Río Isar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Isar
PaísAustria, Alemaña
NacementoKarwendel
Lonxitude295 km
Conca8.370 km²
Caudal medio312 m³/s
DesembocaduraRío Danubio
Isar preto de Garmisch

O Isar é un río, afluente do Danubio, pola súa man dereita, con 295 km de percurso, na súa maior parte por Alemaña, salvo no curso superior, por Austria. Pola súa lonxitude é o cuarto dos ríos bávaros.[1][2][3]

Percorrido[editar | editar a fonte]

Isar por Múnic.

O Isar nace en Karwendel, na rexión do Tirol, Austria, para marcar logo a fronteira entre ese país e a Alemaña, en Scharnitz e Mittenwald. Entra logo en Baviera, onde atravesa as cidades de Bad Tölz, Múnic (München), Freising, Moosburg, Landshut, Dingolfing, Landau an der Isar e Plattling, para desaugar en fronte de Deggendorf, no Danubio, a 312 msnm. O desnivel do río atinxe así arredor de 848 m.

É un típico río con curso alto de vales encaixados entre montañas, e un curso medio e inferior no que as augas corren máis tranquilas entre amplos vales e chairas. Logo de abandonar os Alpes Bávaros en Bad Tölz, o Isar flúe en medio dunha paisaxe de morenas glaciares, antes de abrir o val de Múnic. Prosegue desde Freising entre outeiros do terciario cara ao val do Danubio.

A súa conca abrangue un total de 8370 km².

Illas[editar | editar a fonte]

A maioría das pequenas illas e bancos de area mudan de aspecto e tamaño segundo os fluxos anuais. Algunhas das illas xunto as maiores cidades foron creadas artificialmente durante o século XIX, para protexeren as marxes urbanas contra o poder abrasivo das augas. Entre elas cómpre salientar a Museuminsel (Illa do Museo), onde se localiza o Deutsches Museum (Museo Alemán) de Múnic, anteriormente denominada Kohleninsel (Illa do Carbón); a Praterinsel, tamén en Múnic, e a Mühleninsel (Illa do Muíño) en Landshut.

Afluentes[editar | editar a fonte]

Ten varios importantes afluentes, especialmente pola esquerda, dos que cómpre citar:

O río na arte[editar | editar a fonte]

A máis antiga representación do Isar aparece un motivo relixioso. Un descoñecido autor pintou un "Martirio do Apóstolo Santiago", na igrexa, so advocación dese santo, en Lenggries; a Xerusalén que plasmou estaba imaxinada ás beiras do Isar. Durante o século os artistas da denominada "Escola de Múnic", como Wilhelm Scheuchzer, Joseph Wenglein e Wilhelm von Kobel, esciolleron o río como motivo das súas pinturas realísticas.

O río e os xerarcas nazis[editar | editar a fonte]

Ante a sospeita de que unha vez xulgados e condenados a morte nos Xuízos de Nuremberg o 16 de outubro do 1946 as tumbas dos dez axustizados, Von Ribbentrop, Keitel, Jodl, Rosenberg, Frick, Seyss-Inquart, Sauckel, Kaltenbrunner, Frank e Streicher) e máis Göring que lograra suicidarse na xornada previa ao seu axustizamento, puideran converterse en lugares de culto para nostálxicos do réxime decidiuse que serían incinerados e as súas cinzas deitadas no río Isar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Renaturierung der Isarufer bei Landau - Wasserwirtschaftsamt Landshut". web.archive.org. 2017-07-06. Archived from the original on 06 de xullo de 2017. Consultado o 2019-02-06. 
  2. https://www.lfu.bayern.de/wasser/gewaesserverzeichnisse/doc/tab16.pdf#page=1
  3. "Wayback Machine". web.archive.org. 2014-12-20. Archived from the original on 20 de decembro de 2014. Consultado o 2019-02-06. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]