.000 reais" e "20.000 reais". Realbanknotes.com
  22. Serie de billetes 1891-1892: "50 réis", "100 réis", "500 réis", "1.000 réis", "2.500 réis", "5.000 réis", "10.000 réis", "20.000 réis" e "50.000 réis". Realbanknotes.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]