Ría Formosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 36°59′00″N 7°55′00″O / 36.98333, -7.91667

Vista da ría Formosa

A ría Formosa é unha lagoa litoral situada na rexión do Algarve, Portugal. Comprende un sistema de illas de barreira e comunica co mar a través de seis enseadas. Cinco destas enseadas son naturais e teñen características móbiles. A sexta é unha enseada artificial que foi aberta co propósito de permitir un acceso máis fácil ao porto de Faro.[1]

Esténdese polos concellos de Loulé, Faro, Olhão, Tavira e Vila Real de Santo António, ocupando unha superficie dunhas 18 400 hectáreas ao longo de 60 km desde a praia de Ancão até a praia de Manta Rota.

Está considerado como un dos parques máis fermosos do Algarve, tendo unha importante función e un fermoso hábitat. Trátase dun espazo protexido coa consideración de Parque Natural, outorgada polo Decreto-lei 373/87, do 9 de decembro de 1987.

Anteriormente, a ría Formosa tiña a condición de Reserva Natural, constituída en 1978.

É unha zona húmida protexida que está catalogada como sitio Ramsar.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Decreto nº 45/78, de 2 de Maio". Diário da República. 1978. Consultado o 10 de novembro de 2021. 
  2. Ramsar Sites Information Service (1992). "Ria Formosa". Consultado o 12 de novembro de 2021.