Ranfástidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os ranfástidos (Ramphastidae), chamados xeralmente tucanos,[1] son unha familia de aves neotropicais da orde Piciformes. Os parentes máis próximos desta familia son os Capitonidae. Teñen plumaxe rechamante e un grande peteiro característico, xeralmente moi colorido. A familia inclúe cinco xéneros e unhas 40 especies.

O nome tucano deriva da palabra tupí tukana a través do portugués.[2]

Taxonomía e sistemática[editar | editar a fonte]

Ademais dos tucanos típicos, a familia inclúe outras especies similares chamadas no Brasil araçarís e os tucanetes. En total son 5 xéneros. Son parentes distantes deles dentro da orde dos piciformes varias familias da suborde Pici, como os capitónidos e os petos.

Os capitónidos, que antes eran unha familia ampla, foron subdivididos en varias familias, xa que se consideraba parafilética, e hoxe a familia Capitonidae resérvase para as especies de América, os de África clasifícanse na familia Lybiidae e os de Asia na Megalaimidae. Por outra parte, o xénero americano Semnornis quedou na familia Semnornithidae, que é a máis próxima aos tucanos.[3] Moitos especialistas consideran que a estreita relación entre os tucanos e os capitónidos americanos e os Semnornis xustificaría a inclusión de todos eles nunha única familia (Ramphastidae) e de feito a clasificación do Congreso Ornitolóxico Internacional (versión 2.4, 2010) así o fai. Nese caso, os tucanos formarían a subfamilia Ramphastinae, con 5 xéneros e 47 especies.[4] A alternativa é considerar que a familia Ramphastidae comprende só os 5 xéneros.

Xéneros[editar | editar a fonte]

  • Xénero Aulacorhynchus — tucanetes verdes (11 especies)
  • Xénero Pteroglossus — araçarís (14 especies)
  • Xénero Selenidera — tucanetes dicrómicos, con dimorfismo sexual (6 especies)
  • Xénero Andigena — tucanos de montaña (4 especies)
  • Xénero Ramphastos — os tucanos típicos (8 especies)

Descrición[editar | editar a fonte]

Ramphastos sulfuratus no Beardsley Zoo en Bridgeport, Connecticut.

O tamaño dos tucanos vai desde os 29 cm e 130 g do Pteroglossus inscriptus aos 63 cm e 680 g do Ramphastos toco. Os seus corpos son curtos (dun tamaño comparable ao dos corvos) e compactos. A cola é arredondada e varía en lonxitude e pode ser tan longa coma todo o corpo ou só tanto coma a metade do corpo. O pescozo é curto e groso. As ás son pequenas, xa que son aves que moran nos bosques que só necesitan viaxar a curtas distancias, e adoitan ser do mesmo tamaño que a lonxitude que vai desde a punto do bico á cola.

As patas dos tucanos son fortes e bastante curtas. As súas dedas están arranxadas en pares coa primeira e cuarta dedas xiradas cara a atrás. A maioría dos tucanos non mostran ningún dimorfismo sexual na súa coloración, o xénero Selenidera é a excepción máis notable a esta regra, polo que se di que son dicrómicos (macho e femia de distinta cor). Porén, os bicos das femias son xeralmente máis curtos, fondos e ás veces máis rectos, cun aspecto máis masivo comparado co dos machos. As plumas no xénero dos maiores tucanos son xeralmente negras con toques brancos, amarelos ou escarlatas. As partes inferiores dos tucanos máis pequenos (Pteroglossus) son amarelos, cruzadas por unha ou máis bandas negras ou vermellas. Os tucanetes teñen principalmente plumaxe verde con marcas azuis.

Ramphastos sulfuratus

Os peteiros grandes e coloridos dos tucanos, que nalgunhas especies grandes miden máis da metade da lonxitude do corpo, son a súa característica máis distintiva. Malia o seu tamaño, o peteiro dos tucanos é moi lixeiro, e está composto de puntais óseos con tecido esponxoso con queratina entre eles.[5] O peteiro está aserrado cos dentes de serra apuntando cara a adiante, polo que parecen dentes, o que historicamente fixo que os primeiros naturalistas cresen que os tucanos comían peixes e eran principalmente carnívoros; hoxe sábese que comen principalmente froita. Os grandes peteiros dos tucanos son sistemas de termorregulación moi eficaces, aínda que polo seu tamaño poden ter ademais outras vantaxes.[6][7] Axúdanlles a alimentarse (xa que se sitúan nun lugar e alcanzan todas as froitas nun amplo raio, reducindo o seu gasto de enerxía), e tamén se teorizou que o peteiro pode intimidar as aves pequenas, para que o tucano poida saquear niños sen ser molestado (ver Dieta máis abaixo). Ademais, o peteiro pode meterse a gran profundidade en ocos das árbores para acceder a alimentos inaccesibles para outras aves, e tamén para rebuscar en niños colgantes construídos por aves máis pequenas. Porén, como non hai dimorfismo sexual na coloración do peteiro é improbable que sexa un sinal sexual.

A lingua dos tucanos é longa (de 14 a 15 cm), estreita, gris, e especialmente esfiañada por cada lado, o que aumenta a súa sensibilidade como órgano do gusto.

Unha complexidade estrutural probablemente única dos tucanos é a modificación de varias vértebras da cola. As tres últimas vértebras están fusionadas e unidas á columna por unha articulación de rótula. Debido a isto, os tucanos poden botar a cola cara a adiante ata tocar con ela a cabeza.[8] Esta é postura na que dormen, polo que moitas veces parecen unha bóla de plumas.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Ramphastos toco no Parque Nacional do Iguazú.

