Raymonde de Laroche

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Raymonde de Laroche
Raymonde de LaRoche Head.jpg
Nacemento22 de agosto de 1882
 4.º arrondissement de Paris
Falecemento18 de xullo de 1919
 Le Crotoy
Causaaccidente ou incidente de aviación
SoterradaCemiterio do Père-Lachaise
NacionalidadeFrancia
OcupaciónPiloto
editar datos en Wikidata ]

Elise Raymonde Deroche, coñecida como Raymonde de Laroche, nada en París o 22 de agosto de 1882 e finada en Le Crotoy o 18 de xullo de 1919, foi unha piloto francesa, primeira muller do mundo que recibiu unha licenza para pilotar aeroplanos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Nada en París o 22 de agosto de 1882, Raymonde Deroche era a filla dun fontaneiro. De nena sentía cariño polos deportes e cando foi crecendo tamén polas motocicletas e os automóbiles. De moza converteuse en actriz e usou o nome artístico de "Raymonde de Laroche". Inspirada polas demostracións de Wilbur Wright de 1908 de voo en París e coñecendo varios aviadores, incluído o artista reconvertido en aviador Léon Delagrange, que aparentemente foi o pai do seu fillo André, de Laroche decidiu comezar a voar ela mesma.[1]:9–10

Logros de aviación[editar | editar a fonte]

Raymonde de Laroche no seu aeroplano Voisin en 1909

En outubro de 1909, de Laroche pediu ao seu amigo, o aviador e construtor de aeroplanos Charles Voisin, que lle ensinase a voar. O 22 de outubro de 1909 de Laroche acudiu á base de operacións dos irmáns Voisin en Chalons, 140 km ao leste de París. Na aeronave de Voisin podía sentar só unha persoa, polo que ela mesma manexou o avión mentres el estaba no chan e lle daba instrucións. Despois de que ela dominou a rodaxe polo campo de aviación, levantou a nave e voou 270 metros.[1]:11–13 O voo de de Laroche adoita ser citado como o primeiro dunha muller nunha nave máis pesada có aire; existen evidencias de que outras dúas mulleres, P. Van Pottelsberghe e Thérèse Peltier, voaran o ano anterior con Henri Farman e Delagrange respectivamente como pasaxeiras, mais non como pilotos.[2]

Décadas máis tarde, o xornalista de aviación Harry Harper escribiu que ata que de Laroche fixo o seu celebrado voo no Voisin, ela só voara unha vez, por un curto salto como pasaxeira; cando tomou os controis por primeira vez, Charles Voisin prohibíralle expresamente intentar un voo; despois de rodar dúas veces polo campo, engalou, voando a "dez ou quince pés de altura" e mantivo os controis con "boa e rápida precisión".[3]

Aínda que Gabriel Voisin escribiu, "... o meu irmán [estaba] completamente baixo o seu polgar",[4] a historia de de Laroche como unha muller obstinada que fixo o voo tras escasa preparación e contra as ordes de Voisin case con seguridade é unha versión máis romántica do que realmente pasou. A revista Flight, unha semana despois do voo, informou: "Por algún tempo, a Baronesa estivo a tomar leccións de M. Chateau, o instrutor Voisin, en Chalons, e o venres da semana pasada puido tomar a roda por primeira vez. Esta viaxe inicial ao aire foi só unha moi breve, e foi recuperada a terra firma despois de 270 metros".[5] Flight tamén foi responsable de outorgarlle o título de "Baroness" ("Baronesa") de Laroche, cando ela non era nobre de nacemento.[1]:9 Flight engadiu que o seguinte día circulou polo campo de voo dúas veces, "sendo os xiros realizados con suma facilidade. Durante o voo de aproximadamente 6 km había un forte vento con refachos, mais despois de dous xiros a Baronesa dixo que non a molestou, e que tiña a máquina completamente baixo o seu control".[5]

O 8 de marzo de 1910,[1]:14 de Laroche converteuse na primeira muller da historia que recibiu unha licenza de piloto cando o Aero-Club de France lle entregou a súa licenza co número 36 da Fédération Aéronautique Internationale (Federación Internacional de Aeronáutica, F.A.I.).

Postal que indica que mostra a Raymonde de Laroche nun voo no seu biplano Voisin no espectáculo da Grande Semaine d'Aviation de la Champagne de Reims en 1910. En realidade, aparece un biplano Voisin descoñecido no evento de 1909, o que resulta obvio polos edificios.

