Río Rubicón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Rubicón
Fiume rubicone by stefano Bolognini.JPG
PaísItalia
NacementoStrigara
Lonxitude29 km
DesembocaduraMar Adriático
LocationRubicon.PNG
Curso do Rubicón en mapa

O Rubicón ( en italiano Rubicone, en latín Rubico) é un riacho de réxime torrencial que corre pola Italia setentrional, e que desauga no mar Adriático, logo dun curso de algo máis de 29 km.

Percorrido[editar | editar a fonte]

Nace nos Apeninos, en Strigara, nas proximidades de Forli, flúe pola provincia de Forlì-Cesena (rexión de Emilia-Romaña). Na altura de Savignano sul Rubicone é atravesado pola via Emilia. Desemboca no mar Adriático, logo de case 30 km de percorrido.

Nome[editar | editar a fonte]

Parece que o seu nome deriva da cor das augas que, ao atravesaren territorio arxiloso, collen un ton arroibado.

Historia[editar | editar a fonte]

O río tivo importancia porque a lei romana prohibía a calquera xeneral cruzalo cun exército. Era considerado o límite entre a provincia romana da Galia Cisalpina (Gallia Cisalpina) e a Umbría e, en consecuencia, a fronteira setentrional de Italia. Coa prohibición, a lei tentaba protexer a república romana dunha ameaza militar interna.

Ao estalar a inimizade entre Caio Xulio César e Cneo Pompeio Magno por mor do cesamento polo senado do primeiro como cónsul, Xulio César, que tiña o control da Galia Cisalpina, proponse regresar a Roma para defender os seus dereitos. O 10 de xaneiro do 49 a. C., cruzou o Rubicón canda o seu exército, o que supoñía quebrantar a lei. Na beira das augas César meditou se atravesaría o leito do río e marcharía sobre Rímini, segundo relatan Suetonio, Plutarco e máis Lucano.

"Cruzar o Rubicón" tornouse un modo proverbial de dicir que se comeza algo novo e difícil, e que se rompe co pasado (sen volta atrás). Segundo Suetonio, Xulio César pronunciou a frase "a sorte está botada!", en latín alea jacta est!, que se adoita usar no idioma orixinal, para significar o mesmo. Suetonio tamén describiu a indecisión de César consonte se achegaba ao río, que o autor atribúe ao feito dunha aparición sobrenatural.

Confusións[editar | editar a fonte]

Existen dúbidas sobre a identificación do Rubicón actual e o antigo. As principais tendencias tenden a identificalo con outro rego próximo, denominado hoxe Pisciatello. Ambos os dous ríos nacen no mesmo monte, descenden por vales paralelos e unen ao final os seus cursos, en Gatteo-Mare, pouco antes de desembocar no mar.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]