Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «RAMCG»)
Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia
Tipoacademia
Data de fundación1831
Fundador(es)Fernando VII
SedeA Coruña
EnA Coruña
PaísGalicia
43°22′04″N 8°24′18″O / 43.367819480255, -8.4048766577607
Na rede
https://www.ramycga.org/
editar datos en Wikidata ]

A Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia é unha institución creada en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1831, co nome de Real Academia de Medicina y Cirugía de Santiago de Compostela, ao mesmo tempo e en pé de igualdade que outras nove instaladas en Madrid, Valladolid, Sevilla, Cádiz, Granada, Valencia, Barcelona, Zaragoza e Palma, en virtude dun Real Decreto de Fernando VII asinado o 28 de agosto de 1827. Instalouse en Santiago o 7 de abril de 1831. Suxeitas as tales Academias á Real Junta Superior Gubernativa de Medicina y Cirugía, atribuíuselle, á galega, un territorio propio de actuación que comprendía Galicia e Asturias.[1]

Na actualidade a súa sede está na rúa Durán Loriga, 10, A Coruña.[2]

Nacemento[editar | editar a fonte]

O nacemento das citadas Academias representou a primeira tentativa seria para organizar, de maneira global, o devir da Medicina naquel momento, como demostra a cantidade e calidade das atribucións que lles foron encomendadas:[1]

  • impartir determinadas ensinanzas útiles á "ciencia de curar" (Matemáticas, Física experimental, Botánica);
  • favorecer os progresos da medicina estimulando a súa investigación;
  • publicar traballos científicos, preferentemente sobre "Bibliografía Médico-Cirúrxica", "Topografía médica" etc., na súa aplicación española;
  • manter correspondencia con outras Academias médicas nacionais e estranxeiras;
  • formar unha Biblioteca propia;
  • ocuparse da saúde pública (epidemias, vacinación antivariólica);
  • perseguir o intrusismo médico-cirúrxico;
  • supervisión de medicamentos;
  • asesorar aos xuíces en asuntos médico-legais etc.;
  • velar pola "Policía da Facultade" (elaboración de censos dos profesionais sanitarios; control de titulacións; realización dos exames do "grao de bacharel" en Medicina e das parteiras; participación nas "Juntas de Sanidad del Reino");
  • participar nos tribunais de oposición para médicos directores de establecementos hidrotermais etc.

Estrutura[editar | editar a fonte]

Presididas estas Academias pola "Real Junta Superior Gubernativa de Medicina y Cirugía", que delegaba as súas funcións no Capitán Xeneral das rexións que o tiñan, como era o caso de Galicia, estruturáronse nos tres niveis seguintes:[1]

  • Os académicos numerarios. Pertencían a esta clase, por razón do seu cargo, os catedráticos dos Reales Colegios de Medicina y Cirugía e os de Medicina das Reais Universidades. Outros eran propostos e votados entre os profesionais da "ciencia de curar" máis prestixiosos, académicos agregados e académicos correspondentes, elixíndose, de entre os primeiros a quen debían desempeñar os cargos de goberno, que eran:
  • Vicepresidente, que de ordinario actuaba como Presidente "en funcións" pois, como se di arriba, a Academia estaba presidida polo Capitán Xeneral. O primeiro que ostentou este cargo foi Juan de Barcia y Ávila La Cueva.
  • Secretarios, un "de goberno" e outro "de correspondencias estranxeiras" e Bibliotecario-arquiveiro.

Sesións e comisións. As cuestións estudábanse en sesións ou xuntas, "literarias" (onde se trataban asuntos científicos) e "de goberno" (nas que se vían e dilucidaban os asuntos referentes ao control sanitario e ás cuestións da propia Institución) tanto ordinarias como extraordinarias celebradas, aquelas, con periodicidade quincenal, habitualmente. Existían Comisións especializadas para o mellor tratamento dos problemas que se presentaban. O seu número e denominación variou ao longo do tempo, baixo o influxo dos cambios daqueles: así, por exemplo, diremos que en 1 de xaneiro de 1833, existían seis "Comisións permanentes":

  • de Sanidade ou Hixiene Pública
  • de Policía da Facultade
  • de Topografías
  • de Vacinación
  • de Augas minerais
  • de Subdelegacións

Subdelegacións. O territorio asignado a cada Academia estaba dividido en "Subdelegacións" que correspondían aos "partidos xudiciais". Delas eran responsábeis os académicos agregados ou "Subdelegados" (podía haber até dous, un para o "ramo" de Medicina e outro para o de Cirurxía, que en tempos pasados correspondían a titulacións diferentes) aos que se consideraba como "académicos agregados". Bos coñecedores da problemática da súa Subdelegación eran, nela, os "ollos e oídos" da Academia, comunicándolle, por escrito, todas as irregularidades que detectaban e esperando, para executalo, o que para resolvelas decidía aquela nas súas "Xuntas de Goberno”.

