Rato da fraga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Apodemus flavicollis
Apodemus.flavicollis.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Rodentia
Familia: Muridae
Xénero: Apodemus
Especie: Apodemus flavicollis
Mapa de distribución

Mapa de distribución
Sinonimia
  • Apodemus arianus
  • Apodemus ponticus

O rato da fraga (Apodemus flavicollis)[2] é unha especie de rato estreitamente emparentada co rato de campo, co cal foi moito tempo confundido, pero foi recoñecido como unha especie distinta en 1894. Diferénciase del pola súa banda de pelo amarelo arredor do pescozo e por ter orellas lixeiramente máis longas e un tamaño corporal tamén algo maior. Mide uns 100 mm de lonxitude media, pode gabear ás árbores e ás veces pasa o inverno nas casas. Atópase fundamentalmente en áreas montañosas do sur de Europa (incluíndo Galicia), pero esténdese ao norte ata partes de Escandinavia e Gran Bretaña. Pode contaxiar aos humanos un tipo de encefalite e unha febre hemorráxica causadas por virus dos que é reservorio natural.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Apodemus ponticus é probablemente un sinónimo de Apodemus flavicollis. O primeiro atópase en Rusia e a fronteira entre as áreas das dúas "especies" case coinciden coas fronteiras políticas entre Rusia e o resto de Europa. Actualmente acéptase que ambas son a esma especie.[3]

Descrición[editar | editar a fonte]

É moi similar ao rato de campo, pero diferénciase por ter un rabo e orellas algo menores e unha banda completa amarela na zona do pescozo.[4] A lonxitude do adulto de cabeza e corpo é de 89 a 133 mm cun rabo igual de longo, e o seu peso varía entre 28 e 43 g. A parte superior do animal é gris amarronada algo máis marrón que no rato de campo. As partes inferiores son brancas e hai unha liña de separación nítida entre as dúas zonas de cor. A parte superior dos individuos novos é máis clara que nos adultos pero tamén gris amarronada.[5]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

O rato da fraga é nativo de Europa e oeste de Asia.[6] Vive nas partes máis montañosas de Europa occidental coa excepción do norte de Escandinavia, sur da Península Ibérica e oeste de Francia. Está incluído na Lista dos mamíferos de Galicia. Vive tamén en Gran Bretaña, mais non en Irlanda e está ausente tamén de moitas illas mediterráneas. En Asia, a súa área esténdese un pouco ao leste ata os Montes Urais e tamén se encontra en Turquía, Armenia, Irán, Siria, Líbano e Israel. É principalmente unha especie de bosque (de aí o seu nome), e a miúdo vive preto do límite do bosque, pero en rexións montañosas ocupa calquera parte do bosque. Encóntrase habitualmente en bosques de folla caduca maduros e en áreas arbustivas, setos, hortas e plantacións. Prefire áreas onde haxa grandes árbores con froitos que poida comer como carballos e abeleiras.[3] Tamén se atopa en parques e xardíns e ao lado de regatos beireados de amieiros.[5]

Comportamento[editar | editar a fonte]

É activo todo o ano e non hiberna. Ás veces varios ratos apíñanse xuntos durante o inverno para conservar mellor a calor.[7] É excelente gabeando e movéndose en árbores e arbustos. Vive en gretas, toqueiras na base das árbores, buratos en troncos, troncos caídos ocos e caixas para a nidación de paxaros e ás veces entran en edificios. As toqueiras que fai son a miúdo extensas con moitas entradas e complexos deseños. Almacena grandes cantidades de alimentos como landras e froitos das faias en cámaras de almacenamento e usa outras cámaras para a cría, traendo material vexetal seco para forralas. Hai a miúdo moreas de terra fóra das entradas da toqueira. Tamén prepara despensas de alimentos en ocos de árbores lonxe da toqueira.[5][8] A sombra é moi densa baixo unha faia en verán e atopouse que os froitos desta árbore están agochados en escondedoiros feitos por este rato, e ás veces non son comidos máis tarde, polo que chegan a xerminar e isto axuda á dispersión da planta.[9]