Os tucanos son nativos dunha área que vai desde o sur de México, América central, rexión do Caribe ata a metade norte de Suramérica. Xeralmente viven en zonas tropicais ou subtropicais. Son aves arbóreas.

Reprodución[editar | editar a fonte]

É un animal monógamo que forma parellas permanentes. Durante o cortexo é común que estas aves se intercambien paus e comida, guindándoa ou dándoa co peteiro. Igual que os petos, cos cales están emparentados, fan os niños en ocos dos troncos das árbores, escavados por outros animais (como os petos), xa que o peteiro do tucano ten un uso moi limitado como ferramenta para a escavación. Reprodúcense desde finais de xaneiro. O máis habitual é que poñan de 2 a 4 ovos de cor branca elípticos, porosos e fráxiles. O período de incubación é de 17 a 20 días, e fan unha soa posta ao ano. Ambos os proxenitores chocan os ovos, alternándose, e unha vez nace o polo tamén o alimentan os dous. Ao saíren do ovo están espidos, sen penuxe, e teñen os ollos pechados durante as primeiras tres semanas. O desenvolvemento das crías é moi lento e inicialmente non se asemellan aos adultos. Abandonan o niño ás 8-9 semanas e comenzan a procurar o seu propio alimento. Os individuos novos teñen o peteiro máis curto que os adultos, pero na plumaxe obsérvanse poucas diferenzas coa idade ou o sexo. Aos 3 ou 4 anos chegan á madurez sexual. Os tucanos reprodúcense onde residen, xa que non migran. Normalmente agrúpanse en parellas ou pequenas bandadas. Ás veces loitan cos seus peteiros e forcexan, polo que se hipotetiza que establecen xerarquías de dominancia.

Dieta[editar | editar a fonte]

Os tucanos, como Ramphastos dicolorus, aniñan en ocos das árbores
Tucano en National Aviary

Os tucanos son principalmente fruxívoros, pero son omnívoros oportunistas e capturan presas como insectos e pequenos lagartos.[9] Os tucanos en catividade cazan insectos activamente nas súas gaiolas e é posible manter tucanos só cunha dieta de insectos. Tamén saquean niños de aves pequenas, comendo os ovos e as crías.[10][11] Isto probablemente lles proporciona un complemento proteico crucial na súa dieta. Adeamais de seren sistematicamente predadores e fruxívoros, igual que moitas aves omnívoras, prefiren a comida de orixe animal para darlla ás súas crías.[12] Porén, nas súas zonas nativas, son predominantemente fruxívoros, polo que desempeñan un papel ecolóxico extremadamente importante como vectores de dispersión das sementes das froitas das árbores.[13]

Conservación[editar | editar a fonte]

Os depredadores dos tucanos son sobre todo felinos, coatís, algunhas serpes e aguias.

Foron cazados con certa intensidade polos indíxenas para elaborar ornamentos coas súas plumas multicolores. Mais a principal causa de que algúns se encontren en perigo de extinción débese á destrución do seu hábitat. A deforestación das selvas, a contaminación ambiental, o crecemento das zonas urbanas e a biopiratería ou a caza no seu medio natural para ser mantido en catividade en zoolóxicos ou por particulares, son algúns dos factores que os prexudican. A súa posesión e comercio está prohibida nalgúns países.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Tucano.
  2. "Vocabulário Tupi-Português do Curso Elementar de Tupi Antigo" (en portugués). Universidade de São Paulo. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 1 de xuño de 2015. 
  3. Els Piciformes a Tree of life Arquivado 02 de decembro de 2013 en Wayback Machine. Rev. 29-06-2010
  4. Nahum el al.; Diversification of Ramphastinae (Aves, Ramphastidae) prior to the Cretaceous/Tertiary boundary as shown by molecular clock of mtDNA Sequences Rev. 28-06-2010
  5. "Pulse – Spring 2005 newsletter". University of California, San Diego Jacobs School of Engineering. Spring 2005. Arquivado dende o orixinal o 23-08-2013. Consultado o 29-06-2009. 
  6. Tattersall, G. J.; Andrade, D. V.; Abe, A. S. (2009). "Heat Exchange from the Toucan Bill Reveals a Controllable Vascular Thermal Radiator". Science 325 (5939): 468–70. PMID 19628866. doi:10.1126/science.1175553. 
  7. "Hot secret behind toucan's bill". BBC News. 23 July 2009. 
  8. Reynolds, J. (2003). "Handbook of the Birds of the World, Vol. 7. Jacamars to Woodpeckers". Biological Conservation 111 (2): 280. doi:10.1016/S0006-3207(02)00275-6. 
  9. Remsen Jr, J.V.; Hyde, Mary Ann; Chapman, Angela (1993). "The Diets of Neotropical Trogons, Motmots, Barbets and Toucans". The Condor 95 (1): 178–92. JSTOR 1369399. doi:10.2307/1369399. 
  10. Nadkarni, Nalini M. ; Wheelwright, Nathaniel T. (Editors). Monteverde: Ecology and Conservation of a Tropical Cloud Forest. Publisher: Oxford University Press, 2000. ISBN 978-0-19-513310-3
  11. Robinson, S.K. (1985). "Coloniality in the Yellow-Rumped Cacique as a Defense against Nest Predators" (PDF). Auk 10 (3): 506–19. 
  12. Short, Lester; Horne, Jennifer. Toucans, Barbets and Honeyguides. Publisher: Oxford University Press 2002. ISBN 978-0-19-854666-5
  13. Pizo, M.A.; Donatti, C.I.; Guedes, N.M.R.; Galetti, M. (2008). "Conservation puzzle: Endangered hyacinth macaw depends on its nest predator for reproduction" (PDF). Biological Conservation 141 (3): 792–96. doi:10.1016/j.biocon.2007.12.023. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 23 de xaneiro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]