QDOS

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
QDOS
86-DOS logo.svg
86-DOS running assembler and HEX2BIN (screenshot).png
DesenvolvedorSeattle Computer Products/ Tim Paterson
Familia de S.O.DOS
Interface de usuarioLiña de comandos
Modelo de desenvolvementoCódigo pechado
Tipo de núcleoMonolítico
LicenzaPropietario
Última versión estable86-DOS v1.14 Xullo de 1981
Estado actualHistórico

O QDOS (siglas en inglés de "Quick and Dirty Operating System") é o que se traduce en galego como "Sistema Operativo Rápido e Sucio". Escrito e comercializado por Tim Paterson, era un sistema de 16 bits que pertencía á compañía estadounidense Seattle Computer Products. Estaba baseado no Control Program/Monitor (CP/M) de Gary Kildall para o seu kit de computador, que á súa vez se baseaba no procesador Intel 8086. O QDOS tiña unha estrutura de comandos e unha interface de programación de aplicacións que imitaba ao sistema operativo CP/M, propiedade de Digital Research, o que facilitou a portabilidade de programas desde este último. Paterson comprou un manual de CP/M e programou o seu sistema operativo, tomando CP/M como base, nun mes e medio. A empresa comercializouno logo baixo o nome de 86-DOS.

O devandito sistema operativo sería adquirido despois por Bill Gates para Microsoft por 50 000 dólares e chegaría a ser a base do seu imperio. Foi coñecido como PC-DOS para os produtos de IBM, nos que viña preinstalado. Con todo, sería MS-DOS o nome máis popular co que se coñecería en todo o mundo.

Orixes[editar | editar a fonte]

QDOS foi creado porque as vendas do kit para computadores 8086 de Seattle Computer Products (SCP), presentado en xuño de 1979 e distribuído en novembro, foron decaendo debido á ausencia dun sistema operativo. O único software que SCP podía vender coa placa era o autónomo Microsoft BASIC-86, que Microsoft desenvolvera nun prototipo do hardware de SCP. SCP quería ofrecer a versión de CP/M para 8086 que Digital Research (DRI) anunciara, pero a súa data de lanzamento era incerta. Esta non era a primeira vez que DRI se atrasara máis que o desenvolvemento do hardware; dous anos antes atrasouse en adaptar CP/M para os novos formatos de disquetes e discos duros. En abril de 1980 SCP asignou, aos seus 22 anos, a Tim Paterson para desenvolver QDOS como un substituto para CP/M-86.

Tarxeta de empresa de Seattle Computer Products.

Paterson deseñou QDOS coa mesma API interna e a maioría dos comandos de usuario de CP/M. Non reproduciu o sistema de ficheiros de CP/M, senón que utilizou o sistema de ficheiros FAT soportado por algunhas versións de Microsoft BASIC. Paterson elixiu non manter a información do sistema de ficheiros en memoria (caché) senón actualizala no disco con cada operación. Aínda que esta opción era máis lenta, este enfoque evitou a necesidade de forzar unha actualización a un disco antes de quitalo. Paterson tamén introduciu un conxunto de comandos máis parecidos ao inglés, tales como a utilidade "COPY", en lugar de PIP, que é máis xeral, pero menos intuitivo.

Interese de IBM[editar | editar a fonte]

A finais de 1980, IBM estaba a desenvolver o que acabaría sendo o IBM PC. CP/M era o sistema operativo máis popular da época e IBM creuno necesario para ter un sistema competitivo. Representantes de IBM visitaron Digital Research e discutiron os termos da licenza con Dorothy McEwen Kildall, representante de licenzas de Digital, quen dubidou en asinar o contrato de IBM pois contiña unha cláusula de non divulgación. Aínda que finalmente aceptaron a cláusula, Digital rexeitou a proposta de IBM que ofrecía pagarlle 250 000 dólares a cambio da autorización para vender todas as copias que fosen necesarias, insistindo no modelo de retribución baseada en regalías por copia.[1] En conversacións posteriores entre IBM e Bill Gates, este mencionou a existencia de QDOS e o representante de IBM, Jack Sams, pediulle que conseguise unha licenza para este sistema operativo.

Creación de PC-DOS[editar | editar a fonte]

Microsoft comprou unha licenza non exclusiva para 86-DOS a Seattle Computer Products en decembro de 1980 por 25 000 dólares. En maio de 1981, contratouse a Tim Paterson para portar QDOS ao IBM-PC, que utilizaba o procesador Intel 8088 que era máis lento e menos custoso, e que tiña a súa propia familia específica de periféricos. IBM observou os progresos diariamente e presentou máis de 300 peticións de cambio antes de aceptar o produto e escribir o manual de usuario para el.

En xullo de 1981, un mes antes de que lanzasen o PC, Microsoft comprou todos os dereitos de 86-DOS de SCP por 50 000 dólares. Isto cumpriu os criterios principais de IBM: Parecía CP/M e era fácil adaptar os programas de 8 bits existentes de CP/M para funcionar baixo este, sobre todo grazas ao comando TRANS de QDOS, que permitía traducir código fonte do Intel 8080 á linguaxe de máquina do 8086.

Microsoft licenciou QDOS a IBM, e converteuse en PC-DOS 1.0. Esta licenza tamén permitiu que Microsoft vendese o DOS a outras compañías, o cal fixo. O acordo foi espectacularmente exitoso, e SCP demandou posteriormente nos xulgados que Microsoft encubrira a súa relación con IBM para comprar o sistema operativo barato (mesmo aínda que Microsoft aínda estaba baixo os termos dun acordo de non revelación e o grao de éxito do PC non estaba previsto amplamente). SCP recibiu en última instancia un millón de dólares como acordo de pago.

