Río Bogotá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Bogotá
RioBogotaBriceño.JPG
O río Bogotá ó seu paso por Tocancipá, a poucos quilómetros do seu nacemento.
PaísColombia
NacementoPáramo de Guacheneque
Lonxitude380km
Conca6.000 km2
Caudal medio27 m3/s
DesembocaduraRío Magdalena

O río Bogotá é un dos ríos máis importantes do departamento de Cundinamarca e da cidade de Bogotá, no centro de Colombia. É a principal canle fluvial da sabana de Bogotá. Non é navegable nin caudaloso. Desemboca no Magdalena, que chega até o mar Caribe. Na súa conca viven unhas 9.000.000 de persoas, dos cales 8.500.000 viven en Bogotá. Ten unha lonxitude aproximada de 380 km. Presenta altísimos niveis de contaminación. Aínda que está contaminado dende moi preto do seu nacemento, o groso dos tóxicos e refugallos industriais e urbanos débellos a Bogotá. Dende hai varias décadas desenvolvéronse proxectos e iniciativas para descontaminalo.

Tramos[editar | editar a fonte]

Polas súas características físicas, pero tamén polos seus diferentes niveis de contaminación, adóitase dividir o percorrido do Bogotá no seguintes tres partes:

Conca Alta[editar | editar a fonte]

O río Bogotá nace no páramo de Guacheneque nas proximidades do municipio de Villapinzón ó norte de Cundinamarca a unha altura de 3.300 msnm, percorre a provincia de Almeidas e a sabana de Bogotá de norte a sur bañando coa súa auga os concellos de Cundinamarca e localidades de Bogotá: Villapinzón, Chocontá, Suesca, Sesquilé, Tominé, Gachancipá, Zipaquirá, Tocancipá, Cajicá, Chía, Cota, Suba, Engativá, Fontibón, Kennedy, Bosa, Funza, Mosquera e Soacha. Na conca alta o río ten un caudal medio de 10 m³/s.

Conca Media[editar | editar a fonte]

Na cidade de Bogotá recibe as augas dos ríos Salitre e o Fucha, así como a maior parte dos refugallos líquidos contaminantes (22 m³/s) e algúns refugallos sólidos que o converten nunha canle de augas negras moi contaminadas. Un dos seus principais afluentes é o río Tunjuelo, que nace no Páramo de Sumapaz na lagoa dos Tunjos, logo de fornecer coas súas augas os encoros de Chisacá e La Regadera desemboca no Bogotá.

Nas inmediacións das localidades de Engativá, e Bosa e o concello de Soacha recibe ademais as augas de diferentes fábricas. A auga do río úsase para a rega no distrito La Ramada abaixo da cidade de Bogotá.

Conca Baixa[editar | editar a fonte]

Na metade do seu percorrido o río abandona a sabana de Bogotá, deixa atrás o seu caudal apracible e precipítase formando o encoro do Muña, no poboado de Chusacá no concello de Soacha, e despois ó salto do Tequendama, tamén en Soacha. Neste sitio, o río empeza o seu torrentoso descenso entre encañonados vales en busca do río Magdalena pasando polos concellos de San Antonio del Tequendama, Tena, La Mesa, El Colegio, Anapoima, Apulo, Tocaima, Agua de Dios e Ricaurte.

Desemboca a 280 msnm no río Magdalena, no concello de Girardot, tras descender 3.020 metros.