Fernando VII, fundador das Reais Academias de Medicina e Cirurxía.

Historia[editar | editar a fonte]

O traslado da Capitanía Xeneral de Galicia de Santiago de Compostela á Coruña determinou que a Academia se trasladase a esta cidade, dado que o seu presidente era o Capitán Xeneral. Isto ocorreu o 18 de xullo de 1833, oito días despois da orde cursada pola "Junta Superior Gubernativa de Medicina y Cirugía". Nesta cidade da Coruña, a Academia mantense até os nosos días.

Durante o período 1833-1900, a rexia institución continuou o exercicio das súas competencias en forma similar, estatutaria, a como fixera en Santiago entre 1831-33.

En 1854 participou na loita contra as epidemias que asolaron Galicia durante a segunda metade do século XIX, a maioría de cólera e tifo. En 1898 creáronse os Colexios Oficiais de Médicos que, ao ir asumindo progresivamente determinadas competencias que tiñan as Reais Academias, determinaron a perda fáctica das mesmas por estas. Esa redución competencial proseguiu, sen que ningunha disposición oficial o determinase de forma expresa, por dúas novas causas fundamentais: o exercicio paralelo das mesmas funcións por outros organismos, novos ou reestruturados (Sanidade estatal, Facultades de Medicina etc.) e o progreso das ciencias médicas que, ao erradicar, por exemplo, a maioría das vellas epidemias, fixo innecesarias moitas das actuacións neste campo.

En 1918 cesou a actividade da Academia por mor da epidemia de gripe que asolou Europa durante o bienio 1918-19 (despois da I Guerra Mundial). Tamén parou a actividade entre 1923 e 1925 por problemas de local e motivos económicos.

En 1945 a Academia pasou a denominarse "Real Academia de Distrito de Galicia y Asturias", co ánimo de igualar o seu territorio ao do respectivo "distrito universitario", neste caso o da Universidade de Santiago de Compostela, dotándose, ademais, dun novo Regulamento. Dito regulamento determinaba que podían seren nomeados académicos numerarios doutores non residentes na cidade da Coruña. O primeiro ingreso desta etapa foi o de D. Arturo Fernández Cruz, Catedrático de Patoloxía Médica da Facultade de Medicina de Santiago (8-III-1947).

En 1972 creouse a "Real Academia de Medicina de Asturias", en Oviedo (ao mesmo tempo que as situadas en Bilbao e Salamanca, para as súas respectivas zonas). En 1986 a Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia pasa a integrarse no Instituto de España como Academia asociada.[1]

A Academia na actualidade[editar | editar a fonte]

Estatutos[editar | editar a fonte]

Os Estatutos vixentes, que datan de 1970, especifican que as "misións principais" son:

  • 1ª Cultivar e estimular o estudo e a investigación das ciencias médicas.
  • 2ª Estudar e publicar a xeografía médica do Distrito respectivo.
  • 3ª Recoller cantos materiais sexan útiles para a formación da Historia crítica e da Bibliográfica da Medicina patria.
  • 4ª Auxiliar á autoridades nas cuestións sanitarias, ben evacuando as consultas que se lle fagan, ben elevando espontaneamente escritos oportunos relacionados con asuntos médicos de interese.
  • 5ª Emitir os informes de medicina forense e de medicina do traballo que polas autoridades competentes lles foran interesados.
  • 6ª Emitir os informes a particulares sobre asuntos da súa competencia.
  • 7ª Conservar e cultivar unha Biblioteca especializada, adquirindo as obras nacionais e estranxeiras e as revistas máis importantes que os seus orzamentos lles permitan.
  • 8ª Informar a cantos investigadores o desexen sobre as cuestións sanitarias, científicas e bibliográficas que se lles consulten.

