Río de Portabenza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Río Samel»)
Río de Portabenza
PaísGalicia Galicia
ConcaRío Mandeo
DesembocaduraRío Mandeo
     Bacía do Mandeo na Costa Ártabra.

O río de Portabenza, tamén coñecido no último treito como río Samel,[1] é un curso fluvial galego, afluente do río Mandeo pola súa dereita, que discorre mormente polo límite entre os concellos de Aranga e Curtis.

Toponimia[editar | editar a fonte]

Mapa do Portabenza, 1941.

O vocábulo «portabenza» está formado polas voces «port(o)» e «abenza». A primeira deriva do latín portus, ‘vao ou pasaxe dun río’.[2] Canto á segunda, descoñécese a etimoloxía, mais considéranse varias posibilidades sobre a súa procedencia:[3][4]

  • Da raíz paleoeuropea *ab- ou *ap-, ‘auga ou río’. Comporíase co sufixo *-entia, formado á súa vez polo sufixo adxectival e participial *-nt- e o feminizador -ia.
  • Dun antropónimo latino como Aduentus ou Auentius que remita a unha (villa) *aduentia ou *auentia da súa posesión.
  • Do nome común «habenza» (en galego medieval «avença»), que provén do latín habentia e significa ‘conxunto do gado miúdo pertencente a un ou varios veciños’.

Percorrido[editar | editar a fonte]

Esquema
Nacemento
 N-634 
Liña León-A Coruña
Rego de Portos Carros
Estrada A Reborica-Estraviz
Rego Picho
Apeadoiro de Aranga
Encoro da Castellana, río Mandeo

Nace no lugar das Corviteiras, no extremo nordeste da parroquia de Foxado, do concello de Curtis, preto do punto onde a propia parroquia converxe coas de Aranga e Santa Mariña de Lagostelle, dos concellos de Aranga e Guitiriz. Coa excepción do seu nacemento, o seu curso serve como límite entre os concellos de Aranga e Curtis. Diríxese ó oeste, cruzándose dúas veces coa vía férrea da liña León-A Coruña e pasando ó sur do apeadoiro de Aranga. Após se cruzar de novo coa liña de ferrocarril, pasa ó norte do lugar de Samel (Foxado). Neste último treito tamén recibe o nome de río Samel. Finalmente desemboca no encoro da Castellana, no río Mandeo.[5][6][7][8]

Afluentes[editar | editar a fonte]

Os seus afluentes, desde o nacemento até a desembocadura, son:[6]

  1. Rego de Portos Carros, pola marxe esquerda.
  2. Rego Picho, pola marxe esquerda.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Río Samel". Galicia Nomeada. 
  2. Ares Vázquez, Nicandro (2013). Estudos de toponimia galega II. Real Academia Galega. p. 671. ISBN 978-84-87987-85-4. Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2020. Consultado o 10 de outubro de 2020. 
  3. Moralejo, Juan José (2005). "Hidrónimos galaicos con sufijo -antia" (PDF). Palaeohispánica. Revista sobre lenguas y culturas de la Hispania antigua (en castelán) (5. Ejemplar dedicado a: Actas del IX coloquio sobre lenguas y culturas paleohispánicas (Barcelona, 20-24 de octubre de 2004)): 837–860, en 839–840. ISSN 1578-5386. 
  4. Moralejo, Juan José (2009). "Hidronimia prerromana de Gallaecia". En Kremer, Dieter. Onomástica Galega II: Onimia e onomástica prerromana e a situación lingüística do noroeste peninsular (Verba. Anuario galego de filoloxía. Anexo 64) (en castelán) II. Universidade de Santiago de Compostela. pp. 37–90, en 50. ISBN 978-84-9887-141-8. 
  5. Acta de Deslinde n.º 670 de Aranga e Curtis (1941).
  6. 6,0 6,1 Folla 46-IV titulada Guitiriz do ano 2001 do Mapa Topográfico Nacional de España a escala 1:25000.
  7. Monteoliva Díaz, Ángel L. (2013). "Aranga" (Mapa). Estrutura xeral e orgánica do territorio. 1:5000. Plan Xeral de Ordenación Municipal. Concello de Aranga. Sección EX-17. 
  8. Monteoliva Díaz, Ángel L. (2013). "Aranga" (Mapa). Estrutura xeral e orgánica do territorio. 1:5000. Plan Xeral de Ordenación Municipal. Concello de Aranga. Sección EX-18.