Disputa de propiedade intelectual[editar | editar a fonte]

Pantalla de CP/M 2.2: lista de directorios e ficheiros.

Cando o fundador de DRI Gary Kildall examinou PC-DOS e atopou que duplicaba a interface de programación de CP/M, tentou demandar a IBM, que nese momento afirmou que PC-DOS era o seu propio produto. Con todo, o avogado de Digital Research non creu que a lei pertinente estivese o bastante clara como para realizar a demanda. Non obstante, Kildall enfrontouse a IBM e convenceunos de que ofrecesen CP/M-86 co PC a cambio dunha liberación de responsabilidades.

A controversia continuou por mor da similitude entre os dous sistemas. Quizais a afirmación máis sensacionalista vén de Jerry Pournelle, que dicía que Kildall demostroulle a el persoalmente que o DOS contiña código de CP/M (introducindo un comando no DOS este mostraba o nome de Kildall)[2]

Até o 2006 Pournelle non revelou o comando e ninguén seguiu adiante para corroborar a súa historia. Un libro do 2004 acerca de Kildall di que el utilizou unha mensaxe cifrada para demostrar que outros fabricantes copiaran o CP/M, pero non di que atopase a mensaxe no MS-DOS; en lugar diso, a súa memoria (unha fonte para o libro) sinalaba a similitude ben coñecida da interface.[3] Paterson insiste en que o software de QDOS era un traballo orixinal seu, e negou referirse ou usar doutra maneira o código de CP/M mentres o escribía.[4] Despois da publicación do libro no 2004, el demandou aos autores e editores por difamación.[5] O caso remóntase a unha demanda presentada por Paterson contra Evans en 2004, logo de que este último escribise no seu libro They made America (Eles construíron América) que o suposto inventor do DOS –quen logo o vendera a Bill Gates e lle servira de base para o seu sistema operativo Windows– en realidade tomara a idea do CP/M.[6]

Antes de 1982, cando IBM pediu que Microsoft lanzase unha versión do DOS que fose compatible cun disco duro, PC-DOS 2.0 era unha reescritura case completa do DOS, así que antes de marzo de 1983, xa quedaba moi pouco de QDOS. O elemento máis resistente de QDOS era o seu primitivo editor de liña de comandos, EDLIN, que seguía sendo o único editor proporcionado nas versións do DOS de Microsoft ata que en xuño de 1991 lanzouse a versión de MS-DOS 5.0, que incluía un editor a pantalla completa (coñecido como edit) baseado en QBasic.

No 2012, a revista IEEE Spectrum fixo probas que demostraron que QDOS non é unha copia de CP/M. Segundo a revista chegouse á conclusión de que eran sistemas diferentes e por tanto Microsoft non mentiu no que dixo no seu día.[7] Con todo, un tempo despois, a mesma revista mediante unha nota do seu editor recoñeceu que o autor foi contratado por Microsoft como asesor experto polo que había unha vinculación directa entre este e a empresa que podería influenciar o contido do seu artigo e as súas conclusións.[8]

Características técnicas[editar | editar a fonte]

Paterson deseñouno coa mesma interface de programación de aplicacións (API) e a maioría dos comandos de usuario do sistema CP/M. Modificou a forma de gravación dos disquetes utilizando unha memoria caché, o que aceleraba o uso pero obrigaba ao usuario a actualizar (desmontar) o disquete antes de retiralo, isto facíase mediante un comando específico. Modificou o nome do comando de copiado a Copy, máis intuitivo para o usuario, e incorporou os nomes dos dispositivos e os portos de comunicación ao sistema de ficheiros, desta maneira, podíase facer unha "copia" á impresora, ou á pantalla, facilitando ao usuario as súas tarefas. Esta característica mantívose no MS-DOS. O sistema era monotarefa, monousuario, e utilizaba o sistema de ficheiros FAT para manter a compatibilidade.

Versións de QDOS[editar | editar a fonte]

  • QDOS v0.1, agosto de 1980
  • 86-DOS v0.3, decembro de 1980
  • 86-DOS v1.0, abril de 1981

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Freiberger, Paul; Swaine, Michael (2000) [1984]. Fire in the Valley: The Making of the Personal Computer (en galego: Lume no Val: A creación do Ordenador Persoal) (2° edición ed.). Nueva York: McGraw-Hill. pp. páx. 332–333. ISBN 0-07-135892-7. 
  2. "this WEEK in TECH (en galego: Esta semana en tecnoloxía)" (Podcast). 16 de outubro de 2006. Consultado o 16-10-2006. 
  3. Evans, Harold; Buckland, Gail; Lefer, David (2004). They Made America (en galego: "Eles fixeron América"). Little, Brown e Co. ISBN 0-316-27766-5. 
  4. Paterson, Tim (3 de outubro de 1994). "The Origins of DOS (en galego: As orixes de DOS)" (PDF). Microprocessor Report. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de maio de 2012. Consultado o 15 de abril de 2007. 
  5. Associated Press (3 de febreiro de 2005). "Programmer sues author over role in Microsoft history (en galego: Programador demanda a escritor sobre o seu papel na historia de Microsoft)". USA Today. Consultado o 15 de abril de 2007. 
  6. Redacción de Noticiasdot.com (31 de xullo de 2007). "¿Y quien inventó el DOS?". Arquivado dende o orixinal o 07 de abril de 2014. Consultado o 22 de decembro de 2015. 
  7. genbeta.com (8 de agosto de 2012). "MS-DOS no es una copia de CP/M". 
  8. ieee.com (Posterior a agosto de 2012). "MS-DOS no es una copia de CP/M - Nota del Editor". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]