Rallus caerulescens
| Rallus caerulescens | |||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Rallus caerulescens Johann Friedrich Gmelin 1789 | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
|
Conservación
| |||||||||||||||||||
| Clasificación taxonómica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||||||||
Rallus caerulescens é unha pequena especie de zurrasca de vida acuática da familia dos rálidos que se encontra no leste e sur de África.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]
A especie describiuna en 1789 o naturalista alemán Johann Friedrich Gmelin na súa edición revisada e ampliada do Systema Naturae de Carl Linné. Situouna xunto coas outras zurrascas no xénero Rallus e deulle o nome binomial Rallus caerulescens.[1] Gmelin baseou a súa descrición no "blue necked rail" do Cabo de Boa Esperanza que describira en 1785 o ornitólogo inglés John Latham no seu libro A General Synopsis of Birds.[2] O naturalista Joseph Banks proporcionara a Latham unha acuarela da ave que pintara Georg Forster quen acompañou a James Cook na súa segunda viaxe ao océano Pacífico. A pintura foi realizada en 1773 no Cabo de Boa Esperanza. Hoxe é o holotipo da especie e consérvase no Museo de Historia Natural de Londres.[3] O epíteto de especie caerulescens vén do latín e significa "azulado".[4] A especie é monotípica: non se recoñece ningunha subespecie.[5]
Descrición
[editar | editar a fonte]Os adultos teñen uns 27–28 cm de longo, e teñen principalmente partes dorsais marróns e partes ventrais grises azuladas, con liñas negras e brancas nos flancos e baixo a cola. Os sexos teñen plumaxe similar pero as femias son máis pequenas. É a única especie de Rallus con dorso liso sen debuxos. O corpo está aplanado lateralmente para facilitarlle o paso entre os xuncos. Teñen dedas longas, cola curta e un longo e delgado bico vermello mate. As patas son vermellas. Os inmmaturos son similares aos adultos, pero os tons grises azulados son substituídos por beixes.[6]
Son aves ruidosas, cunha chamada que é un asubío vibrante que soa triii-tii-tii-tii-tii.[6]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]O seu hábitat reprodutor son as marismas e as xunqueiras do leste e sur de África desde Etiopía a Suráfrica. Moitos exemplares son residentes permanentes, pero algúns realizan movementos estacionais en resposta á dispoñibilidade de zonas húmidas.[6]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Reprodución
[editar | editar a fonte]Aniña en lugares secos entre a vexetación das marismas, e ambos os sexos colaboran na construción dun niño cupuliforme. A posta típica é de 2–6 ovos cos crema con moitas manchas, que chocan ambos os sexos durante uns 20 das ata a eclosión. Os polos están cubertos de penuxe negra e son precoces, como é típico nos rálidos.[6]
Alimentación
[editar | editar a fonte]Sondan o barro ou as augas pouco fondas co seu bico e capturan os alimentos pola vista. Comen principalmente insectos, cangrexos e outros pequenos animais acuáticos.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Gmelin, Johann Friedrich (1789). Systema naturae per regna tria naturae: secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis (en latín). 1, Part 2 (13ª ed.). Lipsiae [Leipzig]: Georg. Emanuel. Beer. p. 716.
- ↑ Latham, John (1785). A General Synopsis of Birds. 3, Part 1. Londres: Printed for Leigh and Sotheby. p. 234.
- ↑ Lysaght, Averil (1959). "Some eighteenth century bird paintings in the library of Sir Joseph Banks (1743-1820)". Bulletin of the British Museum (Natural History), Historical Series 1 (6): 251-371 [302, No. 129]. doi:10.5962/p.92313.
- ↑ Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. p. 113. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ Gill, Frank; Donsker, David; Rasmussen, Pamela, eds. (agosto de 2022). "Flufftails, finfoots, rails, trumpeters, cranes, limpkin". IOC World Bird List Version 12.2. International Ornithologists' Union. Consultado o 12 de outubro de 2022.
- 1 2 3 4 5 Taylor, P.B. (1996). "African rail". En del Hoyo, J.; Elliott, A.; Sargatal, J. Handbook of the Birds of the World. 3: Hoatzin to Auks. Barcelona, Spain: Lynx Edicions. p. 170. ISBN 978-84-87334-20-7.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- African rail – Texto sobre a especie no Atlas of Southern African Birds.
