Raoni Metuktire

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Raoni Metuktire
Nacementoc. 1931
Lugar de nacementoKapot, Mato Groso, Brasil
Nacionalidadecaiapó
EtniaPobo caiapó
OcupaciónActivista contra a deforestación da selva do Amazonas.
PremiosOrde do Mérito Cultural, honorary citizen of Paris e Cabaleiro da Lexión de Honra
Na rede
http://www.raoni.com/
editar datos en Wikidata ]

Raoni Metuktire, tamén coñecido simplemente como Xefe Raoni, é un importante xefe do pobo caiapó, un grupo indíxena de Mato Grosso e Pará, no Brasil. É coñecido por ser un símbolo da loita pola preservación da Amazonia e da cultura indíxena.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Raoni Matuktire naceu no estado de Mato Grosso, no corazón da parte brasileira da selva amazónica, nunha vila chamada Krajmopyjakare (hoxe en día chamada Kapot). Proveniente da póla Metuktire dos caiapós, é un dos fillos do cacique Umoro. O pobo caiapó é nómade e a súa nenez está marcada por desprazamentos incesantes e varias guerras tribais. Guiado polo seu irmán Motibau, ós 15 anos Raoni comeza a colocar o seu famoso labret, o disco de madeira pintado no xeito cerimomial que se leva baixo o beizo inferior, chamado botoque polos guerreiros da súa tribo.

En 1954, Raoni e outros membros da tribo Metuktire coñecen ós occidentais por primeira vez. O primeiro contacto é efectuado por Orlando Villas-Bôas, o maior dos irmáns Villas-Bôas, célebres indixenistas brasileiros. Ensínanlle portugués a Raoni e prepárano a afrontar a invasión dos Kuben ("os outros", "os brancos"). En 1964, cruza o camiño do antigo rei Leopoldo III de Bélxica cando este se atopa en expedición nas reservas indíxenas protexidas do Mato Grosso.

A inquedanza da tribo fronte a deforestación xa é considerable cando é seleccionado, en 1978, para ser o tema dun documental narrado por Jacques Perrin. O actor Marlon Brando, no cumio da súa fama, acepta ser filmado para a secuencia de apertura e o filme Raoni - The Fight for the Amazon (dirixido por Jean-Pierre Dutilleux) é nomeada ós premios Oscar. O interese súbito dos medios de comunicación brasileiros converten a Raoni Metuktire no porta-bandeira natural da loita pola preservación da selva amazónica, fortemente ameazada pola deforestación anárquica, o avance dos cultivos de soia e as represas hidroeléctricas.

1989, unha campaña en dezasete países[editar | editar a fonte]

O xefe Raoni en compaña do cantante británico Sting, en París, abril de 1989.

Non é ata o seu encontro co cantante Sting, que o visita no Xingu en 1987, que acada notoriedade internacional. O 12 de outubro de 1988, participa con el en São Paulo nunha rolda de prensa da Gira Human Rights Now! de Amnistía Internacional. Logo do impacto deste evento, Sting, a súa muller Trudie Styler e o cineasta belga Jean-Pierre Dutilleux convértense en cofundadores da Rainforest Foundation, creada para apoiar os proxectos de Raoni, cuxa prioridade nese intre é a demarcación dos territorios caiapós ameazados de invasión.

En febreiro de 1989, Raoni é un dos máis feros opositores ó proxecto da represa de Kararao. As canles televisivas do mundo enteiro estiveron presentes nos seus discursos en Altamira, nunha grande asemblea de xefes. O proxecto da represa sería finalmente desbotado.

A xira que Raoni emprende con Sting en dezasete países, de abril a xuño de 1989, permítelle difundir a súa mensaxe a escala mundial. Doce fundacións Selva Virxe son creadas no mundo co obxectivo de recadar fondos para apoiar a creación, na rexión do río Xingu da Amazonia, dun parque nacional cunha superficie de arredor de 180 000 km2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]