De Laroche participatou en encontros aeronáuticos en Heliopolis en Exipto, ademais de en San Petersburgo, Budapest e Rouen. Durante o espectáculo de San Petersburgo foi felicitada persoalmente polo tsar Nicolao II. Alí foi presentada de novo como "Baroness" de Laroche. A partir de aí, o título comezou a ser empregado de forma xeral.[1]:16

En xullo de 1910, de Laroche estaba a participar nun espectáculo dunha semana en Reims. O 8 de xullo, o seu avión estrelouse, e sufriu feridas tan graves que a súa recuperación foi posta en dúbida. Porén, dous anos despois estaba recuperada de novo e volveu voar. O 26 de setembro de 1912, ela e Charles Voisin sufriron un accidente. Voisin faleceu e de Laroche resultou ferida de gravidade.[6]

O 25 de novembro de 1913 de Laroche gañou a Copa Femina do Aero-Club de Francia por un voo sen escalas de longa distancia de máis de 4 horas de duración.[7]

Durante a primeira guerra mundial, como o voo era considerado demasiado perigoso para as mulleres, serviu como chofer militar, levando oficiais dende a retagarda ata a fronte baixo o fogo.[1]:20

En xuño de 1919 de Laroche estableceu dúas marcas de altitude femininas,[8] un de 4800 metros e tamén a marca de distancia con 323 km.[1]:21

Falecemento[editar | editar a fonte]

O 18 de xullo de 1919,[9] de Laroche, enxeñeira de talento, foi ao campo de aviación de Le Crotoy como parte do seu plan para converterse na primeira muller piloto de probas.[10] Ela estaba nunha aeronave experimental (descoñécese se ela a pilotou); na aproximación para a aterraxe, o avión caeu en picado e chocou, matando a de Laroche e o copiloto.[1]:21

Legado[editar | editar a fonte]

Hai unha estatua de de Laroche no Aeroporto de París–Le Bourget en Francia.[11]

Entre o 6 e o 12 de marzo de 2010, para celebrar o centenario das mulleres piloto con licenza, mulleres de oito países de tres continentes empregaron vinte tipos de aeronaves para establecer un novo récord do mundo: 310 mulleres se introduciron na pilotaxe nunha semana.[12]

A Women of Aviation Worldwide Week ten lugar anualmente durante a semana que inclúe o 8 de marzo, que marca o aniversario da licenza de pilot de Raymonde de Laroche.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Lebow, Eileen F. (7 de abril de 2003). Before Amelia: Women Pilots in the Early Days of Aviation. Brassey's. ISBN 978-1-57488-532-3. Consultado o 7 de marzo de 2011. 
  2. Early Aviators – Peltier Biography
  3. Air Trails, xullo de 1953. "The Brave Baroness – First Licensed Ladybird" por Harry Harper.
  4. Voisin, G.: Mes 10000 Cerfs-Volants. Editions Table Ronde, 1960. ISBN 2-7103-2012-6.
  5. 5,0 5,1 Flight, page 695, 30 de outubro de 1909.
  6. Early Aviators – Charles Voisin Biography
  7. "Mme de Laroche gagne la Coup Femina". La Revue aérienne (en francés). 10 de decembro de 1913. p. 669. Consultado o 29 de novembro de 2017. 
  8. University of Houson, "Engines of our Ingenuity, No. 1813: Raymonde de Laroche", artigo sen data de John H. Lienhard, consultado o 27 de marzo de 2008.
  9. Polacco, Michel (2 de novembro de 2017). Pourquoi des avions s'écrasent-ils encore ? [Why are planes crashing again?] (en francés). Hachette. p. 22. ISBN 9782851209764. 
  10. "Raymonde de Laroche". Women in Aviation and Space History. National Air and Space Museum. Consultado o 28 de febreiro de 2019. 
  11. "The Baroness of Flight". Historic Wings. 8 de marzo de 2013. Consultado o 28 de febreiro de 2019. 
  12. "Women Pilots' Record: 310 First Flights". AVweb. 1 de abril de 2010. Arquivado dende o orixinal o 4 de abril de 2010. 
  13. "WOAW - Frequently Asked Questions". Women of Aviation Worldwide Week. Consultado o 28 de febreiro de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]