Saltar ao contido

R-12 (mísil)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un mísil R-12 en exposición no Museo de Kapustin Yar.

R-12 foi a denominación do primeiro mísil balístico operativo de alcance medio, o primeiro soviético despregado cunha oxiva termonuclear e o primeiro mísil en ser producido en masa, chegándose a despregar 2300 unidades. Usaba propelentes almacenables e había versións para ser lanzadas desde plataformas móbiles e desde silos. Estivo operativo entre 1959 e 1989 e foi un dos principais elementos de disuasión na confrontación entre a Unión Soviética e os países occidentais. A crise dos mísiles de Cuba foi debida ao despregamento de unidades R-12 na illa caribeña. O R-12 foi tamén coñecido polo seu índice GRAU como 8K63 e pola súa denominación OTAN como SS-4 Sandal.

O desenvolvemento do R-12 comezou en 1950, comezándose as probas dos distintos compoñentes en 1953. A primeira proba de lanzamento tivo lugar o 22 de xuño de 1957 desde a Área 21 da base de lanzamento de Kapustin Yar. O exército aceptou a versión do mísil lanzada desde silo para a entrada en servizo o 4 de marzo de 1959. A produción en masa fíxose grazas á participación de catro fábricas: a 586, onde se desenvolveu o mísil inicialmente, a 172, a 47 e a 166. A fabricación de mísiles R-12 finalizou en 1967, con 2300 unidades construídas.

Fabricáronse algunhas variantes para uso tanto en exercicios e adestramentos como para as probas das maquetas a escala dos avións espaciais Raketoplan e BOR.

A versión móbil do R-12 comezou a desenvolverse en 1953, co transporte móbil sendo unha variante do usado no mísil R-5M.

O R-12 comezou a ser substituído en 1977 polo mísil de propelente sólido SS-20 Pioner, sendo completamente apartados do servizo en 1989 tras varios tratados de desarme.

En xaneiro de 1998 atopouse que o deseño do R-12 fora vendido a Irán, sendo a base do mísil iraniano de alcance medio Shahab 4.

O mísil foi usado como base para os lanzadores espaciais lixeiros Kosmos e Kosmos 2I.

Características

[editar | editar a fonte]
  • Peso: 34.610 kg
  • Peso baleiro: 4810 kg
  • Impulso: 625,517 kN
  • ISP: 235 s
  • Tempo de combustión: 108 s
  • Diámetro: 1,60 m
  • Envergadura: 1,80 m
  • Lonxitude: 18,00 m
  • Propelentes: ácido nítrico e queroseno
  • Motor: 1 x RD-214
  • Carga útil: 390 kg
  • Alcance máximo: 1500 km
  • CEP: 5,16 km
  • Velocidade máxima: 12.710 km/h
  • Fabricados: 2300
  • Wade, Mark (2011). "R-12" (en inglés). Consultado o 26 de agosto de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]