Quimiotipo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Quimiovar»)

Un quimiotipo (do inglés chemotype), ás veces chamado quimiovar (chemovar) é unha entidade quimicamente distinta nunha planta ou microorganismo, con diferenzas na composición de metabolitos secundarios. Cambios menores de tipo xenético e epixenético con pouco ou ningún efecto sobre a morfoloxía ou anatomía poden, porén, producir grandes cambios no fenotipo químico. Os quimiotipos defínense a miúdo polo produto químico máis abondoso producido por ese individuo e o concepto foi útil para os traballos en ecoloxía química e química de produtos naturais. Con respecto á bioloxía das plantas, o termo "quimiotipo" foi acuñado polo Dr. Rolf Santesson e o seu fillo Johan en 1968, definido como: "...partes quimicamente caracterizadas dunha poboación de individuos morfoloxicamente indistinguibles."[1]

En microbioloxía na edición de 1990 do Código Internacional de Nomenclatura de Bacterias (ICNB) prefírese o termo "quimioforma" ou "quimiovar", o primeiro referido á constitución química dun organismo e o último co significado de "produción ou cantidade de produción dun composto quimico determinado." Os termos co sufixo -tipo non se recomendan para evitar posibles confusións con espécime tipo.[2] Os termos quimiotipo e quimiovar foron introducidos orixinalmente no ICNB nunha proposta de revisión dunha das regras de nomenclatura que trataba das subdivisións taxonómicas infrasubespecíficas na xuntanza de 1962 do Congreso Microbiolóxico Internacional celebrada en Montreal, Canadá. Na proposta de cambio argumentábase que a regulación nomenclatural destas categorías taxonómicas, como serotipo e morfotipo, era necesario evitar a confusión. Na recomendación proposta 8a(7), solicitábase que "se dea autorización para o uso dos termos quimiovar e quimiotipo", definindo os termos como "usados para designar unha división infrasubespecífica para incluír formas infrasubespecíficas ou cepas caracterizadas pola produción dalgúns compostos químicos non producidos normalmente pola cepa tipo da especie." O cambio no Código foi aprobado en agosto de 1962 pola Comisión Xudicial do Comité Internacional de Nomenclatura Bacteriolóxica no VIII Congreso Microbiolóxico Internacional en Montreal.[3]

Un bo exemplo dunha planta con moitos quimiotipos polimórficos é Thymus vulgaris. Aínda que en boa medida indistinguibles en aparencia, os espécimes de T. vulgaris poden ser asignados a un dos seus sete quimiotipos, dependendo de se o compoñente dominante do seu aceite esencial é timol, carvacrol, linalool, xeraniol, sabineno hidrato (tuianol), α-terpineol, ou eucaliptol. Tales quimiotipos poden ser designados como Thymus vulgaris ct. timol ou Thymus vulgaris ct. xeraniol etc. Estas designacións non teñen categoría taxonómica.[1]

Como os quimiotipos se definen só polo metabolito secundario máis abundante, poden ter pouco significado práctico, xa que un grupo de organismos pode compartir o mesmo carácter. Os individuos dun quimiotipo poden ter perfís químicos moi diferentes, variando na abundancia do tipo do seguinte composto químico máis abundante. Isto significa que dous individuos do mesmo quimiotipo poderían ter diferentes impactos sobre os herbívoros, os polinizadores ou a resistencia a pragas. Un estudo de Ken Keefover-Ring e colegas de 2008 advertía que: "...isto pode ser unha avaliación moi cualitativa dun perfil químico dun individuo, baixo a cal pode quedar agochada unha diversidade química significativa".[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Keefover-Ring K, Thompson JD, and Linhart YB. 2009. Beyond six scents: defining a seventh Thymus vulgaris chemotype new to southern France by ethanol extraction. Flavour and Fragrance Journal, 24(3): 117-122. doi:10.1002/ffj.1921
  2. Lapage SP, Sneath PHA, Lessel EF, et al., editors. 1992. Appendix 10B. Infrasubspecific Terms. International Code of Nomenclature of Bacteria: Bacteriological Code, 1990 Revision. Washington (DC): ASM Press; 1992.
  3. Clark WA, and Seeliger HPR. 1963. Detailed minutes concerning actions taken in the emendation of the International Code of Nomenclature of Bacteria and Viruses during the meetings of the Judicial Commission of the International Committee of Bacteriological Nomenclature at the VIII International Microbiological Congress in Montreal August, 1962. International Bulletin of Bacteriological Nomenclature and Taxonomy, 13(1): 1-22.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]