Rancho La Brea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 34°03′46.47″N 118°21′22.67″O / 34.0629083, -118.3562972

Rancho La Brea
La Brea Tar Pits
Marco Legal
Figura de Protección: California Historical Landmark
U.S. National Natural Landmark
Ano de constitución: 1964
Superficie:
Lexislación:
Datos de interese
País: Estados Unidos de América Estados Unidos
Provincias: California
Concellos: Os Ánxeles
Ríos:
Picos
Direccións de interese:
Teléfonos:

O Rancho La Brea ou La Brea Tar Pits (en galego, pozos de brea de La Brea) son un grupo de pozos de betume que se formaron hai milleiros de anos na contorna do parque Hancock, na zona central da cidade dos Ánxeles, en California. Ese asfalto natural infiltrouse nesta zona dende o solo hai ducias de milleiros de anos e adoita atoparse cuberto de po, follas ou auga. Nestes pozos preserváronse os ósos dos animais que quedaron atrapados no betume. O Museo George C. Page está dedicado a estudar eses pozos e amosar os animais que alí se atoparon. O Rancho La Brea é unha Paraxe Natural Nacional dos Estados Unidos de América.

Localización e formación[editar | editar a fonte]

Descrición dalgunhas especies nunha ilustración de Robert Bruce Horsfall (1913).

Os pozos de La Brea e Hancock Park están situados no que noutrora foi a concesión mexicana Rancho La Brea, e agora forma parte da área urbana dos Ánxeles, no distrito de Miracle Mile.

Os pozos de betume están compostos por fraccións de cru pesado denominado gilsonita, que se filtraron dende o solo. En Hancock Park o petróleo cru escorre pola fenda ó longo da 6th Street dende o Salt Lake Oil Field[1]. O petróleo aflora e forma na superficie piscinas en varios lugares do parque, tornándose en asfalto cando as fraccións máis lixeiras do petróleo se degradan ou evaporan.

Estas filtracións lévanse producindo dende fai decenas de milleiros de anos. De cando en vez, o asfalto forma depósitos o suficientemente consistentes como para atrapar os animais, quedando a superficie cuberta con capas de auga, po ou follas. Os animais chegarían vagando, quedarían atrapados na poza, e acabarían por morrer. Os depredadores tentarían apresar os animais capturados no piche resultando tamén entrampados.

Os pozos de brea que existen actualmente foron escavados polo ser humano. O meirande era orixinalmente unha mina de asfalto. Os outros pozos fixéronse entre o 1913 e o 1915, cando foron escavados máis de 100 pozos na procura dos ósos de grandes mamíferos do Plistoceno. Distintas combinacións de asfalto e auga asolagan estes buratos. Normalmente o asfalto xorde de gretas, endurecendo ó aflorar e formando montículos que se poden ver en varias zonas do parque.

Descrición dalgunhas especies nunha ilustración de Charles R. Knight (1921).

Os ósos dos animais mortos, ó afundir e penetrar neles o asfalto, tórnanse dunha cor marrón escura ou negra. As fraccións máis lixeiras do petróleo evapóranse quedando unha substancia máis sólida, que preserva os ósos. Fósiles de grandes mamíferos foron extraídos do alcatrán, pero tamén se recuperaron microfósiles: madeira e plantas, ósos de roedores, insectos, moluscos, po, sementes, follas, e mesmo grans de pole. Expóñense no museo George C. Page algunhas mostras destes achados.

A datación radiométrica da madeira preservada e dos ósos deu unha idade de 38 000 anos para o material máis antigo descuberto en La Brea. Os pozos aínda hoxe atrapan organismos, os máis deles están cercados para evitar accidentes.

Descubrimentos científicos[editar | editar a fonte]

O xeólogo da Union Oil William Warren Orcutt no 1901 é a primeira persoa acreditada en desvelar que os ósos fosilizados e preservados nos pozos de asfalto pertencen a animais prehistóricos[2].

As primeiras escavacións para estudar os fósiles de animais prehistóricos realizáronse entre os anos 1913 e 1915. Durante as décadas de 1940 e 1950 a preparación dos fósiles recuperados en escavacións precedentes dos grandes mamíferos do Plistoceno xerou grande expectación[3]. Estudos posteriores determinaron que o material fósil dos vertebrados estaba ben preservado, con pouca evidencia de degradación bacteriana da proteína ósea[4].

Na década de 1970 a atención dos investigadores centrouse nos pequenos exemplares, como insectos e plantas, incluíndo microfósiles, como grans de pole. O estudo destes restos contribuíu a unha mellor comprensión da conca dos Ánxeles durante a última glaciación.

Burbulla nun dos pozos de asfalto.

Fonte de metano descuberta[editar | editar a fonte]

O gas metano escapa dos pozos de piche causando burbullas que fan que o asfalto pareza ferver. No ano 2007 os investigadores da Universidade de California Riverside descubriron que as burbullas son causadas por formas resistentes de bacterias vinculadas ó asfalto natural. Tras consumir o petróleo, as bacterias liberan metano. "Das bacterias estudadas, entre 200 e 300 eran especies previamente descoñecidas"[5].

George C. Page Museum.

George C. Page Museum[editar | editar a fonte]

O Museo George C. Page é o centro de interpretación do Rancho La Brea e forma parte do Museo de Historia Natural do Condado dos Ánxeles, foi construído á beira dos pozos de piche en Hancock Park. Comezouse a construír no 1975, o museo abriu ó público no ano 1977. Describe a historia dos pozos de piche e amosa as especies neles atopadas. Os visitantes poden camiñar arredor do parque e ver os pozos de asfalto. Dos máis de 100 pozos, o único regularmente escavado polos investigadores na actualidade é o pozo 91. O traballo de escavación lévano a cabo voluntarios supervisados por paleontólogos[6].