Xunta de goberno[editar | editar a fonte]

A xunta de goberno en 2022 está formada por:[3]

Académicos[editar | editar a fonte]

  • Martinón Sánchez, Federico — Pediatría
  • Noya García, Manuel — Neuroloxía
  • Jorge Barreiro, Francisco Javier — Anatomía Humana
  • Gestal Otero, Juan J. — Medicina Preventiva
  • Labella Caballero, Torcuato — Otorrinolaringoloxía
  • Ansede Martínez, Alicia — Xenética
  • Teijeiro Vidal, Jorge — Radioloxía
  • Potel Lesquereux, Joaquín — Cirurxía Xeral e Dixestiva
  • Varela Durán, Juan — Anatomía Patolóxica
  • Regueiro García, Benito — Viroloxía
  • Díez Baños, Pablo — Ciencias Afíns: Veterinaria
  • Martelo Villar, Francisco — Cirurxía Plástica, Reparadora, Estética
  • Acuña Castroviejo, Carlos — Fisioloxía
  • Vázquez Fernández, Francisco — Cadeira Territorial (Lugo)
  • Martínez Vázquez, José M. — Medicina Interna
  • Martínez Pérez-Mendaña, Javier — Cadeira Territorial (Ferrol)
  • Ferrer i Balsebre, Luís — Psiquiatría
  • Gil Gil, Pedro — Cadeira Territorial (Vigo)
  • Campos Villarino, Luís — Cadeira Territorial (Pontevedra)
  • Suárez Quintanilla, David — Odontoestomatoloxía
  • Juffé Stein, Alberto — Cirurxía Cardíaca
  • Casanueva Freijo, Felipe — Endocrinoloxía
  • Gelabert González, Miguel — Neurocirurxía
  • Varela Cives, Ramiro — Cirurxía Infantil
  • López López, Rafael — Oncoloxía
  • De Toro Santos, Francisco Javier — Reumatoloxía
  • Novo Domínguez, Alejandro — Obstetricia e Xinecoloxía
  • Pereiro Ferreiros, Manuel — Dermatoloxía
  • Domínguez Muñoz, Juan Enrique — Aparato Dixestivo
  • Ruibal Morell, Álvaro — Medicina Nuclear e Image Molecular
  • Álvarez Escudero, Julián — Anestesioloxía e Reanimación
  • Pino Mínguez, Jesús — Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica
  • García Alcón, José Luis — Medicina Militar
  • Meijide Failde, Rosa — Hidroloxía Médica
  • González Martín, Marcelino — Uroloxía
  • Ponte Hernando, Fernando Julio — Historia da Medicina.[3]

Académicos de honra[editar | editar a fonte]

Académicos eméritos[editar | editar a fonte]

Novos académicos[editar | editar a fonte]

No marco da sesión plenaria da institución celebrada o 6 de outubro de 2022, a Academia designou aos titulares de dúas prazas de nova creación e a tres titulares de cadeiras xa existentes:[4]

As cadeiras de nova creación foron a de Medicina e Rehabilitación, para a que se elixiu a Teresa Jorge Mora, xefa do Servizo de Rehabilitación da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés, que desenvolveu a súa actividade clínica no campo da rehabilitación da patoloxía neurolóxica e da rehabilitación intervencionista mediante o desenvolvemento de técnicas ecoguiadas minimamente invasivas para o tratamento de diversos procesos, principalmente a espasticidade e a dor, e a de Medicina de Familia e Comunitaria, para a que foi designado Rosendo Bugarín, especialista en medicina e en medicina de urxencias, que na actualidade é médico de familia do Centro de Saúde de Monforte de Lemos do que é xefe do servizo, e que anteriormente ocupou diversos postos directivos de xestión no Sergas e é profesor da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo.[4]

Para as outras cadeiras os elixidos foron Ángel Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, director da Fundación Pública de Xenómica e actual presidente da Academia Internacional de Medicina legal , un dos científicos de maior impacto en todo o mundo na medicina forense e da xenética clínica, e que nos últimos quince anos estendeu o seu labor ao campo da xenética clínica e da medicina xenómica; Carmen Montero Martínez, xefa do Servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, que dedicou especial atención á broncoscopia, ao cancro de pulmón e á enfermidade intersticial, e foi presidenta da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria (2007-2011), e Federico Martinón Torres, xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e profesor titular de Pediatría da Universidade de Santiago de Compostela.[4]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Origen, territorio, atribuciones y estructura Arquivado 16 de outubro de 2022 en Wayback Machine.. RAMCG.
  2. RAMCG. Contacto.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Organigrama funcional de la Academia (a marzo de 2022) Arquivado 14 de outubro de 2022 en Wayback Machine.. RAMCG. Consultado o 11 de outubro de 2022.
  4. 4,0 4,1 4,2 La Voz de Galicia, Redacción (11 de outubro de 2022). "Carracedo, Teresa Jorge, Federico Martinón, Rosendo Bugarín y Carmen Montero, académicos de Medicina". La Voz de Galicia. Consultado o 11 de outubro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]