É un animal nocturno. É activo no chan e na copa das árbores e ten un territorio de menos de media hectárea. Ademais de froitos secos, como xemas, brotes, outros froitos e plantas nacentes e ás veces pequenos invertebrados. A reprodución ten lugar entre febreiro e outubro con sucesivas preñeces en curtos intervalos. O período de xestación é duns vinte días e as femias poden volver a aparearse mentres aínda están alimentando a camada anterior. As camadas de crías nacen en cámaras de nidación forradas con plantas secas e constan de dous a once crías (normalmente cinco) altriciais que nacen espidas, cegas e indefensas. Os ollos das crías abren en dúas semanas e os seus colares amarelos son visibles nese momento como manchas grises. Son destetados aos dezaoito días de idade. Se nacen a principios do ano, poden empezar a reproducirse no mesmo ano, pero os que nacen máis tarde só chegan a estar sexualmente maduros na seguinte primavera.[7][8]

Son depredados por bufos, raposos, denosiñas e outros predadores. Poden choutar para evadirse dos atacantes e a pel do rabo depréndese doadamente se son agarrados po alí por un predador.[7]

Investigación[editar | editar a fonte]

Atopouse que o rato da fraga pode transmitir o flavivirus que causa a encefalite transmitida por carrachas, pero eles son inmunes a ese virus.[10] Tamén se observou que o rato da fraga xunto con Apodemus agrarius son o resevorio natural do virus Dobrava (un hantavirus), que causa unha forma grave de febre hemorráxica por hantavirus con síndrome renal en humanos.[11][12]

Status[editar | editar a fonte]

Ten unha ampla área de distribución e é común en hábitats axeitados para el. En Europa oriental, rexistráronse densidades de ata cen individuos por hectárea. A poboación é estable e non se enfronta a ameazas específicas, polo que a IUCN incluíuno na lista de especies "pouco preocupantes" da súa Lista vermella de especies ameazadas.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Amori, G.; Hutterer, R.; Kryštufek, B.; Yigit, N.; Mitsain, G. & Palomo, L.J. (2016). "Apodemus flavicollis". Lista Vermella da IUCN (IUCN) 2016: e.T1892A115058023. doi:10.2305/IUCN.UK.2016-3.RLTS.T1892A22423256.en. Consultado o 10 November 2017. 
  2. Murray Wrobel: Elsevier’s Dictionary of Mammals. Elsevier 2006, ISBN 978-0-444-51877-4.
  3. 3,0 3,1 3,2 "Apodemus flavicollis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.1 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2008. Consultado o 2013-10-10. 
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2013. Consultado o 09 de agosto de 2018. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Konig, Claus (1973). Mammals. Collins & Co. pp. 127–130. ISBN 978-0-00-212080-7. 
  6. Musser, G.G.; Carleton, M.D. (2005). "Superfamily Muroidea". In Wilson, D.E.; Reeder, D.M. Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed.). Johns Hopkins University Press. p. 1265. ISBN 978-0-8018-8221-0. OCLC 62265494.
  7. 7,0 7,1 7,2 "Yellow-necked mouse (Apodemus flavicollis)". ARKive. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2014. Consultado o 2013-10-05. 
  8. 8,0 8,1 "Yellow-necked mouse (Apodemus flavicollis)". Species factsheet. The Mammal Society. 2012. Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2013. Consultado o 2013-10-05. 
  9. Jensen, Thomas Secher (1985). "Seed-Seed Predator Interactions of European Beech, Fagus silvatica and Forest Rodents, Clethrionomys glareolus and Apodemus flavicollis". Oikos 44 (1): 149–156. JSTOR 3544056. doi:10.2307/3544056. 
  10. Labuda, Milan; Kozuch, Oto; Zuffová, Eva; Elecková, Elena; Hails, Rosie S.; Nuttall, Patricia A. (1997). "Tick-Borne Encephalitis Virus Transmission between Ticks Cofeeding on Specific Immune Natural Rodent Hosts". Virology 235 (1): 138–143. PMID 9300045. doi:10.1006/viro.1997.8622. 
  11. Plyusnin, Alexander; Vaheri, Antti (2006). "Saaremaa Hantavirus Should Not Be Confused with Its Dangerous Relative, Dobrava Virus". Journal of Clinical Microbiology 44 (4): 1608–1611. doi:10.1128/JCM.44.4.1608-1611.2006. 
  12. Sibold, C.; Ulrich, R.; Labuda, M.; Lundkvist, Å.; Martens, H.; Schütt, M.; Gerke, P.; Leitmeyer, K.; Meisel, H.; Krüger, D. H. (2001). "Dobrava hantavirus causes hemorrhagic fever with renal syndrome in central Europe and is carried by two different Apodemus mice species". Journal of Medical Virology 63 (2): 158–167. doi:10.1002/1096-9071(20000201)63:2<158::AID-JMV1011>3.0.CO;2-#.