Escavación de pozos descubertos recentemente[editar | editar a fonte]

O 18 de febreiro de 2009 o Museo George C. Page anunciou formalmente o descubrimento de 16 novos depósitos de fósiles durante a construción dun aparcadoiro subterráneo para o Museo de Arte do Condado dos Ánxeles no ano 2006, a carón dos pozos de piche[7]. Entre os achados están restos dun felino con dentes de sabre, seis lobos prehistóricos, bisontes, cabalos, un preguiceiro xigante, tartarugas, caracois, moluscos, milpés, peixes, esquíos, e un león das cavernas[7][8]. Tamén se descubriu un esqueleto de mamut case intacto, alcumado Zed; as únicas pezas que faltan son unha perna traseira, unha vértebra e parte superior do cranio, danado cando se realizaba a construción da estrutura do aparcadoiro[8][9].

Estes fósiles foron embalados en caixas in situ e leváronse para un compartimento ó lado do pozo 91, propiedade do Page Museum, para que puidesen continuar as obras de construción. Depositáronse vinte e tres grandes caixóns con espécimes e alcatrán no Page Museum, denominándose esta tarefa de investigación Proxecto 23. Os investigadores do museo saben que máis pozos de piche serán descubertos durante os traballos de ampliación da liña púrpura do metro[7]. No 2014, nunhas prospeccións en Miracle Mile, foron encontrados obxectos prehistóricos[10].

Investigadores do laboratorio de paleontoloxía do Museo George C. Page.

Flora e fauna[editar | editar a fonte]

Entre as especies prehistóricas asociadas ó Rancho La Brea están os mamuts, lobos prehistóricos, osos de fociño curto, preguiceiros xigantes e o felino dentes de sabre. Só se atopou un humano[11], un esqueleto parcial de muller de fai 10 000 anos[12], que no momento da súa morte tiña entre 17 e 25 anos[13] e atopouse xunto ós restos dun can doméstico, interpretándose como un enterramento cerimonial[14]. John C. Merriam da Universidade de California levou a maior parte do traballo inicial de identificación de especies nos inicios do século XX.

La Brea é coñecido pola achega de milleiros de fósiles de mamíferos do Plistoceno, e aínda que os fósiles de mamíferos xeran un interese significativo, outros fósiles, incluíndo insectos e plantas fosilizadas, e mesmo grans de pole, tamén teñen gran valor. Estes microfósiles son recuperados a partir dunha matriz de asfalto e arxila areosa mediante o lavado cun disolvente para eliminar o petróleo e deseguido selecciónanse baixo unha lente de alta potencia.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

  • Fósiles dalgúns espécimes achados nos pozos de piche do Rancho La Brea:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Khilyuk, Leonid F.; Chilingar, George V. (2000). Gulf Professional Publishing, ed. Gas migration: events preceding earthquakes. p. 389. ISBN 0-88415-430-0. 
  2. City of Los Angeles Department of Recreation and Parks (ed.). "The Orcutt Ranch, Rancho Sombra del Roble. Los Angeles Historic-Cultural Monument". Arquivado dende o orixinal o 27-07-2016. Consultado o 25-9-2015.  (en inglés)
  3. "Animal Bones 50,000 Years Old Found In Tar". Los Angeles Times (Los Angeles). 17-7-1946. Arquivado dende o orixinal o 06-11-2012. Consultado o 25-9-2015.  (en inglés)
  4. McMenamin, M.A.S.; et al. (1982). "Amino acid geochemistry of fossil bones from the Rancho La Brea Asphalt Deposit, California". Quaternary Research (2 ed.) 18: 174–183. doi:10.1016/0033-5894(82)90068-0. 
  5. Jia-Rui Chong, "Researchers learn why tar pits are bubbly" Arquivado 27 de xaneiro de 2013 en Archive.is, Los Angeles Times, 14-5-2007. (en inglés)
  6. George C. Page Museum (ed.). "Current excavations". Consultado o 25-9-2015.  (en inglés)
  7. 7,0 7,1 7,2 KCBS-TV, ed. (18-2-2009). "Cache Of Ice Age Fossils Found Near Tar Pits". Los Angeles. Associated Press. Arquivado dende o orixinal o 20-02-2009. Consultado o 25-9-2015.  (en inglés)
  8. 8,0 8,1 Thomas H. Maugh II (18-2-2009). "Major cache of fossils unearthed in L.A.". Los Angeles Times (Los Angeles). Consultado o 25-9-2015.  (en inglés)
  9. "Nearly intact mammoth found at L.A. construction site". USA Today. 18-2-2009. Consultado o 25-9-2015.  (en inglés)
  10. Malkin, Bonnie (7-3-2014). AP, ed. "Prehistoric objects unearthed in LA subway dig". The Daily Telegraph. Consultado o 25-9-2015.  (en inglés)
  11. J.C. Merriam (1914) Preliminary report on the discovery of human remains in an asphalt deposit at Rancho La Brea, Science 40: 197-203
  12. F.R. O'Keefe, E.V. Fet, and J.M. Harris (2009) Compilation, calibration, and synthesis of faunal and floral radiocarbon dates, Rancho La Brea, California, Contributions in Science 518: 1-16
  13. G.E. Kennedy (1989) A note on the ontogenetic age of the Rancho La Brea hominid, Los Angeles, California, Bulletin, Southern California Academy of Sciences 88(3): 123-126
  14. R.L. Reynolds (1985) Domestic dog associated with human remains at Rancho La Brea, Bulletin, Southern California Academy of Sciences 84(2): 76-85

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]